Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta física. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta física. Amosar todas as publicacións

sábado, 14 de maio de 2022

Petiscos de ciencia

"Petiscos de ciencia" é un concurso de vídeos de divulgación científica da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC que tivo a primeira convocatoria este ano.Trátase dun concurso semellante a "Explícoche matemáticas 2.0" da CNL da Facultade de Matemáticas.

O primeiro premio foi para este vídeo de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, coordinadas por María José Mato Castro, do IES  Adormideras (A Coruña)

O segundo premio foi para de Manuel Villaverde Framil, coordinado por Manuel Vázquez Mourazos, do IES Arcebispo Xelmirez I (Santiago de Compostela)


mércores, 31 de marzo de 2021

Balea Vermella: Contaminación luminosa


Hai pouco que Javier Balea e Iria Veiga (A rainha vermella)abriron unha canle de Twich, Balea Vermella, de divulgación científica. Xa levan un feixiño de gorentosas emisións que despois van colgando na canle de You Tube asociada.
Cando vin que adicaban unha das súas emisións á contaminación luminosa, xa me vin na obriga de recollelo aquí. Non se pode perder nada da conversa con Salvador Bará, profesor da USC e autor dun libro que glosou con moito acerto Javier Balea, E fixemos a luz (USC 2015).

xoves, 20 de decembro de 2018

Con Voz Propia: Cibrán Santamarina





Que se chame Cibrán xa sería suficiente desculpa para que colgara por aquí o vídeo. Pero ademais nunca deixa de perder a ocasión de defender a lingua galega. Cibrán Santamarina é profesor na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no CERN e en Montreal, especialmente no experimento ATLAS. 

Este vídeo tráenos ao primeiro plano o recordo de que desde o ano 2010 está prohibido o ensino en galego nas materias científicas, entre elas a física.


Con Voz Propia é unha serie de audiovisuais de Correo Televisión onde profesionais destacados en diversos ámbitos, falan do importante que é o galego para eles, especialmente en relación coas súas profesións.

Vexo que subvenciona a SXPL. E non tería capacidade esa tal SXPL de abrirlle un oco a estes vídeos (ou a outros semellantes) na TVG? Vese que non.

Tiven coñecemento deste espazo grazas a este chío da CTNL 

venres, 5 de outubro de 2018

Introdución ás relatividades de Einstein




Moito teño usado o libro "Astronomía práctica e outras cousas" (Toxosoutos, 1999), naqueles anos nos que impartira a materia de Astronomía. Por iso cada recollo pola arañeira unha interveción  do seu autor, Ramón Vilalta López, como a que se recolle nesta entrada, revivo aqueles días con agarimo e agradecemento.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda tivo a feliz idea de organizar a presentación doutro libro de Ramón Vilalta "Introdución ás relatividades de Einstein" (Xerais 2018). Faino acompañado polo director da colección Xerais Básicos Ciencia, Miguel Vázquez Freire. É unha mágoa que non se vexan ven as diapositivas, con todo, a conferencia ofrece motivos sobrados para escoitala enteira. Só vou recoller unhas declaracións de Ramón Vilalta, case ao comenzo da súa intervención agradecendo a Xerais que puxera a andar unha liña editorial de divulgación científica en galego, unha...

[min 26]. aposta de galego e ciencia. Lamentablemente desde o 2010 a física e outras materias non se poden estudar en galego na ESO, e voluntariamente podémolo facer no bacharelato e dependendo de moitas audacias do profesorado. O cal me parece un sinsentido tremento. De aí se instituíu no 2010 o 4 de novembro polos profesores que dabamos as aulas de ciencias en galego, o Día da Ciencia en Galego, e hai pouco está institucionalizado ese día polo mesmos que  seguen mantendo esa prohibición prohibiron. Son esas cousas paradóxicas.

luns, 23 de abril de 2018

O estrambótico mundo cuántico



Hai menos dun mes traiamos por aquí unha conferencia da matemática Elena Vázquez Abal que formaba parte do programa Achegando a ciencia que se está a celebrar en Lugo. Ao ver esta nova achega non puiden resistir compartila. Beizóns ao concello, ao colectivo Caladiños que organizan esta serie de conferencias divulgativas. A intervención de Cibrán Santamarina, de visión obrigada e un recurso para utilizar nas nosas aulas.
Por certo, especiais felicitacións pola gravación dos experimentos.

martes, 20 de marzo de 2018

Vídeos didácticos do SNL da USC



O SNL da Universidade de Santiago acaba de abrir unha canle con vídeos didácticos na que diversos especialistas desenvolven unha cuestión con rigor científico e académico. Entre os primeiros vídeos que nos achega esta canle quixera destacar un par deles porque tratan tópicos das matemáticas e a física...en galego! Ademais realizan as explicacións de forma moi clara, o cal os convirte en ferramentas didácticas para o ensino secundario de aproveitamento prácticamente obrigado. Quero que isto sirva  para vergoña da Consellería de Educación que é quen prohíbe, vía o funesto decreto 79/2010, se poidan reproducir estes vídos nunha aula do ensino secundario. Eu animo a todos os docentes a que o fagan, e de paso expliquen nas súas aulas a atrabiliaria prohibición emanada dunha Xunta enemiga do uso da lingua que debería defender.

O primeiro dos vídeos é unha fermosa introdución á xeometría da esfera. Trátase de determinar a xeodésica na superficie terrestre e está protagonizada pola incansable profesora Elena Vázquez Abal, que sempre parece disposta a colaborar en proxectos de divulgación das matemáticas.



No segundo dos vídeos Cibrán Santamarina explica en que consiste a natureza ondulatoria da luz, tamén a un nivel ideal para o alumnado do ensino secundario.



Para saber máis:

xoves, 2 de novembro de 2017

Físca e química, tamén en galego



Simple e moi ben feito. o vídeo do ENDL do CPR Santa Juana de Lestonnac (Ferrol). Un listado de palabras do vocabulario científico e unha restra de declamantes das mesmas para reivindicar o uso da lingua galega nas materias científicas. Encantoume.

xoves, 31 de agosto de 2017

Non todo é relativo, mais moitas cousas si o son


Coñecía a Ramón Vilalta por se o autor dun excepcional libro de divulgación científica, "Astronomía práctica e outras cousas" (Toxosoutos 1999) , unha pequena enciclopedia para quen quixer estudar a astronomía a un nivel do ensino secundario. Así que foi moi grata a sorpresa que levei ao bater con esta conferencia impartida co soporte da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
É unha mágoa que non se poidan ver ben as imaxes da presentación, porque permitirían seguir moito mellor as didácticas explicacións de Ramón Vilalta. Con todo, é moi recomendábel precisamente pola claridade e diversidade das exposicións que se nos ofrecen. Na conferencia faise un repaso dos principais sistemas do universo con explicacións das razóns que sostiñan cada un deles. Para iso ten que traer ao primeiro plano algúns dos principais descubrimentos da física.

xoves, 22 de decembro de 2016

'O mapa da física' de Ciención de Breogán



Recollo este vídeo con subtítulos en galego de Dominic Walliman grazas ao labor de Ciención de Breogán. Aproveito para invitar a quen pase por aquí, que tamén o faga por alí, polo labor desinteresado que fan de divulgación científica e normalización lingüística, todo nun. Grazas polo traballo realizado!

xoves, 5 de novembro de 2015

Carteis do Día da Ciencia en Galego: Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota

Como vén sendo habitual todos estes anos, en colaboración co IES Chano Piñeiro de Silleda, elaboramos carteis sobre a figura dos científicos homenaxeados no Día da Ciencia en Galego. Nesta ocasión temos presentes a dous galegos: o xeoquímico Isidro Parga Pondal e o óptico Carlos Gómez-Reino Carnota.





mércores, 4 de novembro de 2015

Carteis do Día da Ciencia en Galego: Huygens e Planck

Os científicos internacionais que teremos presente neste Día da Ciencia en Galego 2015 serán Christiaan Huygens e Max Planck. Xunto cos de Isidro Parga Pondal e o de Carlos Górmez-Reino Carnota, poderemos velos na entrada do IES Pintor Colmeiro e do IES Chano Piñeiro.










martes, 11 de novembro de 2014

A gravidade no Día da Ciencia en Galego

Velaquí o desenvolvemento dunha das actividades que se realizou nunha das xornadas do Día da Ciencia en Galego no meu centro.
Primeiro a pregunta:
Que caerá antes se soltas un martelo e unha pluma ao mesmo tempo na Lúa? Neste vídeo tes a resposta.



Despois o cuestionario ao alumnado do centro
Entón fixemos o experimento cun balón medicinal e unha pelota de tenis:



E seguindo a nosa estela parece que lles meteu cobiza aos da NASA repetir o experimento, aquí no noso planeta.

O físico Brian Cox é o condutor dun programa de divulgación científica na BBC. Quixo comprobar que dous obxectos en ausencia de resistencia atmosférica caería a un tempo. Para iso trasladouse á cámara de simulación espacial da NASA situado no Space Power Facility, en Ohio, cun volume de 22.653 metros cúbicos  é a maior cámara de baleiro no mundo.

Despois de extraer todo o aire da cámara deixaron caer a un tempo unha pluma en unha bóla dunha boleira. Velaquí o experimento que sería a delicia de xigantes da ciencia como Galileo ou Newton.