Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Francisco Rodríguez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Francisco Rodríguez. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de maio de 2023

A lingua como síntoma


por Francisco Rodríguez no Nós Diario:
Hai un denominador común que atinxe todas as linguas que non son a española, a oficial de obrigado cumprimento. Con efecto, todas elas son obxecto de ataque, desde os poderes fácticos do Estado e desde a legalidade que as marxina, facendo inviábel a súa verdadeira oficialidade. Sen dúbida, esta hostilidade non ten nin o mesmo calado nin os mesmos efectos en todos os casos, porque tampouco teñen a mesma actitude os respectivos gobernos autonómicos verbo da lingua propia. Non só desenvolven unha legalidade diferente, senón que reaxen tamén de forma distinta fronte á hostilidade dos anteditos poderes e dos sectores sociais que, encirrados na súa españolidade, militan a prol de o español ser a única lingua con dereitos e deberes, tamén nas nacións do Estado español que teñen linguas de seu. Resúltalles inconcibíbel que un galegofalante goce en Compostela dos mesmos dereitos lingüísticos que un españolfalante en Sevilla ou Madrid. Ven nos procesos de normalización das outras linguas nos seus respectivos territorios unha actitude desafiante, que atenta contra a debida subordinación, garantía da unidade estabelecida. Non é de estrañar, pois, que, após corenta anos de suposta cooficialidade co español nos seus territorios, o galego, o catalán e o euskara teñan problemas de transmisión xeracional, de plenitude de usos, de discriminación e acoso dos seus falantes, para avanzar socialmente con contundencia e de forma irreversíbel. Porén, nos casos catalán e vasco, mellorou o seu coñecemento e uso social, no cuantitativo e cualitativo, dos seus idiomas, verbo dos anos finais do franquismo. No caso do galego, a falta de transmisión xeracional, o retroceso de usos orais, en ambientes sociais e zonas onde era dominante, desde entón, e de forma acelerada nos últimos quince anos, foron pavorosas. Velaí como o idioma non oficial con maior vitalidade coloquial en 1970 pasou a ser o que máis síntomas de retroceso e deterioro social manifesta respecto do punto de partida, malia o seu acceso marxinal a novas funcións cualitativas. A política lingüística da Xunta, nestes últimos anos, colaborou eficazmente para a enxurrada españolizadora avanzar de forma galopante. Lembremos como marcou a sociedade a denuncia de que o galego se impuña. Esta macabra e tráxica impostura abriu as portas, non á discriminación nunca desaparecida, senón á total anulación da concepción de o galego ser un idioma con dereitos para os seus usuarios, e por tanto, con deberes para as administracións públicas, así como a redución xeneralizada como lingua vehicular no ensino. Sacralizouse a subordinación que conduce á desaparición.

 

sábado, 11 de marzo de 2023

En perigo

 


por Francisco Rodríguez en Nós Diario:

En ambientes con conciencia lingüística é notoria a preocupación por as enquisas e a propia experiencia detectaren un retroceso acelerado dos usos do galego nos últimos anos. Hai un sector importante que pensa que unha reintegración da normativa na do portugués sería un antídoto infalíbel para combater este devalar. Convertería o galego nunha lingua de dimensión internacional e constituiría unha eficaz defensa para manternos afastados da mímese do español e das súas perturbadoras consecuencias.

 

sábado, 10 de setembro de 2022

De liberdade e imposición


 por Francisco Rodríguez en Nós Diario:

O meu artigo da semana pasada provocou algún comentario que, malia non ser representativo da inmensa maioría dos leitores e leitoras de Nós Diario, manifesta a ideoloxía que emana dos poderes hexemónicos e impregna unha boa parte da sociedade galega. A falta de debate e o estancamento ou retroceso dunha política lingüística a favor da lingua galega recrúa, aínda máis, a ideoloxía hostil a ela, os tópicos que a sustentan. A súa concepción de fondo, por máis que se agoche, en maior ou menor medida, é considerar o galego como lingua prescindíbel, eliminábel e impertinente a efectos do uso para todo. A única lingua que debe gozar do status de necesaria, útil e obrigada para as administracións públicas, e na vida social formal, é o español. Non resulta difícil axexar este rostro real nos discursos e na práctica dos que braman contra a aspiración de facer do galego un idioma de uso social corrente en todas as funcións no seu propio territorio, na súa propia sociedade, no país en que se orixinou. Tampouco podemos esquecer os conflitos que teñen que padecer os utentes do galego só por selo na súa propia sociedade, como exercicio práctico desa aspiración, nunha atmosfera de desamparo e indefensión. O que algúns consideran paz lingüística non é máis que o reforzamento dun statu quo letal para o idioma propio do país. É abenzoar o retroceso dos usos sociais do galego, e a acomodación a esa idea de o galego ser prescindíbel, como forma de aforrar conflitos.

 

sábado, 3 de setembro de 2022

De política lingüística


 por Francisco Rodríguez no Nós Diario:

Hai días lin una entrevista ao Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Evoquei os seus tempos de estudante no Instituto da Estrada. Era, en efecto, un rapaz agarimoso, con capacidade de socialización, con amigos fieis do seu curso, todos eles galegofalantes. Imaxino que algo contribuíu á consolidación dos seus usos lingüísticos o feito de teren algúns profesores que practicaban o galego como lingua vehicular do ensino. Non teño, pois, ningunha obxección que facer ao autorretrato psíquico, que, agora con cargo público, nos ofrece de si mesmo na dita entrevista. Interésame, iso si, comentar, pola transcendencia do tema e a responsabilidade do seu posto, algúns dos seus argumentos para xustificar, en base a unha valoración acrítica sobre a situación da nosa lingua, a política lingüística oficial. Debo recoñecer que me sorprendeu a facilidade con que, desatendendo o mínimo realismo, accede ao mundo da ficción, por non dicir da fantasía, ao tempo que coloca no campo do catastrofismo as análises e argumentacións que aluden e referendan o retroceso alarmante dos usos do galego nos trinta últimos anos, e, en especial, os quince últimos. Neste sentido, calquera utente habitual, isto é, con orientación social unilingüe na Galiza, comproba todos os días este retroceso cuantitativo, quer no aspecto etario quer no espacial e mesmo no referencial e emocional, se se quixer, no ideolóxico. Entre as consecuencias do proceso de globalización (aquí inseparábeis dunha maior españolización asimilista) e a política lingüística da Xunta e do Estado, o resultado non podía ser outro. Hai forzas de resistencia, si, medre da adhesión consciente ao idioma, si, larvada pola dificultade para vivir usándoo sempre aquí; tamén hai máis usos formais escritos e audiovisuais. Porén, o peso, a incidencia destas melloras no conxunto social é pequeno, e desde logo sempre produto do esforzo individual e privado.

 

sábado, 11 de xuño de 2022

Apartheid lingüístico


por Francisco Rodríguez en Nós Diario:


Todos os pobos teñen as súas virtudes e tamén as súas lacras. Todos somos resultado de procesos históricos que levaron a cada un a situacións distintas, específicas, en moitos aspectos, desde o económico, social e político, até o cultural e lingüístico. Tratándose de pobos que non teñen Estado propio, a diversidade tamén caracteriza as formas de comportamento, a actitude, en cada caso, que manteñen verbo da propia realidade nacional e a integración no Estado que non as recoñece, os distintos sectores sociais, e moi en concreto as elites. Ten causa esta diferenza. Poderíamos comezar por termos presente o momento histórico en que se iniciou o proceso de dependencia ou subordinación da nación. Neste sentido, lembraba Castelao, con acerto, que, en contraste con Cataluña e Euskadi, Galiza "foi asoballada antes –con séculos de diferencia–e despois porque lle faltaron os órgaos vivificadores da conciencia nacional" (Sempre en Galiza, Libro II, 1940). Estes órganos vivificadores teñen moito a ver, sen dúbida, coa articulación social e institucional e a forma de funcionar, ao servizo de que e de quen. Por tanto, podemos dicir tamén que coa forma de funcionar a economía do país, isto é, quen se aproveita del.

sábado, 6 de novembro de 2021

Cinismo e castigo

Por Francisco Rodríguez no Nós Diario: 

Calquera persoa galega con conciencia lingüística práctica, isto é, utente do idioma galego como norma na súa vida social, sabe da precariedade que o acompaña, en especial cando acode aos servizos públicos: falta de protección e amparo, exposición a tratos discriminatorios, vexacións e desprezos. A cuestión de fondo aboia sempre: o seu idioma, con excesiva frecuencia, non atopa correspondencia na resposta oral ou documental escrita que se demanda ou necesita, mesmo tendo que asinar a conformidade e pagar do seu peto. O resultado é que, malia o devandito, a persoa pode seguir mantendo o uso oral ou escrito do galego no que del depende. Porén, tenderá a resignarse, a non ser en ocasións propicias por ser posíbel o diálogo, a aceitar que o atendan en español.

sábado, 1 de maio de 2021

Unha cuestión vital (I)


 por Francisco Rodríguez, en Nós Diario:

Queremos galego vén de convocar unha mobilización popular para o 17 de maio na Praza do Obradoiro co lema Queremos vivir en galego. Expresa así a vontade dun significativo sector da sociedade galega que, malia todos os limites, coaccións e exclusións que o uso da nosa lingua soporta, é dicir, os seus falantes, con conciencia da situación opresiva ou sen ela, non está disposto a renderse, a renunciar aos seus dereitos individuais e colectivos, como pobo. Un deles, vital, é gozar a nosa lingua dun status de normalidade no propio país, deixarmos de vivir como estranxeiros na nosa patria. En efecto, pretendemos vivir en galego, sen os poderes institucionais ou económicos, ignoraren e esmagaren, como fachendosos poderes coloniais, os nosos dereitos lingüísticos, insensíbeis, de costas nada menos que á lingua que nos define e identifica como galegos e galegas. Símbolo da nosa realidade enteira como pobo, é síntoma tamén da consideración que nos temos a nós propios e a que lle merecemos aos demais.

 

xoves, 1 de decembro de 2016

Sicixia

por Francisco Rodríguez, en Terra e Tempo:

É grato ter boas novas. Noticias que falen da nosa capacidade como pobo. Dá satisfacción saber de obras e actividades que expresan autoestima, confianza no país, esforzo e vontade de valernos por nós mesmos en todos os ámbitos. Nunha palabra, constatar que existimos como pobo que desexa seguir sendo, acadando un nivel de conciencia e responsabilidade que desenvolva todas as nosas capacidades, en todos os aspectos.

luns, 12 de setembro de 2016

Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

Hai agora corenta anos que vía a luz unha obra de referencia na sociolingüística galega contemporánea: Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, cuxo autor é Francisco Rodríguez. Subtitulada A situación do galego como síntoma, a publicación, saída orixinariamente en Xistral, increméntase, agora, en Laiovento, para o que é a quinta edición, cun rico e amplo material. Trátase dunha edición corrixida e acrecentada, na cal se manteñen as grafías orixinais dos traballos que incorpora.

sábado, 3 de xaneiro de 2015

A situación do noso idioma: o fondo da cuestión

por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:


Por máis que é gastado, repetido e esperábel, non me acabo de habituar á hipocrisía e ao cinismo de quen, mantendo unha posición de hostilidade obxectiva contra o idioma do país ou simplemente dedicándose a marear a perdiz, a través do confusionismo verbo da situación lingüística na Galiza, aparentan estar conmovidos, sorprendidos ou preocupados cando a correspondente enquisa, neste caso do IGE, pon en evidencia o acelerado retroceso de usos do galego nos últimos anos, en particular. Especialmente irritantes foron as ladaíñas, que supuraban ao mesmo tempo unha dose descomunal de desvergoña e incuria intelectual, do presidente da Xunta, do Conselleiro de Educación, do Secretario Xeral de Política Lingüística e do Presidente da Real Academia Galega. Parece como se os dados nada tiveran que ver coas políticas que, desde as institucións, se encargan de promover con saña inusitada, até o extremo de privar o noso idioma do osíxeno que unha administración pública autonómica, minimamente identificada co país, debería fornecerlle. Non son precisamente esas políticas, de protección e amparo para os seus usos, como idioma oficial que teoricamente é, senón de acoso e derrubo, de marxinación absoluta, mesmo no sistema educativo, un dos servizos públicos considerado normalmente como lugar privilexiado para dotar de competencia lingüística na lingua propia e para restaurar o seu uso nas novas xeracións. Non imos describir a penosa hexemonía do español como lingua docente real en todos os chanzos educativos, sexa cal for a lingua familiar ou social do alumnado, nin imos denunciar a nula, por proscrita, desautorizada e reprimida, política favorábel a posibilitar a restauración de usos do noso idioma en todas as funcións e en todos os ambientes. Nunha sociedade onde a Administración de Xustiza é a primeira en pasarse polo forro os dereitos lingüísticos dos utentes conscientes do galego, que se lle recoñecen a un estranxeiro en relación co seu idioma, nun proceso xudicial, non cabe confusión sobre o que pasa. Mesmo esa Administración pode, paradoxalmente, violar con contumacia a legalidade en materia de toponimia, nas súas sentenzas xudiciais, deixando claro quen manda e a súa disposición intransixente a españolizar todo, sen que quede oco para a diversidade orixinaria sequera como unha pegada. Non vou falar do que pasa na vida social e, moi en particular, das posibilidades de procurar traballo: como norma, non hai empresa mediana ou grande onde a pretensión, xa de por si épica pola súa escaseza, de achalo sen agachar o galego, sexa verificábel. Quen fixo ou fai uso do noso idioma en todos os ambientes e para todas as funcións é consciente da súa exclusión, do seu desamparo e da potencial conflitividade que debe asumir en moitos contextos. Só non ve esta realidade quen non a vive porque non o usa ou limita o seu uso a situacións coñecidas, controladas e sen interrogantes.

sábado, 22 de novembro de 2014

A esmorga, un salto de xigante

por Francisco Rodríguez no Sermos Galiza:


Necesitamos falar de nós, construírmos unha imaxe, tamén cinematográfica, do noso mundo, o mundo galego, un anaco de humanidade con dereito a expresarse en plenitude. Desta necesidade proveñen os mellores logros artísticos cos que temos contribuído como pobo no campo da literatura, por exemplo. A esmorga de Blanco Amor, publicada en 1959 pola editorial Citania de Buenos Aires, é un deses logros, significativo por moitas razóns. Gustaría de subliñar un dos seus aspectos centrais, a forza motriz que a orixinou. Ten moito a ver co noso papel pasado e actual como pobo, coa emigración como fuxida e coa reintegración real ou soñada desde a distancia. Tamén co tipo de sociedade que somos: unha sociedade implícita e explicitamente opresiva, sometida a fortes doses de violencia. E como non, como todo pobo negado ou desprezado, moi necesitados de cronistas que, desde dentro, sexan quen de facer aboiar a nosa verdadeira historia, aquela que as crónicas oficiais ignoran ou desprezan a mantenta.

domingo, 6 de xullo de 2014

Castelao

por Francisco Rodríguez, no Sermos Galiza:

Un non sabe como comezar para dar conta da magnitude da ocultación, a destrución e a ignorancia desprezativa que soportan a figura, a obra e a traxectoria política de Castelao, no marco da xa de por si marxinal e desprezada cultura e historia da Galiza. Só é comparábel á súa magnitude e importancia obxectivas como manifestación artística, cultural, intelectual, ideolóxica e política, que ten como referencia o pobo galego e expresa unha perspectiva galega do mundo. Manifestación e expresión, en moitos aspectos, antitéticas ás dominantes na cultura española da época, como é lóxico, pois se afirman no que esta trata de negar, combater ou ignorar. De entre todos os membros da Xeración de 1916, Castelao é o seu cumio máis sobresaliente, pola súa ocupación multifacética, a calidade da súa obra e a exemplaridade da súa contribución á causa do nacionalismo, que é como dicir á causa dunha Galiza consciente, digna e liberada. Hai moitas figuras senlleiras e mesmo proteicas nesa Xeración, pero ningunha reúne tantos aspectos diversos compaxinados de forma que o resultado puider acadar un valor simbólico tan claro como o de Castelao. Após Rosalía, é a figura e a obra más emblemáticas da cultura galega e, digámolo xa, a que encarnou mellor o esforzo do que debemos entender como política ao servizo de Galiza. É moito dicir no contexto dun período histórico, o da Primeira Grande Guerra, no que se produce, por fin, unha literatura nacional galega plenamente unilingüe e se asentan as bases para contarmos cunhas artes plásticas propias do país. Son manifestacións de mudanzas cualitativas que van parellas ás grandes mobilizacións agrarias a prol da redención ou abolición dos foros e aos intentos de autoorganización nacional, como As Irmandades da Fala (1916) ou a Asemblea Nacionalista de Lugo (1918).

domingo, 8 de setembro de 2013

O comportamento lingüístico de Rosalía de Castro

por Francisco Rodríguez, no Sermos Galiza:


Imos entrar no problema do uso oral do galego por Rosalía e mesmo do escrito en actividades non literarias. A algúns pódelles parecer inexplicábel se non se atende ás circunstancias concretas da nosa sociedade entón, á determinación do pasado histórico e á perspectiva ou vontade organizada ou non da súa superación, así como ás novas determinacións e condicionantes nos comportamentos lingüísticos derivados das nova realidade do Estado capitalista e centralista. No uso literario, Rosalía superou todos os condicionantes diglósicos. A súa obra en galego non está marcada, de forma inexorábel nin cualitativa, pois non detectamos diglosia temática, nin de estruturas ou xéneros, nin de rexistros.

mércores, 24 de abril de 2013

Real Academia Galega

Engadir título
por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:


Ler Amada liberdade, memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, nado en Ferrol no 1931 e morto en Lancaster en 2010, é acceder á posibilidade de comprendermos moito mellor as causas que explican, en boa maneira, a evolución política da Galiza desde a transición até hoxe. Para quen, como min, tivo un compromiso político nacionalista desde a década dos anos sesenta, ofrece unha experiencia, uns dados, unha análise e unha interpretación que axudan a esclarecer por que o nacionalismo galego, nunha das súas ponlas iniciais (o PSG) foi un proxecto fanado, e aporta, por contraste e de forma implícita, claves para explicar as dificultades para a outra ponla, a UPG. Faino dunha forma moi suxestiva e eficaz, porque non depende de ningún criterio orgánico. Desprende así arrecendo de liberdade e independencia de criterio, no senso de que só está supeditado ás conclusións das súas experiencias persoais, e a unha perspectiva desde fóra, que non anula nin o entusiasmo nin a preocupación polo país. Verdade é que de aquí tamén proveñen tamén as súas limitacións.

mércores, 20 de marzo de 2013

Rosalía e nós

por Francisco Rodríguez no Sermos Galiza:


Vimos de pasar unhas semanas nas que o nome de Rosalía resoou con máis frecuencia e intensidade do que é habitual. Algunhas autoridades gobernativas e institucións oficiais, alén de persoas particulares, con maior ou menor incidencia pública e con algún ou ningún coñecemento de causa, de boa ou mala intención, apuntáronse a un ritual de retórica loadora, normalmente dentro dos límites do permitido. En moitos casos, dou a impresión de estaren aparentando reverenciar, sen moito entusiasmo e menos convicción unha figura considerada, para dicilo con palabras escoitadas recentemente, “Nai de todos”. Alguén que se converteu nunha especie de comodín que libera ou anula de todas as contradicións e inconsecuencias que vivimos verbo do propio país. Porén, a realidade é teimuda e vennos replicar que é anormal e inconsecuente, fóra de hábito e costume, negado polos feitos, pola experiencia, este súpeto amor rosaliano de algúns.

mércores, 6 de xuño de 2012

22 páxinas!!!

por Francisco Rodríguez, en Sermos Galiza:

Teño contacto cos xornais desde moi noviño. A miña afección ao cinema levoume a, con menos de dez anos, procurar información sobre as estreas cinematográficas en Madrid, que se producirían máis tarde en Ferrol, a través dos anuncios propagandísticos que aparecían na prensa madrileña, primeiro, e logo na ferrolá. Folleaba, pois, xornais de Madrid atrasados e de Ferrol ao día, nos anos cincuenta, franquismo pleno. Nunca fun un afervoado do fútbol, mais inevitabelmente detectei o importante espazo informativo que ocupaban entón os partidos das equipas de primeira, e mesmo, a nivel local, os de segunda división. Como os detecto hoxe, aínda sen querer...Entón como hoxe, unha información abafante e desproporcionada, tanto en relación con outros temas vitais, como en relación con outros deportes. Porén nunca, nos meus case sesenta anos de contacto con xornais impresos, vin despregue semellante ao feito polo xornal de máis tiraxe da Galiza co gallo do ascenso do Deportivo a primeira división.

martes, 8 de maio de 2012

A nosa barbería

por Francisco Rodríguez, encol do cerne da cuestión (identidade e lingua), no Sermos Galiza:

Así rezaba o rótulo en letras maiúsculas situado na parte superior da única ventá, xustamente dentro do espazo das fiestras de cristal para abrir e cerrar, da barbería que frecuentaba, cando era un pícaro de entre cinco e sete anos, perto da miña casa na Malata, Serantes, concello de Ferrol. É o letreiro que produciu maior pegada no meu cerebro, a máis obsesiva e constante, de neno alfabetizado. Para min resultaba algo indescifrábel e misterioso, que á forza debía estar relacionado co labor hixiénico que se prestaba naquel local. O letreiro estaba constituído por dous corpos, de acordo con cada unha das follas de cristal da fiestra: A NOSA, por unha banda; BARBERÍA, pola outra...

xoves, 28 de xullo de 2011

Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas

Libro da AS-PG editado por Xistral no15 de marzo 1980, na véspera da celebración da marcha sobre o Foxo (A Estrada) baixo o lema "polo uso irrenunciabel do noso idioma, contra o decreto de bilingüismo", convocada pola Asamblea Nacional de Ensinantes de Galicia.
Autores: Luís V. Aracil, profesor de sociolingüística da Universidade de Barcelona,  María Pilar García Negro, profesora no Instituto Eusebio da Guardia, Francisco Rodríguez, profesor no instituto d´A Estrada, Pilar Vázquez Cuesta, profesora da Universidade de Salamanca, e Carvalho Calero, profesor da Universidade de Santiago.
Un libro para ler coa perspectiva dos 31 anos xa pasados desde a súa publicación.

domingo, 10 de xullo de 2011

Códice Calixtino: oh!!

por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:

A existencia do Códice Calixtino, como todo o patrimonio histórico-cultural, material ou inmaterial, de Galiza, foi descoñecido, ignorado ou menosprezado pola inmensa maioría dos galegos e galegas. Así adoita pasar en toda colonia que o é sen recoñecelo. O seu recente e estrafalario roubo veu impactar mediaticamente na sociedade galega, como unha sorpresa de pasmo e admiración, á vista de que voces autorizadas e oficiais subliñaron, compunxidas, a importancia desta xoia da literatura medieval en lingua latina e do seu exemplar máis antigo depositado no Arquivo da Catedral de Santiago. Certamente contén prodixiosa información histórica, relixiosa, musical, poética, artística, social e mesmo económica sobre o século XII na Galiza e na Europa.

Bebamos na súa fonte. Tiremos do libro información. Por exemplo, Viseu, Lamego, Coimbra, Lugo, Ourense, Iria, Tui, Mondoñedo, Braga, Guimarâes, Coruña e Compostela son consideradas todas elas cidades galegas. En contraste, cando enumera outras de distintos puntos da Península que non son a Galiza histórica, denomínaas españolas. Alguén murmurará: que disparate! Para o autor ou autores do texto, seguramente da Galia, os galegos acomódanse máis perfectamente ao seu pobo galo, que os demais pobos da Península, aos que considera de atrasados costumes. Outro rosmará: que barbaridade! Atribúense ao Papa Calixto II palabras que sitúan a Galiza no mesmo campo e categoría semántica que Franza, Alemaña, Italia, Hungría ou Dacia (Romenia). Un terceiro explotará: que esaxeración!!! Afonso VII é denominado emperador de España e de Galiza. Digo eu que ben o sabería o Papa Calixto, irmán e curmán, respectivamente, dos condes Raimundo e Henrique, gobernadores consortes da Galiza histórica, por seren xenros de Afonso VI. Raimundo e Urraca eran o pai e a nai do futuro emperador, nado en Caldas de Reis, coroado por vez primeira na catedral de Santiago. Nin disparates, nin barbaridades, nin esaxeracións. Simplemente, consideracións e observacións conforme á realidade daquel tempo e o noso papel, non precisamente marxinal. En fin, para o Códice Calixtino Galiza é sempre a nación, a terra, o pobo, entre outras moitas e moitos europeos que tamén se nomean. Curiosidade: a sidra era entón a nosa bebida nacional por excelencia...
Felizmente, malia espolios sen miramentos, a Basílica Compostelá posuía até agora o máis antigo e valioso manuscrito desta composición do século XII. Era un dos Códices máis preciosos de toda Europa. A maior proba de desprezo real por esta xoia é a ignorancia sobre o seu contido, a desconsideración oficial polo que di. Esta ignorancia e descoñecemento, que nos consume, é a que alimentan precisamente os que nos abafan continuamente con cantos sobre a nosa españolidade. Así sempre desaparece a nosa historia, o noso papel na Península e no mundo, malia a contundencia das probas. A nosa condición de galegos e galegas nunca acada categoría política de seu nen relevancia como colectividade ou pobo. A información do Códice Calixtino é xustamente a que se agocha no sistema educativo, nos medios de comunicación. É a que se censura para construír unha conciencia social manipulada e servil. Por que Galiza non figura na historia medieval oficial e escolar coa relevancia e o papel que o Calixtino revela? Por que tanta censura e desprezo destinados a eliminarnos como pobo, nación ou terra con historia e tradición relevantes?

O espectáculo mediático prefire centrarse no caso como o dun outro roubo dunha xoia cultural de grande, incalculábel, valor monetario. Intentan centrar a atención social na investigación policial, learnos nun suspense con morbo paifoco e estrambótico. Postos a ser estrafalarios, adianto a miña sospeita de que o Códice aterrará misteriosamente no Vaticano. O furto podería ser obra do Espírito Santo inspirado polos ciumes de Roma por Compostela posuír un exemplar de maior valor. Non é broma, trátase de obra atribuída a un Papa e pode ser que, polos corredores vaticanos, aínda resoe a competencia, de todo tipo, que representaba Santiago en tempos remotos. El será tamén que repararían na incautación perante o hipotético, pero real, perigo de que, inspirándose no Códice, o pobo galego pretenda asumir identidade, carácter e vontade? Esta hipótese goréntame máis. Como lles dixen, o roubo material engádese ao perpetrado, desde hai séculos, sobre a historia que contén. Quen a furtou? Con expresión inmaterial, pero de base material agresiva, digamos que a españolidade, á que serven e adulan moitos galegos e galegas renegados, que van de cultos. Fagamos que o impacto informativo redunde no esforzo colectivo por recuperar con incidencia e forza social a historia que nos negan. Galiza necesítao. 

luns, 4 de abril de 2011

Desde o labirinto a Rosalía

por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:

Estes días anda a presentar Francisco Rodríguez o seu libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria. Malia o importante suceso que supón para a cultura galega, poucas destas presentacións en cidades e vilas contaron nin van contar  co debido  eco dos medios de comunicacións de masas. Mais  han contar coa axuda de todos nós, das asociacións culturais de base, de entidades pedagóxicas, organizacións sindicais de profesorado, organizacións xuvenís... Da mellor maneira posíbel para  facermos chegar a figura e a obra rosalianas até o último curruncho da nosa patria.

O pasado 4 de marzo  comezou a singradura na cidade de Ferrol.  No Salón de actos da Fundación Caixa Galicia, ateigado de público, tivemos ocasión de lembrar como estudos tan monumentais como o de Francisco Rodríguez sobre Rosalía non nacen senón dun esforzo perseverante de moitos anos e de moita dedicación na vida dunha persoa. Considereime afortunado dobremente, en primeiro lugar por poder compartir  o proceso de elaboración do libro editado pola AS-PG, lendo os capítulos a medida que ían sendo redactados, xunto con outras persoas, sen haber lugar á reserva e ao pudor de dar a coñecer antes de publicar,  cousa  que é de agradecer. Tamén  tiven a sorte de coñecer de primeira man nos últimos trinta anos as preocupacións constantes e os descubrimentos de Francisco Rodríguez sobre a obra e a figura de Rosalía. Coido que todos os que o coñecemos un pouco  saberemos valorar ese labor iniciado nos anos setenta e que agora ten unha feliz culminación nesta obra publicada a pouco de conmemorarmos o 125º aniversario da súa morte.

Non pode entenderse, desde logo, sen  recoñecermos o traballo rigoroso previo de análise minuciosa  e comentario  dos textos rosalianos, un labor practicamente consumado na década dos setenta.  A comezos dos anos oitenta, concretamente no curso 1980-81, tiven a sorte de coñecer no Instituto de  Bacharelato  da Estrada un xeito novo de vivir a literatura a través dos seus comentarios literarios,  dun xeito especial sobre  poemas  de Rosalía.  Era  un enfoque directo, intensivo,  que daba prioridade ao coñecemento  centrado nos textos básicos ou máis representativos. De aí partía a motivación principal para aproximármonos  logo  pola nosa conta a outros aspectos máis secundarios, a aspectos biográficos, históricos, a outras obras  e a outros autores. Lembro fundamentalmente de Cantares gallegos Castellanos de Castilla, A gaita gallega, de Follas novas, Xan, ¡Soia!,  Tembra un neno no húmido pórtico, Pelouro que roda...  entre outros.

Naqueles duros comezos dos anos oitenta, moitos de nós, formabamos unha grea de mozos e mozas  inadaptados e condenados a vagar, perdidos no labirinto da vida. Grazas á aquela toma de conciencia a través da literatura galega, moi especialmente de Rosalía, conseguimos saír da confusión e recoñecérmonos como galegos. Non en balde, na propia lapela do libro faise referencia a ese "labor docente de impacto moi positivo". A partir de aí viría o noso interese polos outros clásicos do Rexurdimento, por autores do século XX como Cabanillas, Castelao, os membros do Grupo Nós, Blanco Amor, etc.

No mesmo  1980, conmemorando o centenario da publicación de Follas novas, Francisco Rodríguez publica en A Nosa Terra  (nº 106) un sintético e  contundente artigo, que pon de manifesto unha comprensión avanzada do significado do noso clásico por excelencia: "Rosalía: cen anos de resistencia contra  da hipocrisía burguesa". Unha mensaxe tan nidia, insistimos, só é posíbel tras "unha exhaustiva e reiterada  lectura e análise dos poemas",  xunto a moitas intervencións públicas en actos de todo tipo, conferencias, algunhas en sitios insospeitados, no medio do monte, como di el na introdución ao libro.

Por aquelas datas, intuímos tamén que descubrindo a Rosalía era posíbel  descubrirmos un xeito  de ser rosaliano, onde non quedaba lugar para a simplificación en ningún eido da vida nin no máis íntimo nin  no ideolóxico. En Rosalía estaba todo, un universo complexo que ía desde o social ao máis particular, que nos permitía abrirnos á comprensión de moitos conflitos  que aínda desacougan ao ser humano. Mais, por riba de todo,  estaba  o exemplo, a actitude de rebeldía e de transgresión dunha muller que  expresaba case todo o imaxinábel desde a lingua dos oprimidos e para a pervivencia da patria. Que chegaba -como puidemos ir descubrindo pouco a pouco- até a beira dos abismos, dos misterios e do inefábel....

A partir do ano 1983, o labor investigador de Francisco Rodríguez, sustentado en fondas conviccións, vai dar o salto cualitativo definitivo:  a necesidade de contrastar con datos extrínsecos  e contextualizadores  o que xa era unha interpretación avanzada do sentido da obra rosaliana. Un traballo cheo de entusiasmo -tamén de dificultades, segundo lembramos-, de tenacidade, que deu como resultado a súa tese de doutoramento, publicada comoAnálise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro en 1988,  tamén pola AS-PG. Foron moitas as horas de empeño nas que o autor analizou os materiais (xornais, revistas) de máis dunha ducia de arquivos e hemerotecas en Galiza e no resto do Estado. O tribunal presidido por Carvalho Calero e composto por Pilar Vázquez Cuesta, Claude Henri Poullain, Xosé Ramón Barreiro e Anxo Tarrío foi unánime ao salientar o importante acontecemento cultural que representaba este  fito renovador nos estudos rosalianos. Supoñía, como nós dixemos tamén, devolvernos ao camiño da imaxe real de Rosalía, podendo establecermos un antes e un despois desta peza clave da historiografía literaria galega.

Naquel momento sinalamos que estudos desta dimensión só son posíbeis en quen dispón non só dunha metodoloxía axeitada, senón tamén dunha sólida e interdisciplinar formación (historia, economía, filosofía, psicoanálise...). En moitos casos cubrindo carencias, indo ás fontes máis directas, como no terreo histórico en que se constata o escasamente estudados que están algúns  fenómenos da historia de Galiza.  Francisco Rodríguez  xa daquela denunciaba nesta obra que a historiografía galega non se tivese ocupado en condicións de ordenar o interesante debate sobre causas e consecuencias da emigración no século XIX con ampla presenza na prensa da época, e que daría para un amplo volume.

No momento da súa publicación, Pilar García Negro, nun artigo titulado  "Rosalía de Castro na visión de Francisco Rodríguez" (A Nosa Terra, nº 370) sintetizaba os principais méritos e aportes daquel estudo: 1) a presentación dunha panorámica histórica  crucial  en que se desenvolve a vida de Rosalía   e  contextualiza a xénese da súa obra; 2) a consideración da novelística de Rosalía (inxustamente marxinada e deostada por outros críticos) como fundamental para entendermos o seu pensamento; 3) a proclamación sen ambigüidades do feminismo rosaliano; 4) a profundidade con que se estudan os poemarios e nomeadamente as partes máis herméticas de Follas novas e En las orillas del Sar; 5) a necesaria aclaración, lonxe de simplificacións, da dualidade lingüística e do proceso de enterramento e beatificaciónpost mortem. Curiosamente a autora facía unha reflexión sintomática a raíz do desinterese das esferas académicas polo estudo da nosa literatura, sinalando que era a primeira tese sobre Rosalía realizada por un galego e defendida na Universidade galega.

O libro que hoxe nos ocupa é unha reinterpretación máis profunda, con ampliación das achegas contextualizadoras, de análise e interpretación. Sen dúbida é o estudo máis completo -non só no plano cuantitativo (máis de setecentas páxinas)- e profundo dedicado a Rosalía. Conta cunha aleccionante  introdución  (A descuberta dunha nova Rosalía)  e cun suxestivo colofón no capítulo 10 (Rosalía, lirio na  rocha). Neste último revélanse aspectos  sorprendentes e pouco coñecidos  até o de agora, moitos deles tirados da correspondencia do casal Rosalía-Murguía e que constitúen parte substancial  do que o estudoso denominaría "unha biografía profunda".

Unha alternativa, para o público  interesado  polas perspectivas máis biográficas, pode ser comezar a lectura por este mesmo capítulo 10 que ilustra moi ben moitas claves para entender a Rosalía. A parte historiográfica na que se analiza o período de case cincuenta anos  que vai  de 1837 a 1885 e mesmo máis alá (referíndose ao proceso de asimilación posterior á morte), resulta fundamental para a contextualización da obra de Rosalía e diríamos tamén para entender ben o noso século XIX.  Na análise das obras mantense un enfoque semellante  que parte da xénese da obra, analiza a estrutura externa e interna na procura do seu sentido e  compleméntase coa función e vida social da obra mesma.

Lembro que a  finais de 1988, a pouco de publicarse  a tese de doutoramento de Francisco Rodríguez a que antes nos referimos, comentábase con sorpresa desde o xornal La Voz de Galicia o éxito  dun libro como este que conseguira instalarse en cabeza no ranking  de máis vendidos. Con certa ironía atribuíase  á "existencia dun público incondicional que ten este profesor de literatura inmerso e protagonista  da voráxine do nacionalismo galego contemporáneo".

Pois da mesma maneira  que procedemos daquela, ante a pasividade do mundo oficial, o silenciamento e a manipulación,  procedamos agora  alentando a difusión desta peza clave na obra colectiva de recuperarmos a Rosalía para o pobo galego e para recoñecérmonos nela como galegos e galegas