Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Henrique Dacosta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Henrique Dacosta. Amosar todas as publicacións

domingo, 31 de maio de 2015

Cativa e desarmada, a lingua galega

por Henrique Dacosta no Diario de Ferrol:


Días atrás producíase un enfrontamento dialéctico entre o goberno da Xunta de Galiza e as tres universidades galegas a respecto da lingua galega. O actual presidente da RAG, Alonso Montero, terzaba no conflito dicindo algo máis ou menos así: “O Partido Popular non veu ao mundo para salvar a lingua galega”. E razón non lle faltaba ao egrexio profesor. Non é propósito ou cometido seu, o de velar nin, moito menos, o de pular ou promover o uso e extensión da lingua galega. Non está dentro do seu programa. Ben ao contrario. Nunha actitude sen precedentes, e arrogándose o papel de xusticeiro valedor do que no seu programa disque prometera, asumiu o que a organización galegófoba, Galicia Bilingüe, lle exixía. O tal pretexto veu provocar a ruptura do pacto social habido até ese instante: o da implantación a partes iguais –galego e español– no ensino obrigatorio, que ficou derrogada dun plumazo. Impúxose, pois, o chamado Decreto de Plurilingüismo, para falsamente aplicar un 33’3% de galego, español e un terceiro idioma tan oficial do Estado, así como autonómico, como é o inglés no sistema educativo.