Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta IES Antón Losada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IES Antón Losada. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de xuño de 2024

Explícoche matemáticas 2024

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC resolveu o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 da edición deste ano. Outra vez este concurso tráeme novas que me alegran inmensamente porque o traballo presentado desde o meu centro recibiu o 2º premio. As alumnas de 4º da ESO Alba Albarellos Pose, Noa Otero Calviño e Carla Prieto Loureiro do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), axudadas polos profesores María Paz e Emilio Villanueva tiveron a feliz idea de crear un vídeo musical co título "A trigonometría non é un tostón". Desde que vin o vídeo hai un par de meses, estaba agardando a que saíra a resolución do premio, tiña a certeza de que estas rapazas recibirían un recoñecemento.

O primeiro premio foi para o traballo de Julia Rama González co traballo "Por que a raíz cadrada de 2 é irracional?" no que, mediante o uso de recursos de animación desenvolve unha fermosa demostración da irracionalidade de $\sqrt{2}$ que publicara o portal Gaussianos o ano pasado, recollida á súa vez da canle de Michael Penn, quen dicía tela recollido dun artigo de Theodor Stermann (1902-1991) publicado no 1961. Parece ser que esta demostración "fascinou a moitos matemáticos". Paga a pena coñecela.


O último traballo premiado é o deste vídeo de Teo Calo Suárez, "As matemáticas de Google Maps e máis alá". Magníficamente editado, Teo explícanos algunhas das características máis interesantes dos grafos.

Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0" [ver en Retallos Webl] unha exitosa iniciativa da CNL da Facultade de Matemáticas da USC, tiveron a súa primeira edición no 2012. Desde aquela, e coa salvedade do ano 2020 (o da pandemia COVID) veñen outorgándose todos os anos polo que esta é a súa 12ª edición. 

mércores, 22 de maio de 2024

A Coruña de Luísa Villalta


O alumnado de Expresión Artística de 4º da ESO do IES Antón Losada (A Estrada) elaborou un fermoso traballo sobre "A Coruña de Luísa Villalta" que aparece explicado neste vídeo. Non é unicamente un traballo da aula de plástica, é tamén unha denuncia da especulación, unha posta en valor da resistencia democrática fronte ás ditaduras. O mellor é ver o vídeo e ler estas palabras dos paneis de presentación do proxecto:

Retratamos a Luísa Villalta como un faro que nos ilumina coa súa persoal ollada a través dunha verbas que cantan á Coruña, ao que se perdeu co paso do tempo, coa especulación, co egosísmo... e que non soubemos ou non quixemos parar.
Trátase dunha escolma de 9 poemas vencellados a 9 "lugares" emblemáticos da cidade, 9 anacos que a constrúen.
Compartimos con vós a nosa visión particular de todos eles mediante a metáfora bordada e recortada en 9 anacos de velcro.
Analizamos o traballo das chamadas "arpilleristas chilenas", nais, irmás, viúvas... dos desaparecidos durante a ditadura de Pinochet. Mulleres que aparentemente se entretiñan e tentaban sobrelevar a dor bordando inxenuas e inocuas arpilleras con anacos de teas de cores. Mais acabaron converténdose nunha das principais fontes de información sobre o réxime que se tivo no estranxeiro.
Para máis información, consultar o blogue do ENDL do IES Antón Losada que ten moitas máis fotos da exposición.



 

venres, 10 de xuño de 2022

Informativo do IES Antón Losada Diéguez

 Quedei encantado de ver a moitos alumnos nos fotogramas deste informativo realizado no meu centro, o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada). Neste informativo temos achegas do persoal do centro sobre a pandemia da COVID-19, en entrevistas gravadas durante o entroido, como será evidente cando o visualicedes. Tamén se divulga un estudo sobre o uso da lingua no centro no que se destaca que o alumnado fala máis en galego na casa que no insituto. Algo se está a facer mal.

Tamén hai unha entrevista a Olaia Maneiro, das Tanxugueiras e outra a Tony, o auxiliar de conversa.

xoves, 18 de marzo de 2021

Estrela Rosaliadecastro, un artigo do IES Antón Losada Diéguez

 O pasado xoves 11/03/21 publicouse no Nós Diario este artigo realizado polo alumnado de 3ºA do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada). Foi un dos moitos artigos publicados para celebrar a semana da prensa na escola.

Neste caso tomouse como punto de partida un artigo de Martin Pawley aparecido nese mesmo diario o 30 de xaneiro pasado. Titulábase "Meses do inverno fríos" e nes explicábase como atopar no ceo invernal a estrela Rosaliadecastro. As preguntas que xurdiron coa lectura deste artigo levaron á colaboración do alumnado do meu instituto.

Estrela Rosaliadecastro by kiarqu2458 on Scribd

martes, 12 de maio de 2020

A aventura de coñecer a Carvalho Calero

Non é só un documento, Alexandra, profesora de galego do IES Antón Losada (A Estrada), achéganos esta presentación interactiva sobre Carvalho Calero.
Paseando por ela podemos acceder á declaracion da RAG do 17 de maio do 2020 como día do escritor ferrolán, a un vídeo do Colexio San Pío X (Ourense) sobre a súa vida, a varias interpretacións dalgunhas obras: "Non sei se a matei", "Luísa Sorriso", "Desde o ceu com amor", a un boletín sobre o reintegracionismo, a un encrucillado sobre a súa figura, ou a un increíble xogo interactivo, Don RiDardo, tamén creado polo Colexio San Pío X.
Toda unha aventura arredor de Ricardo Carvalho Calero.

Semana Das Letras Carvalho ... by elogolosada on Scribd

xoves, 26 de marzo de 2020

Estamos con vós



O descontrol do período de confinamento fixo que non escribise antes esta entrada, algo imperdoable. Velaquí os meus futuros alumnos. Rapaces de 1º da ESO do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) coordinados pola profesora Alexandra Pacheco, mándannos as súas mensaxes cargadas de agradecementos e de boas recomendacións.

luns, 30 de decembro de 2019

A confesión, un contiño de M. García Barros



Este vídeo foi elaborado a partir dun dos contos da obra de Manuel García Barros, Contiños da terra polo alumnado do ENDL do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada).
A presentación desta peza audiovisual formou parte das actividades realizadas o pasado 20/12/19 na que os profesores Carlos Loureirohttps://lernolosada.wordpress.com/2019/12/21/manuel-garcia-barros-a-pluma-insumisa-ensaios-ineditos/ e Xoán Carlos Garrido relataron ao alumnado os aspectos máis importantes da traxectoria vital e literaria do escritor de Berres.

sábado, 26 de outubro de 2019

Que é para min a biblioteca?



Moi bonito o traballo protagonizado polo alumnado de 1º da ESO do meu centro, o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) para celebrar o 24 de outubro, Día das Bibliotecas. Lembremos que a data foi escollida en recordo do incendio da Biblioteca de Saraxevo no ano 1992.

venres, 21 de xuño de 2019

E logho? 2019

Xa sei que hai moitas revistas escolares, e tamén moitas de ENDLs, coma esta. Pero resulta que estamos a falar da do meu centro e non me resisto a compartila.


Revista elogho? 2019 by on Scribd

mércores, 8 de maio de 2019

Unha clase de trigonometría

Estes días compartín polo twitter algunhas ideas do desenvolvemento dunha clase de trigonometría que se poden seguir neste fío (premendo sobre el pódese ver completo)



xoves, 4 de abril de 2019

Día da Poesía con Memoria

A biblioteca do IES Antón Losada (A Estrada) organizou diversas actividades na honra dos poetas que foron vítimas da guerra do 1936 entre as que destacamos a lectura e divulgación destes poemas sobre a represión


venres, 23 de novembro de 2018

Isto son matemáticas (en galego)

Isto son matemáticas
no IES Antón Losada
Tal e como se anunciaba nunha entrada anterior, no IES Antón Losada programouse unha extensa cantidade de actividades reivindicando a ciencia en galego. Unha delas consistiu na presentación por parte de alumnos de 1º de bacharalato, de seis temas de corte matemático a alumnos de 2º da ESO.

Os primeiros en ofrecer o seu relato foron Ibai Fernández e Samuel Martíns, que baixo o título "O número de Deus" explicaron como facer o reconto de posibles configuracións dun Cubo de Rubik, resolveron un en directo e, como non!, falaron do curioso número de Deus.
Uxía Rodríguez e Andrea Porto abordaron distintos crebacabezas xeométricos nos que cunhas poucas pezas simples, ao estilo Tangram, podemos formar distintas figuras xeométricas de distintas áreas... a pesar de que usamos as mesmas pezas!



Laura Picallos e Carla Villaverde abordaron a cuestión de "Para que serven os polinomios?" Para iso presentaron o seguinte xogo do Proxecto ed@ad   no que se trata de adiviñar unha das 32 figuras por medio de 5 preguntas de resposta si/non. Entón desviaron a cuestión ás notacións decimal e binaria dos números. A representación dos números en calquera base faise mediante unha estrutura polinómica. Precisamente, estudando o sistema binario podemos desvelar o segredo deste xogo. Como en moitas ocasións, a esencia da resposta está no coñecemento dos polinomios.

Facendo uso da técnica anterior, pero implicando agora o control das ordenacións ao barallar as cartas, Julio Tarrío e Andrea Fraiz fixeron un espectacular truco de cartas matemático.





Falando de xogos, coñecedes o xogo do nim? Dada unha disposición en filas de 1-3-5-7 paus, cada xogador (son 2) retira por quendas a cantidade de paus que queira de cada fila. Perde o que se vexa obrigado a retirar o derradeiro pau.
Pablo Pena e Mauro Moimenta non só xogaron e explicaron en que consiste, senón que, facendo uso da descomposición de calquera número como suma de potencias de dous, deron conta dunha estratexia gañadora. Ademais esa estratexia podían aplicala a calquera outra disposición de paus en filas. En particular, serviría para xogar con filas de 1-2-4-7-8 paus en cada unha.



O xogo do calendario
Finalmente Seraina Barros e Iria Ferreiro presentaron outro xogo, o "Xogo do calendario". Tomaron como punto de partida o calendario que fixera o Equipo de Normalización a comenzos de curso. Poderían ter collido outro mes  pero escolleron o mes de maio porque é cando se celebra o Día das Letras. Nel recortaron unha matriz de 4x4 números e mediante un proceso consistente en escoller un número e despois tachar o resto dos números da fila e a columna no que está o elixido para pasar despois a escoller outro número non tachado, foron guiando aos alumnos de 2º da ESO para que fixeran o mesmo. A pesar de que tiñan todos táboas diferentes, de que cada un escolleu os números como lle petou, e, en definitiva, de que cada un dos presentes tiña unha colección de 4 números distinta, ao final por esas cousas misteriosas que teñen as matemáticas, a suma deses grupos de 4 números escollidos por todos e cada un dos asistentes coincidía!




Cando andaba na procura de temas para que o alumnado preparara para expoñer, atopei varios xogos que tiñan que ver cos calendarios.  Non me acababa de gustar ningún, ata que remexendo neles lembrei un que me encantara e que presentara Coque nun congreso de Agapema, así que, dalgunha maneira en homenaxe a el foi o que lle propuxen aos alumnos para que o levaran a cabo. Paso a explicar os seus fundamentos.
Se recortamos unha matriz 4x4 nun calendario (cando isto é posible), e o primeiro número é a, o resto da matriz distribuirase da seguinte maneira:
$$\begin{matrix} a & a+1 & a+2 & a+3 \\ a+7 & a+8 & a+9 & a+10 \\ a+14 & a+15 & a+16 & a+17 \\ a+21 & a+22 & a+23 & a+24 \end{matrix}$$
(Nota: quen queira pode pensar en escoller unha matriz 3x3 e ver o que sucede nese caso). Polo procedemento indicado máis arriba (escoller un número, tachar fila e columna, escoller número non tachado, tachar fila e columna....) determínanse 4 números que sumarán o mesmo que os 4 da diagonal principal: 4・a + 48. Na escolla que fixeron Iria e Seraina: 4・7 + 48 = 76.
Finalmente, elaborar matrices que den lugar a esas cifras non é nada complicado. Basta considerar a seguinte matriz $$\begin{matrix} a & a+k & a+2k & a+3k \\ b & b+k & b+2k & b+3k \\ c & c+k & c+2k & c+3k \\ d & d+2k & d+3k & d+4k \end{matrix}$$
Dándolle valores a catro das variables en xogo, por exemplo ás variables k, a, b e c, podemos deducir o valor de d=76 ㄧa ㄧbㄧcㄧ6k.

xoves, 27 de setembro de 2018

Calendario toponímico do Losada

Todos os relacionados co mundo do ensino, ao comenzo do curso, pensamos en botar man dun calendario escolar para organizar mellor as actividades e do desenvolvemento das materias. Normalmente todos os anos vemos, soltas pola rede, diversas achegas neste sentido. Lembramos con nostalxia os calendarios que anualmente nos ofrecía a Coordinadora Galega de ENDL. Para curar un pouco esta aflición, recollemos aquí o calendario elaborado polo ENDL do IES Antón Losada (A Estrada). Este documento ten a peculiaridade de regalarnos as orixes dos topónimos dalgúns lugares do concello.

luns, 7 de maio de 2018

A pancarta do Losada



Noutra ocasión xa escribíramos unha entrada semellante a esta. Daquela facíamos referencia á pancarta que elaborara o IES Antón Losada para galanear no Correlingua do 2015 co lema "QuéroTE na miña lingua". Hoxe temos que facelo para a presente edición do Correlingua que celebramos o pasado 3 de maio polas rúas da Estrada.
Este vídeo serve ademais como mostra de que o Correlingua é moito máis que unha xornada festiva de celebración da lingua. Arredor dela realízanse múltiples actividades nos centros. No caso do IES Antón Losada, ademais da impresionante pancarte, organizouse un concurso de adhesivos que se repartiu entre os participantes no Correlingua.

xoves, 3 de maio de 2018

Lecturas astronómicas en galego

No Departamento de Matemáticas do IES Antón Losada proxectaramos o curso pasado impartir durante este a materia de Astronomía como optativa do centro para 1º de bacharelato (1 hora lectiva semanal). Incomprensiblemente non nos deron o permiso desde a inspección.
Con todo, nesa materia estaba previsto recomendar a lectura dalgúns libros para achegarse a distintos aspectos da astronomía. Propúxoselle a parte do alumnado que lesen e traballasen con estes libros como actividade extraescolar, do estilo dos clubs de lectura. Alén da extensa anotación de Damián Campos, quizais os traballos que ofrecen os resumos máis sintéticos e visuais son os realizados por outra alumna de 2º de bacharelato, Laura Rey Vigo. Aquí os comparto, ao tempo que presento os libros en cuestión.
Esta entrada ten un punto triste: preséntanse tres libros de divulgación científica en galego, será prácticamente imposible dar con outro que non se mencione aquí. Estamos ante o panorama dunha cultura arrasada.

O primeiro, o que é para min o mellor libro de divulgación científica escrito en galego, e un dos mellores que lin nunca. Trátase de E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará. Forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero gorentosos exemplares.




O segundo libro ten unha excelente edición, ¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016). Debido á proxección mediática do seu autor, Jorge Mira, é quizais o máis popular dos tres. Relata os fitos máis importantes na medición do universo. Laura escolle nesta presentación algúns dos que máis lle chamaron a atención.



Por último, un clásico, o Sidereus Nuncius, de Galileo Galilei. Premendo na ligazón pódese acceder á publicación en galego realizada polo MUNCYT no ano 2011. Esta obra foi a que impulsou o debate sobre o heliocentrismo. Cando se publica, no 1610, xa pasaran máis de 60 anos da edición do De Revolutionibus de Copérnico, pero non foi ata a aparición do texto galileano que comenzou o verdadeiro tirapuxa entre o xeocentrismo e o heliocentrismo. Dunha banda: o poder da Igrexa, da outra, o talento e os argumentos de Galileo.
O Sidereus Nuncius é un texto curto, de doada comprensión, o cal é moi de agradecer nun escrito de índole científica. Lévanos á cerna do debate científico que acabaría na cualificación de herética á proposta copernicana e á conseguinte prohibición dos libros que a defendesen. É fundamental para comprender a dicotomía ciencia-relixión e para adentrarse no estudo da historia da ciencia.

xoves, 1 de marzo de 2018

Versos de Rosalía para nós



Velaquí un novo exemplo da forza con que Rosalía de Castro chega ata os nosos días. Trátase dunha videomontaxe cos traballos do alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) que multiplican a pegada do Día de Rosalía 2018. Eu xa os vexo nos corrdores do insituto todos os días, pero non quería deixar de compartilos con quen pase por este corredor virtual.

luns, 27 de novembro de 2017

Diálogos científicos no Día da ciencia en galego


Neste vídeo-resume podemos enxergar como se desenvolveron os "Diálogos científicos" que tiveron lugar no IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) o pasado 7/11/17, unha actividade realizada para reivindicar o estudo da ciencia en galego fronte á política da Xunta que prohíbe impartir aulas de matemáticas, física, química e tecnoloxía en galego.
Os comunicadores e comunicadoras científicos foron os alumnos de 1º e 2º de Bacharelato. O público foi todo o alumnado da ESO do centro. Asistir a este acto resultou unha verdadeira delicia escoitar as estes rapaces no mellor estilo dos TED talks.
Actividade foi organizada polo ENDL en colaboración cos Departamentos de Bioloxía e Matemáticas. As comunicacións versaron sobre os seguintes temas (escollidos polos propios relatores):

  • O mapa de Domingo Fontán
  • Os buracos negros
  • As Vacinas
  • Os incendios
  • A menstruación
  • A vida en Marte
  • As ETS (enfermidades de transmisión sexual)
  • A trigonometría


mércores, 28 de xuño de 2017

Un par de revistas dos ENDL

Quixera compartir con todos vós un par de revistas dos Equipos de Normalización, un par de exemplos, un par de escolmas ou resumes do traballo feito nestes centros durante todo o ano. Un labor inmenso, pouco recoñecido, incluso desprezado. Efectivamente, desprezado pola Adminstración, que mantén ano tras ano unha convocatoria de axudas aos ENDL, cutre no aspecto económico e insultante no aspecto loxístico pois se por unha banda a cantidade asignada mantense no máis duro dos recortes de hai 6 anos, por outra a convocatoria é tan tardía que non se resolve ata o mes de xuño, cando xa non é posible realizar actividade ningunha. Grazas outra vez á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A primira das revistas é a do ENDL do IES Antón Losada (A Estrada):



A segunda é a do ENDL do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis). Botádelle un ollo, pódense ideas e sacar aspectos moi positivos das dúas.

martes, 20 de xuño de 2017

IV Festa das Palabras



Tirado do E logho!
O pasado martes 6 de xuño os Equipos de Normalización dos centros de ensino da Estrada agrupados arredor do proxecto Dinamizaestrada parciparon no acto da IV Festa das Palabras. Cada ano, desde o curso 2013/14 convócase un certame aberto a todo o alumnado estradense consistente na realización de micropoemas e microrelatos.
Nesta ocasión microrrelatos debían conter a palabra VERÁN, e os micropoemas a palabra VENTO. Cos textos gañadores elaborouse un libriño de 81 páxinas que tamén contén as fotos dos 62 autores. Como exemplo acompaño a foto de Elena Bernárdez, Antía Sala, David Álvarez, Andrea Fraiz, Noa Puente e Juan José Rey, os participantes do IES Antón Losada (A Estrada).
Portada da publicación
A publicación dos micropoemas e microrrelatos xunto co acto son un exemplo de traballo feito con cariño e respecto á nosa lingua, que reforzan o orgullo de sentírmonos parte dunha comunidade e a fidelidade e compromiso co galego.
O acto, celebrado no Teatro Principal da Estrada,  estivo apadriñado polo escritor Antonio García Teijeiro. Nas tres edicións anteriores os padriños/madirñas foron Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey e David Otero. Co fin de recoller algo do sabor da IV Festa das palabras recollo dous retallos a seguir. O primeiro é a intervención de García Teijeiro e o segundo a interpretación da canción Imagine, de John Lennon polo coro do IES Antón Losada



Que non nos rouben nunca as palabras
Este foi o título da intervención do padriño no Teatro Principal da Estrada. O texto, recollido do seu blogue, é o seguinte:


QUE NON NOS ROUBEN NUNCA AS PALABRAS(Unha carta a uns nenos e nenas que escriben os seus soños)


Meus prezados afillados e afilladas:
Hai algo máis fermoso que chamar a un proxecto “Festa das palabras”? Penso que non. Porque a palabra é dardo, é bico, é aloumiño, é crítica, é saudade, é agarimo, é disparo, é esperanza, é loita…
Non llelo digades a ninguén, pero cóntovos que nos encontros que fago por todas partes sempre pregunto cal é a miña palabra favorita. Moi poucas veces acertan. Alumnos e alumnas coma vós din unha chea de palabras fermosas: amor, verso, poesía, libro, bico… e un longo etcétera de vocábulos. Despois de escoitalos sorrío e dígolles: a palabra que máis me gusta, que me emociona, é a palabra PALABRA. Fican algo desconcertados e explícolles que con esa fermosa palabra poden expresarse todos os sentimentos, actos e ideas que acaban de dicir e moitos máis.
Recibín hai uns días o libriño “2017. IV Festa das palabras”. A emoción que sentín tras lelo resulta difícil de explicar. Digo decote que a escola non está para facer narradores nin poetas. Que a escola está para facer persoas que non se desenvolvan de costas á literatura, persoas que se acheguen a ela para gozar do que expresa, persoas, en definitiva, que amen a literatura.Ben, pois tras ler todos estes textos da “nosa festa das palabras” non me queda máis remedio que felicitar os equipos de dinamización lingüística dos centros educativos da Estrada polo esforzo e os obxectivos que se propuxeron. Obxectivos, todos eles, totalmente acadados.
Nestes textos hai moito amor á palabra.Hai moita emoción poética e narrativa.Hai moito agarimo condensado nos escritos.Hai moitas lecturas detrás.Hai moito labor ben feito detrás destas preciosas mostras.Hai moita beleza, moita delicadeza, moita observación nelas.Os mediadores e mediadoras fixeron un traballo extraordinario. Un traballo que loce e, o que é máis importante, un traballo que deixa pegada.Parabén a eles e a elas. Parabéns a vós.
Meus prezados afillados e afilladas, na vosa actitude positiva está a esperanza de que a normalización do galego sexa un feito.Os idiomas precisan da palabra oral. En galego temos proxectos sólidos, unha literatura excepcional e outros valores, pero as cousas non vos son doadas. Para que o galego se instale nesta sociedade tan complexa precisamos que se fale, que non se substitúa, que teña prestixio. E sodes vós, os rapaces e rapazas de hoxe os que podedes coller o temón da dignidade lingüística.
Non esquezades o moito que nos xogamos.Escribides de marabilla. Falade un día si e outro tamén na nosa lingua. Sentide nela. Vivide con ela.Volvo felicitarvos polos vosos traballos literarios.Sodes un orgullo para a nosa cultura.Representades o mellor da comunidade escolar á que pertencedes.Seguide a escribir.Seguide a ler.Seguide tendo os ollos abertos, os oídos atentos para saber o que ocorre arredor de vós.A vida, todo o que vos rodea e conmove e as lecturas intelixentes que fagades serán a fonte onde debades beber para seguir medrando literariamente ao tempo que crecedes coma persoas.Non permitades que nos rouben as palabras. Son nosas. Alfaias prezadas de cada un de nós.O poeta Bernardino Graña dixo nun poema nunha ocasión:
O vento levou follas e palabras, / levou rumor e ruído.
Eu tomei estes versos e fixen a miña homenaxe particular a esas palabras que ás veces nos rouban os malos ventos que sopran de mil maneiras.E escribín:
Que as traia de novo,que quero berralasque quero dicilasben forte as palabras.Levounas o ventoa cambio de nada.Deixoume unhas follas,rumores, borralla.Palabras fermosas.Palabras gastadas.Palabras. Palabras.No vento zoaban.
Coa palabra na man, no corazón, na esperanza coma ser humano, envíovos bicos e versos e palabras para que endexamais as leve o vento.Que permanezan sempre con vós.Precisámolas.


Imagine. Coro do IES Antón Losada Diéguez