Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Profes co galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Profes co galego. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de decembro de 2010

A esperanza do conselleiro e "Profes co galego"

Acabo de mirar o correo e vexo que acabo de recibir unha postal de nadal do conselleiro de educación, Jesús Vázquez Abad, quen tivo o acerto de escoller os seguintes versos de Novoneyra para a ocasión:

Brilan as estrelas,
brilan cunha luz moi clara, 
máis brila Xesús meniño
deitadiño nunhas pallas.

De seguido, o conselleiro dexésame un esperanzador ano 2011.
Pois debe ter razón o señor Vázquez Abad calificando de esperanzador o vindeiro ano xa que ao acabar de ler a súa tarxeta vexo unha nova mensaxe de esperanza no meu correo. Desta vez a súa orixe era do grupo de facebook "Profes co galego", quen no canto da tradicional tarxeta me envía o seguinte vídeo:


O galego segue nas aulas. Felicidades a todos! from Profes Galego on Vimeo.

mércores, 24 de novembro de 2010

Encerados en galego

O colectivo de facebook Profes co galego anda metido nunha campaña para a que solicita do profesorado de ciencias antes do 4 de decembro (un mes despois da xornada da ciencia en galego): 
1. Tirade unha fotografía ao encerado coa vosa materia en galego.
2. Envíádenola a profescogalego@gmail.com
3. Non imos indicar de que centros son as fotografías, pero faremos unha montaxe de vídeo para mostrar que a lingua segue viva nas aulas.


E do resto do profesorado, ou do mundo está invitado a:
 mandar calquera fotografía que consideres defende o uso do galego nas ciencias e na tecnoloxía ou contra o decreto [de plurilingüismo] en xeral.




luns, 27 de setembro de 2010

Incompetencia e ilegalidade

Galicia Confidencial entrevistou a dous membros de "Profes co Galego". Eles destacan dúas características do funesto decreto de plurilingüismo: incompetencia e ilegalidade.
Cibrán lembra que os datos oficiais din que un de cada cinco mozos remata os estudios obrigatorios sen saber conversar correctamente en galego. “Que é o que se pretende, que en vez de un de cada cinco, haxa dous ou tres de cada cinco incompetentes en galego?”, pregúntalle ao Goberno.
Beatriz argumenta que o “ilegal” Decreto contradí a Lei de Normalización, que fixa un progresivo uso do galego na escola, e  lembra que a súa obriga como funcionaria é, no caso de contradición, cumprir a norma de maior rango.

xoves, 16 de setembro de 2010

Chamamento ao profesorado potencialmente insubmiso

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:

Á pregunta que se fai o colectivo “Profes co galego”: “Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?” xa houbo quen contestou, e moi atinadamente: coherencia.
No inicio deste novo curso, entre a voráxine e os nervios dos primeiros días, por se for pouco, xorde a implantación de facto do chamado Decreto para o "plurilingüismo". Ao descontento da cidadanía que manifestou sucesiva e maioritariamente unha e outra vez a súa firme oposición a el, súmase agora o dilema que ten perante si moito profesorado, ao que se lle impón que deixen de dar as súas aulas en galego e as pase a dar, obrigatoriamente, en castelán, sexa cal for a lingua vehicular do alumnado co que se comunicar.
Entre as múltiplas reaccións en contra deste Decreto, hai que salientar neste comezo de curso académico a do colectivo de profesores e profesoras que van cumprir as leis existentes e continuar a dar as súas aulas en galego, a pesar de que desde o Goberno da Xunta xogan a meter medo dicíndolle ao profesorado implicado directamente "que se ateña ás consecuencias", da maneira máis retrógrada posíbel.
Estes días a rede é un fervedoiro de artigos, presentacións, vídeos e manifestos de apoio a este profesorado que está a cumprir coa Lei. Porque incumprindo o Decreto do PP, o profesorado está a cumprir textos legais de maior rango: a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, a Lei Orgánica de Educación, e a Lei de normalización lingüística, concretamente.
Xuristas como Luís Villares Naveira ou Alba Nogueira, entre outros, fornécennos as bases legais necesarias para comprendermos a ilegalidade en que está a incorrer este Decreto contra o galego, e por tanto, da insubmisión á que Feixóo e o seu goberno levan a incorrer ao profesorado que o acate.
É por isto que se fai máis que nunca necesaria a implicación de todos e todas, mais moi especialmente do profesorado: continuemos co consenso lingüístico e sigamos a dar as aulas en galego, especialmente naquelas materias de orientación científica, que é onde máis necesario se fai, posto que desta forma estaremos a empregar a nosa lingua con normalidade en ámbitos en que foi vetada durante moitos anos, fornecendo o alumnado de vocabulario específico na lingua propia, vendo o mundo desde unha óptica galega integradora, non excluínte.
Non devolver os libros de texto dos cursos anteriores e empregalos neste novo curso supón, a todos os efectos, un acto ético, de legalidade xurídica e responsabilidade económica. Non dar as aulas en castelán nas materias como Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, entre outras, supón cumprir todas as leis a nivel europeo, español e galego que existen no tocante ás linguas minorizadas.
Á pregunta que se fai o colectivo "Profes co galego": "Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?" xa houbo quen contestou, e moi atinadamente: coherencia. A coherencia de quen fala a lingua propia do País e quere expresarse nela as 24 horas do día sen que ninguén lle impoña a lingua colonizadora, e sen servir de elo deste lingüicidio que están a acometer co galego sen ningunha impunidade.
Ao profesorado que aínda está a pensar que facer, dubitativo sobre se mudar a súa lingua de comunicación normal nas clases ou non, sobre se acatar un Decreto que vai en contra da legalidade vixente ou "aterse ás consecuencias", a todo ese profesorado potencialmente insubmiso eu dígolle: agora máis que nunca é o momento de romper as cadeas do medo e de se manifestar cada un no seu posto de traballo, coa responsabilidade de que teñen o ensino do futuro pobo galego nas súas mans.
Xa o dicía Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas de Longa noite de pedra titulado "Non":

"Si dixese que si, / que todo está moi ben, / que o mundo está moi bon, / que cada quen é quen.../ Conformidá. / Ademiración.../ Calar, calar, calar, / e moita precaución. / Si dixese que acaso / as cousas son esí, / porque si, / veleí, / e non lle demos voltas. / [...] Si dixera que si... / Entón sería o intre / de falar seriamente / da batalla de froles / nas festas do patrón. / Pero non."
É o momento de dicir que non, de sermos coherentes co noso e de corresponsabilizarnos do que ocorre na nosa sociedade e tentar mudalo. Lembremos que a complicidade pagámola todos e todas.

luns, 13 de setembro de 2010

Ameazas contra argumentos

Acaba de saír á arañeira da rede o blogue do grupo de facebook Profes co galego. Nel podemos atopar un modelo de carta para lle entregar aos pais ao comenzo de curso explicando as razóns polas que o profesorado vai continuar a impartir as aulas en galego: "Como profesorado contrario a esta medida [a de excluir o galego das clases de ciencias] que consideramos prexudicial para os seus fillos, e para que vostedes poidan xulgar dun xeito obxectivo a nosa postura, que como verán está legalmente fundamentada, queremos que dispoñan de toda a información necesaria"
De seguido explican os principais aspecto polos que o nomeado decreto incumpre coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, o Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística, a Lei Orgánica da Educación e a Constitución e que eles, os profesores, están obrigados a "respectar o principio de xerarquía normativa, é dicir, cando dúas normas son contraditorias, como é o caso do Decreto para o Plurilingüismo e as leis anteriores, hai obriga de cumprir a de maior rango". Estes son argumentos de tipo xurídico.
"Seguiremos impartindo as nosas clases en galego, xa que consideramos que é a mellor opción para que o noso alumnado adquira competencias plenas en galego e castelán e a eliminación dos prexuízos lingüísticos contra o galego". Estes son argumentos de tipo pedagóxico e social e demostran que o seu interese é sobre todo que o alumnado teña unha mellor formación.

Cal é a resposta por parte da Xunta? Pois a mesma que utilizarían os grupos terroristas: as ameazas, a imposición do imperio do medo. Os argumentos de por parte da Xunta, u-los?