Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Jaume Bonet. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jaume Bonet. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de marzo de 2012

En folga de fame pola lingua. O caso de Jaume Bonet

Jaume Bonet, docente xubilado de 64 anos, leva 23 días en folga de fame para protestar contra a política lingüística do goberno das Illas que nos últimos tempos está cometendo un ataque radical contra o catalán nas Baleares. De requerise o seu coñecemento para o acceso a un emprego público, a lingua propia pasa a ser só un aspecto máis de puntuación meritocrática. Ademais de establecerse a alternancia lingüística na toponimia,  IB3, a compañía de radio e televisión pública mallorquina, padece un continuado e sistemático proceso de castelanización.
Tal e como di o propio Jaume Bonet, os medios de comunicación responden a determinados intereses, por esta razón, unha noticia coa que os galegos estamos especialmente sensibilizados, está completamente oculta.Claro que, como sinala o lingüista Enric Serra, se o caso fose sobre os abusos cometidos en Papúa Nova Guinea ou na Patagonia, tanto medios como cidadáns ben pensantes comentarían o caso con cara de finxida preocupación. Isto é o que fixo a deputada balear do PP Ana María Aguilo, quen ante a pregunta de se se interesara polo estado de Jaume Bonet respondeu 'prefiero ir a visitar a personas que de verdad no pueden comer'. Sobran os comentarios a tanto desprecio e insensibilidade frente a unha postura de infinita dignidade, pois Jaume Bonet insiste en que non está a xogar e que o seu desafío vai moi en serio.
A acción de Jaume Bonet conta co apoio da organización á que pertence, Jubilats per Mallorca, que entregou un escrito a pasada semana aos 59 diputados autonómicos no que se reafirman na defensa do coñecemento e o uso da lingua propia.

No seguinte vídeo recibe as mostras de solidariedade dun recoñecido loitador polos dereitos humanos, candidato ao premio Nobel da paz,  Juan Carrero.



Para máis información: #vagadefamperlallengua e Jubilats per Mallorca