Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións

sábado, 26 de xuño de 2021

Conseguiremos reivindicar o desexo

 

As actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, integrantes da "Panadaría Teatro" xunto co actor Daniel Celester protagonizan o terceiro capítulo da serie 'Conseguiremos', a produción da Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela que abre o proxecto 'Novas voces para a lingua'. 
 O episodio, gravado no IES Eusebio da Guarda da Coruña, recorda a historia de amor de Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron nesta mesma cidade en 1901 pola igrexa. Unha reivindicación do desexo e da diversidade, tamén a lingüística.

luns, 22 de febreiro de 2021

Brincadeiras da lingua: "Caricias no colo"


 
Baixo o título de “Caricias no colo”, Migallas Teatro ofrecénos unha mostra dos ditos tenros cos que os adultos acompañan caricias e xogos dirixidos aos máis pequerrechos e pequerrechas. Todos eles están xa recollido en Orella pendella
Este é o primeiro víde dun total de dez do programa “Brincadeiras da lingua” que tencomo obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados infantís que existen na lingua galega e que acompañan dende hai séculos as brincadeiras da cativada e dos membros maiores da familia cos máis pequenos e pequenas. Cada capítulo está dedicado a un tipo de ditos consonte a súa función: caricias no colo; para xogar coas mans; para abanear e cabalgar; para durmir e espertar; recitados dialogados; para acompañar xogos; para facer bromas; oracións de risas; disparates e trabalinguas. 
Parabéns pola iniciativa.

sábado, 27 de abril de 2019

Amantes da terra




"Ser galeguista non é máis que ser amante da terra", con estas palabras de Antonio Fraguas comenza o documental "Amantes da Terra"  que repasa a traxectoria do ilustre galguista ao que se lle adica este ano do Día das Letras.
A compañía teatral Queiman e Pousa estreou tamén unha obra de teatro do mesmo título.

venres, 24 de novembro de 2017

"O libro dos porcos" e a clausura da II Mostra de teatro Olimpio Arca



O libro dos porcos foi a representación teatral coa que o CEIP do Foxo participou no II Mosta de teatro escolar Olimpio Arca. Tal e como anunciaramos esta mostra desenvolveuse os días 22 e 23 de novembro. Como pasa sempre, un vídeo non permite disfrutar nin do ambiente nin da enorme variedade de matices e emocións que transmite unha representación teatral, pero serve para difundir unha idea do que se viviu durante estas dúas xornadas no Teatro Principal da Estrada.
Tal e como dixo a filla de Olimpio ao remate destas xornadas, a actividade teatral na escola que tanto promovera o seu pai, servía para o mellor coñecemento da lingua, para enfrontarse a medos, coñecer mellor aos compañeiros, compartir viviencias, aprender a respectar e valorar o traballo dos outros, fomenta a creatividade e o traballo manual, tamén é un incentivo para o coñecemento da música e finalmente é un escaparate para a visibilización da lingua e un pulo á súa normalización.
Pais, profesores e alumnos, a comunidade escolar enteira, pode estar orgullosa da actividade realizada baixo o paraugas desta mostra, que se ben comenzou tímidamente o ano pasado, colleu folgos suficientes como para comenzar a pensar nunha terceira edición.
Velaquí a fermosa clausura do acto da II Mostra de teatro Olimpio Arca, da voz de unha das súas fillas:



Aínda que houbo máis intervencións, polo momento podemos ver as seguintes:
Contemplando unha estrela, CEIP de Figueroa
O galo e o raposo, CEIP de Figueroa
Presentación de Secundaria na II Mostra de Teatro Olimpio Arca Caldas
A min o que me gusta é o teatro, IES Manuel García Barros
O mercador de venecia. CPR N. S. de Lourdes
As avelaíñas chamadas... IES Antón Losada Diéguez
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, IES nº 1 da Estrada

luns, 20 de novembro de 2017

Olimpio Arca: II mostra de teatro escolar e mesa sobre o entroido da Ulla


Olimpio Arca Caldas foi un apaixado do teatro escolar. Escribiu varias obras de teatro e dirixiu grupos de teatro nas escolas. Por esta razón o curso pasado a Asociación Cultural Vagalumes solicitara a colaboración dos centros da Estrada para organizar un certame de teatro homenaxeando a figura de Olimpio. O éxito e o entusiasmo desta inicitiva levou a que se organizara unha segunda edición na que se incrementou a participación, polo que houbo que dividir o certame en dúas xornadas, unha na tarde do mércores, na que participan os centros de primaria e outra na do xoves cos de secundaria.
Ademais o venres s 20:30h ,  no auditorio do MOME, haberá unha mesa sobre o entroido da Ulla e a participación de Olimpio Arca na súa difusión. Nesta mesa redonda proxectarase o video dunha entrevista inédita sobre este tema, feita a Olimpio pola ANPA do CEIP Manuel Villar Paramá de Vea.


domingo, 23 de abril de 2017

Deixaches a escola


No IES Taboada Chivite (Verín) van representar o vindeiro mes o musical "Grease". Aquí vai un gorentoso adianto gravado nunha hamburguesería de Ourense.
(Aproveito para recordarlle a quen subiu o vídeo, de que desde o 2003, a segunda forma do artigo está desaconsellada)
Vía Xián do Campo

xoves, 1 de decembro de 2016

O mestre Don Olimpio

por David Otero, en Tabeirós Montes:

Esencialmente e fundamentalmente foi mestre. Toda a súa actividade, facer e creación, estivo presidida pola sustantividade da educación. Non foi un simple funcionario do ensino. Viviu a educación como xeito de abrir camiños, de alumar vidas e horizontes, e establecendo na liberdade a pluralidade de referentes para conductas e actitudes que consolidan o sentir liberdade. Sempre mantivo a idea de levar consigo, a carón e nunca en fronte, a persoas, a nenas e nenos, a mozas e mozos, e non simplemente alumnado. Por iso el mesmo nesa tarefa común compartida, ensinando, aprendeu dúas veces. As mellores competencias.

martes, 29 de novembro de 2016

O teatro de Olimpio Arca


Foto da A.C. Vagalumes

Xa temos feito referencia por aquí moitas outras veces ao mestre Olimpio Arca, e nunca sobra facelo. Hai uns días o Concello de Cuntis, do que era orixinario, presentaba un libro na súa Homenaxe. O ano pasado a Asociación Cultural Vagalumes recordábao nunha xornada adicada a unha das súas grandes teimas: a recuperación e revitalización do patrimonio cultural tradicional. Este ano repítese a homenaxe, pero como Olimpio era un home multifacético, nesta xornada farase referencia a outra das actividades que, de seguro, lle levaron máis satisfación ao mestre de Couso, o treatro infantil. El foi autor de varias obras que representou co seu alumnado.
Isto foi o que levou á A. C. Vagalumes a chamar aos centros escolares da vila da Estrada para representar algunha das obras de Olimpio. O acto terá lugar no Teatro Principal da Estrada a partir das 19:00. Ao finalizaren as representacións haberá unha pequena rolda de debate sobre o teatro escolar e o seu papel dinamizador da cultura. a lingua e a aprendizaxe.

venres, 17 de abril de 2015

Así foi, doutor



Recollo neste espazo a actividade coa que se celebrou o Día Mundial do Teatro no IES Leiras Pulpeiro (Lugo). O alumnado de 4º da ESO deste centro escenificou o texto de Suso de Toro, Así foi, doutor. Trátase dunha obra de indubidable valor sociolingüístico porque nela aparecen retratados moitos prexuízos cos que acotío se lle carga ao galego. Todo un acerto. Unha magnífica idea para levar este texto ás aulas xunto co debate arredor da situación que se xenera no relato. Veredes que non é o mesmo chamarse José que Xosé.
Un traballo excelente e que merece a pena que se divulgue.
Nesta dirección podemos acceder ás fotos da representación.

martes, 31 de marzo de 2015

Que frío vai no mundo! Que ben se está no teatro!


O 27/03 foi o Día Mundial do Teatro. Se en Galicia hai unha actividade da que podemos gabarnos de estar normalizada á a da actividade teatral. De aí o maltrato que sofre por parte dos gobernos galegofóbicos. Por iso merece a maior divulgación posible esta pequena peza audiovisual na que os veciños de Carballo recitan o manifesto escrito por Xurxo Borrazás para o Día Mundial do Teatro 2015.
Que frío vai no mundo!
Que ben se está no teatro!

Palabras para o Día do Teatro

por Manuel Lourenzo, no Sermos Galiza:

O teatro é a nosa ventilación, unha constante xanela aberta.

Os pobos dominados, pisados, abafados, carecen de teatro.

Ao pobo galego, dada a súa dramática historia, custoulle arrancar co teatro.

venres, 22 de novembro de 2013

Memorias das Memorias dun neno labrego


Teño unha debilidade especial por Cándido Pazó pois penso que sabe transmitir os sentimentos mellor que ningún outro monologuista. Por iso, ao ver no blogue Millo Verde este vídeo, non resistín a tentación de compartilo tamén aquí.
De todas formas o vídeo non é máis que unha aproximación; para disfrutar realmente do teatro, cópre sentarse nas butacas dun.

martes, 14 de maio de 2013

Sen ir máis lonxe



Así homenaxean os de Chévere ao seu compañeiro e amigo Roberto Vidal Bolaño, ofrecéndonos "unha pequena xoia rescatada do arquivo da Nasa, gravada no 1999: a obra Sen ir máis lonxe, de Roberto Vidal Bolaño, compañeiro de escenarios de Chévere e tertuliano da barra da desaparecida Nave de Servicios Artísticos de Santiago".
Aquí vai a 1ª das cinco partes da gravación que se irán ofrecendo durante estes días desde o recomendabilísimo portal da Rede Nasa.

sábado, 23 de marzo de 2013

Manifesto Galego no Día Internacional do Teatro

por Cesáreo Sánchez Iglesias, no Sermos Galiza:


Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado .

mércores, 20 de marzo de 2013

Telexornal Roberto Vidal Bolaño



E no ENDL do CPI Os Dices de Rois volveron a facelo. Se o ano pasado poidemos gozar co seu telexornal Paz Andrade, este ano repiten o exitoso formato e mediante un formato dinámico, achegado á forma de edición das novas na televisión.
Desta volta o protagonista non podía ser outro que Roberto Vidal Bolaño. Se queredes saber algo del, basta con seguir con atención este informativo. Parabéns aos realizadores. Un gran traballo. A RAG debería ir pensando en facerlles un contrato fixo.
Vía Milho Verde

xoves, 17 de xaneiro de 2013

Anxo Lorenzo: primeiro contra o galego, agora contra o teatro

A historia do teatro galego está íntimamente relacionada coa da normalización da lingua. Así, nun programa de man da VIII Mostra de Teatro Galego de Ribadavia podíase ler:
Xa que Galicia é unha comunidade diferenciada, con unha lingua e cultura propia que ainda está sin normalizar PROCLAMAMOS; Que o Teatro Galego sexa unha arma para conquerir a normalización da língoa, cultura e a liberación nacional.
Nese traballo normalizador estivo profundamente implicado Roberto Vidal Bolaño, a figura á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Desafortunadamente éste non vai ser un bo ano para o teatro galego. Basta con botarlle un ollo ao informe realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG): curtopracismo, fraxilidade empresarial, precariedade laboral, inexistencia de planificación, mimetismo,...  e sobre todo unha política nefasta, a levada a cabo por Anxo Lorenzo, que non contento con subministrar as directrices do ataque institucional ao galego, agora como responsable da AGADIC desde o cese de Fasero, continúa coa súa práctica da destrución de Galcia. Agora o ataque é contra o teatro. Escena Galega denunciou o pasado mes a paralización da Rede Galega de Teatros que no primeiro semestre debía garantir a representación de 425 obras. Trátase dun claro caso de "omisión e abandono das funcións da Secretaría Xeral de Cultura". Exactamente o mesmo que o sucedido hai dous anos na Secretaría Xeral de Política Lingüística co mesmo protagonista: Anxo Lorenzo.
No referido informe do CCG podemos observar un dato incontestable e tremendo para continuidade do noso teatro: no período 2009-2011 houbo unha baixada de 1100 representacións e cunha perspectiva de datos desalentadores no bieno no que estamos.
Cultura diranos que non ten cartos para isto. Será porque o seu interese se centra promocionar corridas de touros e misas a escritores en español . Mentres, nos dous últimos anos a edición privada en galego reduciu o número de títulos  nun 40%. Entre o decreto contra o galego e a nefasta política cultural estase a matar a cultura galega. 
Alguén é quen de apuntar algún culpable?

venres, 16 de novembro de 2012

E ti como ligas?

Durante o mes de abril desenvolveuse na arañeira da rede galega unha iniciativa sen precedentes, tanto que é difícil clasificala. Foi unha obra de teatro, pero non se desenvolveu nun teatro. Sucedeu no IES A Cachada de Boiro pero só virtualmente, na realidade todo aconteceu nos soportes dixitais. Amores prohibidos 2.0 desenvolveu a historia de Romeo e Xulieta co conflito lingüístico de fondo. Unha historia próxima e completamente innovadora.
Este proxecto recibiu aportacións de distintos centros de ensino. Quero destacar aquí a do IES As Barxas, cun labor impresionante no mundo do audiovisual. Neste caso volvémolo a comprobar con estes dous magníficos vídeos.
O primeiro é unha adaptación dun fragmento da obra "soños dun seductor" de Woody Allen. Nesta curta Humphrey intenta convencer a Allan cos seus métodos un tanto caducos e agresivos de como ligar. Os alumnos ,Gael , David e Jennifer primeiro ven o vídeo e despois improvisan a interpretación . A gravación fíxose en tres horas. Algún vía a Humphrey Bogart por primeira vez na súa vida.



No segundo vídeo do IES As Barxas é xente con demostrada experiencia nas artes de namorar quen debullan os fundamentos do ligue. O profesorado protagoniza esta peza documental.

mércores, 25 de abril de 2012

'Amores prohibidos 2.0' no escenario virtual

Non é a primeira vez que fago referencia á suculenta proposta da nasa.tv chamada Amores Prohibidos 2.0.
Se volvo ao rego é porque a historia botou a andar chea de forza no espazo virtual.
Situémonos. Boiro 2012. Romeo e Xulieta son uns rapaces do instituto A Cachada que se namoran co conflito lingüístico como fondo.
Amores Prohibidos 2.0 é unha obra de teatro participativa e interactiva, adaptada a internet, que usa como escenario as redes sociais e  a plataforma Redenasa.tv
Neste espazo web estará toda a información sobre a obra. Cada personaxe terá o seu perfil, poderanse ver os vídeos, fotos e comentarios publicados por cada un deles. E tamén é aquí onde se poderá seguir a liña de tempo das súas conversas, tanto as que se produzan en Redenasa.tv como un extracto das emitidas desde Tuenti ou Twitter
Alén disto, se non queremos participar activamente pero si seguir a evolución da historia e as novas de cada dia,  Xespir publicará resumos no blogue 
No Praza publicaron un artigo do que saquei este vídeo, por provocar: