Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta IGEA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IGEA. Amosar todas as publicacións

domingo, 12 de agosto de 2012

Ecolingua: mesa redonda sobre lingua e institucións





Un novo retallo do Ecolingua. Neste caso trátase dunha mesa redonda con Iolanda Veloso (profesora na Universidade de Vigo e concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Vigo), Manuel González (doutor e profesor na USC e secretario da Real Academia Galega), Henrique Monteagudo (membro do Consello daCultura Galega) e Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística), no I Simposium Internacional Ecolingua, celebrado en Vigo os días 17, 18 e 19 de decembro do 2009.

venres, 10 de agosto de 2012

Ecolingua: mesa redonda sobre lingua e política



Ando a revisar algunhas cousas de atrás que son un aire anovador frente ao deserto que estamos a vivir nos últimos anos. Máis dunha vez incluín vídeos dese excelente Ecolingua celebrado hai xa tres anos pero aínda había algún que non recollera neste blogue, quixen recuperalos agora.
Mesa redonda cos deputados Carme Adán (BNG) e Francisco Cerviño (PSdeG-PSOE), no I Simposium Internacional Ecolingua, celebrado en Vigo os días 17, 18 e 19 de decembro do 2009.

venres, 14 de xaneiro de 2011

Axendas en galego, galego na axenda

por Henrique Monteagudo, no diario El País:

Este pasado Nadal ocorréuseme facer un agasallo típico: unha axenda para o novo ano. A axenda tiña que cumprir dúas condicións: que fose bonita e estivese en galego. Percorrín canta papelaría de Santiago e Vigo, e non houbo maneira. Só atopei un modelo en galego, xeitoso para o profesional, pero pouco feituco para un galano. Por que non existe oferta de axendas en galego? Saltará o ultraliberal: porque non hai mercado. Non é verdade. Polo ton de moitas respostas ("non, en galego non temos") decateime de que en varias das tendas outra xente fixera a mesma pregunta ca min.

O caso das axendas serve para ilustrar canto camiño temos aínda de percorrer ata chegarmos a un mínimo limiar de normalidade do galego, incluso en terreos que non teñen que ser especialmente conflitivos. Porque, como tamén mostra o exemplo, contra o que se afirma adoito, para que o galego avance non é imperativo que o castelán recúe. Este falso argumento resulta sumamente contraproducente para o noso idioma. No canto das dinámicas excluíntes do tipo "unha lingua ou outra", temos que aplicarnos a exercitar as lóxicas inclusivas, entre outras razóns porque estas serán beneficiosas para o galego, pois este resultou ser a vítima preferente da exclusión social. Non cómpre dicir non ao castelán para dicir si ao galego, sempre que sexamos conscientes de que o primeiro xa está (im)posto en moitos ámbitos da nosa vida, mentres que o segundo precisa ser (re)posto neles, e precisamente por iso reclama un esforzo e un apoio especiais, que para o primeiro serían demasía.
- Optar polo galego en liberdade. Vista así, a promoción do galego aparecerá como unha aposta orientada a incrementar as opcións de escolla da cidadanía, por tanto, a súa liberdade de elección. Sen igualdade real entre os dous idiomas, non existirá verdadeira liberdade. É moi doado de entender: se un non dispón de axendas en galego no mercado, un non ten a posibilidade de elixir o idioma da súa axenda. Os defensores dos privilexios do castelán non se fan idea da severidade das restricións que padecemos as persoas falantes de linguas minorizadas á hora de ler xornais ou libros, ver produtos audiovisuais, ser atendidos nos comercios e servizos públicos... Dirase: é o noso problema, por empeñarnos en falar un idioma minorizado. Replicaremos: pero a exclusión do galego non é resultado dunha opción libre da cidadanía galega; pola contra, veunos imposta desde arriba.
Así e todo, en moitos eidos podemos avanzar sen necesidade nin de intervención do Goberno, nin de confrontarnos con ninguén, simplemente botando man da nosa creatividade e capacidade de emprendemento. Ás veces a intelixencia consiste en saber atopar en cada momento as iniciativas máis oportunas, e non facer da promoción da lingua unha lideira fatigosa e interminable. Propoño que cara ao 2012, lancemos unha campaña de axendas en galego, e así teremos a posibilidade de facer un presente agasalleiro para os nosos amigos.
- O galego na axenda. Outra cousa que temos que conseguir este ano, aínda máis importante ca a anterior, é colocar o galego en positivo na axenda pública. Pasar dunha posición puramente reactiva, defensiva, de repregamento na trincheira, a unha actitude proactiva, sabendo tomar a iniciativa, abrindo xogo para conseguir máis complicidades e ampliar o consenso social ao seu favor. Isto vai requirir moita reflexión (tamén autocrítica) e moito debate. Ese, e non outro, era e é o obxectivo do informe Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, que, apadriñado por unha nómina ben representativa de plurais sensibilidades galeguistas, publicou a finais de novembro o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), presidido por Anxo Quintana (o texto pode consultarse na rede: www.igea.eu.com/).
Dado que ese informe cuestiona algúns lugares comúns firmemente asentados na mentalidade dun sector do nacionalismo, suscitou reaccións contraditorias. Pero, a pesar dalgunhas tentativas de acalalo ou deturpalo, o informe abriu un debate moi pertinente, as augas fóronse serenando e non tardaremos en concluír, por ampla maioría, que precisabamos un revulsivo salutífero para osixenarnos un pouco. Temos todas as de gañar repensando unha serie de tópicos revellidos e reformulando, tanto no fondo coma na forma, posicións tradicionais que se revelaron inservibles ou contraproducentes. Elemento central daquel informe era a reivindicación do bilingüismo como un argumento eficaz para a defensa do galego, precisamente apoiado en lóxicas integradoras e inclusivas, lonxe das dialécticas da confrontación e da exclusión. Por ese camiño podemos aspirar a gañar o asenso social -no que debe asentar un consenso político verdadeiramente sólido- a favor das políticas públicas de normalización lingüística.
Sen dúbida, manter o galego na axenda durante o ano 2012 vai ser difícil, a non ser que contribúan a facelo, en negativo, determinadas candidaturas municipais. A crise económica vai acaparar o protagonismo. Pero tamén á hora de procurar unha resposta á crise a dereita centralista que goberna Galicia vai constatar a dificultade engadida que supón o discurso público de división e enfrontamento que ela mesma fomentou nos últimos anos arredor da cuestión lingüística. Nunha conxuntura tan difícil coma a que estamos vivindo, cando resulta imprescindible unir esforzos arredor de obxectivos partillados, enxergaremos o prexuízo que se nos deriva da estratexia posta en andamento por aquela dereita antigaleguista para conquistar e manter o poder a base de sementar a división, aventando querelas daniñas e atacando referentes comúns, como é o idioma de noso. Non se decataron aínda que unha lingua é moito máis ca un xeito diferente de falar?
- Relembrando os fundamentos. Agora máis ca nunca, será procedente relembrar a razón última das nosas reivindicacións. Expresouna acaidamente Ramón Piñeiro: "A lingua galega é bandeira da nosa solidariedade moral". O galego non nos interesa nin nos pode interesar só polo galego mesmo. Interésanos porque a súa exclusión é inseparable da marxinación que o noso país padeceu, con grave prexuízo para todos. Interésanos porque a súa perda significa e significaría unha derrota colectiva, que minaría de forma definitiva a nosa conciencia de comunidade. Interésanos porque a súa recuperación só se acadará se conseguimos facer dela un proxecto e unha tarefa comúns, que atinxe a todos, pois a todos beneficiará, e por tanto a todos debe comprometer solidariamente. Porque os éxitos que vaiamos conseguindo nese camiño serán outros tantos esteos da nosa confianza e da nosa autoestima, tan necesitadas de reforzo. Porque esa confianza, esa autoestima e esa conciencia de comunidade que afronta unida retos compartidos son valiosísimos recursos para afrontarmos os difíciles tempos que se aveciñan, para axuntarmos forzas e para pelexar e gañar o porvir. Porque non nos resignamos a que se acale a nosa voz. Porque arelamos ter unha axenda de futuro, como cidadáns e como país. E porque, si, estamos con vontade de que esa axenda de futuro se diga e se escriba tamén no noso idioma.

mércores, 29 de decembro de 2010

A dous que debaten sobre a lingua

por Xabier P. Docampo, nun apunte sobre o debate IGEA,  no Xornal:


Meus benqueridos irmaos: Morto Abel sen descendencia, todos somos fillos de Caín (Barón Rojo, dixit), así que, tarde ou cedo, estamos destinados a nos lear. O demo, cando non ten que facer, sacha os nabos antes nacer, pero non é o caso, porque nós temos moito que facer.
Diríxome a uns e outros porque ambos sodes dos meus, así que non me vou poñer en posturas de aséptico ecleticismo senón no cerne mesmo do compromiso: a situación actual da lingua galega e as necesidades do seu futuro e da súa supervivencia. E non porque no debate no que andades non teña eu unha opinión propia, senón porque, dado que agora pouco ou nada achegaría á causa maior, prefiro gardala e deixala para outro momento máis aquelado.
Porque, cal é a causa maior do asunto? Pregunta ben doada de responder: definir as aspiracións que temos para a lingua galega e deseñar as estratexias, tácticas e accións a poñer en marcha para acadar esas aspiracións. E facelo pensando nos nosos fillos, non en nós, como facían os nosos avós cando plantaban un carballo ou un castiñeiro.
Aspiramos a unha sociedade galega de individuos, como mínimo, plenamente bilingües nas dúas linguas oficiais. O dunha sociedade bilingüe (sen adxectivos!) só se concibe coma a formada por individuos bilingües (aquí si con adxectivo) coordinados. Isto só se pode conseguir cun sistema educativo que garanta a plena competencia en ambas linguas, o que só é posíbel mediante a inmersión lingüística en galego. Algo que até defende o director da RAE, e non o nega nin a recente sentenza do Supremo sobre a lingua vehicular en Cataluña.
Queremos unha Galicia na que a lingua propia sexa a hexemónica e preferente en todos os ámbitos da vida, isto sen perda nin debilitación dos dereitos individuais de todos os galegos e galegas. Queremos que sexa a lingua da administración e que se incremente moito o seu uso no comercio, na xudicatura, no notariado, na prensa oral e escrita, na banca, na igrexa... E isto faise, é certo, con estratexias de suxestión, convencemento e sedución, pero amparadas por leis e normas previas que lles dean respaldo.
E todo simplemente porque estamos en Galicia e, ben certo é que galegos somos todos, falemos o que falemos, temos unha lingua propia que debe ser a primeira e a preferente desde o punto de vista administrativo, legal e representativo.
O tempo non é de liortas nin de definicións teóricas nin de teoloxías sociolingüísiticas, senón de labrar e sementar. É tempo de esixir que se cumpra a LNL (ameazada seriamente polo partido do goberno) e o PXNLG (que no ánimo de derrubalo xa se escoitaran voces que certos argumentos actuais fan lembrar). É tempo de seguir o exemplo do profesorado que segue a dar as súas clases en galego por enriba de prohibicións e de comenencias persoais, e de tantos galegos e galegas que seguen a loitar pola nosa lingua.
Perdoádeme o uso do dedo indicador, pero estades ollando para o lado equivocado. Virémonos e poñamos os nosos ollos nos de enfronte: os negacionistas, os inimigos do galego, os que procuran a súa desaparición. A eles é aos que lles temos que facer saber que só nós somos bilingües, que eles menten cando falan de bilingüismo, de equilibrio, de harmonía, de cordialidade... Que se arrogan o dereito de facer desaparecer a capacidade de decisión dos seus fillos ao negarlles a aprendizaxe da lingua galega... Tanto ten se son podengos os galgos, son cans.
Deixemos os asuntos que temos que dirimir entre nós (que os temos, coma todos) para outros momentos e para outros foros e non metamos o común no debate partidario ou persoal.

xoves, 23 de decembro de 2010

Confesións dunha neofalante loira

por Craig Patterson, quen tanxencialmente volve a tocar o debate do documento IGEA no Galicia Hoxe:


Olivia ten corenta e pico anos. É da Coruña. Seus pais non lle falaron en galego, pero asistiu ela a clases de galego dende sétimo de EXB. Chegou á universidade nun momento convulso, cando a aprobación da Lei de normalización, e parecíalle presenciar un debate entre a Fronte Popular de Xudea e a Fronte Popular Xudaica, analoxía que volve empregar ao falar da situación hoxe. Cando falaba en galego, sempre había alguén que fitaba de arriba abaixo os seus laciños e fasquía depija coruñesa. Por outra banda, sempre houbo xente magnífica que compartiu o seu coñecemento, e grazas a eles os neofalantes coma ela gañaron confianza. Cre que a lingua oficial debe ser o galego, e que se debe potenciar o seu uso en tódolos eidos sociais, e especialmente no ensino. Critica actitudes que poden resultar disuasorias, como a excesiva corrección por parte dos galegofalantes máis militantes no monolingüismo. Critica as políticas lingüísticas por seren tepedamente displicentes (as da dereita) ou por fomentaren a crispación, máis cás solucións (as do nacionalismo).
Hoxe fala galego moito máis amiúdo no lugar de traballo. Séntese cómoda nas dúas linguas da súa contorna, aínda que confesa que ás veces lle dan ganas de mandar todo a tomar vento. Refírese aos uns, que queren que a súa cidade se chame La Coruña, e aos outros que rexeitan o feito de que Galicia ten dúas linguas. O mellor que se pode facer, pensa ela, é asumir a normalidade da situación: canto máis fale coa xente en galego, moito máis se falará. Matiza: canta menor "militancia desaforada", mellor resposta. Nese sentido, pensa que o informe IGEA tranquiliza a xente coma ela, que a fin de contas é representativa dunha boa parte da sociedade galega, dos que fan tímidos esforzos por falar. Mentres os neofalantes se sintan ameazados, afirma, imos mal. Ela fala da necesidade de xente de consenso, sensata, que saiba achegar unha mensaxe de tranquilidade á poboación xeral, se queremos que o galego chegue a ser a lingua principal do país.
Eu non concordo con tódalas opinións de Olivia. Pero si creo que son representativas dun sector da poboación ao que o nacionalismo debería achegarse politicamente para dinamizar e protexer a saúde da lingua a moi longo prazo..

mércores, 22 de decembro de 2010

Galego: a que e a quen queremos axudar?

por Pilar García Negro, noutra volta ao debate sobre o documento IGEA, no Xornal:

No mes pasado cumprín un ano como colaboradora deste xornal. Recordo que no primeiro artigo publicado, referinme a dous Eduardos, o primeiro cunha vida iniciada no inicio do século XX e terminada no seu final; o segundo, cunha vida iniciada nos primeiros anos deste século. Se o primeiro viu rompido abruptamente o seu monolinguismo galego inicial, na primeira socialización, desde o momento de pór o pé na escola, e esta funcionou como a primeira plataforma desgaleguizadora e impositora do español, prólogo de moitas máis ausencias e erradicacións da lingua galega, o segundo, monolíngüe galego, neste caso, cen anos despois, por vontade dos seus pais e respeito ao galego do seu contorno máis achegado, tamén se fixo “bilingüe” unha vez que iniciou o ensino infantil. Nen sequer fai falta unha mestra directamente castelán-falante: abonda con que o pequeno, como debe ser, non viva nunha burbulla e ouza o que falan os seus pares, os amigos, pais e familiares destes, comerciantes, radios, televisións… para que o omnipresente español penetre na súa mente e na súa fala e se impoña como o normal ou, como mínimo, tan normal como o que el ouviu e ouve decote na súa casa.
Velaquí a primeira fenomenoloxía do bilingüismo á galega. É ben certo que este pequeno ou pequena, de adolescente ou adulto poderá recuperar o uso volitivo do galego, sendo, por tanto, ben valioso todo o depósito de lingua aprendido na infancia. Para que esta socialización en galego prospere e sexa algo máis do que unha ocasional evocación, cómpre ou ben un reingreso no mesmo porque social, política, laboralmente… se pode perceber como útil, isto é, porque unha instancia con autoridade e poder o impón e a fala individual adáptase a un modelo de pauta galega, ou ben un exercicio consciente do galego, en virtude do cal se sobreactúe, oferecendo unha imaxe de uso do galego para todo que poda funcionar como imán de novos falantes e contrarreste a normalidade reinante.
Ben sei que co descrito non se ilumina nen de lonxe unha realidade como a da situación da lingua galega na actualidade e non se me ocorrería facelo no espazo e características formais dun artigo, por longo que este sexa. Dáse a circunstancia de que levo escritos algúns centos de páxinas ao respeito, en libros publicados que se poden localizar e ler, onde as bases epistemolóxicas da análise que practico están dabondo aclaradas. Claro está que ao ser o da lingua unha cuestión colectiva, que a todos atinxe, e non un problema técnico exclusivamente, esforceime por alentar unha práctica concomitante coas necesidades que se desprendían daquela análise: todas e todos, en definitiva, somos parte do problema e podemos aspirar a sermos parte da solución; ninguén se pode reclamar da parte de fóra e moito menos academicamente. O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, Sempre en galego, Direitos lingüísticos e control político ou De fala a lingua: un proceso inacabado son algúns títulos que os interesados en coñeceren e avaliaren as posicións teóricas e a actuación social e política que defendo poden consultar. É ben certo tamén que, como o camiño se fai andando, os meus trinta e cinco anos de oficio docente, con uso do galego como lingua vehicular (e durante quince anos para materias diferentes da lingua e da literatura galega) proporcionáronme unha excelente base de aprendizado, de revisión de tácticas ou de procedementos e de corrección e mellora da propria oferta pública do galego. Non é menos certo que, durante catorce anos consecutivos, como deputada que fun do Parlamento de Galiza, por delegación da organización que representei, o Bloque Nacionalista Galego, tiven ocasión de comprobar ben de perto que a cuestión da lingua existiu porque esta organización e eu mesma no seu nome a suscitamos, como tiven a oportunidade de verificar, un día após outro, a dureza e inflexibilidade das posicións, por vía de regra, dos partidos españois, atentos sempre, por norma, a que nen simbolicamente o galego ocupase un lugar que pudese rabuñar o imperio da lingua oficial do Estado.
Se recordo todo isto, non é por compor nengún catálogo de méritos, senón porque o último artigo de Henrique Monteagudo neste xornal (18 de Decembro de 2010) confunde todo lamentabelmente, nunha zarapallada de difícil dixestión. Comezarei por lle recordar algo elementar: os bípedes humanos que encaixamos dentro do xentilicio “galegos” temos conquistado desde hai algún tempo o dereito de cidadanía, que substituíu afortunadamente o conceito de súbdito ou de vasalo. Quero dicer que raia no indefiníbel que me atribúa “falla dunha mínima ética do debate” por ter sido eleita grazas (¡!) ao seu voto. Señor meu, vostede non me votou nen eu llo teño, caciquilmente, que agradecer. Vostede, no uso da súa liberdade, votou pola opción política que mellor supuña que representaría os seus intereses e ideas, isto é, nunha medida, votou por si mesmo, como facemos todos cando exercemos o dereito de sufraxio, e eu, naturalmente, non fun dona da miña deputación, senón, como me encarguei moi moito de recordar no acto público da miña demisión, exercín e desempeñei o meu cargo por delegación da organización que me confiara esa responsabilidade e pola porción de povo galego que a apoiou. Nada a ver, xa que logo, coa coñecida vasalaxe universitaria, por exemplo, en virtude da cal o “xefe” coloca os subordinados-as para que toda a vida lle deban o favor…
En segundo lugar, asoma descaradamente a contradición cando H. Monteagudo se declara veterano militante do nacionalismo e concentra boa parte do seu artigo (como do mesmo informe do IGEA) en deostar unha parte fundante dese nacionalismo, a Unión do Povo Galego, grazas á cal el atopou organizacións en que militar precisamente. Cuerpo a tierra, que vienen los nuestros!, ironizaba co seu característico humor o finado de Pío Cabanillas. Por moito que saiba de onde procede e a onde quer chegar tal práctica de zunia introproxectada, non dou entendido cabalmente tal énfase na repulsión do idéntico, tal axuda directa aos que penalizan e satanizan adoito o nacionalismo galego como produto político indesexado para o reino do bipartidismo. Mais é que, ademais, o xogo que H. Monteagudo practica é vello e coñecido dabondo. Consiste en caricaturizar, a base de sofismas, a posición que se quer refutar ou ridiculizar para así poder basear supostamente a razón do ataque que se lanza. ¿Cómo se poderá conviver, ou tan sequer aturar, politicamente, no seo da mesma organización tal colección de repugnancias (sectarismo, manipulación, alerxia polo diálogo, compulsión de control…) como as que o autor do artigo atribúe ao partido mencionado? ¿Será unha vertente do sadomasoquismo descoñecida.
De modo e maneira que a orixe do debate, un informe dun instituto privado, pretensamente técnico, pasa a ser reinterpretado polo proprio autor na clave, seica, verdadeira: nada menos que a “revisión” do discurso político-lingüístico do nacionalismo. E, se non che parece mal a pregunta, ¿ti quen vés sendo para “revisares” o idem? Explícome. Como militante, terás todo o dereito do mundo a, nas asembleas e nos órgaos correspondentes do BNG, propor todas cantas novas medidas políticas e de acción social se che ocorran para mellorar a aplicación dun programa que nos demos e que non é, por suposto, un papel inmodificábel, senón susceptíbel de todo tipo de prácticas corrixidas e melloradas. Será o conxunto da organización ou os seus órgaos representativos quen así o ratifique ou non. Como autor dun informe, pretenderes “revisar” tal política resulta unha afirmación de tal petulancia e hipérbole narcisista que aforra calquer outro comentario. A obriga, por suposto, do BNG, en sendo atento á realidade en que se move o tema e o problema da lingua galega, será tomar en consideración todos os estudos, informes, ditames, normativas… atinentes ao galego e ao seu futuro e, a partir de aí, renovar, rectificar -se for o caso- ou contrastar a súa política.
Canto ao corpo de ideas novas que dis incorporar, pouco teño que comentar, porque, propriamente non existen. Existe negación, iso si, de conceitos sociolingüísticos que -que eu saiba- ninguén adora por inmobilismo senón por explicativos e rendíbeis para a caracterización científica da situación histórica e actual do galego. Enrubia ter que lembrar que a noción de conflito lingüístico implica “un caso específico de conflito social en que as diferenzas idiomáticas poden converterse en símbolo fundamental de oposición”. Dá apuro recordar que “conflito lingüístico” é unha noción sociolóxica, sociopolítica, que non significa que andemos a losqueadas uns con outros senón que existe un dualismo lingüístico dentro do cal a disimetría de usos e funcións dunha lingua relega a unha posición subordinada e submisa a outra lingua. Unha mínima práctica social, unha mínima escoita da radio pública galega… verifican a pasaxe inmediata ao español por parte de galego-falantes espontáneos, non conscientes, á primeira fala que ouven neste idioma. Contrariamente, aflora tantas e tantas veces a lingua galega cando alguén a fala determinando unha nova naturalidade que contradí e contrasta coa naturalidade imposta: a retracción do galego en canto o español aparece. ¿É isto bilingüismo?
Mais, de novo, non é este o lugar de explicar nocións básicas. Si o é, ao menos polo que a min respeita, de aclarar que o informe mencionado non sei onde provocou “desconcerto”. A min, particularmente, provocoume hilaridade nuns casos e, noutros, lástima, ao prever -como así aconteceu- o ben que o aproveitarían PP e PSOE no seu proprio beneficio, circunstancia non banal que supoño que dará que pensar ao seu autor. Hai partes íntegras que poderían ser asinadas polo actual secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ou polos responsábeis políticos que lle encomendaron o labor que realiza. Se esta coincidencia existise en nome dunha política de mínimos favorábel ao galego, respeitosa e cumpridora da lexislación existente (LNL, Carta Europea…), benvida sería. Mais o que estamos a comprobar un día con outro é a destrución deses mínimos que o nacionalismo galego, por certo, leva anos a reclamar.
A interpretación do bilingüismo, por certo, por parte de empresas recentemente instaladas no noso país, é ben curioso. Unha delas, con estabelecemento aberto na Coruña, ignora o preceito legal da cooficialidade galego / castelán, reduce a presenza daquel á información sobre as tarifas de transporte (¿el será porque se trata de cartos?) e practica un bilingüismo sui generis: sueco / español. De lingua a lingua, si, señor, nada de enredos con dialectos prescindíbeis.
Conclúo amosando o meu acordo total coa necesidade de non reducir a política lingüística que o nacionalismo practique e defenda a “galvanizar” os sentimentos dos xa galego-falantes conscientes e, en troca, excitar toda a pedagoxía de convicción para que os castelán-falantes se incorporen á práctica do galego. Tan de acordo estou que, en xusta correspondencia, reclamo que, se non se debe porfiar no uso redundante, pola mesma non se ofenda gratuitamente a aqueles-as que mesmamente se esforzan, coa súa conduta en galego e pro-galego, en aumentaren o número dos segundos. Agardo ansiosa (que non “furiosa”) que o redactor do informe citado ou calquer outro oferezan positivas propostas de captación e fixación de novos falantes do galego, porque estou algo farta de que se desestimen vellas tácticas e non se oferezan novas por nengures. Agora, iso si, a grandilocuencia que non falte!: o informe citado aparece subtitulado como “reflexión estratéxica”. Isto que escrebo, Henrique Monteagudo, pacientes leitoras-es, non é nen sequer explicación dunha táctica. É, simplesmente, aclaración mínima do que, no fondo, non o merece, isto é, a atribución a unha servidora de falsías e dogmatismos varios, que, precisamente, por levar toda a vida no debate da cuestión, fican derrubados como castelo de cartas. Porque, por certo, eu chámome como me chamo, non “polemista salientable”. Até aí se guinda a pedra e se esconde a man!

luns, 20 de decembro de 2010

A quadratura da língua

por Celso Álvarez Cáccamo, profesor,  encol do debate do documento IGEA, no Xornal:


A polémica atual a raiz do documento de IGEA propondo o “bilinguismo restitutivo” como eixo duma política planificadora tem duas dimensões interrelacionadas: O confronto ideológico intrapartidário e as suas ramificações interpartidárias em termos de alianças tácticas, e as suas bases técnicas e sociolinguísticas, que são cruciais para qualquer proposta galeguizadora que se mantenha. Tanto o documento original quanto as suas defesas mais elaboradas polo próprio autor principal, Henrique Monteagudo, carecem na minha opinião da fundamentação suficiente que sustenha o seguinte: que, para a necessária galeguização das condutas linguísticas do país, o mais apropriado é focar-se também na competência em castelhano (“bilinguismo”). Esta ênfase nas duas línguas e a concorrente confusão entre o estado de cousas (“bilinguismo social desigual”, sem dúvida) e a meta a alcançar não é trivial: é a mesma contida na Lei de Normalización Lingüística, a implementada na filosofia de introdução do galego no sistema educativo como matéria instrumental, e a de todas as políticas de subsídio e “defesa” (não de promoção) dos usos do galego que tiveram um efeito tão negativo nestas décadas.
A quadratura da língua nos textos citados reside em assumir simultaneamente o alvo “estratégico” do “bilinguismo” com uma retórica de oposição à política linguística atual (baseada nesta mesma concepção), e com o recente adubo duma referência ocasional à hegemonia social do galego, que significa à partida um alvo diametralmente oposto ao alvo do “bilinguismo”. O “debate” real não consiste apenas em procurar compatibilizar filosofias tão diferentes, como faz o autor no seu segundo artigo (“O nome da cousa: bilingüismo restitutivo”). Se a reformulação do “discurso” sobre a língua fosse tão necessário, o debate teria consistido (este “debate” já é impossível; agora só se trata dum exercício de desgaste) em que em o ativismo linguístico no seu conjunto (desde as plataformas surgidas após a vitória eleitoral do PP até ao hegemonismo linguístico reintegracionista) impulsasse coordenada e horizontalmente um diálogo sobre essas necessárias novas “bases constituintes” para a intervenção sociolinguística que pudessem ser apresentadas perante e contra instituições só interessadas na minorização do galego.
Mas o problema da posição de IGEA, e de praticamente toda a polémica, é na minha opinião conceptual é de fundo: A desconsideração geral das bases económicas e sociais que subjazem à atual distribuição dos usos linguísticos na Galiza, e, portanto, da previsível direção de qualquer intervenção sobre a língua. O que está em jogo não é uma abstração, destilada de dados quantitativos, sobre a “restituição” de usos do galego nos agora espanhol-dominantes, porque o que está em jogo tampouco é uma “competência” em dous idiomas amplamente intercompreensíveis que, de resto, já oferece instrumentalmente o sistema educativo. O que esteve e está em jogo é o valor do galego para duas funções centrais em relação a uma terceira: (a) o seu papel integrador nas relações sociais diárias e (b) o seu papel para a mobilidade e ascenso social na estrutura de classes, ambas em ligação com (c) o seu valor como referente identitário. Nenhum alvo estratégico de “bilinguismo” resolve isto nem encaixa facilmente na etiqueta de galeguista (em que incluo posições dum contínuo até ao nacionalismo, federalismo e soberanismo), porque, por definição, na dialética do conflito sociolinguístico (que existe), o alvo do galeguismo deveria ser só reclamar a funcionalidade e simbolismo dessa conduta social chamada “galego”, como índice de origem e identificação a vários níveis, para articular relações sociais e económicas, mesmo dentro da lógica do capital. Nem “viver em galego”, como reza o PXNLG, é alvo suficiente: a legislação praticamente garante-o, pois a decisão dum comerciante de me responder em espanhol entra dentro, precisamente, da filosofia da “normalización lingüística” (não do galego) que rege desde há 30 anos tanto a planificação oficial quanto o ativismo e os organismos aliados ao quadro institucional, incluindo a atual posição do IGEA.
O conflito sociolinguístico é uma situação instável cuja existência não pode ser extinguida simplesmente por uma retórica de “convivência” que se manifesta em variadas etiquetas como “bilinguismo harmonioso”, “manifesto pola convivência entre as línguas”, “consenso” ou “bilinguismo restitutivo”. As bases do conflito sociolinguístico são reais e têm como centro esta evidência: a falta de capitalização do galego/português como prática social que pudesse entrar positivamente em jogo para a geração das formas de capital que compõem o mercado, sobretudo capital económico e social. O galego, concebido desde a viragem culturalista do projeto Galaxia (cuja filosofia está a triunfar) como um produto apenas de consumo, só gerou basicamente capital cultural que circula nos campos intelectual, literário, político e técnico (professorado de línguas). Os solapamentos entre as redes destes campos são claros, mais na nossa sociedade polo caráter anómalo da capitalização da língua: sociolinguistas que são escritores/as e políticos/as, professorado que escreve literatura, editores que são professores e figuras políticas, etc. etc. Este capital cultural do galego circula aí, mas é escassamente convertível ao circuíto de mercado mais amplo que determina posições sociais e económicas e essa “mobilidade” “natural” nas sociedades de classes.
Na lógica do mercado, o projeto de hegemonia social dum idioma historicamente associado a certas posições subordinadas de classe acarreta, precisamente, que sirva para reproduzir a miragem de “dinamismo” social e económico e de ascenso supostamente associado à língua dominante: Que “chegar alto”, ou “melhorar socialmente”, se possa canalizar por essa conduta (também linguística) que identifica a pessoa com o imaginário consentido da “nação” que lamina as diferenças. E para isto, evidentemente, as línguas são veículos e instrumentos de conflito social, vocábulo positivo para a mudança onde os houver.

É este enquadramento a que não estão dispostos os setores económicos que acreditam ou pregoam (irrealmente) que só a meio da apropriação do uso da língua espanhola como “integrador comum” (num outro imaginário) e “fonte de ascenso” podem continuar a controlar os recursos coletivos. Das primeiras medidas de Política Lingüística do governo do PP foram descabeçar as galescolas, limitar o valor de capitalização do galego para a função pública, e reduzir a sua presença no sistema educativo para impedir a formação de “neofalantes” que pudessem transmitir o idioma. Trata-se, como com as propostas de renúncia à hegemonia da língua coletiva, de impedir a formação de grupos e classes que, por identificação com o imaginário “galego” frente a “espanhol”, e polas suas condutas linguísticas identificadoras, pudessem chegar a concorrer na distribuição dos capitais e dos privilégios. Trata-se duma forma específica dos mecanismos de seleção social a meio das línguas. E, por isso, nenhuma proposta de ação sociolinguística que conceber o ensino e a competência em línguas diferentes do galego/português (isto é, em espanhol, em inglês) com um caráter além do instrumental (como, a propósito, propunha o velho galeguismo quando ainda não havia interesses económicos em jogo) vai numa direção diferente que a da atual política linguística.

A chave da hegemonia, portanto, está na capitalização do galego/português --tanto da sua forma padronizada que acarreta o valor quanto dos seus usos na economia das trocas linguísticas-- não na preocupação pola competência em espanhol. Na economia do capital, a hegemonia duma língua é a regularização naturalizada do princípio classificador da língua, e, no caso da Galiza, sem romper essa lógica (opção que nenhuma posição aborda) só cabem dous modelos: o atual e dominante, de estensão de “competências” linguísticas em galego suscetíveis de serem atualizadas “polo menos nalgumas interações sociais”, como propõem o documento do IGEA e a filosofia planificadora do PP; ou o modelo da “capacitação” a meio do galego, com a concorrente reversão dos valores (integração, capitalização, identidade) das línguas (isto é, das condutas) em conflito. A procura dum “novo discurso” que não é novo, e cujo efeito nas ideologias linguísticas que sustentam as práticas cada vez mais espanholizadas é impredizível, não soluciona magicamente o conflito sociolinguístico: simplesmente, recoloca noutro lugar as alianças entre os campos político e cultural, as instituições da “Comunidade Autónoma de Galicia”, e os poderes económicos.

sábado, 18 de decembro de 2010

O nome da cousa: bilingüismo restitutivo

por Henrique Monteagudo, que retruca as críticas ao seu informe para o IGEA,  no Xornal:

Onte expresouno moi ben Uxía (o nome é ficticio), cando rematei de presentar na Facultade de Ciencias Políticas da USC un relatorio en que explicaba o documento Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, o xa medio célebre ‘Informe do IGEA’. Uxía, que se presentou á audiencia como militante nacionalista, despois de expresar a súa sintonía de fondo coa proposta do IGEA, lamentábase da encarnizada polémica en curso, e preguntábase: “Como podemos evitar esta loita entre irmáns? Non sería preferible evitar o conflitivo termo bilingüismo por outro menos connotado, como equilingüismo?”. Nunha conversa privada que mantivemos ao final do acto, contoume: “Sabes como me enteirei eu da existencia do Informe do IGEA? Por unha amiga, galeguista coma min, que me dixo: Quintana, Reixa e Monteagudo tolearon!!! Acaban de publicar un manifesto polo bilingüismo!”. Esa amiga de Uxía interpretaba tal defensa como unha claudicación ante o Partido Popular.
Na miña opinión, a anécdota expresa moi ben o desconcerto dun sector non pequeno do nacionalismo galego perante a reivindicación do bilingüismo restitutivo, noción esta que constitúe a cerna do novo discurso a prol do galego que se propón no dito Informe. É obvio que ese desconcerto está a ser entusiasticamente alimentado polo sector do nacionalismo que se sente directamente cuestionado pola nova proposta, que, por simplificar, podemos identificar como o máis próximo á liña tradicional da UPG. Pero non é menos obvio que tal reacción non se pode explicar só por iso, senón que ten unhas motivacións máis profundas, que funden as súas raíces nunha cultura política (e especificamente, político-lingüística) amplamente, e en parte inconscientemente, asumida por boa parte do nacionalismo. Explicareime.
Dáse o caso que esa cultura política fundaméntase nun discurso que no fundamental foi elaborado basicamente por dous dos nosos polemistas máis salientables. Non pode estrañar a súa furiosa reacción, aínda que un non pode tampouco deixar de asombrarse ante a falla dunha mínima ética do debate dunha persoa que foi eleita repetidamente co voto de un mesmo para unha institución democrática tan representativa coma o Parlamento de Galicia. Un, coa súa experiencia histórica ao lombo (militante de diversas organizacións nacionalistas de xeito ininterrompido desde 1976), tampouco pode facer coma quen que non se decata de ata que punto persisten os inveterados tics sectarios, as vellas tácticas manipuladores e a radical alerxia polo diálogo, aliadas a unha ansia compulsiva polo control, daquel sector do nacionalismo político que antes mencionei. Unha cadea de vicios que, lamentablemente, poden volver levar a ruína non só ao BNG, senón tamén á CIG, a Mesa e todo o que se poña por diante. O tempo dirá.
Volvendo ao rego, tentarei de resumir a resposta que dei á amiga Uxía no acto de onte, por se esa resposta pode resultar esclarecedora. Díxenlle a esta militante galeguista que se non fose para revisar os dous puntos centrais do caduco discurso político-lingüístico do nacionalismo, isto é, a concepción que sostén do conflito lingüístico e o rexeitamento do bilingüismo (ao que necesariamente vai asociado, de xeito máis ou menos implícito, a defensa do monolingüismo), eu, persoalmente, non me poría a redactar o texto que presentou o IGEA. Isto mesmo sabían, cando aceptei redactar o informe, os responsables deste honorable Instituto, e particularmente, o seu distinguido presidente, Anxo Quintana, candidato nas dúas últimas eleccións autonómicas á Presidencia da Xunta de Galicia polo BNG. Son perfectamente consciente de que na práctica, o groso do nacionalismo, e particularmente as organizacións cívicas da súa órbita, actúan coma se aqueles dous dogmas xa non vigorasen, ou ao menos de xeito ambivalente perante eles. Precisamente, a nosa proposta ofrécese como unha ferramenta útil para unha nova fundamentación, máis coherente, máis axeitada e con maiores posibilidades de conseguir a hexemonía social, desas prácticas do galeguismo activo.
Canto ao conflito lingüístico, a ambivalencia do nacionalismo político e as súas organizacións cívicas é obvia: dunha banda, hai quen defende a conveniencia de fomentar o conflito lingüístico, como procedemento para desvelar a marxinación do galego e espertar a conciencia lingüística da poboación. Pero cando a outra parte do tal conflito, isto é, os sectores contrarios á promoción do galego, consideran que a eles lles convén avivar ese mesmo conflito lingüístico, daquela, o galeguismo esquécese da dita recomendación e, sensatamente, denuncia o conflito para reclamar a convivencia. Cousa non moi distinta acontece co irmán xémeo da convivencia, que é o consenso. Pola miña banda, estou convencido de que a última mensaxe é a correcta: polo ben do idioma galego e en estrita coherencia coas nosas conviccións democráticas, debemos procurar o consenso e defender a convivencia, iso si, en condicións de xustiza e equidade, o cal evidentemente implica a posta en marcha de políticas de discriminación positiva para o galego. Pero se defendemos a convivencia, daquela é obvio que temos que revisar ou abandonar ou revisar en profundidade a revellida fórmula do conflito lingüístico. Non si?

LECTURA POSITIVA DO BILINGÜÍSMO
Pero non se escapa a ninguén que a posta en cuestión do dogma anti-bilingüista constitúe o nó gordiano deste debate. Tiña razón Uxía cando argumentaba que a defensa do bilingüismo na Galicia de hoxe está inevitablemente connotada coas políticas historicamente tépedas e actualmente regresivas do Partido Popular e mesmo coa acción de grupos anti-galego como Galicia Bilingüe. Pero, retruqueille eu, en boa medida a responsabilidade diso correspóndenos a nosoutros, des que primeiro fixemos nosa e máis tarde non nos preocupamos de revisar a malfadada teoría do conflito lingüístico (elaborada nos anos ’70 por certa glotopolítica catalá e importada aquí sen grandes adaptacións), segundo a cal as sociedades que partimos dunha situación de diglosia e vivimos un proceso de substitución lingüística estamos abocadas a un dilema inexorable, sen terceiras vías: a extinción da lingua subalterna (no noso caso, o galego), ou a súa normalización, entendida esta como a conquista do monolingüismo social. Para entender iso, convén lembrar que esta teoría partía dunha asisada crítica a unha formulación dun certo bilingüismo, utilizada como estrataxema para dar cobertura aos procesos de imposición do castelán, lexitimando os procesos de minorización e substitución do galego e as outras linguas nacionais da periferia.
Esta formulación dun tal bilingüismo (en realidade, un bilingüismo substitutorio) comezaron a circular nos finais do franquismo e teñen a súa continuidade nas liñas de GB e o actual PPdeG, entre outros grupos. Pero un dos puntos máis fracos da teoría consiste en equiparar a normalización da lingua coa consecución, como obxectivo final, do monolingüismo social, refugando de plano e xenericamente o bilingüismo.
Arestora temos diante todos os argumentos para concluír que a resposta axeitada a aquela formulación do (falso) bilingüismo substitutorio non consistía na denuncia e o combate xenérico contra o bilingüismo. Como demostración disto, véxase como a defensa dun bilingüismo correctamente entendido, o bilingüismo restitutivo, deu eficaz cobertura social ás políticas de promoción do eusquera e o catalán, con resultados ben mellores cás aplicadas en Galicia. É que o bilingüismo resulta ser a chave para conseguir a hexemonía social en materia de política da lingua (glotopolítica), pois boa parte da cidadanía o percibe positivamente: neste país fálanse dúas linguas, unha delas, a propia do país, atópase ameazada; para conservarmos as dúas linguas, é preciso apoiar enerxicamente a nosa. O nacionalismo galego cometeu o erro histórico de abandonar o bilingüismo ás mans dos sectores políticos e sociais que o utilizaron como cobertura para discursos lexitimadores da diglosia, para xustificar o desleixo do idioma galego, ou para lexitimar accións de goberno ineficaces ou mal deseñadas. Estes sectores elaboraron unha lectura abandonista dun falso bilingüismo (realmente substitutorio) e impuxérona como socialmente hexemónica.
A tarefa que ten por diante o galeguismo (enténdase: corrente defensora do galego) é elaborarmos nós unha lectura positiva do bilingüismo, que no informe do IGEA denominamos bilingüismo restitutivo (quen teña propostas para outra denominación mellor está a tempo de presentalas), unha noción que dea cobertura a políticas efectivas de promoción da lingua. Trátase dunha tarefa esgrevia, pero a alternativa, que consistiu ata agora na renuncia e na denuncia xenérica do bilingüismo, consumiunos moitas máis forzas e deu o cativo resultado que está a vista; sendo que previsiblemente dará peores resultados no futuro, tendo en conta a evolución da situación sociolingüística de Galicia. Na miña opinión, fronte a esta tarefa non valen os subterfuxios nin os escapismos, por moito que aquela lectura positiva do bilingüismo ten que apoiarse, moi lexitimamente, en nocións como diversidade lingüística, plurilingüismo, e, xaora, normalización do idioma.
Para rematar, voume referir brevemente a algunhas reaccións ante a proposta do IGEA. Non vou entrar nos argumentos, inxenuos ou hipócritas, do estilo de ‘“claudicamos ante o PP” ou “estamos facendo o xogo ao PP”. Está comprobado que hai un sector do nacionalismo galego que compatibiliza unha retórica vitriólica e non raramente incendiaria cunha máxima moi pragmática: “contra o PP vívese mellor’”. Xa se sabe, gobernar é máis difícil. Eu, modesta pero obviamente, inclúome no sector ao que non lle satisfai vivir contra ninguén, pero lle gustaría vivir a favor do progreso de Galicia, e por tanto, mandando o PP (e sobre todo o PP de Feijoo, Corina e Negreira) á oposición, e se for posible en terceiro ou cuarto lugar nas preferencias do electorado galego.

A NECESIDADE A DEBATE
Outra xente, honestamente, critica o Informe non tanto por discrepancias de fondo, como por cuestións de oportunidade. Canto a isto, coido que é un erro contrapoñer o activismo e a unidade de acción, que me parecen totalmente imprescindibles, coa intelixencia e a liberdade no debate, sen coutar a expresión da discrepancia, que non son menos importantes. Segundo outros puntos de vista, elaborar un novo discurso é unha perda de tempo, cando non manifestamente un incordio. Pola miña banda, coido que, como dixo o sociólogo, “non existe cousa máis práctica ca unha boa teoría”. Máis en concreto, sosteño que é unha absoluta prioridade que a corrente social a favor do galego (afortunadamente ampla, difusa e diversa) se dote dun discurso e dun proxecto coherentes e atractivos para a maioría da sociedade. Os feitos mostran ás claras que non dispón deles. Negarse a aceptalo é seguramente cómodo, e ata se cadra beneficioso para grupos e individuos moi concretos, pero non vai darnos mellores resultados dos que xa temos. Política da avestruz, chámase iso.
O galeguismo político e o nacionalismo cívico teñen unha magnífica oportunidade para mostrar ao conxunto da sociedade galega a súa capacidade para desenvolver un debate libre, intelixente e respectuoso, que exprese a súa real pluralidade interna (reflexo da propia diversidade do país), para renovarse e para elaborar propostas de futuro para o conxunto do país, e moi particularmente, do seu idioma. Se non o consegue, con certeza non será pola falta de compromiso, vontade e competencia de quen redactou, subscribiu ou apoiou ao informe do IGEA. E naturalmente, co espírito aberto á deliberación libre e á crítica ou revisión da súa proposta.

xoves, 16 de decembro de 2010

A loita polo galego e a farsa do bilingüismo

por Bieito Lobeira, outra vez co debate co sobre o informe IGEA, en Terra e Tempo:

Parabéns ás e aos integrantes da Plataforma Queremos Galego da Estrada. A convocatoria, o pasado 3 de decembro, dun acto lúdico-reivindicativo en homenaxe aos mestres represaliados no ano escolar 1980-81 por daren aulas en galego foi todo un suceso, tanto pola asistencia masiva como polo admirábel, dinámico e participativo desenvolvemento do evento. Non se trataba de recrear a nostalxia e a lembranza, senón de as proxectar nun presente ben difícil para o idioma de noso. Mestres reprimidos por ensinar en galego na súa Terra, á altura de 1980, en aplicación do "Decreto de Bilingüismo". E trinta anos despois, como se a historia non avanzara na Galiza, mestres ameazados pola mesma razón, neste caso baixo coacción e intimidación do "Decreto de Plurilingüismo".

Canto traballo, canto esforzo, canta entrega, canto sacrificio houbo na historia do noso país para combater a imposición do alleo e defender o orgullo e o dereito do propio. Para nos valer por nós mesmos sen complexos. Con erros cometidos, de certo, mais cunha vontade e un resultado final realmente meritorio, en función dos medios existentes. Algún día teremos que pór en valor esa loita e honrar os seus protagonistas. Mais, mentres, cumpre seguir, sempre adiante, sen recuar, desfacendo a trampa do inimigo. Esa trampa, ese engado falso e trapalleiro chámase agora, como se chamaba hai 30 anos, bilingüismo. No seu nome pretenden perpetrar, hoxe como onte, a aniquilación da lingua galega. Sabe perfeitamente o Goberno do Partido Popular que na Galiza non hai bilingüismo: o que temos é un proceso claro e acelerado de substitución lingüística do galego polo español. Ou que a nosa non é unha sociedade bilingüe, porque non a hai, senón submetida ao conflito diglósico desde hai ben tempo. A loita polo noso idioma precisa de clarificación, tamén terminolóxica, para non confundir e desconcertar unha sociedade á que lle inculcaron terroríficos prexuízos sobre ela mesma.

Aquí temos unha boa proba. O 14 de decembro, no Parlamento de Galiza, o Partido Popular utilizou como argumentos políticos fundamentais para xustificar os seus votos contrarios á Proposición de Lei presentada polo BNG (tratábase en realidade da vetada -por decisión do PP e do PSOE na Mesa do Parlamento- ILP da Plataforma Queremos Galego) sobre uso do galego polas administracións de Galiza e no ámbito do ensino,  os seguintes:

a) Caricaturización da defensa da lingua. Chega a manifestar o portavoz do PP que esta iniciativa lexislativa inclúe, literalmente, a instauración dun "Estado Nacional Monolingüe Galego".

b) Deturpación da realidade e da historia. Rosalía de Castro, segundo esta tese esquizoide, era unha bilingüe que escribiu "Castellanos de Castilla, tratad bien a los gallegos. Cuando van, van como rosas. Cuando vienen, vienen negros" (sic). Nin vergoña teñen. Nin respecto. Nin rigor intelectual. E, por suposto, Galiza é unha sociedade bilingüe na que non se dá o menor conflito lingüístico, e onde galego e español coexisten e conviven de xeito harmónico.

c) Utilización do informe do IGEA como coartada ao servizo do proxecto lingüístico do PP. En esencia: Porfín hai nacionalistas que admiten que temos unha sociedade bilingüe, e cumpre practicar, defender e reivindicar o bilingüismo (non explicado se na súa vertente harmónica ou na restitutiva) con naturalidade. Ollo tamén cunha defensa pechada do galego, porque pode conducir a un indesexado monolingüismo propio de sociedades pechadas e autoritarias (descoñezo se a referencia é o pobre monolingüismo practicado en Madrid). Este mesmo argumento foi utilizado polo PSOE no debate parlamentar.

Este é o problema. Onde situar a antítese da tese oficial? Máis perto da tese, a fin de favorecer unha síntese máis achegada aos posicionamentos de quen pretende exterminar o noso idioma? En construír unha nova doutrina baixo a inxenuidade de atraer xente á causa do galego, cando en realidade actuaría como morfina ideolóxica para atenuar a dor do conflito e procurar unha morte doce, con agonía máis ou menos prolongada? Ou xa, directamente, en criminalizar unha liña de actuación coerente e historicamente funcional na defensa do galego?

Non é xusto nin merecido colocar ao movemento sociopolítico que dá a cara pola nosa lingua, singularmente ao nacionalismo galego, como un dos problemas para o avanzo do proceso normalizador. É ademais irresponsábel, no momento da historia do noso país no que se está a producir a resposta popular máis intensa contra o intento de destrución do galego. Contestación social, por certo, da que tamén participan persoas neofalantes, ou mesmo españolfalantes (por razóns do tipo máis diverso), mais cunha actitude favorábel ao galego. A confusión e a división non constrúen, destrúen. A clareza e a unidade, dentro da diversidade, son a nosa mellor arma, a dos defensores do galego, neste momento histórico. Por iso nunca entendín como en artigos xornalísticos asinados hai xa algúns meses polo director ou coordenador deste informe do IGEA, non se aforraban críticas públicas e prexuizos hiperbólicos sobre A Mesa pola Normalización Lingüística e o nacionalismo galego. Non é comprensíbel tanta zunia autodestrutiva, tanta obsesión desproporcionada, tanto ofuscamento contra unha corrente histórica de pensamento e acción que se encontra inequivocamente situada na trincheira histórica de defensa do galego. E isto, para min o máis grave, no contexto do maior ataque do PP ao idioma de noso e, simultaneamente, da maior resposta social ao mesmo.

Escoiteillo a Pilar García Negro. Non hai ningún documento legal no que apareza mención algunha ao bilingüismo. Nin na Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, nin no propio Estatuto de Autonomía. Isto é, nin na arquitectura legal do poder. A que ven, logo, tanta teimosía en aderir á linguaxe do inimigo? Por suposto, tampouco en ningún documento político de ningunha organización nacionalista. Daquela, é evidente que se está a practicar un outro xogo, claramente político. Porque o correlato ideolóxico desta tese lingüística sitúase no campo autonomista, non no nacionalista. Estou convencido de que este, e non outro, é o auténtico problema de fondo.

Era o incansábel Manuel María, compañeiro noso e referencia de coerencia, quen na súa "Canción do bilingüismo" dicía:

 

        "O bilingüismo,

         pai do castrapo,

         é conformismo

         paleto e parvo.

        (...)

         O bilingüismo

         que é si e non

         ¡é aparello

         de castración!" 

mércores, 15 de decembro de 2010

Ausencias e ironías lingüísticas do PP

por Cris Moss, no Xornal:

Onte o Parlamento viviu o enésimo debate lingüístico da lexislatura, desta volta, a conta da iniciativa lexislativa promovida por Queremos Galego e asumida como propia polo BNG, un tenso intercambio de opinións entre PP e oposición que, non obstante tivo escaso seguemento dende as bancadas reservadas ao Goberno.
Despois de que, no inicio do debate, os escanos azuis estivesen baleiro, no segundo treito pasou ao hemiciclo o presidente da XuntaAlberto Núñez Feijóo, único membro do Executivo que tamén é deputado e que, polo tanto, ten que acudir ás votacións. Malia ao intenso da sesión, centrouse en conversar co conselleiro Javier Guerra.
A medida que o debate medraba en intensidade e mentres o informe do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) era sacado a colación por PP e PSdeG, nas filas conservadores as críticas da oposición eran respostadas con risos e chanzas por parte de, por exemplo, Carlos Negreira ou Ignacio López-Chaves.