Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Redondela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Redondela. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de decembro de 2021

Reivindicación da ciencia en galego no IES de Chapela

 

O Curso pasado no IES de Chapela (Redondela), xa elaboraran unha serie de vídeos para reivindicar o uso do galego no ensino das materias científicas. Este ano volveron bater no cravo cunha restra de gorentosos vídeos nos que nos explican as propiedades máis importantes da faixa de Möebius, preséntanos un piano de froitas, unha falacia xeométrica, un truco para adiviñar unha ficha de dominó, unha lámpada de lava e un xogo no que despois dunha suma enorme obteremos o número presentado ao principio do mesmo.

luns, 13 de setembro de 2021

O rap das matemáticas en galego


Vai comezar un novo curso baixo a era da prohibición do ensino en galego nas materias científicas. Como recordatorio destes agravios recupero o vídeo elaborado polo Equipo de Normalización do IES de Chapela (Redondela) na última edición da súa feira científica.
Aproveito a ocasión para pedir unha reflexión sobre a expulsión planificada da lingua na mocidade polo que cómpre atender as necesicades sociais lembrando exemplos como o de Rosa Parks, quen, ocupando un asento para brancos no autobús, dou un enorme paso na loita contra o racismo.

 

xoves, 23 de marzo de 2017

O Berete: a revista

Máis dunha vez temos feito referencia ao blogue O Berete, do ENDL do IES Chapela (Redondela). Agora sabemos que O Berete é tamén unha revista. Neste número, hai unha entrevista, recensión de libros, creación literaria, novas e un pequeno artigo sobre un obxecto que fora todo un éxito no seu tempo e que volve a estar de moda: o cubo de Rubik. Para botarlle un ollo:

O Berete. Marzo 2017.

martes, 22 de novembro de 2016

'O galego non para', desde Chapela



Teño que confesar que cando vin no blogroll que teño aquí á dereita o anuncio do ENDL do IES de Chapela para facer un mannequin challenge, non ventei nada. E iso que os antencedentes xa me tiñan moi avisado: Eu falarei, Celso Emilio, ferreiro das palabras aceirudas, ou TERRA (vídeoclip en lingua de signos).
Increíble, pero volveron a achegarnos unha nova xenialidade. Destaco estas súas palabras:
non estamos dispostos e dispostas a que a nosa lingua se conxele como un obxecto de museo.
Nota mental: cando volva a ver unha nova entrada no Berete, andarei á espreita

martes, 15 de setembro de 2015

Calendario escolar, axendas, e fichas do curso 15-16

Un ano máis a Coordinadora Galega de ENDL achéganos material para podermos organizar mellor o curso que comenza nestes días. Cada ano a cantidade de documentos que nos achega é maior. Desta volta temos 8 en PDF e 6 en Excel.
Unha mágoa que a dispoñibilidade de axendas escolares en galego nas librerías  sexa prácticamente inexistente e que para conseguir unha haxa que andar á quinta pregunta, como sucedía esta semana pasada no facebook de ProLingua.
Quen non terá este problema serán os alumnos dos centros de ensino público de Redondela, que grazas ao SNL do concello, terán a xa habitual axenda nas súas mochilas.


Para completar engado as fichas de alumnado (modificables) que uso habitualmente.
Fichas de alumnado a 3 columnas. Curso 15-16.
Fichas de alumnado a 4 columnas. Curso 15-16.

sábado, 13 de setembro de 2014

Axendas escolares 14/15

Onte informabamos neste mesmo espazo dunha proposta de axenda escolar galega pensada para o alumnado. Hoxe quixera lembrar que xa hai varias semanas que temos ao noso alcance o calendario escolar elaborado pola Coordinadora Galega de ENDL para o curso 14/15. Ademais de documentos en formato PDF podemos descargar arquivos Excel con diversos formatos que nos poden facilitar a organización do curso escolar.
Outra iniciativa a destacar neste mesmo ámbito é a da Coordinadora Galega de ENDL de Redondela que en colaboración co SNL do concello, e desde hai varios anos, distribúen entre o alumnado un total de 1900 axendas escolares en galego.
Velaquí o último exemplo destes tres oasis no deserto.

mércores, 25 de xuño de 2014

TERRA (vídeoclip en lingua de signos)



Outra alfaia do ENDL do IES de Chapela (Redondela). Un fermoso resultado ao que se chegou despois dun longo proceso que comezou co inicio do curso escolar e rematou a gravación deste vídeoclip a finais do pasado mes de maio. Parabéns a Aldán Santamarina e a toda a comunidade educativa que pula polo uso do galego.
Vía O Berete

domingo, 13 de abril de 2014

Blanco Amor connosco

por Xosé González Martínez, sobre o encomiable traballo de relanzamento do premio literario Blanco Amor, no Faro de Vigo:


O día 1º de decembro de 1979, falecía en Vigo Eduardo Blanco Amor. Coa súa morte a literatura galega perdía un dos mellores cultivadores da novela. O Concello de Redondela por aquelas datas quixo amosar o seu pesar por tal perda convidando aos concellos galegos a participar na primeira iniciativa cultural municipalista coa creación dun premio que levase o seu nome. A resposta foi inmediata: trinta e cinco corporacións municipais aprobaban nos respectivos plenos o apoio con cadansúa aportación de vintecinco mil pesetas para poñer en marcha un proxecto que habería ir rotando polos concellos mediante sorteo.

mércores, 12 de marzo de 2014

Compromiso e desleixo

por Andrés Coruñago Laxe nas Voces de Prolingua:

A principios dos anos oitenta tiven coñecemento da actividade dunha asociación barcelonesa comprometida coa normalización da lingua catalá na cidade de Barcelona. Comezaran o seu labor, dunha forma moi intelixente no campo da hostalería. Querían que os restaurantes da cidade contasen coa carta de menús tamén en catalán. Hai moitísimo tempo que os cataláns saben aquilo que dixera Castelao: “unha lingua non nace por vontade dos homes, senón por necesidade do seu progreso”. E así lles vai.

luns, 10 de febreiro de 2014

Os gritos do silencio




O vídeo-lipdub "Eu falarei" marcou un punto culminante na dignificación do traballo normalizador. Nel participou toda a comunidade educativa do IES de Chapela ofrecendo unha aposta optimista polo futuro da lingua. Porén os seus autores querían destacar tamén que o vídeo era tamén
 unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova
Esta denuncia estaba ben fundamentada na realidade que os membros do Equipo de Normalización do IES de Chapela percibían cada día.
Se recollemos esa imaxe final do lipdub na que un cento de mozos cantan esa promesa "eu falarei", podiamos preguntarnos cantos dos que alí aparecen serán quen de cumprir con esa declaración. Agora xa sabemos cal é a triste e estarrecedora resposta. Só o 13% do alumnado dese centro fala en galego. Esta cifra sería aínda máis baixa de non ser polo alumnado dos ciclos de FP pois entre os que cursan ESO ou bacharelato non chegan a un 6% aqueles que declaran usar máis o galego que o castelán. Todos estes datos foron recollidos nun estudo feito polo Equipo de Normalización e que pode consultarse nunha entrada do seu blogue que titulan: "A mocidade de Chapela abandona o galego"
Para establecer as causas deste fracaso podemos botar man doutros datos do estudo no que vemos, chanzo a chanzo,  unha perfecta escaleira do abandono da lingua. O uso do galego entre os avós do alumnado (só galego ou máis galego) é do 67%, pero cando estes mesmos avós falan cos seus netos, esta porcentaxe baixa ao 57%. O uso do galego por parte dos pais volve a baixar: 51% para os pais e 28% para as nais. No último elo da cadea só un 4% do alumnado declara falar exclusivamente en galego frente a un 38% que di non usalo nunca.
Outro dos factores que forza esta situación é, claro está, o funesto decreto 79/2010 que impuxo unha chea de prohibicións ao uso do galego nas aulas (tamén se dan datos sobre este aspecto no informe do ENDL). Se a unha situación histórica claramente desfavorecedora da transmisión da lingua lle engadimos as dificultades que establece este decreto para podermos establecer desde a escola un verdadeiro programa normalizador, non hai máis voltas que lle dar.

Nun dos seus marabillosos contos, Julio Cortázar conta como era quen de abstraer todo o seu entorno agás, por exemplo os reloxos, os botóns ou quizais as orellas, segundo lle petara. Así podía ver un paseo de botóns polos corredores da oficina ou como unha chea de pares de orellas baixaban polas escaleiras. De poder facer algo semellante, como só escoitar as conversas en galego, ao entarmos ao patio do recreo do IES de Chapela, sabedes o que escoitariamos?... Efectivamente, o silencio. Ese silencio algo nos está gritando. Non sei se o oídes... alí mesmo,  chega o ruxe-ruxe do mar. son as ondas do mar de Vigo.

martes, 4 de febreiro de 2014

Nós ofrecemos



Este vídeo forma parte dunha campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial e empresarial de Redondela, xestionada polo SNL do Concello de Redondela.
Para seguila abriron esta páxina de facebook. Podes premer no botón Gústame.

luns, 13 de xaneiro de 2014

Os nomes de lugar de Redondela

Carta ao director de Antón Coruñago Laxe no Faro de Vigo:


Os nomes dos lugares constitúen unha parte importante do patrimonio cultural dunha comunidade. Coma os vestixios arqueolóxicos e os monumentos históricos son un legado recibido dos antepasados e debemos entendelos como sinais dunha memoria común que representan en forma de palabras a relación da xente coa paisaxe ao longo da historia (Gonzalo Navaza).

martes, 10 de setembro de 2013

Calendarios e axenda para un novo curso

Un ano máis volvemos a ver editado outro número da axenda escolar que o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela editaron en colaboración cos centros de ensino redondeláns e a través da Coordinadora ENDL de Redondela.
Segundo informan desde os respectivos blogues, a tiraxe desta edición foi de 1600 exemplares, que se distribuirán entre o alumnado dos centros do Concello.
Con esta publicación, que se distribuirá de balde a alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria e de 1º e 2º da ESO, preténdese divulgar aspectos da cultura e o patrimonio locais, salientando persoeiros redondeláns destacados, elementos do patrimonio material e inmaterial e traballos de dinamización cultural e lingüística desenvolvidos no curso pasado. Ademais inclúe coplas e refráns, onomástica en lingua galega e referencias ao patrimonio e ás celebracións de Redondela. Todo un luxo esta colaboración do SNL do concello pontevedrés co traballo dos Equipos de Normalización das escolas e insitutos. Teño a certeza de que é un punto de ánimo para todos eles.



A xeneralidade dos centros galegos non terán esa sorte, pero polo menos quédanos a achega que nos fai anualmente a CGENDL. Puntualmente recibimos os seus calendarios escolares: un anual e outro mensual, para facilitarnos o seguemento deste novo curso.