Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta xogos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xogos. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de xaneiro de 2025

sábado, 9 de abril de 2022

Canto sabes da historia da lingua galega?

Carlos L. Medrano, que acaba de publicar o libro Gramática Xeroglífica, é o autor dun gorentoso blogue de ludolingüismo, Xogos de Lingua. Por unha publicación súa en Aulas Galegas soubemos deste Genialy - Trivial que nos propón algúns retos sobre a historia da lingua

sábado, 5 de marzo de 2022

Pensatermos

 A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou o xogo Pensatermos, a versión galega do catalán Pauralògic. Ademais da colaboración dos creadores do xogo (Jordi Palou, coa programación de Pere Orga para RodaMots), A Mesa contou coa base de datos da Academia Galega e do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo

O xogo ofrécenos 7 letras. O obxectivo consiste en formar o maior número de palabras usando esas lebras coa condición de usar obrigatoriamente a do centro. A palabra debe ter polo menos 3 letras. 
Parabéns á Mesa e aos colaboradores desta iniciativa.


martes, 11 de xaneiro de 2022

Wordle en galego

Moitos recoñecerán a seguite imaxe. Corresponde a un xogo que se fixo viral nos últimos tempos, o Wordle

⬜⬜⬜⬜⬜

⬜⬜⬜⬜🟩

🟩⬜⬜⬜🟩

🟩🟩🟩⬜🟩

🟩🟩🟩🟩🟩

Foi creado por Josh Wardle, un enxeñeiro norteamericano que o creou para a súa parella, moi afeccionada aos xogos de palabras. Trátase de adiviñar unha palabra de cinco letras en, como moito, 6 pasos. O xogo só admite como palabras válidas aquelas do seu dicionario asociado. Hai que escribir unha palabra. Se acertamos coa letra e a posición, marcará a letra en verde. Se a palabra ten a letra pero está noutra posición, marcarase en amarelo e se a letra non forma parte da palabra a adiviñar, aparecerá en gris. No exemplo colocado aquí non aparecen marcas en amarelo porque cada vez que se acertou unha letra, colocouse na posición que ocupa na palabra.

Se traio por aquí esta novidade é porque hai un #WordleGalego. Podes probar a xogar aquí.

Por certo, esta iniciativa debémoslla a Abraham Martínez Gracia


luns, 19 de abril de 2021

Pasagalego 2021


Como parte das actividades da V edición de 21 Días co galego, o alumnado de 3º da ESO do Forgar de Santa Margarida (A Coruña) propónenos o reto de resolver este Pasagalego. 

 

martes, 6 de xuño de 2017

21 días en galego: descubrindo un muro contra o uso do galego



Estamos diante dun documento excepcional. Este vídeo non é un máis. Aquí podemos mergullarnos na realidade sociolingüística que normalmente se oculta. Por iso del podemos aprender moito e extraer substanciosas conclusións.
Se un quere saber cales son o prexuízos que leva á mocidade ao abandono da lingua nun entorno galegófono, ten unha referencia fundamental no libro de Valentina Formoso Do estigma á estima, (Xerais 2013). Nesta inestimable achega que presentamos hoxe aquí evidéncianse as barreiras que se lle poñen aos que intentan recuperar o galego como lingua de relación nun ambiente fortemente castelanizado.
Coincidindo coa celebración das Letras Galegas a Xunta destacou que colaborará no financiamento dun estudo sobre o cambio lingüístico na etapa etaria dos 18 aos 25 anos que realizará o ILG. Ao tempo que se mantén unha actitude gubernamental moi agresiva contra o uso do galego, desde San Caetano disimúlase publicando e financiando un estudo tras outro. Un mes antes o Consello da Cultura Galega publicaba outro traballo no que se poñía en evidencia que a escola é un moi importante factor de desgaleguización dos rapaces. Esta desgaleguización acentúase porque os pais preparan aos seus fillos para o cambio lingüístico que lles agarda na escola. Por outra banda, os prexuízos acrecentáronse e fortificáronse nos últimos anos por unha política lingüística que desprestixou o uso do galego e espallou un discurso supremacista que xustifica a retirada de dereitos para o emprego da lingua galega, establecendo, pola contra, privilexios para a lingua ultraprivilexiada.
Pois ben, neste vídeo materialízase con palabras de rapaces de carne e óso, a estrutura dunha sociedade que lle virou as costas á lingua galega. Ao estilo do programa da televisión "21 días", unha ducia de rapaces do Fogar de Santa Margarida (A Coruña) apuntáronse á experiencia de vivir as 24 horas en galego. Aquí relataron as súas experiencias, os seus medos, rexeitamentos, ilusións, expectativas... Son herdeiros do programa que desenvolve o IES da Pobra do Caramiñal, "21 días co galego". De feito unha das actividades que desenvolveron foi a de propoñerse mutuamente un xogo de defincións, "Pasagalego", ao estilo do concurso televisivo "Pasapalabra".
O primeiro que me veu á cabeza cando comencei a ver o audiovisual foron as liñas de galego. A experiencia aquí relatada era a mesma que se desenvolvía naquelas liñas de galego que suprimiu Feijóo nada máis chegar á Xunta. Que mal facían? A única resposta: abirlle unha porta ao galego en entornos fortemente castelanizados e claro, isto é incompatible con radicalismo antigalego dos gobernos populares.
Cal foi a forma de proceder destes 21 días en galego? Cada día hai unha actividade destacada. Tendo en conta que o promotor foi o ludolingüista Carlos L. Medrano, o campo estaba aberto a xogos, adiviñas, poesías, ditos,... Todo está no vídeo. Pero por se aínda a alguén non lle apetece velo enteiriño, vou facer un espoiler, recollendo algunhas das frases que din no documental. Pero cómpre ter en conta que non é o mesmo lelo que escoitalo dos seus protagonistas, así que insisto en pegarlle un click ao play. Velaquí unha escolma, que dá para a reflexión:


  • A xente pola rúa, cando nos ve falando galego, míranos bastante raro. Incluso hoxe un señor díxome que facía falando galego.
  • Estaba falando galego cun amigo que falaba en castelán. Veu outro e preguntoume: e ti por que falas galego? Eu díxenlle: porque hai que empezar a falar galego. E díxome: Ti es parvo ou que?. Quedeime flipando.
  • Non teño moitas ganas de continuar, porque estáseme facendo moi pesado falar todo o día noutro idioma que non é o meu diario. Pero sei que teño que facelo,... é o que queda.
  • Estaba tan pancho vendo a tele. Entón pensei: imos ver a tele en galego. Fun a "axustes" e viñan todos os idiomas menos  galego. Iso fíxoseme moi raro. Estamos en Galicia e temos que ter cousas en galego.
  • A medida que pasan os días falando en galego, vou mellorando.
  • Cando cheguei á cataquesis que estou eu, o primeiro día falei galego. Ao siguiente día escoitaba murmullos de que este é un pailán,... Nese momento parei de falar galego, pero agora volvo á carga.

  • É divertido, estou aprendendo máis vocabulario.
  • Non sei por que nós aquí odiamos a nosa lingua. Se vas a Cataluña, alí están superorgullosos da súa lingua. Alí ti vas e fálanche catalán, aínda que sexas de fora,.... a min paréceme algo de mala educación porque se non che estou entendendo,.... pero eu creo que en eso sí que nos deberíamos parecer algo a eles. Respetan moitísimo a súa lingua, e nós non... Eso hai que cambialo xa.
  • Cando rematen os 21 días, cos amigos, non sei. Pero coa familia vou a seguir a falar en galego.
  • Estaba falando eu así cunhas amigas, en galego. E de repente lancei un tempo composto...
  • O galego, nunca pensei que se parecía tanto ao portugués.
  • Cando cheguei ao Hogar... Non tiña pensado cambiar a miña forma de expresarme, para min o normal era falar galego. No meu outro cole, iba ao cole de Laxe. Eu crieime entre Laxe e Corme. Sempre digo que son do medio da ría. ...Teño expresións de Laxe,... tamén teño expresións de Corme. Ao saber que isto iba a ser un proxecto, formei parte del porque me parece xenial.
  • Hoxe falei todo o día galego. Xa se me dá mellor. Impresionei moitísimo
  • Veu un equipo de Monterroso. Falan galego e levámonos bastante ben con eles. Os do meu equipo falábanl e castelán e eles respondían en galego. Eu estiven falando galego con eles e averdade é que bastante ben.... incluso mellor que antes de empezar o traballo.
  • Pero ti falando galego?... Sorprendeuse, porque todo o mundo sorpréndese. Eu, a verdade recoméndoo, a min gústame.
  • É un proxecto do que só sacas cousas boas
  • Estaba baixando con Jorge, o meu amigo, me escoitou falando galego, e me dixo: pero por que falas galego se xa acabaches os 21 días?. Pois eu falo galego porque me gusta, e claro, xa me estivo mirando desde o camiño con mala cara.


venres, 10 de febreiro de 2017

Un eodermdrome galego

Foi o artigo do blogue Xogos de lingua, Non apto para sesquipedalofóbicos, o que prendeu a chispa para que elaborase esta entrada. Xogos de lingua, como indica o seu nome, é un blogue adicado á ludolingüística. Como tal, ten algunha entrada na que fai referencia ao gran divulgador das matemáticas, Martin Gardner, coñecido por utilizar os xogos como punto de partida de moitos dos seus artigos. Velaquí o punto de encontro entre a lingua e as matemáticas: o xogo.
No libro Rosquillas anudadas (Labor, 1987), Martin Gardner fai referencia a un famoso reto de Henry Dudeney, aparecido no libro Amusements in Mathematics: auga, gas e electricidade consistente en unir co lapis as casas A, B e C cos subministros de auga (W), gas (G) e electricidade (E) de forma que as liñas de subministro non se corten. Tal e como o propio Dudeney adianta, é imposible realizar o que se pide no reto:
Figura 1:Amusements in Mathematics
Este problema entra dentro do campo da teoría de grafos. Os matemáticos chámanlle grafo a unha colección de vértices con arestas entre os mesmos. Cada aresta conecta dous vértices. Velaquí un par de exemplos.

Figura 2. Dous grafos simples
Nota: aquí debuxei as arestas mediante segmentos rectos, pero non hai porque facelo así. O importante dunha aresta consiste nos vértices que conecta.
Figura 3:Grafo K5
Cómpre avisar que os únicos vértices do grafo son os marcados en cor. Neste grafo denominado K5  hai 5 vértices e 10 arestas.  O grafo completo de grao n, denotado Ké o un grafo de n vértices na que todo vértice está conectado con todos os demais vértices. Aquí presentamos o grafo completo de 5 vértices. Algunhas das arestas deste grafo crúzanse, o mesmo lle sucede ao grafo que representa o problema de Dudeney (cada unha das arestas superiores representa unha compañía subministradora e as inferiores representan as casas)
Figura 4: grafo K3,3
Na Figura 1 podemos ver como este grafo podería representarse con só un cruce, pero sería imposible facelo sen cruce ningún, niso consiste a imposibilidade da resolución do problema das tres casas. Os grafos que poden representarse sen cruces, como os da figura 2, chámanse grafos planares. Hai que ter en conta que nun grafo só nos interesa a forma en que están conectados os vértices, non esta ou aqueloutra representación particular. Para un grafo dado, sempre poderemos buscar a representación que teña o menor número posible de cruces. Na seguinte figura vemos como o grafo que está representado (á esquerda) con cruces, pode representarse (á dereita) sen cruces. Trátase, polo tanto, dun grafo planar.
Figura 5: Grafo planar
Hai unha forma de saber se un grafo é planar ou non grazas ao teorema de Kuratowski: se o grafo non contén ningún subgrafo K5 nin K3,3 será planar.

Grafos de palabras
Podemos combinar os grafos coas palabras conectando cada letra con aquelas ás que é adxacente. Se unha letra aparece repetida e consecutiva, non debuxamos aresta ningunha xa que consideramos a letra conectada consigo mesma. Por exemplo, as palabras touporroutou e nacionalismo terían os seguintes grafos asociados:
Figura 6
Figura 7
A pouco que un remexa nos grafos de palabras, decatarase de que prácticamente todos son planares. As palabras que dan lugar a grafos non planares chámanse eodermdromes. Por suposto, propia palabra eodermdrome é un eodermdrome (ver a figura 7). A. Ross Eckler elaborou no ano 1980 un dicionario de eodermdromes para a lingua inglesa. Martin Gardner cualificaba esta publicación como unha aplicación extravagante do estudo do número de cruces dun grafo fronte á indubidablemente interesante aplicación ao deseño de microcircuítos.
Temos unha lista de eodermdromes en inglés pero, haberá algún en galego? As candidatas deben ter unha cantidade considerable de letras, canto máis longas, máis arestas terá o seu grafo e máis posibilidades haberá de que teña un cruce inevitable. Por iso, cando na  entrada de Xogos de lingua vin que se referenciaban as palabras máis longas do noso vocabulario, púxenme a comprobar se entre elas había algún eodermdrome.  O grafo correspondente á palabra máis longa, esternocleidomastoideo, é o seguinte:
Figura 8
Como podemos observar, esternocleidomastoideo é planar. Tamén o son preterintencionalidade,
contrarrevolucionario, electroencefalografía ou incluso hipopotomonstrosesquipedaliofobia. Pero a outra palabra, extraterritorialidade contén un subrafo K3,3,, o que establece todas as arestas entre os dous conxuntos de vértices {t,r,d} e {i,a,e}. Por fin, aquí temos un eodermdrome da nosa lingua:

Figura 9
Haberá outros? Existirá algún que conteña un subrafo K5?
As arestas destes grafos representan un par de letras adxacentes. Cales serán as arestas máis frecuentes en galego?, e noutras linguas? Poderán determinarse a lingua en que vén redactado un texto estudando o tipo de arestas máis frecuentes do mesmo? Todo un extravagante campo de traballo  para a lingüística informática.


xoves, 4 de xuño de 2015

Xogando para o galego

O profesor do IES de Melide, Paco Veiga foi premiado polo Servizo de Normalización Lingüística e Cultural da Terra de Melide pola súa defensa do galego. Paco Veiga é un dos impulsores da AGXPT (Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional), punto de referencia fundamental para construir un proxecto de normalización do galego arredor do xogo.
A importancia do xogo como ferramenta para levar á lingua por un camiño sen prexuízos e de uso natural podemos vela decote no traballo que Nito Ferrer publica en  Enredamos ou noutras achegas como este bonito traballo do Equipo de Normalización do CPI Virxe da Cela (Monfero)

venres, 20 de xuño de 2014

Diversidade trabalingüística



O experto ludodingüista Carlos Medrano puxo a andar aos seus alumnos de 1º de bacharelato e como resultado obtivo este canto ao ecolingüismo mediante o paradigma da lingua como xogo: os trabalinguas.
A idea partiu de Lips of Babel, un anuncio publicitario con beizos en primeiro plano pronunciando trabalinguas en distintas linguas. Aproveitando que no Fogar de Santa Margarida (A Coruña) hai rapaces de todos os recunchos do mundo, déronlle visbilidade neste vídeo poñéndoos a recitar ao máis puro estilo Lips of Babel, toda unha diversidade de trabalinguas.
A mensaxe final está clara. A mellor forma de garantir a diversidade lingüística é promovendo e usando a nosa lingua e acollendo con agarimo aos estranxeiros que nos aportan novas visións do mundo.
Vía Xogos de Lingua

xoves, 24 de abril de 2014

Proxecto adiviña



Son un medio de transporte,
mais non levo persoas,
non teño ventás, pero si rodas.


Todo cho corta aínda que non fale.
Ten o seu nome á porta da casa.
Se con esta adiviña non dás,
moi parvo serás.




Con voz moi aguda e moito retintín,
ese señor chama por min. Que é?

Velaquí tres pequenos vídeos de menos de 10 segundos dos alumnos do CEP Sequelo (Marín). Cada un deles trasládanos unha adiviña, un anaquiño da lingua por medio do xogo. A restra continúa:
Adiviña 4
Adiviña 5
Adiviña 6
Adiviña 7
Adiviña 8
Adiviña 9
Adiviña 10
Adiviña 11
Adiviña 12
Adiviña 13
Adiviña 14
Adiviña 15
Adiviña 16
Adiviña 17
E por se o anterior fose pouco, para rematar o conto, unha fermosa publicación do mesmo CEP escrito e ilustrado polos alumnos de 4º e que recolle tanto as adiviñas como as solucións das mesmas.




sábado, 24 de agosto de 2013

Xotramu: xogos tradicionais



Xotramu (Xogos Tradicionais de Muimenta) leva tempo xa no labor de recuperar os xogos tradicionais galegos. Neste vídeo temos algúns aspectos da V edición da Festa de Xogos Tradicionais. Nel explícanse as regras dalgúns deses xogos.
Xotramu ten recompilados máis de 40 xogos tradicionais. Dalgúns deles temos incluso a descripción en vídeo como é o caso da porca, dos bólos ao canteiro, a malha, o zurriagazo, ou outros

Se trouxen ata aquí as actividades de recuperación dos xogos tradicionais realizadas por Xotramu é máis que nada porque se trata tamén da recuperación da nosa identidade e de algo fundamental e que os de Muimenta nos poden ensinar a todos: a transmisión do saber cultural ás novas xeneracións.
A perda dos xogos tradicionais é paralela a outra perda maior e que a contén. É a perda da nosa identidade e dos nosos valores culturais. En Galicia temos completamente abandonado o coidado de nós mesmos, o amor propio. Este desleixo é tanto como a morte en vida.

xoves, 16 de decembro de 2010

Por que os marcianiños non falan galego

por Xavier Gómez Guinovart, en Terra e Tempo:

Os videoxogos forman parte da nosa cultura audiovisual desde mediados da década dos 70 do século XX. Naquela altura, os xogos electrónicos de ping pong, de asteroides, de comecocos, ou de matar marcianiños xogábanse nos bares nunhasmáquinas recreativas que funcionaban con moedas (as máquinas arcade) e que competían en voracidade coas máquinas de xogar ao millón, os famosos pinballsmaxistralmente elevados á categoría de mito na ópera rock Tommy. Malia que estas entrañábeis maquiniñas desapareceron xa dos bares, deixando no seu lugar o lastre das insufribles máquinas comecartos, o desenvolvemento dos videoxogos e da súa industria seguiu avanzando de xeito imparábel e paralelo ás innovacións no sector da informática, producindo resultados tan memorábeis como o Tetris, o Super Mario Bros, os Sims ou, máis recentemente, os xogos de deportes para a Wii ou o FIFA 11, por mencionar só algúns poucos fitos desta industria.

Nos últimos trinta anos, os videoxogos migraron paseniñamente das maquiniñas dos bares ás consolas, aos computadores persoais e ás consolas portátiles. Hoxe en día, o sector do videoxogo está á cabeza do mercado do lecer audiovisual, cun volume de vendas superior ao que rexistran conxuntamente o sector do cine e o da música, e cifras de consumo que no mercado español superaron en 2009 os 1.200 millóns de euros e no mercado estadounidense ascenderon aos 10.500 millóns de dólares, consonte os informes daAsociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Entretemento (ADESE) e daEntertainment Software Association (ESA). A nivel estatal, e de acordo cos datos ofrecidos por ADESE para o 2009, un 22,5% da poboación maior de 15 anos é usuaria de videoxogos, alcanzado esta porcentaxe en Galiza a cifra do 19,5%. Isto é, no noso país, unha de cada cinco persoas maiores de 15 anos é consumidora de videoxogos.

Na súa orixe, os videoxogos non contiñan apenas palabras, e as poucas que contiñan estaban en inglés. A miña xeración, que aínda tiña o francés como lingua estranxeira predominante, descubriu grazas ás máquinas un feixe de expresións fascinantes como insert coin, player one, tilt, extra ball, high scores e a temida game over. Porén, os videoxogos actuais, moito máis complexos que os marcianiños orixinais, incorporan abundante material textual oral e escrito, con descricións de escenas, diálogos entre personaxes, voces de fondo, e textos diversos en función da liña argumental e o deseño de cada xogo, polo que esixen para ser xogados con aproveitamento quer un coñecemento lingüístico nativo, quer un dominio lingüístico profundo da lingua do xogo.

Aínda que existen algúns poucos videoxogos en galego moi meritorios (como O misterio das sete pezas, A aventura máxica de Merliño, o Trivial.gz ou O preguntoiro), o certo é que a súa variedade e difusión son moi limitadas. Os videoxogos hoxe máis populares proveñen dos ámbitos lingüísticos xaponés e inglés estadounidense, e chegan a nós maioritariamente traducidos ao español, ben sexa desde o seu inglés orixinal, ben desde a tradución inglesa do orixinal en lingua xaponesa. En moitos casos, non só están traducidos en español os textos escritos do videoxogo, senón que tamén están dobrados en español os diálogos falados e demais material textual sonoro do xogo. Deste xeito, os produtos da industria do videoxogo alcanzan unha penetración no mercado español que sería impensábel se a versión comercializada non estivese traducida.

Con todo, a presenza do galego, do euskera ou do catalán na localización de videoxogos é practicamente nula. Resulta interesante recoller aquí as declaracións que, preguntado ao respecto, fixo James Armstrong, Conselleiro Delegado para España e Portugal da PlayStation de Sony: "só imos facer o que nos esixa o consumidor e ao mesmo tempo nos dea rendibilidade. Se o consumidor nos esixe videoxogos dobrados ou subtitulados en catalán, e gañamos cartos coa comercialización deste produto, nós estariamos encantados de podelo incorporar". Aínda así, e malia as iniciativas populares para lograr a incorporación do catalán entre as linguas de tradución dos videoxogos, o catalán segue sen estar presente nos produtos de ocio electrónico de Sony, sendo as causas fundamentalmente económicas. Localizar, traducir e dobrar un videoxogo é un esforzo económico considerábel que as empresas do sector só están dispostas a asumir cando a lingua de destino goza dunha demanda que xustifica o seu investimento.

Pola súa implantación presente e polas súas perspectivas de futuro, os videoxogos deberían ser considerados un produto cultural de interese prioritario para os obxectivos da política cultural e lingüística galega. A presenza do galego nos videoxogos sería de certo un factor importante na súa normalización, gañando para a lingua un ámbito tecnolóxico cultural audiovisual e de lecer ubicuo e de grande penetración en todas as capas sociais e en todas as idades.