Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 31 de maio de 2024

Ramón Lorenzo: esa lei en contra do galego é espantosa


Entrevista de Yolanda Castaño a Ramón Lorenzo, dentro dunha serie de entrevistas a membros da RAG.
Ramón Lorenzo lembra o capítulo de cando se permitira examinar de catalán e o vasco na selectividade pero non de galego. Solicitoulle ao rector a introdución da lingua galega na selectividade pero este respondeulle que: "si aún fuese el inglés! Pero el gallego...". Daquela Ramón Lorenzo dirixiuse ao profesorado de secundaria, que tamén se posicionou en contra. Finalmente presionou ao conselleiro de educación do momento ameazando con armar un escándalo se continuaba prohibíndose o exame de lingua na selectividade.
"Se nós tivésemos un goberno que defendese que a lingua de Galicia é o galego,  ... co que estudásemos castelán como lingua secundaria,, pero non como primaria... pero a política lingüística que levaron estes gobernos foi apoio ao castelán e en contra do galego" (min 22:07)

Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Lorenzo é un dos maiores especialistas no galego medieval e as súas transformacións ao longo da historia deica se converter nunha lingua de seu. As súas obras 'Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla', 'Crónica Troiana' e 'Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices' contribuíron a iluminar e comprender a situación do galego na Idade Media e as súas diferentes etapas evolutivas. Participou, así mesmo, na creación e promoción de entidades clave na consolidación do galego moderno, nomeadamente o Instituto da Lingua Galega (ILG-USC).

xoves, 30 de maio de 2024

Alonso Montero: "se non hai un goberno comprometido co galego, continuará a redución de falantes"

Con esta, Yolanda Castaño comeza unha serie de entrevistas a membros da RAG. Aquí temos como protagonista a Alonso Montero, quen afirma que "se dentro duns anos non goberna Galicia xente seriamente comprometida coa causa da lingua galega, continuará a redución dos falantes"


A vizosa produción científica e divulgativa do profesor Alonso Montero abrangue os estudos literarios sobre autores galegos e alófonos, a sociolingüística, a creación literaria ou a colaboración na prensa. Merecedor de numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa dilatada e polifacética carreira intelectual, é membro de número da Academia desde 1993 e foi o seu presidente entre 2013 e 2017.

A vida era un incendio

por Diego Ameixeiras en La Voz de Galicia:La Voz de Galicia:

 

Os pais tiñan un bar, privilexio que a F. lle permitía botar máis tempo na rúa. Gardo na memoria daqueles veráns a faciana encarnada de oito ou dez rapaces do meu barrio. A lingua habitual era o castelán, pero as comunicacións futboleiras executábanse nun crioulo con apelacións á concordia que nunca cumpriamos: «No vale furar ni meter sachadas». Así a todo, F. defendíase nun galego perfecto. Un ourensao de feituras opulentas, herdadas dunha nai que dirixía o bar co carácter de Joan Crawford en Johnny Guitar. Para min, que hoxe sigo sendo un ignorante en sociolingüística, F. era unha forza da natureza: un corpo infantil, miudiño e nervioso, capaz de aloxar a fala ancestral de todos os vellos da contorna de Ourense. Escoitei na radio unha entrevista institucional polo Día das Letras. Unha voz dicía que o sistema educativo garante un perfecto coñecemento da lingua galega, polo que a continua perda de falantes debe imputarse á responsabilidade dos máis novos, que non o usan para socializarse. Ten que ser duro gobernar Galicia: creas un Shangri-La lingüístico e uns adolescentes con ronchas encárganse de dinamitarcho. Outros preferimos tarefas máis agradecidas, como evocar a F. e abrigarnos coa calor da ficción. Ensínanos Manuel Vicent que a memoria debe podrecer para xermolar en literatura, do mesmo xeito que podrece unha semente. Na miña memoria está F. A semente que deixou F. A literatura que lle debo a F. Os rebumbios con F. Podo velo agora rifándome pola miña nulidade no xogo, despois de embarcarlle a pelota nun silveiro. Ou enfrontado aos adultos, arriscándose a recibir uns azoutes, cando consideraba que estaban eludindo as súas responsabilidades e frustrando as euforias do noso mundo infantil. Acudía a unha fórmula para estes casos. Antes de saír correndo, espetáballes: «Que vos dean por onde enfían as agullas». Non sei que sería do meu amigo F. Non sei que lle pasa á memoria da infancia, que vibra dentro nós coma un eco onde sempre se pon o sol no mes de agosto. Sei, en cambio, que o idioma daquel rillote persiste, a pesar dos furos recibidos. «A lingua materna é iso que lle arde ás nosas nais na boca». Escoiteillo a Chus Pato, outra heroína auriense, e hoxe remato aquí. Remato dicindo que a nai de F. saía á porta do bar para chamar polo fillo cando o resto xa estabamos na casa. Eu asomábame á ventá. Nos beizos daquela señora desatábase un fabuloso incendio.

mércores, 29 de maio de 2024

Dous discursos


 por Manuel Bragado en Nós Diario:

Non fai falta ser sociolingüista para identificar que nos discursos do 17 de maio sobre o estado da lingua, o presidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Cultura utilizaron argumentos e linguaxe non verbal alternativos. Mentres Alfonso Rueda, moi serio e con escasa empatía, transformaba o Día das Letras Galegas no día das linguas cooficiais, alegando que "as linguas son para comunicar, non para provocar ningún conflito ou ningunha liorta", o conselleiro José López propoñía con certa empatía un gran pacto pola lingua, sen precisar detalles, mais que tivese en conta que "perdemos falantes e non acabamos de construír un proxecto para as novas xeracións", abrindo unha fenda de autocrítica e posibilidade de recuperación do acordo roto en 2009.

 

martes, 28 de maio de 2024

O galego morrerá de amor

 por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Imaxinan que o presidente Sánchez remate unha intervención institucional dicindo «que haiga buena salú pa tos ustedes»? Pois ese é o nivel que aceptamos para os usos públicos do galego: políticos que colocan os pronomes coma marcianos, locutores que non pronuncian sete vogais, rótulos sen acentos. Cada vez que un parlamentario di un «llo agradezco moito» —epítome do desastre— morre un miquiño.

 

sábado, 25 de maio de 2024

A lingua, viva


 por Marta Dacosta, en Nós Diario:

"Hoxe contemplamos este concepto como unha coartada ideolóxica empregada polos gobernos populares para frear ou, simplemente, para non favorecer o proceso de revitalización da lingua galega". Esta afirmación acompaña a análise da política lingüística realizada ao abeiro do bilingüismo harmónico. É un artigo de 2009: "A situación actual da lingua galega: unha ollada desde a sociolingüística e a política lingüística", que recolle tamén que o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004 "constitúe unha valiosa 'folla de ruta', que permitirá camiñar nunha dirección adecuada sexa cal sexa o goberno". Hoxe podemos dicir que, talvez por iso, cando os gobernos populares retornan á Xunta, desbotan o PXNL. O artigo fala de aspectos positivos, ampliación dos ámbitos, aumento das persoas que escriben e len en galego, incremento dos dereitos dos falantes (?); e aspectos negativos, problemas de uso entre a mocidade, mantemento dos prexuízos, perda de espazos... até fechar o artigo sinalando que hai elementos que "indican ben ás claras a fraxilidade dun proceso recuperador con serias limitacións".

Galego 365


editorial por Alberte Mera, en Nós Diario:

Despois de onte a maioría de xornais levaren a súa capa en galego polo 17 de maio, hoxe voltarán a aparecer en castelán. Sería lóxico nun país normal que a prensa empregase a lingua propia; porén, o 18 de maio de 2024 este xornal continúa a ser o único diario impreso en galego. Reducir a lingua galega a un día é levala a ritualismo. Pola contra, prestixiar o galego é facer xornalismo crítico e riguroso na lingua propia os 365 días do ano. Hoxe como onte e desde o número 1 de 2 de xaneiro de 2020, a razón de ser e de existir deste medio é servir aos intereses galegos e normalizar o idioma. Ofreceuse esta semana desde a Xunta un pacto en prol do galego. Que necesario sería un pacto que restitúa o idioma da Galiza como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino, levantado a prohibición de impartir materias como as matemáticas en galego. Pídeno milleiros de persoas que onte se mobilizaron en Compostela con Queremos Galego e reclamouno esta semana nunha entrevista concedida a este xornal a doutora en Matemáticas Elena Vázquez, que vén de recibir o Premio á Divulgación Científica da Real Academia Galega das Ciencias. Pasou o día de homenaxes institucionais a Luísa Villalta, mais a súa letra, sentimento, integridade e creación están vivas cando escribimos e falamos en galego. A letra de Luísa en nós sempre.

Lingua proscrita dun pobo proscrito

 


por Bieito Lobeira en Nós Diario:

No ensino non universitario prohibiron o estudo en galego das matemáticas, física, química e tecnoloxía. Eliminaron as garantías de uso do galego no ensino de crianzas entre 0-3 anos e suprimiron as galescolas. Na universidade máis "galeguizada" (a de Compostela) a Facultade de Medicina imparte en español 95,5% das súas materias. O restante 4,5% en galego: rango de lingua estranxeira (inglés, na área de humanidades da USC está en 12,5%).

venres, 24 de maio de 2024

Liberdade e política para o galego

 


por Marcos Maceiras, no Nós Diario:

En Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, libro da autoría de Elsa Quintas e miña, editado por Laiovento, que sairá do prelo proximamente, tentamos achegarnos a liberdade para o uso do noso idioma nos principais ámbitos da vida social, especialmente naqueles nos que existen compromisos adquiridos polo Estado ou acordos que alcanzaron todas as forzas políticas en Galiza. Advertimos, para comezar, que de xeito incompleto e parcial. A exclusión e as limitacións para o galego son tan amplas que nin teríamos espazo para entrar en todas elas. 

17 de maio


 por Marga Doval en Nós Diario:

Chega o día, queridísima LV, hoxe é o 17 de maio e celébrase a túa escrita en todo o país, nese país, coma tantos, de fronteiras elásticas, de alén fronteiras e ou de fronteiras aéreas. O 17 de maio de hoxe que se sinala coa túa palabra, desde a túa Cidade Alta percorre o espazo e vai no dicir da Galiza ciscada polo mundo, como se as luces da torre iluminasen cada arteria, cada golpe do corazón da comunidade da que formas parte, dese sermos Galiza ou nada. Un 17 de maio, que como cada ano, terá a facultade de ser tamén outro día, cando mellor conveña para que a tribo ao redor do teu nome te celebre, para ser semana ou mes das letras, punto sinalado para o Ano Luísa Villalta que rematará o 31 de decembro.

O cuco e a política lingüística


 Editorial do Nós Diario, por Xoán Costa: 

O 6 de marzo de 2004 morre Luísa Villalta. O cuco segue no cubil. En maio as Letras festexan Xaquín Lorenzo, etnógrafo, bon coñecedor do refraneiro. O cuco sae do cubil. O 21 de setembro dese ano o Parlamento galego aproba o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). O cuco xa marchara, mais seica o seu cantar soara falso, porque a falso soa ás veces. E quince veces cantou desde que a plana maior do PP, con Rueda á fronte, apoiou aquela manifestación de Compostela pedindo menos galego; e catorce desde que o DOG prohibiu as matemáticas en galego. O cumprimento do PXNL, que tampouco era ningún manifesto vangardista, fica aí, a escoitar cantar o cuco. E dixemos: “Quen do cuco fía, ou é moi burro ou cucar ansía”. Cucar, enganar, mofar, burlar, aparentar, que o mesmo significan. Até maio de 2024. O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude cuca no Parlamento: é momento de “iniciar xuntos un gran pacto pola lingua” di. Que cucada!!!

 

mércores, 22 de maio de 2024

A Coruña de Luísa Villalta


O alumnado de Expresión Artística de 4º da ESO do IES Antón Losada (A Estrada) elaborou un fermoso traballo sobre "A Coruña de Luísa Villalta" que aparece explicado neste vídeo. Non é unicamente un traballo da aula de plástica, é tamén unha denuncia da especulación, unha posta en valor da resistencia democrática fronte ás ditaduras. O mellor é ver o vídeo e ler estas palabras dos paneis de presentación do proxecto:

Retratamos a Luísa Villalta como un faro que nos ilumina coa súa persoal ollada a través dunha verbas que cantan á Coruña, ao que se perdeu co paso do tempo, coa especulación, co egosísmo... e que non soubemos ou non quixemos parar.
Trátase dunha escolma de 9 poemas vencellados a 9 "lugares" emblemáticos da cidade, 9 anacos que a constrúen.
Compartimos con vós a nosa visión particular de todos eles mediante a metáfora bordada e recortada en 9 anacos de velcro.
Analizamos o traballo das chamadas "arpilleristas chilenas", nais, irmás, viúvas... dos desaparecidos durante a ditadura de Pinochet. Mulleres que aparentemente se entretiñan e tentaban sobrelevar a dor bordando inxenuas e inocuas arpilleras con anacos de teas de cores. Mais acabaron converténdose nunha das principais fontes de información sobre o réxime que se tivo no estranxeiro.
Para máis información, consultar o blogue do ENDL do IES Antón Losada que ten moitas máis fotos da exposición.



 

O necesario


por Manuel Bragado en Nós Diario:
Coincide este dezasete de maio co vinte aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), un espazo de acordo sobre o fomento do emprego do galego, concretado en 445 medidas transversais, en cuxa redacción participaron un cento de profesionais e sociolingüistas, apoiado no Parlamento por todos grupos e diversas entidades socioeducativas, promovido polo secretario xeral de Política Lingüística o mestre Xesús Pablo González Moreiras. Un delampo de esperanza para o porvir da lingua nosa roto pola manifestación galegófoba do 8 de febreiro de 2008 (na que participou o actual presidente Alfonso Rueda) e esgazado polo decreto 79/2010 para o plurilingüismo de Feijoo, que provocou efectos paralizantes inmediatos no emprego do galego na Educación Infantil e nas matemáticas e outras materias científicas, abrindo dende entón unha quebra imparable de novos falantes escolares.

 

luns, 20 de maio de 2024

Mil primaveras máis


Por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

Por coñecida que fose, sempre emociona ler, e aínda moito máis escoitar, a apoloxía que en defensa de Galicia e da súa lingua fixo o escritor Álvaro Cunqueiro o 24 de abril de 1980 na histórica homenaxe que recibiu no hotel Samil de Vigo. Un texto oral, pronunciado de forma improvisada e emocionada, sen mediar apunte escrito ningún, concibido como manda do seu epitafio, que un ano despois se convertería en extraordinario legado ao futuro da lingua e patria galegas. Homenaxe que lembra moi ben o editor Bieito Ledo, entón xerente da editorial Galaxia, onde se argallou e presentou como iniciativa dun grupo de amigos, coincidindo coa aparición no catálogo da editora de Reconquista 1 do primeiro volume da obra en galego completa, o de poesía e teatro, e dun disco (elepé) con poemas do mindoniense recitados na voz de Xohana Torres e acompañamento da arpa de Emilio Cao. Iniciativas promovidas coa intención de subirlle o ánimo a don Álvaro, entón moi baixo, fose polas súas penalidades de saúde como pola aldraxe que o 28 de xaneiro moito o amolara, no acto de investidura como doutor honoris causa da Universidade de Santiago de Compostela, xunto a Camilo José Cela e o filólogo alemán Joseph M.Piel, tras unha protesta estudantil dirixida, sobre todo, contra o reitor José María Díaz Suárez Núñez.

 

domingo, 19 de maio de 2024

La Estrada

 



O da esquerda é o cartel que anuncia a edición 2024 da Festa do Salmón deste ano na Estrada. Para iso recuperaron o da primeira edición, da época da ditadura franquista. Este último, claro está, tiña que publicarse en castelán; o galego estaba prohibido. Agora a situación é distinta, pero non moito mellor. Nin o autor do cartel, nin os concelleiros responsables, nin o alcalde, ninguén ten a mínima sensibilidade para poñer en evidencia o que é evidente, que no cartel actual seguimos a ler "La Estrada". Non hai desculpa posible, só desprezo pola lingua dos estradenses e unha aposta por querer volver 50 anos atrás, en definitiva, unha homenaxe ao franquismo.

venres, 17 de maio de 2024

Luísa Villalta: a rebelión da palabra


'Luísa Villalta: a rebelión da palabra' é a serie documental web da Real Academia Galega sobre a autora á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2024. A proposta documental, dirixida por Damián Varela Pastrana e con guión de Alba López Álvarez, incorpora artistas do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas para achegar o público á esencia da autora.

O primeiro episodio traza o percorrido biográfico da poeta, narradora, ensaísta e articulista dende o seu nacemento na Coruña no ano 1957 ata o seu pasamento na mesma cidade no 2004. O resto dos capítulos (ata 6) poden verse nesta lista de reprodución.

A serie conta cos testemuños de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada; Rubén Anido e Manuel Pérez, alumnos de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada; autoras e autores que a coñeceron de preto e outras amizades e persoas que estudaron ou editaron parte da súa obra: Pilar Pallarés, Marga do Val, Ana Pillado, Xurxo Souto, Xosé Luís Martínez Pereiro, Estíbaliz Espinosa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Maribel Longueira, Francisco X. Fernández Naval, Armando Requeixo, Alexandrina Fernández Otero, Inma Otero, Pilar García Negro, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Susana Sanches Arins, Lorena Conde e Inés Salvado.

'Luísa Villalta, a rebelión da palabra' é unha produción da Real Academia Galega realizada por Miramemira co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

xoves, 16 de maio de 2024

Galego vivo, Galiza viva

 


por Mª Xosé Bravo, presidenta da AC Alexandre Bóveda, en Nós Diario:

A unha semana da manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego para o 17 de maio ás 12 horas na alameda de Compostela, cómpre que todas fagamos un esforzo por publicitar a convocatoria e por garantir que as nosas voces enchan as rúas de Compostela. Un galego forte e vivo para unha Galiza viva e con futuro. Hai moitos anos que xa o deixou escrito Castelao "se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma".

 

venres, 10 de maio de 2024

Galego vivo, Galiza viva

 A plataforma Queremos Galego! convoca para o vindeiro venres 17 unha manifestación co lema "Galego vivo, Galiza viva". 

Divúlgase tamén un manifesto no que se reivindica o PXNL asinado por todos os membros do Parlamento Galego hai 20 anos.


venres, 3 de maio de 2024

Acosa, que algo queda

A CIG-Ensino denunciaba onte un novo ataque da Consellaría de Educación á lingua galega. En efecto, por medio dunha empresa contratada, a Consellaría remitiu a todo o seu persoal unha enquisa sobre riscos laborais íntegramente en español. 

O mal xa está feito, e aínda que a Consellaría rectifique, xa mandou a mensaxe: "na Xunta o galego non nos importa nada, o mellor é que te adaptes ao poder e fagas uso exclusivo do castelán. Nós continuaremos facendo presentacións de libros en galego de escasa tirada ou de concursiños de prestixio reducido para manter o galego no seu curral para facer coma quen e manter calados aos que se empeñan en usalo". Un acoso de libro, perpetrado no día internacional contra o acoso escolar.

mércores, 1 de maio de 2024

El gallego es la leche

 A Consellaría de Cultura, Lingua e Xunventude en colaboración con Feiraco anunciaron unha nova edición, a 12ª, do Certame de Microrelatos. Se un se pregunta se isto é verdadeiramente un paso adiante na normalización lingüística pouco terá que rascar para decatarse de que o principal obxectivo da Consellaría e un lavado de cara, ofrecerse diante da cidadanía como o brazo armado dunha Xunta de fasquía galeguista. A pátina do galego, poderiamos dicir. 

Certamente nada lle podemos reprochar a Feiraco, todo o contrario, é unha empresa á que debemos aplaudir por apostar polo uso da lingua galega na súa comunicación coa sociedade.   O que ten máis volta é o da Xunta. Cal é a credibilidade que ten un organismo que insulta a nosa lingua coa campaña Gal(l)ega 100%, de presunta promoción do leite galego?

A ver se achas a *diferencia