Teño na miña mente un debate estes días, entre o que me gustaría que fose unha realidade, e a coherencia ideolóxica dese pensamento.
Miren, con sinceridade considero que a institución do Senado do Estado é absolutamente innecesaria na súa concepción actual, pola súa evidente inutilidade e falla de practicidade, aínda que non tanto dende un punto de vista constitucional, como cámara de representación interterritorial. Se o gran problema para admitir a utilización do galego na chamada “cámara alta” é o custe financieiro, entón é cando empezan a aflorar no debate matices.
Sen ir máis lonxe, penso que é moito máis necesaria a promoción do galego, artellando unha rede similar ao Instituto Cervantes, aínda que proporcional, co galego no exterior, especialmente naqueles países nos que maior concentración de emigrantes temos, e que os seus descendentes por non estar en contacto directo coa Galicia dos seus pais, poden correlo risco de perdela posibilidade de coñecer e utilizar a súa lingua nai. Sempre será unha medida moito máis interesante que gastar 600.000 euros en que unha aeronave leve o nome “Galicia”, ou nin lles conto sobre a absoluta dilapidación da cifra de un millón de euros, na campaña explicativa do chamado “decreto do galego”. Se algúns buscan unha austeridade necesaria para o conxunto das políticas económicas, o que teñen que facer é ter claro o que é loxicamente prioritario, e o que non.
Por iso non teño claro a necesidade de incorporar no Senado o servizo de tradución ao galego, euskera, catalán e valençiá, nunha cámara na que todos se entenden no idioma castelán situada xeograficamente na capital do Estado, aínda que recoñezo que é perfectamente discutible esta tese. Se eu son dos que non tolera que no Parlamento galego, algúns deputados utilicen o castelán de xeito provocador, máis que por unha suposta liberdade pola cooficialidade dos dous idiomas, non sei ata que punto é coherente esixir a posibilidade da utilización do galego en unha institución situada en Madrid. En cambio, si considero necesario a posibilidade de utilización no Parlamento europeo do galego, xa que nesta asemblea non existe un entendemento idiomático común como si sucede no Senado, porque estarán de acordo vostedes comigo, que sería curioso ver a Iñaki Anasagasti utilizando o servicio de traducción castelán-euskera ao non dominar esta lingua, coño recoñeceu nunha recente entrevista.
Pero o que é, dende un punto de vista de estatutario, unha obriga, é a promoción da lingua galega nas distintas institucións. De aí que teña no meu interior un debate entre o que considero lóxico e racional, e o que me gustaría, que non é outra cousa que a liberdade de utilización do galego no Senado, de xeito ideoloxicamente egoísta. De forma que quero deixar aberto o debate para o lector sobre este artigo, considerando necesaria a desaparición do Senado por custoso e inútil, e non necesariamente por ese orde; e afirmando que o PSOE trata de abrir un debate para desviar atencións sobre problemas actualmente máis graves, convertendo en oportunista o que non debería ser. Pero o certo é que incoherentemente o que me gusta é a posibilidade de utilizar o galego tamén naquelas terras, e que me fai lembrar cando sendo cativo meu pai dábame a paga que me correspondía, e despois chegaba a madriña co agasallo “extra” de vinte pesos máis por detrás...
Ou non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario