Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Día do Libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día do Libro. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de abril de 2021

Cara a cara cos libros. A importancia da tradución

Velaquí un exemplo do que podería aprender a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Hoxe é o Día do Libro. No IES Chano Piñeiro (Forcarei) o Equipo de Normalización en colaboración coa Biblioteca do centro e o Club de Lectura poñen o foco na importancia de dispoñermos de traducións na nosa lingua. Escolleron 32 clásicos da literatura universal e puxéronlle cara aos seus autores co fin de difundir a idea de que os clásicos clásicos están vivos e animar á súa lectura en galego. Recollo as palabras da presentación deste proxecto no blogue do ENDL do centro:

Sen ningunha dúbida, en galego estamos no mundo e a través da nosa lingua podemos acceder ás grandes obras da literatura universal. 

Para enxergar todo o traballo que hai detrás, un par de exemplos das moitas entradas que cargaron nos seus perfís de facebook e de twitter, aínda que isto non foi todo, pois tamén tiveron un concurso, unha exposición de carteis,...

venres, 24 de abril de 2020

4000 libros e 40 motobombas

Non os toques! son libros!
Onte foi o Día do Libro. Foi un Día do Libro moi especial. As librerías estaban pechadas e só desde as institucións podían ofrecernos unha aposta organizada a favor da lectura en galego. Unha pequena mostra de apoio tanto ao libro como á lingua. Pero, como xa é habitual, isto non foi así.
Primeiro vai a nova, divulgada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), entre outros organismos da Xunta. Despois virá a explicación.
Titular: "A Xunta distribúe polo Día do Libro 4000 obras entre pacientes, acompañantes e persoal dos 14 hospitais públicos"

Este é o típico titular co que nos bombardea o servizo de información da Xunta de Galicia. Tanto ten que sexan 1000 ordenadores, como 4000 libros como 40 motobombas.Os números non están postos aí para dar conta dunha boa xestión, senón que están aí, simplemente. Son unha morea colocada para impresionar.
Non sei se estades afeitos a sofrir o telexornal da TVG. Durante todo o verán sempre hai unha nova na que se di "controlado o incencio de .... no que participaron 3, brigadas, 2 helicópteros e 5 motobombas". Sempre rematan coas motobombas. A conclusión é que en Galicia non hai eucaliptos, nin hai incendios. Só hai motobombas.

Entrada: "A partir de hoxe e durante os vindeiros días poranse en circulación estes volumes que buscan fornecer dunha opción de lecer para quen así o desexe e visibilizar o importante papel que o libro galego desempeña dentro da sociedade"

Ese "a partir de hoxe" indica que no Día do Libro só se sacaron fotos para dar a nova e que todo foi unha improvisación. "A ver, Balseiro, chama aos departamentos de cultura e que che baixen uns poucos libros ao CHUS. Si, fáloche desa farramallada que temos ocupando sitio no almacén. Imos facer como daquela, que llos mandamos aos colexios. Agora van para os hospitais.... e bulindo que é con présa". Un facer que se fai. Isto está mal, pero non é o peor. O peor é que é así acotío. A ninguén en San Caetano lle importa o sector do libro, aínda máis, ven con malos ollos se o libro ese está en galego. Para disimular este desprezo teñen a SXPL que retransmite a fazaña sen decatarse de que no vídeo de propaganda o libro que se ve con máis claridade é un de fotografía de Carlos Rodríguez, que tal e como vemos na imaxe, non foi pensado en galego. Do porco, todo se aproveita.