Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 13 de maio de 2010

Un agasallo para o galego

por María Tareixa Paz Franco, en Terra e Tempo
A Xunta de Galiza e o Partido Popular non paran nos seus ataques á lingua  galega. Desta volta aféctalles ás bibliotecas escolares ás que se lles suprime a obriga de adquirir un mínimo de libros en lingua galega.

O goberno de Núñez Feixóo ten utilizado o tempo do seu mandato e as competencias propias do país para de(s)construír a nosa nación. Estase empregando a fondo no seu ataque aos sinais que nos identifican como nación, e con maior intensidade e ferocidade contra o de maior simbólico: a nosa lingua.

Este goberno ten lanzado a maior ofensiva, logo da "doma e castración" dos reis de Castela e da "longa noite de pedra" da ditadura franquista cuxa alongada sombra está abrollando  hoxe en día, contra a lingua galega. Encetou coa súa expulsión das administracións públicas ao eliminar a súa obrigatoriedade nas probas de acceso e pretenden pórlle o ramo excluír o galego das escolas, impedir que as nenas e os nenos teñan contacto coa nosa lingua desde o inicio da súa escolarización converténdoa polo tanto nunha lingua allea ao mesmo nivel que o inglés ou calquera outra.

No mesmo día en que os medios de comunicación aparece a nova de que o informe do Consello Consultivo de Galiza lle pon reparos legais ao 80% do texto do chamado decreto do plurilingüismo,  a menos dunha semana do día das Letras Galegas e da cuarta mobilización histórica en defensa da lingua galega en tan só un ano, cando seguen aparecendo centros escolares nos que por falta de recursos os nenos e as nenas xantan bocadillos, ven o Conselleiro de Educación a comparecer no Parlamento a petición propia para falarnos  do seu novo plano de Bibliotecas Escolares.

Que ninguén entenda que minimizo a importancia da temática nin a súa utilidade para o sistema educativo mais o que si é unha banalidade é, que coa situación do noso sistema educativo e coa conflitividade que este Goberno  ten xerado en relación coa nosa lingua propia, que o Conselleiro faga unha intervención na que o único que anuncia é o enésimo plano. Desta vez un plano para a mellora das Biblioteca escolares 2010-2105. Outro plano  que só é unha nomenclatura, sen obxectivos concretos, sen cronograma e sobre todo sen recursos orzamentarios asignados.

Mais  a realidade sempre nos depara sorpresas e sobresaltos. Deste debate que prometía ser anodino e desvinculado da realidade e da problemática social  xeradas por esta Consellaría apareceu o gran complexo deste goberno: o plurilingüismo. Un plan de bibliotecas para o  ensino do futuro e para o plurilingüismo.

De súpeto, do debate xurdiu cal monstro do Lago Ness  a orde do día 7 de maior pola que se establecen as bases para as bibliotecas escolares. Nesta orde, con dez días de adianto, aparece o agasallo do goberno acomplexado de Feixóo para o libro e a lingua galega.

Agasallo envelenado. Nunha orde que en anos anteriores  establecía a condición de que as bibliotecas escolares adquirisen o  50% de libros en galego, na deste ano substitúese ese apartado pola obriga de promover "a multiculturalidade e recoller as linguas que teñan presenza no centro".

Eis o agasallo para a nosa lingua e a nosa cultura deste goberno do galeguismo cordial. 

Afortunadamente somos moitas e moitos os galegos conscientes da nosa existencia e da importancia dos símbolos e dos sinais de identidade que nos configuran como pobo, os que nos temos erguido contra o noso exterminio cultural e nacional e que o seguiremos facendo para impedir o lingüicidio do galego.

Seremos moitas e moitos os que o día 17 de maio acudiremos a Compostela  para erguer a nosa voz galega, en galego e polo futuro da lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario