Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Alberto Ramos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alberto Ramos. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de marzo de 2013

Séchu Sende: "Detecto que hai actitudes positivas cara ao galego cando comezan a coñecer a historia da lingua"


Séchu Sende vén de publicar Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, un libro no que se mestura poesía, ilustracións e as vivencias reais do escritor nunha viaxe realizada en 2010 ao Curdistán para presentar a tradución do libro Made in Galiza ao curdo e mais o turco. Agora, esa experiencia plásmase neste libro cuxas vendas servirán para o financiamento de diversas actividades de intercambio cultural entre o proxecto educativo da Semente, en Compostela, e unha escola da cidade Amed, no Curdistán.
Como definiría o Curdistán despois da súa visita e escribir este libro?É un deses países que non está no mapa, coma outros moitos. Cando chegas a un destes países é moi difícil, se vas como turista, conseguir visualizalo. Moitas veces viaxamos cunha ollada moi pouco preparada para localizar as identidades. Eu tiven a sorte de que cheguei con intermediarios, con xente curda e que comprendía o galego. Así puiden coñecer as persoas daquel lugar. E grazas a elas, fun coñecendo o territorio e en moi poucos días, porque en realidade estiven só quince días. A esa experiencia e esa sorte de contar con estas persoas, unido ao que xa lera durante moitos anos ao respecto do Curdistán, puiden aproveitar moito mellor a viaxe do que pensaba. Coñecín a moita xente, de todas as idades e, aínda que foi unha experiencia relativamente limitada, pois para min foi unha gran descuberta. Eu ía alá coa mesma pregunta que vos estades a facer vós: Que podemos atopar os galegos e as galegas que van con curiosidade? E o que descubrín foi unha situación semellante á nosa.

martes, 26 de xuño de 2012

Agustín Fernández Paz: 'Deas matemáticas ou deas outra materia, vas transmitir moitísimo'

Alberto Ramos entrevistou a Agustín Fernández Paz para O Dioivo:

Agustín Fernández Paz recibirá este sábado unha homenaxe nacional en Vigo. Este tributo únese á longa lista de recoñecementos que vén de recibir o escritor nos últimos tempos. Dioivo aproveita para publicar unha longa entrevista na que Fernández Paz reflexiona sobre literatura, ensino ou lingua e fala dos seus futuros proxectos. O máis inmediato é a publicación en outono, da man de Xerais, d'O rastro que deixamos, libro que recolle artigos, conferencias e reflexións do autor.
Que sente un ao recibir tantas homenaxes?
A ver, eu tiña avisados a Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado de que xa me chegaba. No último ano tiven varias homenaxes en diversos sitios. A verdade, doume por máis que homenaxeado. Agora ocorréuselles montar esta... Obviamente, eu acéptoa. Acéptoa con cariño e con emoción, pero son consciente de que a min me están a coller como cabeza visible para homenaxear a toda unha xeración que xa está de retirada. Eu asumo con gusto e con satisfacción ese papel representativo que me outorgan, pero teño claro que hai moita xente con iguais ou maiores méritos para recibilo, como Bragado ou DoCampo. Eles teñen tantos coma min! Asumo encantado esta homenaxe e quero que sexa o máis agradable posible para todos os que asistan. Por iso, a miña intención é agasallar a todos cun conto inédito. Quero corresponder con algo da miña parte a toda a xente que vaia participar.

mércores, 13 de xullo de 2011

Xavier Rodríguez Barrio: 'Non facer caso da RAG ou da AELG non resulta comprensible'

Anaco da entrevista que Alberto Ramos lle fai a Xavier Rodríguez Barrio para o Xornal:


Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema "Penélope": “Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move”. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.

Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.

venres, 10 de xuño de 2011

A RAG, deformador da realidade

por Alberto Ramos, no Xornal:

Pasado. Eran cinco. Hai un ano, eran cinco as mulleres no plenario da Real Academia Galega. Doce meses despois, a cifra redúcese. Despois de designación de tres vacantes, o número baixa. Queda unha praza por adxudicar, pero o único candidato proposto é Pegerto Saavedra. Desta volta, non vai ser. Nos últimos meses houbo un amplo debate sobre a presenza feminina na institución presidida por Ferrín. Diferentes colectivos e persoeiros (independentemente do xénero) pedían o ingreso de máis mulleres. Non era unha guerra de xéneros, non se falaba de cotas. Non foi desta volta. Un ano despois e tras a perda de Olga Gallego, as mulleres na RAG serán catro.

Presente. Ninguén cuestiona os méritos de Regueira, nin de Monteagudo nin de Fernández Ferreiro. Tampouco de Saavedra. Que non querería que estes homes estivesen na RAG? Ninguén. Quen quere que non ingrese na Academia unha Marilar, unha Queizán, unha Krukenberg? Seguramente, ninguén. No entanto, ingresou quen ingresou. Os motivos, sexan cales sexan, sábenos os académicos. O plenario, máis ou menos bronco que puido haber coa votación entre Fernández Ferreiro e Aleixandre, coñecerano tamén eles. A realidade que transcende, a que importa, é o balance: trinta cadeiras e só catro para mulleres na rúa Tabernas.

Futuro. A RAG ten que formularse varias cuestións. A institución ten unhas funcións a prol da lingua e da cultura. Aquí, cumpre. Ademais, debe ser unha corporación que represente a cultura deste país. Aquí, falla. Catro mulleres non é espello da realidade cultural, só unha deformación. “Hai mulleres que poden estar na RAG, pero só hai trinta cadeiras”, dixo Fernández Ferreiro estes días. Pois se hai mulleres que poden estar e só hai trinta cadeiras, se cadra é que a cifra é insuficiente. Ese debate tamén está no seo da RAG. Nos tempos que corren, quizais 30 persoas non se axusta ao traballo que se debe desempeñar coa fala nin no ámbito da representación.

xoves, 2 de xuño de 2011

Dicionarios de galego?

por Alberto Ramos, no Xornal:

PASADO. Hai unhas semanas, a Cidade da Cultura buscaba unha empresa para que se fixera cargo da cantina. Nas bases do concurso aparecía unha definición da palabra cantina. Nunca sobran explicacións, por obvias que sexan, para que non haxa erros. Pero a definición procedía do mítico dicionario María Moliner, un manual de castelán. Por outra banda, a dirección xeral de Centros e Recursos Humanos facía unha consulta sobre a orde alfabética dos apelidos. A institución consultada foi a Real Academia Española. Nin se chamou a rúa Tabernas para preguntarlle a Academia Galega se podían solucionar unha dúbida sobre apelidos e abecedarios.
PRESENTE. O Valedor do Pobo tamén presentou o seu informe de 2010 cunha definición tirada do dicionario da Real Academia Española. A palabra era saúde. Xosé Luís Axeitos, secretario da RAG, responde hoxe en Xornal á Xunta pola consulta da dirección xeral de Recursos Humanos e ao que dixo o seu titular sobre a axilidade e o criterio da institución presidida por Ferrín. “É unha persoa ignorante e indocumentada”, dixo Axeitos. Con todas estas consultas e definicións que veñen de fóra, un non pode deixar de facerse unha pregunta: Nas institucións públicas de Galicia non hai nin un só dicionario galego? A resposta, quizais, sexa demasiado inquietante.
FUTURO. A Xunta demostra que prefire as definicións en castelán e despois levalas ao galego (esperemos que non o fagan cun tradutor automático porque os resultados adoitan ser ridículos). Estes pequenos detalles estanse a converter nunha tendencia que manifesta u­nha indolencia insultante coa lingua por parte de demasiados altos cargos da Xunta, algo que non é novo nin sorprende. Quizais, o que chegue a sorprender algún día sexan as definicións que se poidan atopar de Núñez Feijóo nalgún tomo da Enciclopedia Galega. Pero iso tampouco importará demasiado, porque algúns do seu partido preferirán certo Diccionario Biográfico Español...

xoves, 26 de maio de 2011

“O PP non fai galeguismo cordial, o que fai é atacar a lingua”

Alberto Ramos entrevista a Ramón Lorenzo para o Xornal:


Ramón Lorenzo (Eirapedriña, Ames, 1935) recibirá este ano o Premio Trasalba 2011, que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, celébrase a súa longa traxectoria como escritor e investigador. Lorenzo é catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos cofundadores do Instituto da Lingua Galega (ILG), que a semana pasada celebrou o seu corenta aniversario. Ademais, Lorenzo é especialista en literatura medieval e creador da revista Dorna. É membro de número da Real Academia Galega e foi un dos compoñentes do grupo Brais Pinto, xunto a Fernández Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Herminio Barreiro. No último domingo de xuño, Ramón Lorenzo recollerá o premio Trasalba nunha festa ao redor da lingua galega.

Dá vertixe recibir un premio a toda u­nha traxectoria como é o Trasalba?
(Ri) Este tipo de premios recíbense sempre con alegría e con gran pracer. Estou encantado de que decidisen darmo.

Outra alegría para vostede estes días foi a celebración do corenta aniversario do ILG, do que forma parte vostede dende os comezos. Nese afastado 1971 pensaban que o Instituto se ía converter nunha peza clave para a normalización e estandarización do galego?
Adiviñar o futuro sempre é difícil e xa van corenta anos alá... O que tiñamos claro é que precisabamos facer algo a prol da lingua e que os métodos de galego eran algo fundamental que había que facer. Daquela non existía ningún e só había algunhas gramáticas, pero estaban en castelán e non respondían ás necesidades de aprendizaxe da lingua. Tiñamos esa conciencia de que había que facer ese traballo e de feito fomos facendo cada día máis. A propia creación do ILG respondía a unha conciencia que nos dicía que había que loitar neses momentos difíciles.

Hoxe a lingua vive tamén momentos difíciles?
Son momentos bastante difíciles, a situación non é nada boa. As autoridades políticas que nos mandan actualmente non están polo labor de potenciar o galego. Sabemos que o PP non ten interese ningún pola fala. O equipo actual segue totalmente as consignas que veñen de Madrid. Non o faría mellor o PSdeG, porque os dous son partidos nacionalistas españois que non teñen interese polas outras linguas do estado. Nos momentos actuais non se fai un labor positivo, mais ben todo o contrario.

A semana pasada escoitamos da boca do presidente da Xunta varios conceptos referentes á lingua e ao galeguismo. O Día das Letras Galegas, Feijóo dixo que Lois Pereiro era símbolo do “galeguismo cordial”. O día antes, rexeitaba o “galego de resistencia”. Que pensa destas palabras do presidente?
É un absurdo que xa non ten nada que ver coa realidade. Está claro que el sabe falar moi ben e que todo o PP ten unha dialéctica tremenda para terxiversar a realidade. Eles, os do PP, non fan ningún galeguismo cordial nin da cordialidade, o que fan é atacar o galego. Fan todo o contrario. Nós non facemos galeguismo de resistencia, o que facemos é defender a lingua. O PP terxiversa a realidade e logo convence a moita xente de que nós somos os malos e eles, os bos. Nestes momentos, nos que fan todo en contra do galego, oxalá houbese un galego e un galeguismo de resistencia forte. E que o pobo reaccionase máis.

Este Ano das Letras foi un ano moi activo ao redor de Lois Pereiro. Hai medo na Academia de que o próximo ano toda esa actividade desapareza? Imaxino que dependerá de a quen se escolla, non?
Sempre depende da elección. Uns nomeados sempre teñen máis capacidade ca outros para reunir a xente e que se fagan actos. Este ano estaba condicionado tamén pola vida deste home, non só pola súa obra, que estaba formada por pouca literatura... Iso si, pouca, pero boa literatura. Tamén podemos supoñer que todos estes actos teñen que ver coa situación lingüística. Eu espero que vaia a máis non só o Día das Letras, senón todo o Ano das Letras.

Nos últimos meses houbo un debate ao redor da presenza feminina na RAG. Que opina deste debate como académico?
E por que non falan da presenza feminina noutros eidos? A Academia non é unha institución para meter homes ou meter mulleres. Na Academia entran personalidades pola súa traxectoria e non temos que estar pensando en que ingrese un home ou ingrese unha muller. Por que non se fala diso en todos os sitios? É unha cousa absurda. Ademais, se miramos a cantidade de escritoras que houbo, non agora, senón antes... Pois vemos que non hai tantas para poder escoller. Antes había máis escritores e menos escritoras, lamentablemente. En fin, a min non me gustan estas polémicas. A RAG non é un partido para falar de cotas nin de porcentaxes.

venres, 6 de maio de 2011

O Día das Letras galegas de 2012

por Alberto Ramos, xornalista, no Xornal:

Pasado. O 26 de xuño de 2010, 23 persoas decidiron que este ano sería o ano de Lois Pereiro. Reuníronse na rúa Tabernas e convertéronse, seguramente sen prevelo, no motor de todo o que viría despois. Poucos, case ninguén, apostaba porque a Real Academia Galega escollese a Lois Pereiro. En tal decisión, seguramente tivo moito que ver Manuel Rivas. Hai quen di que el foi o cómplice necesario para que o autor de Poesía última de amor e enfermidade se impuxese aos posibles Carvalho Calero, Filgueira Valverde ou Antonio Fernández Morales. Ese 26 de xuño comezou un vento que ía soprar con forza ao longo dos seguintes meses.

Presente. Recitais, concertos, pasarrúas, homenaxes populares, graffiti, espectáculos teatrais... Todas esas iniciativas foron espallándose por Galicia nos últimos meses. O Día das Letras Galegas de 2011 apropiouse de todo o calendario. Non quedou unicamente no tradicional 17 de maio festivo e murcho, con moita carga institucional e pouco ruído cultural. O 2011 é diferente a todos os demais e a personaxe de Pereiro deu pé a que, ademais dos numerosos títulos editoriais sobre o autor do Día das Letras, se reproducisen eventos máis aló dos centros educativos. As salas de concertos, os teatros e as rúas celebraron as letras do país.

Futuro. En poucas semanas, a Academia terá que volver decidir un nome. Será unha decisión complexa, seguramente a máis complexa dos últimos anos porque Pereiro foi un furacán. Tamén será difícil que se poida conseguir un autor que acade a relevancia pública que conseguiu Lois. Resulta case imposible imaxinar un pasarrúas celebrando a Calero ou un concerto por Filgueira Valverde. Agora que? O Vento Lois quedará sen herdeiro? A forza das letras deste ano disolverase? A resposta a todas elas, moi probablemente, sexa un si. Non obstante, queda un quizais. Quizais os ventos, como a enerxía, nunca se destrúan. Quizais se transformen.

luns, 2 de maio de 2011

"Hai un intento coordinado e dirixido de desmontar a normalización do galego"

Alberto Ramos entrevista a Xosé Luís Regueira para o Xornal. A entrevista completa, aquí.


Xosé Luís Regueira (Goiriz, Vilalba, 1958) é catedrático de Filoloxía Galega na USC, experto no ámbito fonético, membro da International Phonetics Association e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG). A todos estes méritos profesionais hai que unirlle, dende o pasado 25 de marzo, o título de académico electo. O plenario da Real Academia Galega decidiu ese día que era a persoa axeitada para ocupar a vacante de Olga Gallego.

Como se entera un de que a RAG o escolleu como académico e como senta a noticia?
Antes de propoñerte, pregúntanche se queres formar parte. A partir dese momento xa non sabes o que pasa. Son trámites internos da Academia. Logo comunicáronme que a miña era a única candidatura. Que sente un? Satisfacción do recoñecemento polo teu traballo e tamén satisfacción porque teñen unhas expectativas contigo, pensan que vas ser útil no futuro. E espero ser útil nese sentido, porque sabemos o que se fai na Academia. Sabemos que traballa para a idioma, tanto no ámbito do corpus da lingua, como tamén no ámbito da defensa da lingua.

A Academia está a ter unha posición clara na defensa da lingua e presentou un recurso contra o decreto que foi admitido a trámite. Como investigador e agora como académico, como definiría a situación lingüística actual?
É unha cuestión de dominio público e, aínda que polo momento non son académico numerario, o ingreso non cambia esa mirada. Hai un intento coordinado e dirixido politicamente para desmontar a normalización do galego. E non é só desmontar a normalización, senón tamén poñer en risco as autonomías e poñer en risco os gobernos autónomos. A imaxe que se quere consolidar é a dunha España única e homoxénea en que se nos permite falar galego nos nosos guetos, pero sen interferir cos castelán falantes. O Goberno galego está apuntado nesa política. Xa na campaña electoral empregábanse ese tipo de argumentos baixo unhas estratexias moi ben organizadas e que sinalaban que a normalización quería dicir imposición e que a imposición do castelán quería dicir liberdade. A educación, xunto aos medios públicos, é un piar da normalización que están tratando de desmontar. Temos que conseguir reaccionar e reverter eses ataques, pero tamén ir máis aló. Temos que conseguir novas vías de normalización, non só limitarnos ao ensino e nos medios públicos. Que pasa coa iniciativa privada? Que pasa cos medios privados? Non somos capaces de ter medios privados en galego? É unha pregunta que hai que ir facéndose.

Que resposta lle daría a esa pregunta?
Non teño unha resposta, pero penso que hoxe debería haber unha fibra social para seguir tecendo unha serie de redes que teñan algún peso e con capacidade de mobilización social. Hai moitísima xente con vontade, vemos iso nas manifestacións en defensa da lingua. Non só está toda esa xente, hai moreas de profesionais realmente implicados e que son sensibles á normalización. E outros moitos se apuntarían seguramente. En todos os ámbitos. Temos que ser capaces de crear dinámicas que leven a cabo iniciativas, aínda que sexan pequenas, pero que se poden multiplicar. Non é só asinar manifestos. Temos que ter algunha capacidade de levar a cabo moitísimas iniciativas.

venres, 29 de abril de 2011

Do Sant Jordi ás Letras Galegas

por Alberto Ramos, no Xornal:

Pasado. O Día do Libro deste ano foi raro e “curtiño”. O sábado 23 de abril, que debía celebrar o libro, converteuse nun sábado santo rodeado de días festivos. A ociosidade da Semana Santa vai en contra da liturxia da lectura. O sector e o propio Ministerio de Cultura decidiron trasladar o Día do Libro ao mércores 27. “Foi unha xornada un pouco mellor do que é un día normal”, dixo o presidente dos libreiros galegos, Xurxo Patiño. Ese sábado 23, Cataluña celebraba o tradicional Sant Jordi: un libro e unha rosa para todos. Nas Ramblas, os libreiros tamén sufriron a crise económica e a mala xogada do calendario. O resultado: 17 millóns de euros. A expectativa era de 19 millóns. Vaia cifras! Eses números, en Galicia, nin se cheiran en soños.

Presente. A Feira do Libro de Santiago comezará mañá. Menos casetas, menos orzamento e menos axudas da Xunta. Todo a menos. A menos tamén foi a de Ferrol, a primeira das feiras da temporada. A Federación de Libreiros, sen datos concluíntes, afirmou que as estimacións “caeron en picado”. Sen as cifras concretas, o inicio da temporada cheira a gran batacazo. A crise económica, no sector do libro, nótase demasiado. Librarías históricas estanse a converter, literalmente, en historia. Pasou coa Michelena de Pontevedra e pode que suceda con algunha outra. As editoriais pisan o freo á hora de editar e o Día do Libro deste ano quedou diluído entre a Semana Santa e unha data viaxeira que non tivo grandes resultados.

Futuro. A próxima gran cita para o libro galego será o Día das Letras Galegas. O que podería ser o Sant Jordi para Galicia queda nun día no que as librarías abren, pero que o seu esforzo se dilúe entra a festividade. O Sant Jordi catalán non é un día festivo e as librarías énchense. Aquí, ao ser un día sen traballo nin actividade, as iniciativas culturais “desactívanse”. Iso é o que pensa Xurxo Patiño e outros moitos que ven no 17 de maio unha oportunidade perdida. “Hai que repensar a festividade dese día”, sinala Patiño. Se non fose festivo, habería máis vendas nese día? A pregunta está clara, pero a resposta, seguramente, estaría moi afastada das cifras do Sant Jordi. Non é un problema de festividade, é un problema de país.