Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Europa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Europa. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de agosto de 2025

A importancia da oficialidade do galego na UE

 por Xosé Antón Pérez Lema no
Praza Pública:

Para entendermos o proceso que se desenvolve dende hai case dous anos no Consello de Ministros de Asuntos Xerais da UE a respecto da oficialidade do galego, catalán e euskera nas institucións europeas, cómpre entendermos o réxime lingüístico operante na UE e o xeito no que se integrou  no 1986 nas Comunidades Europeas (precedentes da UE actual) o Estado español.

mércores, 11 de xuño de 2025

A enterrar o galego na UE


 por Marcos Maceira, no Nós Diario:

Información a persoas usuarias e consumidoras, produtos bancarios, xoguetes, maquinaria, condución, navegación... son algúns dos sectores nos que a lexislación europea impón dentro dos Estados o uso de linguas oficiais que tamén o sexan da propia Unión. Isto faise directamente nos Regulamentos ou, para a transposición á lexislación interna, a través das Directivas. Nestes e noutros sectores, en Galiza o galego non está garantido de principio por non ser ao mesmo tempo oficial no Estado español e na UE. No entanto, si está asegurado o español. Se o galego é presuntamente oficial en Galiza como o pode non ser na Unión Europea que regula e determina, tamén no uso da lingua, tantos aspectos da nosa vida? 

venres, 6 de xuño de 2025

As declaracións de Valentín García sobre o galego en Europa son unha vergoña

 por Xosé Manuel Sarille no Nós Diario:

O xornal ABC titulaba, neste mes de maio de 2025, que Núñez Feijó, expresidente da Xunta de Galicia e actual líder do PP, “intenta frear o sprint final de Sánchez para impoñer o catalán na UE”. Afonso Rueda valorou máis tarde que o gasto en lingua é un malgasto, deslizando a insinuación de que en calquera circunstancia. Valentín García, secretario de política lingüística de Galicia, coroou a escornada afirmando nunha declaración desprezábel que converter o galego en lingua oficial da UE é unha imposición. 

mércores, 4 de xuño de 2025

Quen non dá oficializado o galego na UE?

 


por Xosé-Henrique Costas, no Nós Diario:

Este 27 de maio soubemos dunha nova que por desgraza non nos colleu por sorpresa: que a UE adiaba de novo a votación sobre o oficialidade de galego, vasco e catalán como propuxo o Goberno español. Este adiamento debeuse ás manobras rastreiras que o PP español argallou cos seus socios da dereita e da extrema dereita europeas, e todo isto co aplauso do PP galego nas voces de Rueda e Valentín García, o responsable de Lingua.

mércores, 5 de xuño de 2024

Que suporía que o galego fose lingua oficial na Unión Europea?


por Elisa Quintas Alborés, no Nós Diario:Nós Diario:

A sociedade galega demanda o recoñecemento da oficialidade plena do galego na UE, pois non é lingua oficial e de traballo. O 13 de decembro de 2004 o Goberno español solicitou ao Consello da Unión Europea (UE) que concedese a incorporación do galego, catalán e vasco á lista de linguas oficiais europeas prevista no Regulamento 1/1958 que fixa o réxime lingüístico da Comunidade Económica Europea. Emporiso a institución competente -o Consello da Unión- non concedeu a oficialidade. Polo de agora só existe un cativo uso destas linguas en tres ámbitos, segundo as “Conclusións do Consello relativas ao uso oficial doutras linguas no Consello, e no seu caso, noutras institucións e órganos da UE”, do 13 de xuño de 2005, o que en realidade impide comunicarse directamente cos órganos da UE ao ter que pasar sempre por un organismo español que realiza a tradución.

 

mércores, 4 de outubro de 2023

Consequências não intencionais da oficialição do galego fora da Galiza

 


por Miguel Anxo Bastos en Nós Diario:

Na semana passada foram tomadas duas medidas políticas em relação à oficialização da língua galega. A primeira, a sua aceitação no Congresso, não pode ser avaliada negativamente, pelo menos a partir de postulados autonomistas ou de nacionalistas não soberanistas, já que o galego é finalmente reconhecido pelas instituições representativas como mais uma língua espanhola, a par das outras línguas oficiais do Estado.

 

mércores, 20 de setembro de 2023

Galego oficial na UE?


 por Marcos Maceira en Nós Diario:

Galiza non conta cun Estado que ampare a súa lingua e garanta que poida ser empregada en todos os ámbitos, para desenvolver calquera acción. A desigualdade respecto do español é clara. Non é preciso lembrar que no Estado español só hai unha lingua oficial. Para o resto a Constitución deixounos o consolo do “especial respecto e protección” que se traduce nunha suposta cooficialidade condicionada á subordinación ao español e, cada vez máis, so a vixilancia do poder xudicial.

 

sábado, 15 de xaneiro de 2022

Les llingües minorizaes y Eurovisión

 

Neste vídeo Damián Barreiro dá mostras dunha enorme erudición no tema das linguas en Eurovisión. Nesta excelente confefrencia podémonos enterar de que nalgún momento da súa historia, o hebreo, o irlandés, o catalán, o serbio, o portugués, o romanche, o corso, o u obretón, Alén diso Damián relátanos moitas máis curiosidades, como cando Lucía Pérez, despois da súa actuación saudou ao público en galego.

martes, 24 de decembro de 2019

Galeguismo sen galego

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo e no seu blogue, Brétemas:

A publicación recente do informe do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias volve a pór en evidencia o fracaso da política lingüística da Xunta de Galicia. Como xa sucedera nos informes de 2012 e 2016 desta organización internacional formada por 47 estados europeos, cuxa finalidade é a configuración dun espazo político e xurídico europeo común, neste quinto informe sobre o cumprimento da Carta por parte do Estado español, os expertos suspenden ao Goberno Galego por «non ter mellorado de forma significativa a súa aplicación» e polo feito de que «a presenza do galego é insuficiente no ensino», sobre todo na educación infantil, subliñando que na Secundaria se limita a docencia na lingua propia xa que non se imparten en galego grandes materias científicas. Un texto clarificador sobre os problemas actuais do galego na infancia que salienta o feito de que a súa transmisión de pais a fillos non estea garantida e que a proporción de alumnado que utiliza o galego na súa vida cotiá caese de forma significativa. Un texto técnico que lembra, ademais, o incumprimento do compromiso asumido na Carta de contar cun sistema de inmersión lingüística, xa que no sistema educativo non existe posibilidade ningunha de ofrecer un currículum en galego en ningunha das etapas educativas non universitarias.

venres, 18 de outubro de 2019

Manual da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias

O Consello de Europa, en colaboración coa Xunta, publicaron un manual escolar sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) que contén un pequeno feixe de ensinanzas da sociolingüística que compríría que se espallasen fóra das aulas de lingua galega (estou pensando nas das outras linguas: castelán, inglés, francés,...).

Recortes de sociolingüística
De seguido recollo algúns recortes de textos da publicación. O primeiro, sobre a causa da morte das linguas:
"as linguas non desaparecen por causas naturais, senón que, para sermos máis exactos, na realidade son substituídas, un feito típico dos procesos de primacía política e económica. O proceso de substitución dunha lingua por outra maior implica graves fisuras no que concirne á integración interxeracional e á cohesión social dunha comunidade. "
Sobre o proceso de substitución lingüística (o subliñado é meu)
"As linguas desaparecen porque outras linguas ocupan o seu espazo como resultado de diversos procesos complexos de expansión cultural, política ou económica, que non están exentos de conflito. "
Tamén se atende aos prexuízos:
" Debe traballarse para combater os prexuízos e as ideoloxías sobre as linguas minoritarias, de modo que a diversidade e o diferente se vexan de xeito positivo e as linguas se consideren bens prezados que se poden promover activamente. "
O papel da escola na normalización:
"As escolas representan un papel crucial na promoción das linguas minoritarias, non só nos territorios onde se falan"

"A miúdo dáse o caso de que algunhas linguas internacionais coma o inglés ou o castelán se consideran máis importantes e útiles, mentres que ás linguas minoritarias habitualmente se lles dá un valor máis identitario ou emocional sen pensar na súa utilidade. O sistema educativo debe combater estes prexuízos e participar nun enfoque máis inclusivo con todas as linguas que destaque o seu valor e a súa riqueza"

Suíza, España e Polonia.
No documento trátase o cumprimento da CELRM por parte de Suíza, Polonia e España, o que permite introducirnos no coñecemento de diversas realidades.
Do caso que máis nos interesa, o español, destácanse os incumprimentos máis graves, que desafortunadamente son todos atribuíbles ao goberno galego. Hai unha especial referencia ao Decreto 79/2010, o de prohibición de uso do galego no ensino non universitario (o destacado volve a ser cousa miña):

"Os principais retos danse fundamentalmente no emprego das linguas minoritarias na área da xustiza (artigo 9) e na da Administración (artigo 10). Un problema habitual é a falta de persoal capaz de usar as linguas pertinentes nalgunhas áreas da Administración, así como nos servizos públicos, especialmente na Sanidade, o cal dificulta o emprego das linguas minoritarias nestes ámbitos.Tamén preocupa o aumento do uso do castelán nos sistemas educativos (artigo 8) nas rexións con linguas minoritarias e a expansión dos modelos educativos trilingües (castelán, inglés e unha lingua minoritaria) nalgunhas comunidades autónomas, o cal entorpece a aprendizaxe da lingua minoritaria. Por tanto, deberían analizarse detalladamente estes modelos educativos antes da súa posta en marcha co fin de asegurar un ensino e un estudo axeitados das tres linguas."
Por se hai alguén con pouca memoria, recollo aquí un extracto do Comunicado da RAG en relación co informe do Consello de Europa sobre a CELRM

"Tras unha profunda análise da situación do galego en Galicia, o informe redactado polo Comité de Expertos faise eco da chamada de atención da RAG e subliña que o Decreto 79/2010 "ten un impacto moi negativo ao fixar un máximo do 50% do ensino en galego, co obxectivo final de reducilo a un terzo, mentres que ao mesmo tempo prohibe expresamente o ensino en galego de Matemáticas na Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química na Secundaria". "Con respecto ao ensino na etapa de Infantil, o galego só está presente en niveis do 6,57% en cidades de máis de 50.000 habitantes", engade."
Finalmente non deia de ser paradóxico que sexa a Xunta quen participe na publicación deste documento.

A publicación
Velaquí a publicación completa

sábado, 9 de xuño de 2018

Dende Ribadeo a Varsovia. Unidos pola lingua


Un diálogo entre o alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e o alumnado de galego do Centro de Estudos Galegos de Varsovia. Sabedes que é un fato? un cocho? os chuchos? un pícaro? Ademais de escoitar aos polacos falando a nosa lingua, non convén perder a tertulia final. Moito teñen que aprender os tertulianos das nosas teles deles!

xoves, 12 de abril de 2018

Linguas para galegos

por Xavier Alcalá, en La Voz de Galicia:

Bruxelas é unha Babel moderna. En poucos lugares do mundo haberá tal concentración de falas por metro cadrado, e tanto interese por falar varias. De aí que no metro se vexan anuncios de aprendizaxe; e que pola utilidade se suxiran distintas linguas do globo. Hai dez anos primaban os cursos de mandarín; ultimamente, de turco. España anda revolta, e no enguedello político xorden as linguas. A utilidade é un dos argumentos en rexoubas e Cámaras parlamentarias. Así chegamos a se o galego é útil ou non; e daquela podemos volver a Bruxelas, onde os stagiaires galegos con vontade de chegaren a funcionarios da Comisión Europea escollen cursos de portugués. Entran nel coa máis alta cualificación, e grande envexa dos colegas alleos á lingua matriz da lusofonía: a galega.

domingo, 18 de febreiro de 2018

Rosalía desde a Dalmacia



Estamos próximos a celebrar un novo Día de Rosalía. Centos de persoas sumarán esforzos e desde plataformas culturais ou desde centros de ensino programarán e colaborarán nesta nova edición. 50 concellos aprobaron mocións de apoio a esta celebración. As deputacións das provincias con acceso ao mar tamén. A deputación de Ourense e a Xunta de Galicia manteñen a súa falta de apoio á iniciativa. Non lles debe gustar o éxito que tivo ano tras ano desde a súa primeira convocatoria no ano 2011. Con esta actitude demostran o seu odio, o seu desprezo á cultura galega e lixan a figura do seu símbolo máis afouto e internacional.
Como gorentosa introdución á multitude de actos que se celebrarán nos vindeiros días achego aquí un clásico. Trátase dun vídeo que veñen de gravar Sara Mašek e Katarina Drenovac no Centro de Estudos de Galego en Zadar. En todo un exemplo paradigmático do que é (isto si é) o bilingüismo harmónico Sara e Katarina recitan «Teño un mal que non ten cura», de Follas Novas. Agora cómpre pegarlle ao play.


Teño un mal que non tén cura,
un mal que naceu comigo,
i ese mal tan enemigo
levarame á sepultura.

Curandeiros, ceruxanos,
dotores en medeciña,
pra esta infirmidade miña
n'hai remedio antre os humanos.

Deixá, pois, de remexer
con concencia ou sin concencia,
os libros da vosa cencia,
pois para min n'han de ter.

¿Que o dudás? Duda non cabe
nesto que digo, doutores,
anque pese, hai amargores
que non pasan con xarabe.

¿Asañasvos porque digo
verdás que sabés de sobra?
Pois a probar... mans á obra:
vede de curarme, amigo.

O meu mal i o meu sofrir
é o meu propio corazón:
¡quitaimo sin compasión!
Despois: ¡faceme vivir!

luns, 4 de decembro de 2017

Entrevista a Elías Portela do IES Breamo



Entevista a Elías Portela / Knörr, poeta galego e islandés, realizada por alumnas de 2º de ESO do IES Breamo (Pontedeume) en novembro de 2017, durante unha estadía Erasmus+ en Reykjavík.

martes, 27 de maio de 2014

Rith 2014



Rith é a denominación do Correlingua irlandés. Trátase dunha serie de carreiras que teñen como obxectivo fomentar o uso e do gaélico irlandés. Celebrouse por primeira vez no ano 2010.
O percorrido deste ano desenvolveuse no mes de marzo. Comenzou en Baile Bhuirne e rematou nove días e 1000 km despois, en Belfast. Algúns dos participantes levan un bastón que van entregando a outro participante que o portará na seguinte etapa ao estilo dunha carreira de remudas.
Como na Regadeg bretoa, as entidades ou os particulares poden mercar os quilómetros do percorrido para axudar a financiar a Rith anual.
De regalo, unha ligazón a unha curta que promocionan desde o Correlingua irlandés: An Díog is Faide. Nela cóntase a historia do granxeiro Sonnie Murphy que no 1932 ten a oportunidade de participar na Olimpíada de Los Angeles. Pero... ben, o mellor e ver a curta.

luns, 26 de maio de 2014

Redageg 2014



Rematou o Correlingua e comenzou o Redageg que entre discorrerá entre o 24 e o 31 deste mes. Esta celebración celébrase cun percorrido por toda a Bretaña día e noite simbolizando a transimisión da lingua bretoa. Pasa por máis de 300 concellos desenvolvevendo todo tipo de actividades como concertos, bailes, cine, música, eventos gastronómicos, deportes,....
O percorrido total desta edición é de 1531 km. Persoas e entidades poden contribuir económicamente comprando quilómetros da carreira. Os participantes, ao estilo do facho olímipo, trasladan por toda a Bretaña unha mesaxe que só se lerá ao remate da edición.

As actividades desta celebración reivindicativa poden seguirse nesta conta de twitter

P.S.:Ar-Redadeg, o correlingua da Bretaña

sábado, 25 de xaneiro de 2014

Palabras sobre Europa

Grazas a unha anotación de Xano Cebreiro sei deste mapa interactivo que, introducindo unha palabra en inglés nos ofrece a tradución a diversas linguas europeas sobre un mapa.
Tal e como se pode comprobar eu fixen unha proba coa primeira palabra que me pasou pola cabeza.
Segundo o portal Vilaweb a ferramenta móstranos é un bo recurso para detectar as diferencias léxicas e as familias lingüísticas do continente.
Cómpre ter en conta que as traducións realízanse mediante Google Translate, polo que hai moitas linguas que non aparecen na aplicación.

venres, 27 de setembro de 2013

Día Europeo das Linguas

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:


Saúda o outono coas primeiras pingas que arrefriarán a pel e o corazón da terra queimada e cinsenta, testemuño inerte da connivencia entre as conciencias suicidas e a planificación política confiada ou desleixada.

martes, 2 de xullo de 2013

O catalán, o galego, e as linguas oficiais na Unión Europea



Onte, 01/07/2013, aproveitando o ingreso de Coracia na UE, e que así o croata pasaba a ser lingua oficial do organismo europeo,  a Plataforma per la Llengua e a Fundació Vincle, divulgaron este vídeo no que denuncian que todas as linguas de dimensións semellantes á catalana xa son oficiais na UE. Porén non é así no caso catalán por vontade expresa dos gobernos españois. A Plataforma per la Llengua considera denigrante e vexatorio este trato.
O argumento vén sendo repetido polos grupos de defensa do catalán desde tempo atrás. Esta lingua conta con 10 millóns de falantes nun territorio de 13 millóns de habitantes. Compárase este caso co croata, lingua habitual de 4 millóns de persoas dun totalde 4,4 millóns de cidadáns. Tamén se fai referencia a outras realidades, como a do irlandés, lingua habitual de 77.000 persoas, proclamada como oficial no 2007, 34 anos despois do ingreso de Irlanda na CEE. Pero tamén hai outras linguas oficiais con poucos utentes como o maltés, con 300.000 falantes; un número 9 veces menor có galego.
Efectivamente, se aquí se destaca o caso do catalán, non podemos esquecer, tal e como di a RAG, que "o galego ten máis falantes que algunhas linguas oficiais europeas como eslovaco, esloveno, maltés, islandés e gaélico"
Actualmente o estatus do galego nas institucións europeas non permite botar moitos foguetes. Pódese usar nas sesións do Consello Europeo e no Comité das Rexións, sempre que se solicite con sete semanas de antelación e sen a posibilidade de que as respostas sexan traducidas ao galego. Toda unha garantía de dereitos!
No caso da cidadanía, nun principio garántese no papel que poida dirixirse en galego ás institucións europeas. Na realidade non é así. O procedemento consistiría en dirixirse á Oficina de Linguas Oficiais, un organismo creado no 2007 e que hoxe fica acubillado na Secretaría de Estado de Cooperación Territorial, sen posibilida ningunha de dirixírmonos a el. En tempos, a SXPL ofrecíanos a posibilidade de dirixímonos directamente mediante un correo do cidadán ás institución da UE. Actualmente esta posibilidade está morta.
Outra posibilidade que se anuncia de contacto en galego coas institucións europeas é a do Defensor do Pobo Europeo. Incluso se indica que tanto desde esta institución como desde calquera outra da UE, teriamos dereito a recibir a resposta en galego. Pero este presunto dereito non se materializa na realidade en forma algunha. Por exemplo, a oficina do Defensor do Pobo Europeo podería darnos a resposta en maltés, pero non en galego.

sábado, 30 de marzo de 2013

Diversidade lingüística e linguas ameazadas en Europa.

por Marta Dacosta no Sermos Galiza

O pasado 20 de marzo, véspera do Día Internacional da Poesía, participei nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo, como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG. Fomos convidados a participar neste grupo de traballo por Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento europeo, integrante da Alianza Libre Europea (ALE)-Os Verdes, formación organizadora do Grupo de traballo.