Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta neofalantes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta neofalantes. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de outubro de 2024

Beizóns tamén para os neofalantes

 por Fina Casalderrey en El Progreso:

Ninguén en Galicia —nin en ningures— tivo oportunidade de escoller onde nacer: na aldea ou na cidade, en casa humilde ou en rica mansión, nun ambiente de miseria académica ou de fartura intelectual, onde se falaba galego dende o berce ou onde se ignoraba ou mesmo rexeitaba... Nacemos onde a nosa nai nos trouxo ao mundo e, ás veces, tampouco ela puido escoller. Non debemos tomar coma un mérito persoal o feito de que na nosa casa se fale galego de toda a vida; en todo caso, fomos afortunados por recibir ese herdo de maneira natural, sen esforzo extra pola nosa banda.

 

mércores, 2 de febreiro de 2022

Neofalantes: o portal

 


O pasado luns a USC por medio da Facultade de Ciencias da Comunicación e a Xunta, por medio da SXPL, presentaron o portal Neofalantes

O portal conta con varias seccións sobre o mundo neofalante, sobre actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas predilectas da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Twitter.

Nun dos seus artigos dan 5 recomendacións para os primeiros momentos dun neofalante:
  • Escoller un plan
  • Expoñerse todo o posible ao galego
  • Bucar entornos amigos
  • Procurar alianzas nas redes sociais
  • Desfacerse dos prexuízos
Aquí vai esta entrada cos meus mellores desexos. Dun paleo-neofalante

martes, 26 de xaneiro de 2021

sábado, 24 de febreiro de 2018

Eu non son neofalante

por Olga Brañas, no Sermos Galiza:

É curioso, a maioría de xente que me coñece pensa que son neofalante. Certo é que na fala (e nas publicacións de facebook, que vén sendo o mesmo) tendo a castelanizar toda palabra que se me pon por diante, pero a miña impresión é a contraria: as persoas neofalantes teñen un vocabulario moito máis normativo -chamémoslle correcto- que as que temos o galego como lingua materna. Estou xeralizando, por suposto.

xoves, 5 de outubro de 2017

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”. Este retrouso que se ouve amiúdo forma parte da mitoloxía que se erixe ao redor da figura da ‘falante nativa’, un ser mítico que tivo a boa sorte de zugar a ambrosía lingüística directamente da teta de súa mai, dando todo o seu significado ao termo ‘lingua materna’. Máis adiante, poderá cuspilo e renegar del, pasando a falar sempre a lingua do imperio que nos coloniza, por obriga directa ou por coerción, pois ninguén abandona a súa lingua por vontade propria na súa terra. Mais, sexa como for, sempre será unha ‘paleofalante’, á diferenza desta subespecie inferior que o tivo que aprender nos libros, a denominada ‘neofalante’. Antes de máis, convén lembrar que, debido ao proceso de substitución lingüística que deriva da doma e castración do País, non todas as persoas que viven na Galiza tiveron a sorte de nasceren e seren criadas nun ambiente galegofalante. Certamente, ten o seu mérito a falante nativa que mantén a súa lingua nun ambiente lingüisticamente hostil, empapado de español na escola, nos medios... Mais non menos mérito ten aquela persoa que, veña de onde viñer, chega a unha tomada de consciencia lingüística que a empurra a aprender e a utilizar o galego como lingua, adoptando unha práctica monolingüe nun entorno onde apenas se ouve falar galego, sobretodo entre a mocidade. Pois, encanto que a adquisición espontánea se pode vivir sen cuestionala ou mesmo valorala, podéndose aceitar ou rexeitar como calquer dádiva, a tomada de consciencia que implica para un neofalante pasar a ser galegofalante na práctica diaria estriba nun compromiso que tende a levar habitualmente a un activismo lingüísticos, o que non significa que non haxa tamén moitos e moitas falantes nativas activistas. Infelizmente, acontece que nos núcleos máis urbanos, xa en 1998, varias investigadoras alertaron que “a situación do galego no ámbito urbano ou semiurbano é case agónica, encanto que no ámbito rural perde posicións cunha rapidez alarmante”. Os datos máis recentes que recolle o Mapa Sociolingüístico de Galicia (2004) non só confirma esta tendencia, mais indica que se exacerba de xeito alarmante. O quid do problema radica en que hoxe por hoxe, sen renegarmos do rural, cumpre recoñecer que a populación se vai concentrando nas urbes. Apoiándose en La lengua materna en los espacios urbanos gallegos (M.A. Fernández, 1993), as mesmas investigadoras indican que “87 % do crescimento demográfico no século actual corresponde às cabeceiras urbanas. A populación radicada nas sete áreas urbanas galegas representa máis de 40 % do total, encanto que en 1900 representaba só 9,8 %. Portanto, [...] o facto de que nos ámbitos rurais existan aínda altas percentaxes de galegófonos habituais non supón unha grande esperanza a respeito do futuro mantemento da lingua.” Sen unha recuperación do galego nas cidades, pois, o fado do galego fica claro. E quen alza a bandeira do galego nos centros urbanos son, na maioría, neofalantes. Por esta razón, calquer mostra de neofalantofobía divide as falantes e non fai máis do que facer o xogo à penetración do español, debilitando a xa de por si precaria presenza do galego, axudando a facelo desaparecer, en vez de reforzalo para se voltar a tornar a lingua nacional da Galiza inteira: de todas e todos. As únicas persoas que merecen ser obxecto de censura e burla son aquel@s profisonais –entendido como quen cobra polo seu traballo, independentemente da súa capacitación ou capacidade...– que viven do galego ou que teñen o deber de o dignificar e promover, ante todo determinad@s persoeiros do CRTVG (que non tod@s) ou determinados cargos políticos, a comezar polo proprio Presidente da Xunta, que non son quen de colocar un pronome onde corresponde ou que se dedican a espallar unha imaxe deturpada dun galego maltratado como algo aceitábel e mesmo loábel: máis xenuíno... É verdade que unha falante nativa e unha neofalante tenden a non dispor das mesmas destrezas e recursos lingüísticos, mais o galego pode aprenderse como calquer outra lingua, cunha dedicación e empeño a aprenderse ben e procurar mellorar sempre, embora é moi fácil caír nos estereótipos, ao caricaturizar tanto as unhas como as outras. Por un lado, o tópico do paradoxo da ‘falante nativa’ como depositaria dun galego verdadeiro dun tempo dourado, mais que recorre a españolismos como abuelo, calle ou ghuevos como mostras de autenticidade, dun ghallegho auténtico. Polo outro, a neofalante incapaz de pronunciar o ene velar característico do galego, nen de distinguir máis que as cinco vogais do español. A realidade é máis complexa e rica. Non todas as falantes nativas castrapean e son moitas as que aman, coidan e cultivan a lingua, sen por iso renegaren do ‘seu’ galego de orixe (nen falta que fai!). Mesmo hai reintegracionistas no bastión rural do galego ‘enxebre’... Do mesmo xeito, tamén hai neofalantes competentes que gostan de mellorar e de aprender de quen fala mellor. O futuro do galego – se futuro ha de haber – pasará ineludibelmente polo encontro das diferentes falantes e as súas diferentes variantes, evitando sempre que se dilúa no mare magnum do español até o ponto de acabar sendo engulido. Talvez (ou mesmo moi probabelmente) o galego do futuro non será unha cousa pura e incorrupta, como nunca o son as linguas à medida que evolúen ao longo do tempo mediante o inevitábel contacto coas outras linguas do entorno, quéirase ou non. Ora, o que si cabe preservar é unha lingua viva e dinámica, fiel a si mesma, non unha peza de museu que se contempla mais non se toca. Temos moito a aprender as unhas das outras. A unión fai a forza e, e en vez de nos dividirmos segundo a sorte de onde nos tocou nascer, xuntas venceremos. Hai que reivindicar o galego como a inalienábel heranza de todas as galegas, incluídas aquelas a quen foi arrebatado mesmo antes de saíren ao mundo. Chegou o momento de superarmos a división entre neofalantes e paleofalantes para falarmos de galegoamantes. Porque non sobra ninguén na defensa do País e da súa lingua

por Robert Neal Baxter no Terra e Tempo:

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”.

venres, 27 de xaneiro de 2017

De pre-neofalantes a neofalantes



Hai que ter as ideas moi claras para ir a un certame de conferencias para a normalización do galego e botar a metade do discurso en castelán. Belén Regueira ten as ideas moi claras, e aínda mellor, sabe explicalas moi ben e moi claramente.
Na primeira parte deste monólogo, en castelán, Belén Regueira fai visbles unha chea de prexuízos. Cada un deles é un ladrillo máis no muro que o pre-neofalante constrúe para manterse alleado do galego. Na segunda parte, agora si, en galego, o neofalante vai derrubado o muro e evidenciando os prexuízos. O proceso non é fácil, pero si liberador. O discurso de Belén Regueira é unha invitación a todos os pre-neofalantes a dar o paso. Temos, xa que logo, outro recurso para as aulas e todo tipo de contextos desgaleguizados que chega desa fonte fresca que é a CTNL.

xoves, 3 de decembro de 2015

Os neofalantes, protagonistas do Día Internacional do Euskera



Cunha campaña de visibilización do euskera, o goberno vasco celebra este ano o Día Internacional do Euskera. Ofrécenlle a rúa aos euskaldun berris,aos neofalantes, que son os que fan que o euskera siga latendo. Esta xornada vese potlenciada porque tamén se celebra o 30 aniversario da promulgación da súa  Lei de Normalización
Entre as accións previas para a celebración realizouse a lectura, en voz alta, dun comunicado no que se pedía que se levara o euskera do corazón aos beizos.
Na campaña destacan que o número de euskaldun berris era de 255.900 persoas, o 36,6% da poboación. Fronte a un 0,5% da poboación euskaldun zahar, isto é, falantes de euskera desde cativos, a cantidade de neofalantes é enorme. A chamada que se fai desde esta campaña é a que mostren orgullosos o seu coñecemento da lingua vasca pois con estas cifras está claro que o futuro desta lingua está nos incorporados nos últimos anos. Isto tamén nos recorda que o galego é a única lingua peninsular que perdeu falantes. Velaí que, se noutros territorios se aplicaron políticas normalizadoras, en Galicia o que houbo foi unha política exterminadora da lingua da terra.
A Lei de Normalización Lingüística galega tamén fixera 30 anos no 2013 cun destacado silencio institucional. O Sermos Galiza fixera unha pedira un balance a varios especialistas que non estaría mal recordar: [1] e [2]

venres, 3 de outubro de 2014

Orgulho de neofalante

por Alfredo Ferreiro na Praza Pública:


Sou falante de galego desde que decidi assumir como própria a língua que a minha mãe, que deseja sempre o melhor para mim, escolheu não me transmitir. Rejeitava ela a fala que tinha aprendido com a família, e que se vinha falando desde que a gente tem memória. Porém, não foi em rigor uma decisão apoiada na carência, mas todo o contrário, alicerçada na estrita provisão de recursos, algo profundamente humano e por isso nada estranho ao amor maternal.

mércores, 11 de xuño de 2014

Neofalantes, unha etiqueta positiva

por Xurxo Martínez González, nas Voces de Prolingua:


Na cidade, polo xeral, atopamos actitudes positivas cara ao galego entre os castelanfalantes. Actitudes unha miga deterioradas logo da urticaria provocada polos galegófobos que, disque, querían bilingüismo.

sábado, 30 de abril de 2011

Como sinto a lingua

por Susana de la Gala, quen nos deixa o seu testemuño persoal sobre a lingua. Estaría moi ben que outros opinadores fixeran declaracións nesta mesma liña. No Galicia Hoxe:

Hoxe falarei da lingua galega. De como a sinto e como a vivo. As miñas experiencias coa fala. Unha desas cousas que fixen ben na vida foi falala. Outra, escribila. Trátase dunha historia de amor. Desas que non insiren The End cando quererías saber que pasou despois. Das que se sabe que durará mentres vivas, e máis alá, cando os textos escritos en galego teñan esa cor amarela dos arquivos e hemerotecas. Porque a primeira poesía que escribín estaba na lingua de Rosalía. Xuntaba palabras, é certo, e non atopaba rimas. Mais o aquel de poetizar en galego é anterior a coñecer a existencia da poetisa de Padrón. Ás veces conxecturo que comezou cando as comadroas me falaron, como a tantas outras crianzas que pasaban polas súas mans. Pareceume o celme máis musical e fermoso do mundo. Pode haber lembranzas do primeiro son que escoitas cando saes do útero?
Custoume afacerme á fala. A escrita estaba algo mesturada entre normativa AGAL e RAG, porque o meu primeiro profesor ensinaba aquela e a segunda esta. Mais, como nacín en Ourense e me criei en Viana do Bolo, ir ao rego, ou visitar a meu irmao son expresións que me soan mellor que ese o con til ou ese n final. Así que son receptiva cara ó estreito parentesco co portugués, un único gran río que se separou en Tui. Mais escribo en RAG porque... Nin idea. A fala custoume máis que a escrita, como adoita pasar co inglés ou o latín. Leo catalán e italiano, aínda que case nada francés. Teño nos miolos que o galego é idioma dende antes de que o ensinaran na escola. Síntoo meu e forma parte da miña identidade.
Certo que son bilingüe. Ata os 23 non dixen ren en galego agás responder en clase ás preguntas da profesora desta lingua. E cando compuxen esa primeira frase entroume unha vergoña e inseguridade proverbiais. Podería ser alemán e non me custaría tanto. E se me dirixía a algún profesor metía tantos che e te mal empregados que aínda me dá noxo. Ese che deturpado que sae dos meus beizos de cando en vez. E como fora, falando con Benigna e con Azucena, aló pola fin de ano 90 e comezos do 91, saíume con naturalidade. Nun ano mellorara tanto que nin eu o cría. Claro que falo un castrapo con cultismos. E como a sinto tan fondo no meu ser, a fala ole a lume de lareira, chourizo en manteiga, freixós, prados e carreiros. E a néboa e a choiva. E a eucalipto e a piñeiro. Que lingua máis sinestésica!.

venres, 17 de decembro de 2010

Comenza a navegar A Nave das Ideas

 A Nave das Ideas nace en Vigo coa vontade de unir, mediante redes, a visión do mundo imaxinada e conformada nesta beira do Atlántico cos remuíños e correntes de pensamento e cultura que circulan polo resto dos océanos.
O pasado 10 de decembro organizaron unha charla-coloquio: "Pero,... que raios é iso dos neofalantes?". Nela participaron  Séchu Sende, con moito humor; Daria Shornikova, tal e como ela mesma di, se descartamos que é rusa a súa historia é bastante común; e Belén Regueira, simplemente excepcional. Tres neofalantes, tres vídos dignos dun documental do estilo do das Candongas do Quirombo.