Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de abril de 2012

Caderno da emoción e da palabra. Lois Pereiro.



Unha vez máis por medio da CGENDL chegoume a noticia deste vídeo de Lois Pereiro xunto co Caderno da emoción e da palabra, un caderno didáctico sobre o escritor e a súa obra. Dous boísimos traballos realizados no IES María Casares (Oleiros) encol da figura de Lois Pereiro, homenaxeada o ano pasado no Día das Letras. Pero haiche un problema.
Alguén tivo noticia no seu momento, no mes de novembro pasado, da publicación destes dous traballos? O número de reproducións no momento en que vin o vídeo era de 36, ridícula en comparación coa súa calidade e as súas posiblidades de aproveitamento didáctico. O problema é que a encargada de colgar o vídeo na arañeira da rede foi, como se pode comprobar, a SXPL. Tanto é o desleixo que demostra decote este organismo por todo o que teña un mínimo de compromiso co galego que, unha vez publicado o vídeo, a ninguén se lle ocurriu divulgalo polas redes sociais. No colmo do paradoxo o mesmo día da subida deste vídeo Anxo Lorenzo, o daquela secretario xeral de política lingüística, 'apostaba por aproveitar a potencialidade das redes sociais para estender o uso do galego'. Para poñerse a mexar e non botar gota.

xoves, 19 de maio de 2011

Lois Pereiro entrevistado por Gayoso

A TVG pode gabarse de ter un dos mellores portais web do mundo da televisión. Buscar novas, programas ou recursos é doado e hai unha gran cantidade de material que pode usarse como recurso educativo. Agora a CRTVG está a probar o que pode ser o seu novo escaparate na rede e todo indica que o van mellorar áinda máis. Como exemplo  do que nos aporta a renovada face da radio e a televisión galegas, presento deixo por estes lugares o vídeo dunha entrevista que Xosé Ramón Gayoso lle fixo a Lois Pereiro para o programa "Corazonada" no ano 1989, extraído dunha longa escolma de programas sobre o poeta que se pode consultar aquí.
null

E moito máis:
"Conversa ultramarina", libro recomendado de Lois Pereiro
Homenaxe a Lois Pereiro, no programa Esto é noticia
Iniciativa para recuperar a figura do poeta Lois Pereiro, do programa Miraxes
Lois Pereiro entrevistado por Gayoso, no programa Corazonada (1989)
Lois Pereiro no programa Cousas da lingua
Entrevista a Marcos Calveiro, presentando "Lois Pereiro, náufrago do paraíso"
Recital a Lois Pereiro no día da poesía, no programa Zigzag
Semblanza de Lois Pereiro, no programa Eirado

Non omnis moriar: Lois Pereiro

por Plácido Lizancos Santos, recuperando a Castelao e dando conta do que foi e o que representa o rianxeiro quen, polo que se ve,  está máis presente que nunca nestas datas das Letras Galegas, no Galicia Hoxe:

Non morrerei de todo, conmemora toda Galicia a memoria dun mozo monfortino. Traemos na súa homenaxe un artigo de Castelao por desgraza de perenne actualidade: "Prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade..." (Sempre en Galiza).
Co gallo do Día das Letras Galegas traemos este anaco do libro Sempre en Galiza, coñecido pola Biblia do galeguismo, para traballarmos sobre el: "Facéndolles crer que falar galego era falar mal e falar castelán era falar ben. Expulsástelo galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo explicasen o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugastes o galego ante os Tribunais de Xustiza e chegastes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda a riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados. Algúns galegos de boa fe coidan que o cultivo do noso idioma é un impedimento de traballo na emigración. Mais eu quero invitalos a meditar: Pensades que a nosa Terra pode seguir sendo un criadeiro de carne humana, para enviar ás Américas en paquetes teutóns? Porque o noso deber está en asegurar o dereito ó traballo remunerado, para que ningún irmán noso emigre por necesidade. Pensades que os galegos poden seguir andando polo mundo a ofreceren indignamente a mercancía dos seus lombos e dos seus brazos? Porque o noso deber está en armar o pobo dunha instrución primaria, profesional e técnica que lle permita ser digno en todas partes, e en todas partes atopa as vantaxes que se lle ofrecen a un inglés, a un alemán... Ou é que na emigración resulta superior un castelán a un galego por falar unha lingua máis extensa? A superioridade non está no idioma que se fala; está no que se sabe, no que se di e no que se fai. Algúns homes -galegos tamén- andan a falar dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o desexo de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores ós animais"..

martes, 17 de maio de 2011

O Día das Letras Galegas

por David Balsa, no Xornal:

Este 17 de maio celebrase un Día das Letras Galegas que se enchera de actos en lembranza do poeta Lois Pereiro, un dos máis vangardistas e que convulsionou a literatura e a cultura galega na efervescente década dos oitenta do século XX. É de salientar que están programados actos non só nas rúas das principais cidades galegas senón tamén por parte das comunidades de emigrantes galegos na Arxentina, Venezuela, na miña querida Suiza, e mesmo no Xapón, ondeYolanda Castaño, Branca Novoneira e Mónica de Nut do grupo "Tender a man" teñen prevista unha actuación en Tokio que sen dúbida contribuirá a espallar o coñecemento e aprecio pola nosa cultura no país do sol nacente. Este 17 de maio é unha proba máis da fortaleza do idioma e a cultura galegas que a pesares de ter soportado unha infame campaña de desprestixio nos últimos anos mantense como o principal sinal de identidade de Galicia. É certamente abraiante ver que nestes tempos temos que escoitar a persoas e grupos que denuncian unha suposta "imposición" da lingua propia de Galicia e denuncian a suposta "limitación" e a "inutilidade" do uso cotián do galego. É obvio que quen isto defende vive alleo e de costas a realidade do país e afeitos coma que nos cines o 95% dos filmes están en castelán, na universidade de A Coruña ou Vigo só se emprega o galego en menos do 10% das clases e que si un pon a televisión a única canle que emite integramente en lingua galega é a pública TVG. Nas rúas non hai que dar unha volta moi lonxe para ver que máis do 90% dos anuncios e letreiros, tanto publicitarios coma informativos, están en castelán. E isto vulnerando impunemente toda a lexislación tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia como Constitución española que establece a cooficialidade de galego e castelán. De feito, o noso Estatuto de Autonomía define o idioma galego coma "a lingua propia de Galicia" e mandata aos poderes públicos para a súa promoción e difusión. A pesares distas evidencias a algúns aínda lles parece "excesiva" a presenza da lingua propia de Galicia na sociedade actual.

É preciso neste intre reaccionar e defender con firmeza unha lingua e cultura que son únicas e irrecuperables e que nos definen coma pobo diferenciado a nivel internacional dende hai máis de mil anos. Neste sentido non é de recibo que a Xunta de Galicia manteña esta actitude de pasividade ou aberta complacencia nalgúns conselleiros e altos cargos, diante  dos ataques e aldraxes que a cotío se están a producir contra a lingua propia do país. A Lei de Normalización Lingüística foi un claro éxito no seu día polo gran consenso político e social que acadou trala súa aprobación no comezo dos anos oitenta. Posteriormente, o Plan de Normalización Lingüística elaborado e aprobado baixo o último mandato do presidente Manuel Fraga e co consenso de todos os grupos no Parlamento de Galicia foi outro importante paso na dirección axeitada. A lingua é unha cuestión esencial para o futuro do país e, por tanto, debe estar por riba de diferenzas partidistas. É preciso recuperar o consenso entre o PPPSdeG e BNG para recobrar a unidade a prol da promoción da lingua galega. Esta tarefa non será doada pero é imprescindible para garantir a supervivencia do idioma e que as novas xeracións poidan gozan das obras de Lois Pereiro, Rosalía de Castro, Manuel Rivas, Rosa Enríquez, Otero Pedrayo, Emma Couceiro, Ramon Cabanillas, Manoel Antonio, Emma Pedreira, Teresa Gonzalez Costa e tantos outros autores que colocan a nosa literatura o mesmo nivel que a danesa, húngara, eslovaca, finesa ou calquera outra de Europa. Co compromiso de todos, como diría Álvaro Cunqueiro e subscribiría sen dúbida o noso querido Lois Pereiro, a lingua e a cultura galegas poderán gozar de mil primaveras máis.

luns, 16 de maio de 2011

Lois Pereiro: suplemento do Xornal

Impresionante, o Xornal deste domingo antes das Letras trouxonos un vendaval Lois, cun completísimo suplemento:
Lois Pereiro. Contexto especial das Letras galegas (suplemento dominical do Xornal)

No que podemos destacar os artigos e entrevistas:
Iago Martínez: "Lois foi un autor máis reivindado que lido"
A reinvención do lector a través do poeta
O necesario vento dun poeta de culto
Un testamento literario inédito durante 15 anos
Un poeta da estirpe de Manuel Antonio
Manuel Rivas: "Hai máis autoridades no cocido de Lalín ca no Día das Letras"
O abecedario
O "planeta autónomo" da poesía dos oitenta
Modesta proposición para ler políticamente a Lois Pereiro
loispereiro.mp3

Pero aínda había máis, toda unha resta de artigos de opinión sobre Lois Pereiro e a celebración deste a no do Día das Letras:
Punto de inflexión nas Letras Galegas
En las noches más hermosas, por Gonzalo Canedo
Amado na terra, por Roberto Varela
Lois Pereiro, poeta popular, por Antón Lopo
Lois Pereiro e o soño eterno, por Jonathan Dunne
Todas as festas de mañá, por Daniel Salgado
Lancei un zapato en Berlín, por Alexandre Cancelo
Furia, rabia, desexo, dor,..., por Antón Patiño
Se García Sabell levantase a cabeza, por Antón Reixa

Ademais: Lois Pereiro en imaxes





http://www.xornal.com/artigo/2011/05/14/suplementos/contexto/necesario-vento-dun-poeta-culto/2011051321082400791.html

domingo, 15 de maio de 2011

Lois Pereiro

por An Alfaya, n´A Nosa Terra:

Alborozo para unha vida escrita en verso libre, esculpindo paso a paso o poemario dos berros e dos silencios en prosa que nos fixeron cómplices dun tempo que xa non volve, agás no eido dos soños da mocidade perdida.
Ti, que tan pouco escribiches e tanto dixeches, creando un universo, subliñando o mundo que te maltratou e agora te ergue, neste mes de maio agromas coa forza da semente nova para brillar un ano enteiro con luz propia na escuridade dos campos ermos, sedentos de voz maiúscula; corpo minúsculo que nos fala desde a terra como só falan os vivos eternos.
Gardo no peto a túa mellor estampa, unha flor seca que aínda conserva o recendo duns anos de promesas, alí, a carón da poesía última de amor e enfermidade, presa nas redes das túas palabras poderosas, que arrincan a carne do óso e nos deixan o teu esqueleto, a túa caveira sagrada á intemperie das emocións máis soterradas.
Quedo coas luces e sombras de amores resucitados, porque conxugas os verbos vivir e amar en harmonía, en primeira persona do plural e en presente, e porque dous substantivos exercen o misterioso poder da atracción como imáns da existencia: “paixón” e “esperanza”, anulando aqueloutro que te acompañou na túa curta, mais intensa, vida: “fatalidade”.
E quedo tamén co teu epitafio poético, pero non para cuspirte enriba do lugar onde repousas, senón para bicarte coas mans e acariñarte cos ollos, recollendo a túa  húmida mensaxe de vida e de furia necesaria, para combater o tedio e non sucumbir á derrota dos vencidos, para non claudicar, para resistir, para resucitarte cada ano a través do teu verbo imperecedeiro, Lois Pereiro.

Lois Pereiro, o poeta popular

por Antón Lopo, no Xornal:


Que ten Lois pereiro para que o seu Día das Letras Galegas se convirta nesta eclosión de proxectos insólitos, de romarías, de manifestacións rueiras,de contaxiosa alegría de estar vivos, de necesaria revisión dunha vertente dos anos 80 ignorada? A resposta non resulta fácil, pero é evidente que, dalgún xeito, estaría relacionada co seu carácter popular: o da súa obra e o da súa experiencia vital.
Popular no sentido desa cultura popular contemporánea que fixo de Lou Reed, de Allen Ginsberg, de David Bowie ou do punk unhas iconas xeracionais e que agora inviste a Lois Pereiro no símbolo dunha época expulsada da historia –a nosa propia historia– e recuperada polo efecto terapéutico –sanador, máxico– do 17 de maio, a verdadeira festa nacional de Galicia, a única que se celebra sen –significativas– desconfianzas partidistas, sen receos, sen pousos de autoodio: a Literatura engastando todas as pezas da identidade do país. O idioma na sintaxe auténtica da lingua.
Pero Lois Pereiro xa era un símbolo xeracional antes de que a Real Academia Galega, nun acto de audacia e valentía, o elixise en apretada votación para ser canonizado co Día das Letras Galegas. Érao previamente ou, do contrario, non se esgotarían os seus poemarios, nin a súa cara enchería as paredes das cidades nin o seu nome desabillaría os ollos de quen o pronunciaba como quen descifra un contrasinal máxico.
Foi popular –respectado e admirado– neses recitais que facía a contragusto, onde non se oía máis que o latexar dos corazóns acompasados polo ritmo abismal das súas palabras. Porque o abismo estaba tamén en nós –no pobo– e ninguén se atreveu a recoñecelo agás el, obsesionado por atrapar, no ruído das almas, a verdade dun destino en extinción.
Porque el levaba tracexado, no seu físico e nos seus poemas, o mapa dunha sociedade omnívora: os accidentes xeográficos da especulación –a colza, a sida, a adicción...–, os precipicios da marxinación laboral, as áreas lacustres do desamor –¡ata o nome do colectivo De amor e desamor parece, de repente, cortado pola cadencia das súas curvas de nivel– e a lipodistrofia dunha poética que se esgazaba nos poboados de chabolas, nos recunchos sementados polo lixo e o frío interior, no subconsciente dos dogmas

Máis ca nunca, amado na terra

por Roberto Varela, Conselleiro de Cultura, no Xornal:


Coñecín a Lois Pereiro en Santiago a principios da década de 1980. Daquela, xa se albiscaba nel o carisma de quen se movía coma ninguén no subsolo da literatura, lonxe dos circuítos académicos e comerciais. Unha xeración, a miña, comezaba a oír falar daquel poeta de Monforte. Percibiamos entón que os seus versos nos falaban directamente a nós, que compartiamos inquedanzas e referentes, que escoitabamos a mesma música, dende a Velvet e Bowie ata Joy Division –o seu “Atrocity Exhibition” deu orixe a un dos máis coñecidos poemas de Pereiro–. Eramos todos membros da primeira fornada da democracia e gozabamos dunha liberdade que nos reconfortaba e que daba pulo á creatividade. Tamén foron anos de excesos, e moitos asomáronse ao abismo e non puideron volver. “This is the way, step inside”.
A morte, e a súa indisociable dualidade coa vida, entendida esta como liberdade plena para sermos nós mesmos, foi quizais o eixe do pensamento e da práctica daquela xeración. Foino seguro para Lois Pereiro, que fixo seu aquel poema de Paul Éluard titulado “La mort, l’amour, la vie”. Eivado no físico dende moi novo polas enfermidades, a morte pasea omnipresente pola súa obra, mais é unha morte da que xorde a vida, da que nace un feroz devezo de amar e de vivir para facer fronte á “batalla que xa sei perdida”. Os versos de Poesía última de amor e enfermidade, o segundo e derradeiro libro que Pereiro publicou en vida, falan desa loita con descarnada e ferin­te honradez. Canta honradez!
A vida e a morte sempre están aí, xunto ao amor e a poesía. Lois Pereiro entregou a vida a dar forma aos seus versos tendo ao seu lado a certeza de que eran verdade e aplicando dalgún xeito o que dicía Raymond Carver. Que modo de vivir era este? Un modo de vivir onde un home está tan ocupado que nin sequera pode ler poemas? Iso non é vivir. Por iso aquel poeta punk e postpunk, ultramoderno, vangardista, adiantado á súa época, superou calquera tipo de etiqueta: porque foi capaz de vivir pola literatura e para ela, sen reparar en límites, modas e convencións. Porque todo en Lois Pereiro foi unha forma de vivir a arte. Pero tamén foi o caso que a Lois Pereiro, como lles pasa a tantos grandes das artes, lúcido observador desas cousas que non se poden describir, viu a súas glorias escamoteadas ao tempo de vivir.
A Real Academia Galega decidiu apostar por Lois Pereiro para o Día das Letras Galegas do ano 2011. Penso que foi un gran acerto que amosa de cheo a vitalidade da literatura do noso país. A obra de Lois Pereiro contaxia modernidade e convértese nun espello para todos os nosos creadores actuais. A celebración deste 17 de maio contribuirá a botar luz sobre a figura do gran poeta underground galego, aínda non suficientemente divulgada, mais sen traizoar nunca o espírito daquel dandi eterno que eu coñecín nun café das Galerías Viacambre de Santiago de Compostelahai moitos anos.
Entón criamos que os seus versos se dirixían só a nós. Hoxe sei que a poesía de Lois Pereiro fala das coitas e ledicias, dos medos e das emocións de calquera ser humano, de segredos eternos. Hoxe sei de certo que Lois alcanzou o seu obxectivo: “Somentes / intentaba conseguir / deixar na terra / algo de min que me sobrevivise”. Hoxe Lois, como desexaba, como Carver, outra vez Carver, pode sentirse, máis ca nunca, amado na terra.

Se García Sabell levantase a cabeza

por Antón Reixa, no Xornal:


é moita a información que se puxo en circulación este ano a propósito de Lois Pereiro. Se cadra, por iso, permítaseme unha breve reflexión sobre a propia efeméride e a decisión da Real Academia Galega (RAG) respecto á designación da figura protagonista das Letras Galegas 2011. Ten xustificación a certa estrañeza que a decisión puido xerar nalgúns sectores da opinión pública. En vida, a figura e a obra de Lois non foron moi divulgadas. Porén, hai malicia e reaccionarismo nas voces que declaradamente mostraron a súa hostilidade invocando o “tamaño” da obra de Pereiro. Habería que lembrarlles que algún ano foi adicado a figuras case enigmáticas como o arcebispo Lago González.
Antes de 2011, Lois obedecía paradigmaticamente ao esquema de autor de culto. A singularidade da súa obra respecto aos seus propios coetáneos ou a evidencia das dificultades que tivo en vida para atopar editorial cimentaron ese circuíto. Fronte a todo iso, o que temos agora, no cénit da celebración, é a constatación de que poucas veces as Letras Galegas tiveron tanta repercusión entre os lectores máis novos e case nunca se procedeu a unha “organización” tan acaída de edición de libros do autor e sobre o autor. Especialmente emblemáticos son feitos como as referencias a Lois e o ano nunha publicación como Rockdelux ou a proliferación de graffiti en todo o país.
Afortunadamente a RAG dispón dunha nómina importante de figuras ás que adicarlles o Día das Letras. Velaí a solidez dun sistema cultural, pero, posiblemente, ningunha tan peculiar e insólita como Lois. Non é fácil identificar a alguén que non teña vinculación ningunha coa filoloxía e o ensino ou que non obedeza ao tópico de intelectual polivalente. E iso era relevante politicamente nun ano tan complexo para a normalización do idioma. Imaxinemos o inoportuno que terían sido figuras –insignes, si– pero con perfís como os de Carballo Calero, que dedicou o último tramo da súa vida a ser especialmente crítico coa estandarización do idioma, ou filólogos como Filgueira, que, a nada que se afondase na súa biografía, abroiarían as súas simpatías franquistas ou a súa responsabilidade en que a celulosa se instalase na ría de Pontevedra.
Lois foi radicalmente un artista que abordou coa maior naturalidade o feito de asumir o galego como lingua literaria en coherencia coa súa vida cotiá e coa súa modernidade. E foi artista e poeta ata nos seus escritos ensaísticos de maior compromiso ético e civil, coa particularidade de non ubicarse nos ámbitos ideolóxicos habituais no galeguismo cultural.
Quédanme os hipercríticos que invocan saturación e inflación sobre a figura e a obra de Lois pereiro. Malo sería que a mercadotecnia dunha efeméride así non tivese esa consecuencia que non deixa de ser parella a que o mínimo coñecemento da poesía de Lois produce unha síndrome de abstinencia que che fai desexar máis e máis.
Debemos valorar aquilo no que efectivamente avanzamos, a pesar desta depresión que asolaga a vida social e cultural de Galicia. Por iso, se Garcia Sabell –presidente da RAG no seu momento e que, aínda que algo bo teria don Domingo, representou a faciana máis rancia da institución– levantase a cabeza escandalizaríase desta Academia presidida por Ferrín, que lle planta recursos á Xunta de Feijóo e que lle dedica as Letras Galega a un punkie sensible e ilustrado.

Furia, rabia, desexo, dor...

por Antón Patiño, artista plástico, no Xornal:


Coma se botase man dun vocabulario, a poesía de Lois Pereiro reflicte a intensidade da paixón, a ruta do desacou­go. Ten unha ferinte autenticidade que lle permite establecer unha comunicación instantánea. O que se achega á súa poesía ten moitas probabilidades de ficar apreixado para sempre na sutil arañeira de palabras magnéticas que o poeta foi tecendo de xeito depurado. Por iso o poeta de “A final pel dun virus” ten unha boa manchea de incondicionais.
Andou sempre á procura da palabra exacta –le mot juste–. Cada verso é un senlleiro precipitado das emocións segredas. Alquimia do desexo, furia da señardade. Latexa sublimado como na mellor poesía o cerne da emoción humana convocada nos momentos límite.
Escrita que ten a fasquía dun estilizado diario, os poemas debullan un itinerario vital coas luces e sombras de toda existencia. Elaboradas imaxes poéticas esguías han dar conta xa dende as entregas iniciais da revista Loia –que faciamos xuntos en Madrid– dun fondo misterio sen fin, na alegoría de anceios e suxestivos pesadelos. Existen xa nesa altura versos premonitorios –“Conspiración contra Lois”–. Nalgunha das ilustracións que fixen daquela para os seus poemas mozos tiven de incorporar a rotunda tatuaxe da palabra morte acompañada dunha chea de caveiras. Xa naqueles seus poemas está o mapa enteiro da súa obra. Sorprende o seu grao de madurez. A solemnidade enigmática coa que vai expresando o seu mundo –feito da aleación do romanticismo simbolista, sombra do malditismo, crúo latexo expresionista, utópica tensión libertaria e mais desasosego anímico–. Ingredientes como vemos que ían definir toda a súa traxectoria. Existe unha fermosa edición de Poemas para unha loia” en Espiral Maior –acompañada do seu crucial manifesto poético-ideolóxico, “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”–.
No libro primeiro que editou en Positivas, a escolma poética de moitos anos de labor, recolle os poemas posteriores a Loia. Unha escrita onde as viaxes e mais a aventura vital están presentes. O amor, o desexo, a ruta aberta dos sentidos configura unha mestura entre mundo interior e mais a fascinación pola paisaxe urbana, o cinema, a música, o territorio da literatura como hábitat de seu.
Moi distinto é o segundo libro. O seu definitivo legado. Unha obra mestra de vontade universal. Un cumio na literatura da dor. Fixo un senlleiro ritual coa sublimación tráxica do seu corpo mancado. As feridas psíquicas, os remorsos, o inventario das avarías do corpo nunha autoanálise dos danos físicos e mentais. Unha mensaxe estarrecedora a que envía neste seu libro marcado pola fatalidade. Onde tracexa mesmo o vieiro ingrávido dunha resurección nas mans entrelazadas dunha solidariedade infinita. A constelación do afecto. “Elas” acudiron en axuda daquel ser entrañábel, alma solitaria que transportou con valentía o ennui, fixo un emblema do spleen como atmosfera interior dunha harmonía paradoxal. Monumento á ledicia da tristura. Camiñou polo gume da navalla. Fixo un xardín con follas de afeitar. Agroman os episodios doentes neste seu segundo libro, feito co tremor das palabras coma expresión do sentimento espido.
“Náufragos do paradiso” é unha porta xiratoria cara ao cerne do abismo. Cada capítulo é un mesto percorrido claustrofóbico –cara a unha catástrofe inminente–. Pechado en si mesmo. Universo sen saída onde as personaxes establecen diálogos intersticiais, ocos no aire, palabras como interrogantes. Duras descricións onde aboian fendas psicolóxicas. Configura toda a novela un loop, un bucle envolveito na brétema dunha ansiedade infinda. Enganchados á incerteza. Personaxes que avanzan polas ruelas lisérxicas dun paraíso pechado que conclúe coa abrupta desaparición da escena de Bernal.
Furia-raiba-desexo-dor: o anceio do adolescente constrúe un compacto programa da sabotaxe contra o terror da sociedade administrada. Erotismo da mutación. Crebas insomnes e simas emocionais fronte ao baleiro do desamor. Lóstregos poéticos como frases ateigadas de vértixe. Remuiños trepidantes coma versos clausurados, telegramas dende/cara ao alén coma poemas vivos. Lois Pereiro foi quen de situar a súa escrita no epicentro da mutación, por iso segue a ser tan radicalmente moderno.

17 de maio: vídeo de Lois Pereiro

Vídeo da canle de vimeo da Consellería de Cultura,  sobre Lois Pereiro.

Un apunte: non entendo por que ao final do vídeo retiran os dous primeiros versos do poema  "Poderíano escoller como epitafio":
Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar onde eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.

sábado, 14 de maio de 2011

Pereiro, volve a nós

por J. Miguel Giráldez, no Galicia Hoxe:

Vin aqueles poemarios en Edicións Positivas (que fermosas edicións, sempre) e quixen saber quen era Lois Pereiro. Facía pouco que chegara a Compostela, e alí estaba, aquel libro de 1992,Poesía, sen máis, nos escaparates. Pereiro apareceu nos cuartos máis estraños da arte. Coouse polos sumidoiros da literatura, onde os adxectivos nadaban sobre os restos do día, ferruxentos como lanzas, e ás veces podía adiviñarse unha frase súa no corazón dunha flor. Manuel Rivas converteuno en clásico, bastou unha palabra. Pero Pereiro non tiña ningunha gana de ser clásico, como di o seu irmán na magnífica edición da súa obra publicada por Libros do silencio, que teño agora mesmo entre as miñas mans.
Volvo lembrar aqueles libros cinsentos de Edicións positivas, onde se reunía con metálica dificultade a poesía sanguenta do poeta, o vento purificador, a noite escura da alma, e do corpo. Volvo lembrar como aterrou á fin o verso de Pereiro na letra impresa, e pronto algúns o converteron en icona/rock, ou punk, como se di a miúdo, sen saber quizais, que é o que se quere dicir. Todo sucedera, en realidade, algúns anos antes. No oitenta. Non conseguiu publicar a súa obra completa, pero apareceu nas antoloxías do momento, cando aumentaba o vendaval dos bares, que lugares. Aumentaba a tormenta do que se chamou a movida, e hoxe, visto desde aquí, desde este horizonte non tan afastado, Lois Pereiro semella un tipo creado ad hoc para os movementos de rebeldía, para o cóctel de imaxe e palabra, para un vangardismo que talvez hoxe algúns dan por amortizado. Inxustamente.
Por iso é fermoso que Lois Pereiro volva, que estea entre nós, tras aquela non tan limitada presenza nos escaparates das librarías, tras aquela morte precipitada pola enfermidade. Non é que Pereiro mereza un Día das Letras Galegas. É que un Día das Letras Galegas non tería sentido sen Pereiro. Agora, con este libro, e outros, na man, vexo que Lois Pereiro escribiu moito máis do que se cría. Do que pensabamos. Seguramente volverá ser un símbolo por segunda vez, agora con perspectiva, pero entón, moitos xa o sabían. Seguramente esta semana, a súa poética resurrección o convertera de novo no ser metálico e ferido que tan ben representa coa súa biografía apresurada, coa súa vertixe. Pero haberá quen o lea por primeira vez. Tamén en castelán, nesta tradución,por exemplo, de Daniel Salgado. Haberá quen se pregunte por que non soubo antes de Lois Pereiro. Onde o agochamos, ou onde se agochou el, mentres camiñaba polo fío da navalla do amor e da enfermidade construíndo versos de dor e de lume. Se ben que a súa morte, as súas palabras, a súa ferida luminosa, o seu ser todo, serven para amasar un mito, como o de Dylan Thomas, aquela noite en Nova York, cando chegou a morte no fondo de dezaoito vasos de whisky. Amasaremos un mito coas palabras como materiais de derriba. Como cascallos nos que se adiviñan pétalos de rosa e grans de ouro. Díxome Gamoneda, o gran tótem da tribo do noroeste, o home que soña nos bares sobre as mesas de mármore, que a poesía galega é quizais hoxe a mellor de toda a península. A luz de Gamoneda, a luz negra, o brillo dos corredores abatidos, a febre que fai arder as costuras dos beizos, o xardín convertido no amarelo dos tolos: todo me parece que está en Pereiro. Os poemas de carne putrefacta están cheos da beleza limpa do adeus. Pereiro é hoxe, a recado, o clásico que foi xa entón sen sabelo, e creo que golpeará outra vez con forza, como Gamoneda, nas estancias da poesía máis feramente contemporánea. Saquemos a Pereiro á porta principal da poesía. Aí está, hai resurrección esta vez. Ten que habela

Furacáns poéticos e Lois Pereiro

por Antón Patiño, artista plástico, no Xornal:


A celebración das Letras Galegas co 17 de maio segue a ser unha das iniciativas máis intelixentes que xurdiron neste país. Cómpre lembrar outravolta o nome de Paco del Riego que foi o inventor deste acontecemento. Prosegue con vitalidade esta data simbólica que se espalla ao longo do ano salientando a obra dun autor. Nos tempos últimos, as decisións da Real Academia Galega foron tan atinadas que debullan unha fermosa dinámica e un novo impulso para esta efeméride, que nunca tivo tanto éxito como agora.
Alén do ritual oficial, as celebracións dedicadas a Uxío Novoneyra e Lois Pereiro representan un auténtico revulsivo en defensa da lingua e da nosa cultura. Houbo un eficaz e rigoroso traballo de recuperación de textos, unha chea de imaxinativas homenaxes que expresan un ben merecido agradecemento colectivo polo seu traballo.
A súa autenticidade, heterodoxia e transgresión foron o cerne do éxito. Autores que desenvolveron un traballo literario de ambición universal. Que Galicia é unha potencia poética coido que fica argumentado só cunha ringleira de nomes: Rosalía, Manuel Antonio, Pimentel, Díaz Castro, José Ángel Valente, Avilés de Taramancos, Uxío Novoneyra, Lois Pereiro e outros moitos nunha ladaíña interminábel á que abofé podemos incorporar máis nomes dun talento indubidábel.
Nesta altura, o gran éxito e difusión que están acadando as homenaxes a Lois Pereiro resulta ben emocionante. Centos de actividades dende moitas frontes que axudan visibilizar a súa figura e labor. Unha manchea de libros ao redor do seu traballo. Reedicións e descubertas. A tradución ao castelán da obra completa e unha escolma ao inglés anuncian unha proxección en marcha. Cómpre felicitar a RAG pola súa defensa da lingua e polas boas decisións que está a tomar no Día das Letras. Nese senso foi atinado o artigo de Alberto Ramos hai uns días en Xornal de Galiciacando fala do furacán Lois Pereiro. Sinala a dificultade de atopar un nome que prosega nesta liña de radical heterodoxia rupturista.
Nesa reflexión conclúe o seu artigo, mais poderiamos talvez dicir que existen autores-fenda, auténticos transgresores, hai lóstregos segredos na nosa cultura, algúns soterrados aínda nun certo esquencemento.
Raiolas existenciais cunha importante labor literaria como Xohán Casal e Reimundo Patiño, dous amigos que compartiron a miseria moral da posguerra, a tatuaxe do medo provocada polo xenocidio selectivo que sufriu a nosa terra, dous vangardistas que xeraron obras intensas. Reimundo Patiño, como acontece con Luis Seoane, ten ademais da pintura e do labor pioneiro no cómic co O home que falaba vegliota unha ben notábel aportación literaria.
O seu libro de poemas Bandeiras neboentas (Espiral Maior) é memorábel. Conferencias, artigos, teoría da arte, nun labor arreo de axitación cultural.
A obra de Xohán Casal, centrada no relato breve (O camiño de abaixo) mais con poemas coma O Campo da Rata (ao redor dos crimes na Coruña) expresa así mesmo o desasosego existencial nunha lúcida e intensa escrita inzada de autenticidade.
Tamén paga a pena que a mocidade coñeza o esforzo creativo destes autores heterodoxos que xeraron novos mundos entre nós. Reinventaron nun certo xeito a Galicia co seu talento.

mércores, 11 de maio de 2011

A Xunta homenaxea a 'Lois Pereira'

por Cris Moss, no Xornal:


O Día das Letras Galegas está cada vez máis preto e todas as organizacións ou administracións afánanse en pechar as súas axendas de actos para homenaxear ao poeta Lois Pereiro, ao que este ano se adica a data. A Escola Galega de Administración Pública, dependente da Consellería de Presidencia, tamén anda neses mesteres.
No entanto, no seu plano de actividades –nas que se inclúe un recital de poemas, unha mostra colectiva de artes e letras e, xa o día 17, unha ruta cultural– a administración autonómica decidiu cambiar sobre a marcha ao homenaxeado. Por iso, os actos dos días 12 e 17 estarán adicados ao “galego insigne” Lois Pereira.
Este erro no apelido do escritor foi criticado onte durante unha comisión parlamentaria onde se trataron asuntos lingüísticos. Segundo o deputado nacionalista Bieito Lobeira o cambio de protagonista por parte da Escola de Administración Pública amosa “o escaso interese” da Xunta polos temas relacionados co galego.

martes, 10 de maio de 2011

Loia

O Consello da Cultura Galega publicou unha edición facsimilar dos catro números da revista Loia que acolleu os primeiros textos de Lois Pereiro. Xunto a esta publicación o CCG tamén nos achega un estudo crítico coordinado por Xosé Manuel Pereiro e no que colaboran Ramón Villares, Antón Patiño, Helena González e Manuel Rivas.
Para atopar recursos sobre Lois Pereiro:  na web da Coordinadora Galega de ENDL


venres, 29 de abril de 2011

Lois Pereiro e o 17 de maio (cavilacións menores pola parte de atrás dun folio reciclado)

por Carlos Negro en Terra e Tempo:

Desde un punto de vista histórico, a decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas á figura de Lois Pereiro pode entenderse como un paso adiante na diversificación do perfil dos homenaxeados, sobre todo en canto favorece unha visión menos ríxida das "tipoloxías estéticas" da literatura galega, e contribúe a romper tópicos sobre a heteroxeneidade dos autores e autoras máis contemporáneos. Representa, en certo modo, a aceptación académica dunha actitude inconformista que se move nas marxes do ideario nacional que adoita definir aos bos e xenerosos. Foi como se entrase aire fresco na rúa Tabernas, unhas pingas de punk e anarquismo, estética rock e pegadas de contracultura urbana, angustia existencial e dandismo monfortino.

Aínda así, a decisión da Academia non está exenta de certos riscos; un enfoque crítico apresurado da figura de Lois Pereiro podería levar a convertelo nunha icona do malditismo literario, transformando a súa imaxe nun fotograma morboso, sobre todo se a análise das súas circunstancias biográficas potencia o apetito do público polas vísceras, desprazando a un segundo plano o coñecemento intrínseco da súa produción literaria. Neste contexto inmediato dos fastos do 17 de maio, e aínda que se faga con nobres intencións, Lois podería rematar por ser exhibido como un espectro de ultratumba atrapado nunha roda de sensacionalismo en torno ás súas adiccións e enfermidades. E iso quizais sexa rendíbel desde unha perspectiva publicitaria, pero non contribúe a que se lean máis e mellor os seus versos.

A fin de contas, quizais Lois Pereiro só trataba de ser un mozo con ansias de vivir en plenitude, un poeta que procuraba a través da literatura unha forma de redención dos seus infernos particulares, dos seus medos máis íntimos; e resulta obvio que os seus poemas expresan unha intensa procura da verdade, da súa fonda verdade, escribindo coas veas abertas, mollando a pluma no seu sangue, como diría Rosalía de Castro. E iso é o que lle concede un valor extraordinario á súa obra, máis alá da bagaxe cultural que agochan (ou amosan) moitos dos seus textos: unha autenticidade plena, desprovista de artificio evanescente, que toca temas como a radical consciencia da morte, a vivencia ao límite do amor e o desexo, a enfermidade como hábitat, a ironía e o humor como antídotos contra a angustia e o fatalismo. E, sobre todo, os seus poemas transmiten algo que non abunda entre tanta literatura de catálogo turístico: furia e intensidade, enerxía existencial desde a beira mesma do abismo. 

Desde outra perspectiva, non deixan de sorprender certas estratexias do sector editorial en torno á promoción da figura literaria homenaxeada cada 17 de maio, cunha especie de frenesí de publicacións que, ás veces, semella máis consecuencia dun impulso ansioso por ocupar un oco urxente no andel de novidades ca dunha análise racional da cantidade de textos que pode asimilar o público lector. Dito doutro xeito: nin sequera Lois Pereiro está libre de padecer certa inflación textual arredor da súa vida e obra, non necesariamente negativa, mais si, quizais, un chisco esaxerada.

Obviamente, non se trata de poñer en dúbida a calidade literaria de Lois, nin de negar o dereito das empresas editoras do país a beneficiárense economicamente do interese que esperta na sociedade o autor monfortino. Mais quizais resulte saudábel preguntarse se calquera escritor actual do país, incluído Lois Pereiro, precisa que, nun prazo dunhas poucas semanas, aparezan no mercado catro biografías, aínda que veñan asinadas por autores/as tan respectables como Antón Lopo, Marcos Calveiro, Mercedes Queixas ou Iago Martínez. E quizais tamén habería que cavilar se, nestes tempos convulsos para a industria cultural, podemos permitirnos o luxo de repetir análises globalmente coincidentes sobre un mesmo poeta contemporáneo, mentres moitos dos nosos clásicos (ou clásicas) seguen a agardar por unhas migallas de atención crítica que permita un coñecemento máis axustado do seu labor literario.

E, con toda a prudencia, pregunto se non nos estaremos a deixar arrastrar tamén por certas doses de euforia desmedida. Se non estaremos a usar de Lois Pereiro non en calidade de escritor, senón de espectro: como unha especie de espírito do alén que esperta en nós unha atracción sentimental que vai máis alá dos seus valores literarios, para achegarse ao esvaradío ámbito da mitomanía adolescente; porque, gústenos ou non, os cadáveres fermosos son os que máis flores acumulan nas tumbas, aínda que unha morte prematura nunca debería sumar ou restar valor no mercado dos méritos literarios.

En todo caso, non esquezan o principal: lean a Lois Pereiro, e abran ás portas ao alento da vida.

martes, 26 de abril de 2011

Espirro e Loia [A Lois Pereiro]

Un espirro vai ser o movemento "Vento Lois" convocado para o vindeiro 12 de maio. Un espirro moi contaxioso que se repetirá de mil formas por todo o mundo. Os síntomas consistirán en lecturas de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición: “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo.... e aquí hai un espazo onde facer un listado das actividades.




Loia foi a revista que  xunto a Antón PatiñoManuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel  fundou Lois Pereiro en Madrid. E como se fose un novo número da revista, desde a CGENDL adícanlle todo un número, hoxe é un web, cheo de recursos educativos, vídeos, ligazóns, recompilacións.... Se alguén precisa material sobre o mundo Lois, alí o atopará.


[Espirro e Loia]   [sprrleioeoia]   [lsprroieeio]  [Lois Pereiro]

xoves, 7 de abril de 2011

Camisola Lois Pereiro

O proxecto Tinta de Lura está dando os seus primeiros pasos. Segundo a tenda on-line toupa.net naceu co propósito de difundir e realizar unha promoción da literatura galega, máis concretamente da poesía galega, a través da creación dunha serie de camisetas con textos de escritores poéticos como o de Lois Pereiro:

"estou vivindo un soño repetido
 nas noites dos que me seguen querendo"