Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta David Balsa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Balsa. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xuño de 2011

Valentín Paz Andrade

por David Balsa, no Xornal:

A Real Academia Galega acaba de facer pública a decisión de adicar o Día das Letras Galegas 2012 a Valentín Paz Andrade. Este acordo permite facer, aínda que tardiamente, un pouco de xustiza a unha das figuras claves da Galicia do século XX. Dende logo o noso país non sería o mesmo sen a contribución de persoeiros de primeiro nivel coma Castelao, Otero Pedrayo ou Paz Andrade en circunstancias ademais extremadamente difíciles.
A súa traxectoria política ven marcada por ser un dos principais impulsores do Partido Galeguista e redactor do Estatuto de Autonomía do 1936, e despois como un dos referentes senlleiros do galeguismo no interior do país e punto de enlace co galeguismo do exilio liderado polo seu amigo Alfonso Daniel R. Castelao durante a ditadura franquista.
Na longa noite de pedra da ditadura, Paz Andrade foi detido e desterrado en varias ocasións pola súa permanente defensa dos intereses da súa amada Galicia. Neste eido o seu pensamento refléxase en textos coma Galicia coma Tarea publicado no 1959 ou na súa obra poética, era membro da xeración do 1925, na que destacan Pranto Matricial no 1954 ou Sementeira do Vento no 1968. Ao mesmo tempo esta intensa actividade política e literaria compaxinouna cunha vocación empresarial que foi decisiva para o crecemento e a expansión internacional de Pescanova, a multinacional pesqueira galega, da que chegou a ser vicepresidente. Este compromiso co mar e o sector pesqueiro veuse tamén reflectido na revista Industrias Pesqueras, da cal foi director.
A nivel internacional débese salientar que foi o primeiro galego que ocupou responsabilidades nas Nacións Unidas, concretamente na FAO, a Axencia Mundial para a Alimentación e a Agricultura. Neste sentido e como alto representante e experto da FAO visitou moitos países de América Latina, o que lle permitiu manter o contacto coas colectividades galegas espalladas no estranxeiro.
Valentín Paz Andrade (1898-1987) é sen dubida un dos exemplos máis nidios de compromiso con Galicia e lamentablemente aínda non suficientemente coñecido polas novas xeracións de galegos e galegas. O Día das Letras Galegas 2012 será unha excelente oportunidade para difundir o seu legado e recoñecer o seu papel na defensa da cultura e lingua de Galicia. Este papel amosouse dende a súa mocidade, onde Paz Andrade promoveu a creación do xornal Galicia, editado entre o 1922 e o 1926 ata o seu peche pola ditadura de Primo de Rivera, que foi dende as súas páxinas un exemplo de promoción da cultura e lingua galegas.
É moi importante agora non esquecer o traballo desinteresado e abnegado dunha xeración de galegos e galegas –da que Valentín Paz Andrade é un dos máis sinalados representantes– que contribuíron decisivamente a que hoxe podamos vivir nunha Galicia en liberdade, orgullosa da súa lingua e cultura milenarias e aberta o mundo. Felicidades e parabéns a Real Academia Galega por unha decisión que Galicia levaba moito tempo agardando.

martes, 17 de maio de 2011

O Día das Letras Galegas

por David Balsa, no Xornal:

Este 17 de maio celebrase un Día das Letras Galegas que se enchera de actos en lembranza do poeta Lois Pereiro, un dos máis vangardistas e que convulsionou a literatura e a cultura galega na efervescente década dos oitenta do século XX. É de salientar que están programados actos non só nas rúas das principais cidades galegas senón tamén por parte das comunidades de emigrantes galegos na Arxentina, Venezuela, na miña querida Suiza, e mesmo no Xapón, ondeYolanda Castaño, Branca Novoneira e Mónica de Nut do grupo "Tender a man" teñen prevista unha actuación en Tokio que sen dúbida contribuirá a espallar o coñecemento e aprecio pola nosa cultura no país do sol nacente. Este 17 de maio é unha proba máis da fortaleza do idioma e a cultura galegas que a pesares de ter soportado unha infame campaña de desprestixio nos últimos anos mantense como o principal sinal de identidade de Galicia. É certamente abraiante ver que nestes tempos temos que escoitar a persoas e grupos que denuncian unha suposta "imposición" da lingua propia de Galicia e denuncian a suposta "limitación" e a "inutilidade" do uso cotián do galego. É obvio que quen isto defende vive alleo e de costas a realidade do país e afeitos coma que nos cines o 95% dos filmes están en castelán, na universidade de A Coruña ou Vigo só se emprega o galego en menos do 10% das clases e que si un pon a televisión a única canle que emite integramente en lingua galega é a pública TVG. Nas rúas non hai que dar unha volta moi lonxe para ver que máis do 90% dos anuncios e letreiros, tanto publicitarios coma informativos, están en castelán. E isto vulnerando impunemente toda a lexislación tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia como Constitución española que establece a cooficialidade de galego e castelán. De feito, o noso Estatuto de Autonomía define o idioma galego coma "a lingua propia de Galicia" e mandata aos poderes públicos para a súa promoción e difusión. A pesares distas evidencias a algúns aínda lles parece "excesiva" a presenza da lingua propia de Galicia na sociedade actual.

É preciso neste intre reaccionar e defender con firmeza unha lingua e cultura que son únicas e irrecuperables e que nos definen coma pobo diferenciado a nivel internacional dende hai máis de mil anos. Neste sentido non é de recibo que a Xunta de Galicia manteña esta actitude de pasividade ou aberta complacencia nalgúns conselleiros e altos cargos, diante  dos ataques e aldraxes que a cotío se están a producir contra a lingua propia do país. A Lei de Normalización Lingüística foi un claro éxito no seu día polo gran consenso político e social que acadou trala súa aprobación no comezo dos anos oitenta. Posteriormente, o Plan de Normalización Lingüística elaborado e aprobado baixo o último mandato do presidente Manuel Fraga e co consenso de todos os grupos no Parlamento de Galicia foi outro importante paso na dirección axeitada. A lingua é unha cuestión esencial para o futuro do país e, por tanto, debe estar por riba de diferenzas partidistas. É preciso recuperar o consenso entre o PPPSdeG e BNG para recobrar a unidade a prol da promoción da lingua galega. Esta tarefa non será doada pero é imprescindible para garantir a supervivencia do idioma e que as novas xeracións poidan gozan das obras de Lois Pereiro, Rosalía de Castro, Manuel Rivas, Rosa Enríquez, Otero Pedrayo, Emma Couceiro, Ramon Cabanillas, Manoel Antonio, Emma Pedreira, Teresa Gonzalez Costa e tantos outros autores que colocan a nosa literatura o mesmo nivel que a danesa, húngara, eslovaca, finesa ou calquera outra de Europa. Co compromiso de todos, como diría Álvaro Cunqueiro e subscribiría sen dúbida o noso querido Lois Pereiro, a lingua e a cultura galegas poderán gozar de mil primaveras máis.