Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Pablo García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pablo García. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de xullo de 2024

Presentación na Estrada do libro "Liberdade para o galego"


 O próximo martes 23 de xullo a AC Vagalumes presenta na Estrada o libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, da autoría de Marcos Maceira Eiras e Elsa Quintas Alborés. O acto terá lugar no MOME ás 20:30 h.

Os autores de Liberdade para o galego analizan polo miúdo a situación real do galego nos principais ámbitos da vida social, especialmente naqueles nos que existen compromisos adquiridos polo Estado ou acordos que alcanzaron todas as forzas políticas en Galiza e que son fundamentais en calquera proceso de normalización: ensino, xustiza, administración, medios de comunicación, economía e empresa, lecer… Para isto utilizan os datos recollidos en cada un dos informes periódicos que a Mesa pola Normalización Lingüística foi remitindo a solicitude do Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas ou do Relator especial da ONU para os dereitos da minorías en 2019. Esta análise achéganos datos verdadeiramente estarrecedores, como por exemplo que o 99% da oferta audiovisual, o 99,4% dos xoguetes ou o 99% dos procedementos xudiciais están ocupados polo español.

É indignante escoitar unha e outra vez a palabra “liberdade” na boca de destacados voceiros da política galega cando se refiren á nosa lingua: a conveniencia de promovela respectando a liberdade, de usala con liberdade... Marcos Maceira e Elsa Quintas demostran neste libro que a tan cacarexada liberdade só funciona en relación ao español, que conta con todos os dereitos e ten asegurada a súa posición de poder; mentres que o galego fica nun plano secundario e marxinal, tolerado sempre e cando non cuestione a supremacía do castelán. Con esta intención, os poderes políticos (o Goberno central e a propia Xunta de Galiza) utilizan de xeito perverso a linguaxe e así, calquera intento de restaurar un uso digno e normalizado da nosa propia lingua é denominado “imposición”.

A conclusión que nos ofrece o libro é que existen impedimentos que obstaculizan o uso libre da nosa lingua e que, malia a lexislación que en teoría a protexe, o seu uso non se pode desenvolver plenamente en todos os ámbitos. Os responsables desta situación son precisamente aqueles que teñen a obriga legal de promocionar o noso idioma; nomeadamente a propia Xunta de Galiza que, aínda que case sempre mantivo unha actitude de deixadez e de desinterese polas políticas efectivas de normalización lingüística, desde os últimos quince practica unha belixerancia activa, lexislando en contra da nosa lingua e levando a cabo un plan de exclusión e de difusión de prexuízos sobre o galego.

Dignificar unha lingua é dignificar o pobo que a fala. O dereito dos pobos a empregaren a súa lingua é un dereito humano e é sinónimo de liberdade. Por iso, coincidindo coa celebración do Día da Patria, desde a AC Vagalumes queremos reflexionar sobre a necesidade urxente de verdadeiras políticas de normalización para o galego, a lingua que o noso pobo creou hai máis de 1000 anos como expresión da nosa particular visión do mundo e da realidade. A pesar das discriminacións, marxinacións e prohibicións que padeceu ao longo da súa historia, o galego perviviu até hoxe. Cómpre mudar as políticas para darlle un futuro á nosa lingua e conseguir que, por fin, a sociedade galega poida desenvolver a súa vida plenamente na propia lingua.