Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Goretti Sanmartín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Goretti Sanmartín. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de xuño de 2025

Retorcendo o significado das palabras: neutralidade para que?


 por Goretti Sanmartín, en Mundiario:

Son moitas as ocasións en que a dereita e os sectores máis reaccionarios se apropiaron de palabras connotadas positivamente para exercer o control ou para falsear a realidade. Ao famoso caso da proclamación dunha inxusta “liberdade” que pouco ten a ver co verdadeiro significado de “libre”, podiamos acrecentar o do “plurilingüismo” que o PP utilizou para reducir a presenza do galego, especialmente no ensino. Porque a diversidade lingüística só pode ser unha realidade facendo que as linguas minorizadas, as realmente discriminadas, teñan un apoio importante por parte das administracións. Non é que o digamos nós, nin o nacionalismo galego, nin a Sociolingüística xeral, nin a Academia e universidades. É que é unha evidencia constatada por autoridades europeas que denunciaron as restricións do uso do galego na docencia.

xoves, 15 de febreiro de 2018

O libro galego precisa un cambio político

por Goretti Sanmartín, en La Voz de Galicia:

A situación do libro galego foi sempre un bo termómetro do estado de Galiza como país con conciencia de seu, do esplendor literario, do dinamismo cultural e da galeguización da nosa sociedade. O libro galego, tanto de creación como de investigación e divulgación, só foi posíbel grazas ao compromiso activo e á xenerosidade dunha minoría intelectual con conciencia que nunca lle faltou a Galiza en todos os períodos da súa historia; e, naturalmente, a existencia do libro galego foi posíbel, así mesmo, polo apoio entusiasta dun público lector con fame de cultura en lingua galega, aquí e alén mar, na Galiza emigrada ou exiliada. 

venres, 20 de maio de 2016

As ideas sobre a lingua das Irmandades da Fala. Un proxecto pioneiro de planificación lingüística sobre o galego



Na entrada de onte falaba da enorme importancia das Irmandades no proceso de normalización da lingua galega. Hoxe engado unha explicación demorada e ben fundamentada. Quen lera o libro de Goretti Sanmartín, Nos camiños do entusiasmo, pode xa ter unha idea do contido da conferencia que presentamos aquí. Quen non o fixera, terá na visualización deste relatorio, unha excelente invitación a facelo.
A conferencia forma parte das impartidas en Betanzos baixo o paraugas do Anuario Brigantino. Non foi a única sobre as Irmandades progamada no pasado mes de marzo. Tamén contaron con Xesús Torres Regueiro, con Xesús Alonso Montero e con Carlos-Caetano Biscainho Fernandes

http://anuariobrigantino.betanzos.net/

martes, 10 de febreiro de 2015

"O galego resúltalles un moribundo demasiado lento e molesto", Begoña dixit

por Goretti Sanmartín, no Sermos Galiza:

Hai cinco anos asistiamos a unha reacción social sen precedentes após decidiren os gobernantes do PP comezar unha cruzada contra o noso idioma. Non é unha casualidade que o inicio de todo este proceso se situase no ensino, por máis que porfíen en afirmar que hoxe crianzas e mocidade reciben moito máis estímulos lingüísticos de fóra do sistema educativo, neses espazos de lecer onde "din dirixir" as súas medidas de política lingüística. Porén, o conflito -por algo sería- estivo situado desde o primeiro momento en anular as posibilidades de teren nenas e nenos das primeiras idades unha importante porcentaxe de exposición ao galego e de facer irreal a aposta por un ensino en galego, con competencias exercitadas día a día nas diferentes materias. De aí que fixesen públicas as Bases para o decreto da persecución do galego un 30 de decembro e que non escoitasen as voces nin os pronunciamentos da comunidade educativa, científica, cultural nin asociativa para daren un paso atrás nas súas pretensións. O obxectivo estaba moi claro naquela altura.

luns, 15 de decembro de 2014

Galego a flor de pel

por Goretti Sanmartín Rei en ideas.gal:

Se falamos de facer contas a respecto dos anos de réxime autonómico, é obrigado situármonos, tamén persoalmente, case 35 anos atrás. No curso 1980-1981 eu estaba en 3º de BUP (o primeiro de Bacharelato da actualidade). Tiña aulas de latín e grego en galego. Tamén de Historia, estas impartidas por unha profesora que xa nos dera clase o ano anterior, nese caso de Xeografía, en español. Custounos entender a súa mudanza. Pasamos unhas cantas semanas amargándolle a vida por non entendermos a súa decisión. E iso que falabamos galego e que tiñamos moito profesorado a dar as aulas nese idioma. Non había aínda lingua e literatura galegas como materia. Viña xusto detrás de nós. Entendiamos que nos deran as aulas na nosa lingua quen sempre falara nela, ou quen nós pensabamos que sempre falara nela, pois o ano anterior non reparabamos en que tamén había docentes -como Silvia- que acababan de elixir o galego como lingua de ensino, unha boa parte (non a totalidade) xa para sempre. Viamos Mari Colino como unha muller da burguesía compostelá educada en español e xulgabamos que non existían razóns para ela mudar de lingua. Que pouca xenerosidade tiñamos!, canta paciencia connosco! Afortunadamente demos cunha excelente persoa, unha mestra que chegou a tempo a sentir o galego como propio, igual que o seu tan admirado Otero Pedraio, unha muller que faleceu poucos anos despois vítima dun cancro de mama, daquela con moitas menos posibilidades de curación que hoxe. Tamén esas son contas por botar.

mércores, 2 de abril de 2014

Debatendo sobre emigrar ou resistir. Unha proposta para a primeira sesion dos cursos CELGA

por Goretti Sanmartín Rei, no Sermos Galiza:


Hoxe, 1 de abril, comezan os cursos CELGA en distintas localidades do país. Estes cursos, moitas veces obxecto de polémica, están nestes momentos no centro da crítica: Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deciden prescindir do profesorado colaborador habitual e ofrecer a posibilidade de os impartiren a docentes co seu posto de traballo consolidado. O reclamo para o funcionariado o pagamento como horas extras.

mércores, 15 de xaneiro de 2014

O invento do café con leite morno ao fío de vellos preconceptos

por Goretti Sanmartín, no Sermos Galiza:


Extracto de monólogos nunha cafetaría de calquera cidade galega (mesmo tamén de diferentes vilas):
"Somos moitas aínda as persoas para as que 'morno' é unha palabra común, unha desas que Séchu Sende describiu como palabras en vías de substitución/extinción"

martes, 24 de setembro de 2013

A vontade de procura de estilo, alicerce dunha lingua normalizada

por Goretti Sanmartín no Sermos Galiza:

“Fáltanme anos e perspectiva para definir o meu estilo”, declarou Berta Dávila, a gañadora do último Premio Repsol de Narrativa Breve tras lle preguntaren pola súa obra. Gustei moito das palabras da autora de Raíz da fenda, un poemario que nos revolve, que provoca mil e unha identificacións, que consegue non deixar indiferente ninguén. Son palabras modestas para quen conseguiu unha reedición case inmediata do seu libro, obra de quen sabe que somos un proceso en construción e que cos anos só podemos mellorar. Máis ben que debemos mellorar, esa é a nosa obriga. Esa era a obriga tamén de Xosé Ramón Freixeiro Mato cando decidiu abordar a tarefa de escribir a primeira estilística da lingua galega. E abofé que cumpriu. Berta Dávila non só nos sorprende coas súas palabras, cos seus versos, como o fará coa súa prosa, senón que o fai tamén coa súa maneira de se introducir neste mundo e de se sentir parte dunha perspectiva e dunha cadea. Os meus parabéns para unha obra que Xosé Ramón Freixeiro Mato terá que incluír no seu volume, cando chegue a reedición, porque un grande acerto da Estilística da lingua galega é a unión de textos clásicos e contemporáneos, todos a formaren parte do mesmo volume, da mesma hucha, da mesma gabeta onde irmos tirar. Mais tamén porque hai concomitancias entre algúns dos significados que se esconden baixo o concepto “estilo” e as palabras de Berta Dávila:

venres, 29 de xuño de 2012

Goretti Sanmartin Rei: "Nos camiños do entusiasmo"



Pareceume un bo momento para recuperar esta presentación éste no que a RAG nomeou académica correspondente a Goretti Sanmartín Rei, unha veciña nosa, os seus pais eran os donos da pastelería La Palma, que estudou no instituto da vila estradense e agora é profesora titular de Filoloxía Galega  da UdC así como directora do SNL desa universidade.
No acto organizado pola Asociación Cultural Vagalumes que podemos lembrar reproducindo este vídeo, Goretti acompañada por David Otero e Pilar García Negro, presentaba o seu libro Nos camiños do entusiasmo, publicado por Xerais no 2009. De seguido van algúns apuntamentos sobre o libro.

Acordo normativo
Goretti destaca dous documentos que ben puideron ser utilizados proactivamente para avanzarmos nos eido da normalización lingüística. O primeiro deles é o acordo normativo do 2003. Non foi o suficientemente explotado socialmente desde o momento en que a propia RAG non axiliza a publicación e a divulgación deste acordo. Este primeiro documento representaba un construto colectivo dos galegos que podía marcar o punto de partida para un reintegracionismo lingüístico, fundamental para establecer un modelo diferenciado e diferenciador de lingua para irmos construíndo un modelo de calidade que se enfrentara á asimilación do castelán na que moitos por comodidade e inseguranza se instalan. Non están os tempos para deixarse levar polo conformismo, imponse o esforzo, un compromiso maior entre os utentes da lingua galega para recuperar formas que se están a perder.


Política lingüística
O outro documento que foi desaproveitado é o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado pola totalidade do Parlamento no ano 2006. Segundo a profesora este Plan só se aproveitou para facer unha visión reducionista da sociedade. Nesta liña móstrase moi crítica coas medidas adoptadas pola SXPL, non xa a dos tempos do "bilingüismo harmónico", senón mesmo coa da época máis recente do bipartito. Non é difícil aventurar os calificativos que lle asignaría á política lingüística que sofrimos a día de hoxe que levou ata o paroxismo a falta de  transversalidade das iniciativas da SXPL. A sanidade ou a xustiza, por poñer dous exemplos nada menores,  son ámbitos excluídos da súa influcencia.
Outra eiva está no continuismo na política de subvencións. Subvencións para que? pregúntase Goretti. Normalmente para nada. Sen obxectivos claros, sen xustificación e moito menos, sen ningún tipo de avaliación dos resultados. Éste é o proceder da SXPL. Deste xeito pagamos cos cartos da normalización a bispados ou confederacións de empresarios sen que isto represente ningún paso efectivo na  normalización. Pola contra, nunca se impulsou a galeguización dos medios. Máis ben invertíronse (e continúa a ser  así) enormes cantidades en medios que o único que tiñan de galegos era o papel. O galego por medio da política da SXPL transfórmase nun concepto propio da fuzzy logic e así deixa de ser lingua. Sobra recordar que a única lingua é o castelán.

Só despois de asentadas as bases dun monolingüismo social, o elemento esencial para a construción dun espazo simbólico de unión dos galegos, pode ter sentido facermos referencias ao plurilingüismo.
Confundir a formación lingüística coa política lingüística é un dos maiores males desta última que fica inútil ao reducirse en exclusiva á primeira. Como un dos exemplos comentados no libro temos o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, un saco sen fondo no que se emborcan os cartos da SXPL sen que isto supoña incidencia algunha na normalización lingüística

Goretti indica cal debe ser o verdadeiro papel da SXPL: o de actuar como cabeza e líder da restitución social do galego. Unha restitución que implica un compromiso co uso digno dunha lingua de calidade.


Ramón Vilar Ponte
Goretti reivindica a Ramón Vilar Ponte como o autor dalgúns dos discursos máis sólidos sobre a lingua e liga as aportacións feitas encol das reflexións sobre a lingua no período que vai das Irmandades da Fala ao 1936 coas aportacións sociolingüísticas galegas que desde Ramón Piñeiro, Carvalho Calero, García Negro, Francisco Rodríguez, etcétera, chegan ata hoxe.
Para aqueles que non teñan ningún interese na normalización lingüística  este libro, 'Nos camiños do entusiasmo', sobra. Para os outros é de lectura obrigatoria.
Remato cunha reflexión de Ramón Vilar Ponte extraída do libro de Goretti Sanmartín e que podería poñerse como lema do escudo de Galicia:
'Poucos pobos haberá como o galego que teñan feito tantos esforzos por desgaleguizarse, por perder as súas características nacionais máis típicas e diferenciadoras'

martes, 6 de decembro de 2011

Lingua, Sociedade, Nación: normalización ou substitución. 1

Lingua, Sociedade, Nación: normalización ou substitución é o título dunha xornada celebrada en Pontevedra no ano 2009, organizada polo BNG. Formado por 10 vídeos cunha duración de entre 10 e 20 minutos:

Vídeo 1. Inauguración das xornadas a cargo do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez.


Vídeo 2.  Goretti Sanmartín
 

Vídeo 3. Xosé Manuel Sánchez Rei

luns, 12 de abril de 2010

Censura

Xa comentamos nalgunha outra ocasión que non se podía establecer un ataque ao galego sen que haxa paralelamente medidas de censura e represión. Hoxe presentamos unha tirada do libro Lingua e Futuro, editado por Laiovento e cuxa coordinación foi encargada a Goretti Sanmartín.
Temos aquí a portada do número 56 da Revista Galega do Ensino. Neste número non aparece o artigo de Sabela Rivas Barrós titulado "Un saber ausente unha voz silenciada: a lingua galega na escola (1900-1936)"
Que é o que contén o artigo para que sexa censurado?. En primeiro lugar fai referencia unha serie de decretos e leis sobre a lingua do ensino no intervalo que vai desde mediados do XIX ata o ano 1936. En segundo lugar, e facendo uso de informantes, analízase o uso da lingua galega no ensino no segundo terzo do século XX. Finalmente preséntase a experiencia do proxecto de galeguización promovido polas Irmandaddes da Fala.
Efectivamente, neste pequeno artigo (ocupa 9 páxinas) infórmase de que o " 8 de xullo de 1923 reúnense na Coruña as Irmandades da Fala para tratar unha proposta feita po un dos seus membros, Anxel Casal. A súa formulación consistía na necesidade de fundar e soster escolar que redimisen o pobo galego da ignorancia en que estaba sumido, e ao tempo que servisen para inculcar a verdadeira conciencia galega nas xeracións futuras."
A modo de conclusión a autora sinala que esta "Escola do Insiño Galego creada na Coruña en abril de 1924, que funcionou ata o ano 1930, foi a única experiencia da que temos noticia que levou á prática as arelas galeguistas no tocante á busca dun ensino galego e para Galicia."
Non pode ser que nos anos 20 do século pasado as arelas de ensino en galego creasen un proxecto normalizador sen apoio insitucional ningún, e que a comenzos do XXI, as institucións do goberno galego estén a promover un proxecto en contra da normalización do galego. A comparación é ofensiva, borremos con que nos comparar. Censuremos.

xoves, 25 de marzo de 2010

Lingua e futuro

A editorial Laiovento acaba de publicar o libro Lingua e futuro, coordinado por Goretti Sanmartín. Seguindo o ronsel de 55 mentiras sobre a lingua galega, este volume reúne dez artigos doutros tantos autores e autoras, que, segundo a coordinadora, tentan "ofrecer alternativas á situación da lingua na actualidade e dilucidar "a onde imos, desde un punto de vista empírico".

Carlos Amoedo e Filipe Antonio Díez analizan o borrador do decreto do galego na educación non universitaria, -nun texto cuxa primeira versión foi xa difundida por internet-, mentres que Mariló Candedo pon de relevo como as "bases" do novo decreto se afastan do obxectivo da normalización do galego. Candedo repasa os antecedentes da situación actual da lingua no ensino, e avalía as "bases" do decreto a partir dos informes sobre as mesmas da RAG, o Consello da Cultura Galega, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística, a plataforma Queremos Galego e o marco legal: Carta Europea das Linguas, Plan Xeral de Normalización e Lei de Normalización...