Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Marcos Pérez Pena. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marcos Pérez Pena. Amosar todas as publicacións

martes, 23 de outubro de 2018

Forever in Galiza



Non creo que haxa que explicar o que significa o "Sempre en Galiza" de Castelao. Hoxe este libro, que debería formar parte do imaxinario de calquera galego digno de cualificarse con este adxectivo, pode consultarse en inglés grazas ao traballo de tradución feito por Craig Paterson.
Grazas ao blogue da biblioteca do IES  Ollos Grandes (Lugo), tiven coñecemento do vídeo que comparto ao inicio da entrada no que se informa da presentación da tradución na terra natal de Castelao. Unha segunda presentación tivo lugar no IES Félix Muriel, da mesma localidade.
Posiblemente a mellor introdución a este traballo será a que acharemos nesta entrevista de Marcos Pérez Pena para o dixital Praza Pública. Destaco dela algunhas palabras de Craig Paterson:


Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, por medio das súas políticas lingüísticas, educativas e culturais, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco. En particular, eu creo que sería unha falta de respecto ao legado de Castelao vincular o proxecto con semellante filisteísmo, sendo a obra unha defensa magna dos dereitos insubornábeis e humanos de Galicia e os galegos. Colaborar con semellantes forzas representaría, para min, unha incoherencia hipócrita, contraproducente e destrutiva, que de paso lexitimaría os feitos inefábeis do goberno de Feijoo en contra da cultura e lingua galega.

 Velaquí que me pareceu ésta unha excelente oportunidade de lembrar aquela iniciativa do Consello da Cultura Galega para conmemorar o 70 aniversario da obra, #sempreengz

martes, 13 de marzo de 2012

Valentim Fagim: 'Vivemos um processo de substituiçom linguística mui avançado'

Marcos Pérez Pena entrevista a Valentim Fagim, presidente da AGAL, para Praza (nesta ligazón contén audio):
Valentim R. Fagim preside desde 2009 a Associaçom Galega de Língua (AGAL), que o passado ano completou três décadas. É autor de obras didáticas como Do Ñ para o NH, Manual de língua para transitar do galego-castelhano para o galego-português, e o trabalho que desenvolve, pessoalmente e no seio da associaçom, consiste em mostrar aos galegos e as galegas que a língua da Galiza é a mesma que fala Lula da Silva. Esta será a década do Brasil, país que nom deixa de crescer economicamente e de ganhar peso internacional e que organizará, dentro de dous anos, o Mundial de Futebol e em 2016 os Jogos Olímpicos. Fagim pensa que a Galiza nom pode desaproveitar a oportunidade que lhe oferece a sua pertença ao mesmo espaço linguístico que o gigante brasileiro.
Como valoras a situaçom da língua hoje em dia?
Vivemos um processo de substituiçom linguística mui avançado. Isto é tam simples de constatar como ir a um parque, por exemplo na cidade de Santiago, e escutarmos a língua dos avós -que falam 90% em galego- e a língua das crianças -que falam 90% em castelhano-. Em Vigo os avós já nom falam 90% em galego. Por outra parte, cada nova geraçom fala um galego cada vez mais misturado com o castelhano. A minha avó, por exemplo, diz balor, a minha mai já dizia moho, e a mim chegou-me moho. Isto vemo-lo todos, nom fai falta ser um especialista.

sábado, 25 de febreiro de 2012

Henrique Monteagudo: 'Como vas defender o galego se non aceptas a realidade lingüística de Galicia hoxe en día?'

Marcos Pérez Pena entrevistou a Henrique Monteagudo en Praza Pública (alí contén audio):

Henrique Monteagudo ingresa este sábado ao mediodía na Real Academia Galega -para ocupar a vacante de Antonio Gil Merino, falecido en 2009- cun discurso Facer país co idioma, que liga o proceso de normalización co propio proceso de construción do autogoberno. Monteagudo, profesor titular da USC e secretario do Consello da Cultura Galega, reclama estratexias máis acaídas para non entregarlles "aos inimigos do galego" os conceptos de bilingüísmo e liberdade lingüística, que a maioría da poboación asume como positivos.O discurso co que ingresarás na Academia liga normalización e construción nacional. Como foi o proceso destes últimos trinta anos para ambos os dous procesos?O proceso de normalización lingüística ten sentido no marco dun proceso máis amplo de reafirmación da identidade e de construción de Galicia como país, e que fóra dese marco a normalización perde o seu sentido. Polo tanto, se se quere impoñer un proxecto de reversión do autogoberno, a normalización do galego necesariamente vaise ver sacrificada. O preámbulo da Lei de Normalización é clarísimo neste sentido: explica por que se aproba a lei, fala do proceso de degradación producido polo centralismo, o que supuxo para Galicia como país e para a súa cultura, e que estamos nun proceso de recuperación e que nese proceso a lingua é fundamental.