Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 6 de xullo de 2010

Lois Pereiro

por Fran Alonso, escritor, na Nosa Terra:
A mediados dos 90, cando eu andaba enleado en preparar a saída da colección de poesía ‘Ablativo Absoluto’, que procuraba un enfoque renovado para visibilizar as voces emerxentes, comenteille a Josito Pereiro que sería emblemático poder contar cun poemario do seu irmán Lois. As miñas palabras transmitían a empatía que o consello editorial de Ablativo Absoluto sentía pola poética de Poemas 1981/1991, o único libro que Pereiro publicara. E el encarnaba a transgresión, a ruptura, a marxinalidade, a vangarda, o malditismo, a periferia. O que eu non esperaba é que pouco despois me chamase o propio Lois ofrecéndome a súa Poesía última de amor e enfermidade. Se cadra vivía ese momento en que, como afirma Iago Martínez, esperta do malditismo e “se reconcilia coa súa condición de escritor”. Quería publicalo en Xerais. Para o lanzamento de ‘Ablativo Absoluto’ era unha noticia magnífica. Só puntualizou: “Antes de enviarcho, quero comentarllo a Paco Macías”. Paco fora o editor do seu único poemario. Unhas semanas máis tarde chamoume outra vez. “Mándoche xa o libro”, asegurou. Entón pregunteille se xa llo comentara a Macías. “Non”, dixo, “pero estou completamente decidido a publicalo en Xerais”. “En calquera caso, coméntallo”, insistinlle sabendo que corría o risco de que o libro fuxise das miñas mans. E iso foi o que sucedeu. E, malia todo, ao final alegreime de que sucedese, porque a saída de ‘Ablativo Absoluto’ atrasouse ata despois da súa morte e, coa publicación en Positivas, o libro chegou ás súas mans.
Morto ao 37 anos, Pereiro encarna un creador radical, capaz de tensionar a súa obra, obxecto de culto, vitalmente maldito, que enlaza con Manuel Antonio.
A decisión da Academia é un pleno ao 15.

Ningún comentario:

Publicar un comentario