Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 2 de xullo de 2010
BILINGÜISMO ADITIVO versus BILINGÜISMO SUBSTRACTIVO
Nova Escola Galega vén de publicar un novo número, o 47, da súa Revista Galega de Educación que adican á música tradicional. Aquí destacamos o editorial, que ten como título o que vedes aquí arriba, cun versus dos que a min me gustan tanto. O subtítulo é Esta é a cuestión (That is the question) .Velaí o tendes:
Estabamos nun proceso lento de normalización, isto é, de afirmación dalgúns piares para a sustentabilidade da lingua galega, como lingua propia de Galicia, á beira do castelán, nun contexto de moi graves ameazas para a súa continuidade como instrumento clave na nosa vertebración social e cultural.
Estabamos nun proceso lento e indeciso, pero absolutamente necesario, de lexitimación social da necesidade de recuperar falantes en galego, porque o galego é un extraordinario patrimonio noso que, ao estar en perigo, precisa de apoios públicos, de promoción, e tamén de políticas de discriminación positiva, como garantía de supervivencia non acurralada; pois, o galego non é “a reserva mapuche” que hai que protexer.
E aí encaixaban as experiencias, ben pequenas aínda, de inmersión. Sabe o Secretario Xeral de Política Lingüística da necesidade destas políticas, de como se aplican en distintas realidades internacionais e dos resultados avaliados; como tamén debe saber o que sucede caso contrario.
E en sabéndoo, hai un deber de pedagoxía política que hai que exercitar, para non facer da “política” e do goberno un basto exercicio.
Porén, todo isto é o que queren derruír o PP, o Conselleiro de Educación (?), e tamén o Secretario Xeral, Anxo Lorenzo, á vista dos “xestos” que veñen facendo baixo o paraugas do Presidente Feixó (que ben se entende do outro lado do Minho “feijoada”). Abriron unha operación de deslexitimación da reivindicación dun futuro protagonista, integrador e dialogante, para a lingua galega. Unha mostra disto, entre tantas, é a fuxida do uso do concepto de normalización, que é de lei e clave. De pouco poderán servir medidas e programas menores que van repartindo diñeiros para a promoción do galego, se se “desautoriza” e baleira de contido a consideración de que o galego está en serio perigo de supervivencia, e que por iso debemos emprender medidas para deter a caída e recuperar o crecemento.
Porque disto se trata. Porque se trata de responder unha pregunta básica: que queremos facer do galego. Como gobernantes impóñense deberes derivados do ordenamento xurídico; como educadores, con conciencia profesional e con fundamentos éticos da nosa acción, igualmente se impoñen deberes, recollidos na consideración do que debe ser a actuación como “funcionarios públicos”, que poden entrar en colisión cos ditados burocrático-“legais” dos que gobernan.
Din o Conselleiro e o Secretario Xeral: “xa saben os seus deberes como funcionarios”, ante o risco de “desobediencia” ao “equilibrio” e ás maiorías simples (un voto máis dun pai ou nai que poden facer avalar o “proceder didáctico”). Extremen a atención os gobernantes.
O pasado 13 de marzo foi presentada a proposta de Decreto, que volveu recoller numerosos rexeitamentos sociais, así como informes e ditames negativos (do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Consello Escolar de Galicia, e do Consello Consultivo de Galicia), para finalmente á beira do pasado Día das Letras Galegas -que coñeceu outra extraordinaria manifestación cívica en Compostela- converter tal proposta, con algunhas rectificacións, en Decreto que quere ser de obrigado cumprimento legal.
Parten desde a Xunta de “retóricas”, desmentidas polos datos: o chamado “bilingüismo cordial”, a existencia de imposicións galeguistas, a inexistencia de desigualdade entre as dúas linguas, a incorrección da inmersión, “que non é querida” (boa para aprender inglés), ou o suposto dereito das familias a mexer nos currículos e nas linguas de ensino. Ademais, veñen facendo usos conscientemente imprecisos e ambiguos da linguaxe –lavan as mans-, que inclúen a cuestión da liberdade lingüística e sucesivos intentos de rebentar os ditados legais a beneficio dun bilingüismo substractivo, que seguirá minguando o peso social do galego.
Seguímolo dicindo: cómpre reconstruír un preciso consenso político sobre a lingua galega, tendo presente a lexislación, o desenvolvemento xurisprudencial, a Carta Europea das Linguas, o que dixeron o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, e as responsabilidades colectivas que temos para a súa conservación e desenvolvemento. Hai, non o esquezamos, un Plan que se consensuou en 2004. Por acaso, o PP gobernante non sabía o que asinaba?; aínda así, nada se debería opor a unha revisión, para conseguir un renovado Pacto –que non son as catro “xeneralidades” expresadas por Feixó, inevitable materia legal-. Falamos dun consenso institucional e social necesario (porque hai que saír do “círculo vicioso”, como escribiu Henrique Monteagudo), porque a densa problemática da lingua e da súa normalización precisa
da intelixencia de todos. Desde esta Revista e desde Nova Escola Galega é o que pedimos.
Etiquetas:
decreto,
Nova Escola Galega,
Opinión
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario