Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta SERGAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SERGAS. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de decembro de 2021

O galego é un virus que cómpre combater?


 por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Mensaxe telefónica recebida para a terceira dose da vacina: SERGAS RECUERDA: (D......) tiene una cita para la dosis de refuerzo de la Vacunacion (sen til) COVID para el........ a las...., en el VACINACION (sen til) COVID........ Si usted esta (sen til) en cuarentena o presenta sintomas (sen til) covid no acuda, pongase (sen til) en contacto con su Centro de Salud. Para identificarse puede usar su tarjeta sanitaria, DNI o el siguiente codigo (sen til)......

 

mércores, 13 de marzo de 2019

Malas linguas II: argumentos





Para a II xornada de Malas Linguas, organizada pola Deputación da Coruña, achegáronse os argumentos de Iria Ramos como experiencia de galega na sanidade pública. Cal é a actitude da Administración respecto do uso da lingua? A pouco que nos mergullemos no portal do Sergas (https://www.sergas.es/), cantas máis pantallas pasemos, máis se deturpa o uso do galego e nas pantallas ás que só teñen acceso os profesionais, o galego fica excluído.


"YO SOY UNA BURRA. YO NO SE HABLAR" Este era o lema dun cartel que lle colgaban a unha compañeira de Luz Fandiño por falar en galego. Luz é unha voz viva do sofrimento da represión lingüística durante a dictadura. Cómpre escoitala unha e mil veces para saber como se xeneralizaron os prexuízos.

sábado, 2 de setembro de 2017

Aprendendo da man da Xunta que a lingua galega é prescindible

Moito lle temos que agradecer á Xunta do PP por esa política lingüística de xibarización da lingua galega que practica a cotío! Grazas ao seu exemplo imos aprendendo que o galego é prescindíble, acaso inútil ou desprezable. Velaquí un exemplo máis.
Como é ben sabido polos usuarios do twitter, baixo a imaxe identificativa da conta e a súa dirección, aparece un saúdo ou unha presentación da mesma. Na conta oficial de da Escola Galega de Saúde, dependente do SERGAS, podemos ler: "Escuela Gallega de Salud para Ciudadanos. Servicio Gallego de Salud. España". Se na imaxe que teño aquí pegada á esquerda podemos ler unha liña en galego, "Uniuse en febreiro 2012", non llo atribuïades á @EscolaSaude, é cousa miña, que teño o acceso ao twitter en galego, e ese tipo de informacións aparécenme así. Pídolle desculpas ao SERGAS por manchar a súa reputación, que con formas de actuar coma esta, ten ben gañada.
A conta parece especializada en divulgar os "días de" acompañados dunha imaxe. Aínda que a redacción veña en galego, todas as imaxes divulgadas aparecen con textos en castelán. Non preguntaremos a razón pois xa se nos explicou bastante ben na cabeceira da conta.
Por poñer un exemplo o Día das Letras Galegas subiron as seguintes ilustracións para celebralo:
Celebración do 17 de maio pola @EscolaSaude
Unha segunda conta de twitter, relacionada coa primeira é a asociada ao plan código 100,  "un plan de innovación centrado en el envejecimiento, una de las máximas prioridades de nuestra comunidad", tal e como aparece na presentación.
Neste caso a conta practica o bilingüismo idiota, pega un chío en galego, e outro co mesmo contido en castelán (nota parte: cualifícoo de idiota porque parece dirixido a idiotas que son incapaces de entenderen textos do estilo "consulta aquí o Mapa da Demanda Temperá") Ben, en ocasións esquécense do chío en galego... e ben, tamén pode suceder que o chío en galego nos mande ao mesmo documento que o chío en castelán. O documento estará en castelán, por suposto. Deste xeito visualizamos moito mellor que a lingua galega ten que ir sempre acompañada da súa irmá maior, nunca pode andar por aí soa. Así aprendemos que é prescindible, inútil.


martes, 3 de xaneiro de 2017

SIGUE, o primeiro agravio da Xunta ao galego do 2017


Se estes días un entra no portal do SERGAS poderá ver destacada unha aplicación móbil para a localización de centros de saúde e de consultas. O primeiro que me chamou a atención foi o seu nome, SIGUE, que é a forma do imperativo do verbo seguir, pero que en realidade é o acrónimo de 'Sistema Inteligente de Geolocalización de Usuarios en Edificios'. Un novo agravio á lingua galega que chega desde a administración pública, que nos ofrece unha conexión entre a modernidade (aplicación móbil) e a exclusión do galego.
Se accedemos ao Google Play para descargar a aplicación veremos que toda a información da mesma o galego fica desaparecido. Se imos á guia rápida que nos ofrece o SERGAS, tal e como vemos na imaxe, ofrécesenos únicamente o programa en castelán. Por outra banda, o da guía rápida merece comentario aparte. Consta a guía de media ducia de frases, na súa versión en castelán, sen problema ningún, mais na versión en galego toda clase de barbaridades na escrita.
Sobra dicir que na app o galego non ten ningunha presenza. Cada vez que vexo unha destas cousas, pregúntome que é o que está a facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

P.S.: Despos dun aviso que me fixo a conta de twitter @Xunta teño que rectificar. Nese aviso explicábanme que na aplicación había opción a cambiar de idioma a galego ou inglés. Despois de remexer na configuración da mesma vin que tiñan razón. Velaí que o galego ascendeu á categoría de lingua estranxeira.