Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Roberto Vidal Bolaño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roberto Vidal Bolaño. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de maio de 2013

Roberto Vidal Bolaño: o legado do pasado, e a rebeldía para o futuro






O primeiro dos vídeos foi emitido no programa da TVG,  Reporteiros: moi correcto, moi institucional, incluso aparece xente que non ten ningunha relación co teatro, e polo tanto, que non se sabe que pinta nunha reportaxe sobre Vidal Bolaño.
O segundo dos vídeos é o bo. Fermosísimo polo cariño co que foi elaborado. É o que nos explica de verdade quen foi Roberto Vidal Bolaño. É un traballo do grupo audiovisual do Club do Antifás (IES A Cachada de Boiro) que nos achega ao dramaturgo dende unha perspectiva familiar, profesional e cercana. Tal e como se comenta na presentación do vídeo, daremos un paseo pola súa forma de ser, de traballar e de pensar da man de Roi Vidal, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xesús Ron, César Goldi e Camilo Franco, que no seu momento coñeceron e compartiron variados momentos con Roberto.

martes, 14 de maio de 2013

Sen ir máis lonxe



Así homenaxean os de Chévere ao seu compañeiro e amigo Roberto Vidal Bolaño, ofrecéndonos "unha pequena xoia rescatada do arquivo da Nasa, gravada no 1999: a obra Sen ir máis lonxe, de Roberto Vidal Bolaño, compañeiro de escenarios de Chévere e tertuliano da barra da desaparecida Nave de Servicios Artísticos de Santiago".
Aquí vai a 1ª das cinco partes da gravación que se irán ofrecendo durante estes días desde o recomendabilísimo portal da Rede Nasa.

luns, 6 de maio de 2013

Ollos de aula.7

Por suposto, coa figura de Roberto Vidal Bolaño en lugar destacado, chega o nº 7 da revista da Coordinadora Galega de ENDL.

Ollos de aula. Nº 7 by cendl

Recursos educativos sobre Roberto Vidal Bolaño

Materiais Didácticos, información variada sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, bibliografía, ligazóns, material audiovisual, recollida de actividades en centros escolares, e incluso máis cousas; todo isto é o que desde o pasado 23 de abril nos ofrece a Coordinadora Galega de ENDL para celebrar desde a escola o día das Letras Galegas 2013 coa garantía de que toda esta recompilación se irá actualizando.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrécenos os habituais carteis que se veñen distribuíndo todos os anos, así como guías didácticas para primaria e secundaria. Todo isto podemos consultalo neste espazo da SXPL espazo habilitado para Vidal Bolaño. A imaxe que reproduzo aquí está tirada dos carteis elaborados polo Ceip ADR Castelao de Rianxo, centro gañador do certame de carteis para primaria.
Este ano, ademais elaborouse un tríptico co fin de dar a coñecer as principais característica da figura homenaxeada o 17 de maio.


NOTA: No momento da publicación deste post a Secretaría Xeral de Política Lingüística aínda non divulgara a ligazón á que fago referencia nesta anotación e que nos achegará ás súas propostas para o Día das Letras e isto sucede cando só faltan 10 días para a súa celebración. Desleixo? desprezo? incomprensión dos modos de funcionamento dos centros escolares?
Pregúntome como pretenden que desde os ENDL se programen actividades se quen debería dar exemplo e fornecernos de materiais, son os primeros en incumprir.

luns, 29 de abril de 2013

Presentación sobre Roberto Vidal Bolaño



Cóntanse por centos as aportacións anuais dos Equipos de Normalización á dignificación e achegamento á lingua de noso. Basta con botar unha ollada diaria ao Planetaki dos ENDL Nesta ocasión recollo esta presentación da revista O Bico da Ría unha presentación realizada polo Equipo do IES Félix Muriel sobre Roberto Vidal Bolaño.

sábado, 23 de marzo de 2013

Manifesto Galego no Día Internacional do Teatro

por Cesáreo Sánchez Iglesias, no Sermos Galiza:


Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado .

venres, 22 de marzo de 2013

Documental Roberto Vidal Bolaño



Se hai uns días colgabamos por aquí o Telexornal Vidal Bolaño elaborado no CPI dos Dices (Rois), hoxe facemos referencia a esta outra achega dese mesmo centro. Trátase dun documental sobre a obra do dramaturgo no que participan Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.
Vía Caderno da lingua

mércores, 20 de marzo de 2013

Telexornal Roberto Vidal Bolaño



E no ENDL do CPI Os Dices de Rois volveron a facelo. Se o ano pasado poidemos gozar co seu telexornal Paz Andrade, este ano repiten o exitoso formato e mediante un formato dinámico, achegado á forma de edición das novas na televisión.
Desta volta o protagonista non podía ser outro que Roberto Vidal Bolaño. Se queredes saber algo del, basta con seguir con atención este informativo. Parabéns aos realizadores. Un gran traballo. A RAG debería ir pensando en facerlles un contrato fixo.
Vía Milho Verde

xoves, 17 de xaneiro de 2013

Roberto Vidal Bolaño na rede

Como ven sendo habitual nos últimos tempos, cada vez que a sociedade quer conmemorar colectivamente a un autor das nosas letras, ábrese un espazo na arañeira na rede para ser referencia das actividades que se organizan sobre esa figura. Así sucedeu con Valentín Paz Andrade, con Uxío Novoneira ou con Celso Emilio Ferreiro. Agora temos estas ligazóns que nos levan a excelentes recursos sobre eses autores.
No ano 2013 Roberto Vidal Bolaño será o protagonista pois a el está adicado o Día das Letras. Seguindo a estela marcada tamén se abriron espazos na rede para dar conta da traxectoria vital e profesional deste home do teatro.
Unha delas, e a que está chamada a ser a referencia principal é o web Roberto Vidal Bolaño, sustentado pola Asociación RVB, colectivo  integrado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco.
O portal consta dun apartado de novas e contén un pequeno apunte biográfico no que se destaca que é considerado un dos dramaturgos europeos do último cuarto do século XX que sempre mantivo un irrevogable compromiso co galego co que contribuíu á definitiva instalación do teatro na nosa lingua.
Das outras seccións aínda está todo por construir e agardamos que durante o transcurso do ano se vaia enchendo de contidos.
A RAG tamén se preocupou de abrir unha sección adicada a Vidal Bolaño. Alén disto a RAG está publicando unha serie de respostas a un cuestionario sobre Vidal Bolaño. Ata o momento Laura Tato, Alfonso Becerra e Mónica Caamaño xa o responderon.

Anxo Lorenzo: primeiro contra o galego, agora contra o teatro

A historia do teatro galego está íntimamente relacionada coa da normalización da lingua. Así, nun programa de man da VIII Mostra de Teatro Galego de Ribadavia podíase ler:
Xa que Galicia é unha comunidade diferenciada, con unha lingua e cultura propia que ainda está sin normalizar PROCLAMAMOS; Que o Teatro Galego sexa unha arma para conquerir a normalización da língoa, cultura e a liberación nacional.
Nese traballo normalizador estivo profundamente implicado Roberto Vidal Bolaño, a figura á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Desafortunadamente éste non vai ser un bo ano para o teatro galego. Basta con botarlle un ollo ao informe realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG): curtopracismo, fraxilidade empresarial, precariedade laboral, inexistencia de planificación, mimetismo,...  e sobre todo unha política nefasta, a levada a cabo por Anxo Lorenzo, que non contento con subministrar as directrices do ataque institucional ao galego, agora como responsable da AGADIC desde o cese de Fasero, continúa coa súa práctica da destrución de Galcia. Agora o ataque é contra o teatro. Escena Galega denunciou o pasado mes a paralización da Rede Galega de Teatros que no primeiro semestre debía garantir a representación de 425 obras. Trátase dun claro caso de "omisión e abandono das funcións da Secretaría Xeral de Cultura". Exactamente o mesmo que o sucedido hai dous anos na Secretaría Xeral de Política Lingüística co mesmo protagonista: Anxo Lorenzo.
No referido informe do CCG podemos observar un dato incontestable e tremendo para continuidade do noso teatro: no período 2009-2011 houbo unha baixada de 1100 representacións e cunha perspectiva de datos desalentadores no bieno no que estamos.
Cultura diranos que non ten cartos para isto. Será porque o seu interese se centra promocionar corridas de touros e misas a escritores en español . Mentres, nos dous últimos anos a edición privada en galego reduciu o número de títulos  nun 40%. Entre o decreto contra o galego e a nefasta política cultural estase a matar a cultura galega. 
Alguén é quen de apuntar algún culpable?

mércores, 27 de xuño de 2012

2013, Roberto Vidal Bolaño

por Marta Dacosta, a mantedora do blogue Acuática, en Terra e Tempo:

A Academia decide dedicar as letras de 2013 a Vidal Bolaño, a quen se lle debe en boa parte a existencia actual dun teatro profesional galegoE finalmente 2013 será o ano de Roberto Vidal Bolaño. A Academia decidiu homenaxear o dramaturgo aos dez anos do seu pasamento, xusto como acontecera con Novoneira no seu día, unha inmediatez que interpretamos como a vontade de converter en protagonista das Letras galegas por un ano un autor que se considera referencial no desenvolvemento da literatura galega e no contexto histórico actual.