Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta xeoloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xeoloxía. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de maio de 2019

Paseo matemático e xeolóxico por Santiago


Julio Rodríguez Taboada explica moi ben en que consite un paseo matemático. Trátase de ir pola rúa observando os elementos matemáticos que hai polo percorrido que se realice. Javier Santiago Caamaño fai o mesmo, pero agora usando as gafas da xeoloxía nese paseo. Os dous acompañan ao alumnado do CPI Os Dices (Rois) e nós podemos facelo tamén mediante esta admirable peza audiovisual.
Simetrías, elipses, círculos, traxectorias dos planetas, catenarias, determinación da altitude sobre o nivel do mar, GPS, cantidade de persoas nunha manifestación na Quintana, o cadrado dunha suma, calendarios, espirais,... Todo iso respecto das matemáticas polo que hai que temos que engadirlle as rochas graníticas, o Pórtico da Gloria e a orixe das pedras que o forman, a construción en pedra, o efecto da auga e o sal no granito, as anfibolitas, o gas radón,...
Estou seguro de que o alumnado que participou da xornada aínda non é quen de apreciar en que medida son afortunados por poderen disfrutar desta xornada. Pero tamén teño a certeza de que, cando dentro duns poucos anos, volvan a remexer neste vídeo, fagan memoria do acontecido ou simplemente vexan outra vez as elipses polas rúas compostelanas, lembrarán con agradecemento todo canto aprenderon.

mércores, 6 de setembro de 2017

Unidades didácticas de xeoloxía


Os vídeos realizados cos drons son subxugantes. Moito máis se nos mostran un dos lugares máis descoñecidos e fermosos da nosa xeografía, o dos penedos de Traba-Pasarela que debuxan a costa entre Laxe e Vimianzo.
Só por seren cantadas por Eduardo Pondal estas terras xa merecían a súa visita. Ao pé destes penedos, próximos á praia de Traba está o que queda do figueiral de Mórdomo que así o cantaba o bardo nos Queixumes dos pinos:
                                                       Cando te vexo me acordo
                                                       de quen non podo olvidar,
                                                       ¡ouh, figueiredo de Mórdomo,
                                                       de Mórdomo, ouh, figueiral!
                                                       A túa garrida sombra,
                                                       aló no medio do v’ran,
                                                       vista de lonxe parece
                                                       que dá frescura e zolás.
                                                       Debaixo das túas follas
                                                       hai un garrido areal,
                                                       cunhas areas tan brancas,
                                                       que vén da beira do mar,
                                                       que a quen te mira convidan
                                                       ó sono…, e outras cousas máis.

Imaxe das unidades didácticas
Pero, se trouxen estre vídeo por aquí é por estar realizado por Xacobo de Toro Cacharrón, o autor de diverso material didáctico de soporte audiovisual. Seguramente esta peza audiovisual dos penedos de Traba-Pasarela foi realizada co fin de ser utilizada nas aulas de xeoloxía que imparte tanto este docente no IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños), como Adela Otero no IES Fernando Wirtz (A Coruña), tal e como se relata nesta noticia publicada polo dixital Praza Pública. Ben certo é que o material que elaboraron estes docentes é impresionante, ofrecéndonos unha nova mostra do camiño que debería seguir a Consellería de Educación para promocionar e poñer en valor o traballo dos docentes que se esforzan por elaborar materiais de calidade en galego. Para confirmalo podemos consultalo aquí. Mágoa que a Consellería sempre se mostre coas costas viradas a todo aquelo que supoña normalización lingüística
Finalmente recollo un dos vídeos destas unidades didácticas do que quería destacar o comenzo no que Xacobo de Toro e Adela Otero achegannos aos Muíños da Ribeira, no lugar de Ardeleiro (Malpica de Bergantiños), para pasar a explicarnos os esforzos tectónicos sobre as rochas do lugar.


xoves, 5 de novembro de 2015

Carteis do Día da Ciencia en Galego: Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota

Como vén sendo habitual todos estes anos, en colaboración co IES Chano Piñeiro de Silleda, elaboramos carteis sobre a figura dos científicos homenaxeados no Día da Ciencia en Galego. Nesta ocasión temos presentes a dous galegos: o xeoquímico Isidro Parga Pondal e o óptico Carlos Gómez-Reino Carnota.