Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ribeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ribeira. Amosar todas as publicacións

sábado, 23 de febreiro de 2019

7 linguas e máis o galego, as do IES nº 1 de Ribeira


Estes 7 rapaces que explican cal é a súa lingua materna, pero que tamén falan en galego son do IES nº 1 de Ribeira. Eles deben saber que viven nun concello que insulta acotío á nosa lingua españolizando por todas partes o nome do concello, en contra de toda lei e do mínimo respecto á nosa tradición e ao coñecemento filolóxico.
Tamén é moi triste o papel que xoga a Consellería de Educación en todo este tema. Hai algún plan para o acollemento de estranxeiros?  Ou quizais o único plan sexa o que prevé a exención da lingua galega, a única materia para a que se considera incapacitados aos que veñen de fóra. Teño visto en primeira persoa rapaces chegados de Portugal, e que fican dispensados na materia que está en mellor disposición de contribuir á súa integración.
No vídeo comprobamos que temos o alumnado estranxeiro, que tamén está o profesorado implicado no acollemento na nosa lingua, e os compañeiros deses rapaces que, de certo, serán o mellor acompañamento lingüístico. Porén o que non temos é a Administración que se una a este labor. Máis ben está do outro lado, do da exclusión e da negación da lingua de noso. Alguén dubidará aínda que estamos gobernados por un grupo de radicais?

Vía ProLingua

venres, 28 de setembro de 2018

Novas conselleiras contra a lingua


Vía Compostela24horas
Fabiola García, a nova conselleira de Política Social,  ocupaba desde hai 3 anos o cargo de primeira tenente de alcalde do concello de Ribeira. Si, Ribeira,  ese lugar no que o grupo de goberno formado polo Partido Popular, coa participación da que acaban nomear conselleira,  mantén un empecinamento reseso en deturpar a denominación do propio concello (*Riveira). Basta ver o portal oficial municipal para comprobar o radicalismo do consistorio. Este tipo de actitudes, que comparte Fabiola,  leva como consecuencia o desprestixio social do galego, esa fala na que cada quen pode escribir como queira, esa fala para a que as regulamentación só operan para prohibila, esa fala á se se mantén nun estatus que non lle permita ser lingua.


Web de Carmen Pomar
Carmen Pomar, a nova conselleira de educación, tivo a feliz idea de abrir un portal web persoal: Carmen Pomar. Educando Fortalezas. Con subtítulo: Educación, inteligencia, creatividad y emociones. Efectivamente, esta súa web, a imaxe que ela mesma proxecta ao mundo, é unha imaxe na que renega da lingua galega.
O mundo educativo está infectado polo funesto decreto 79/2010, mal chamado do plurilingüismo. Un decreto que reduce e prohibe o ensino en galego e que laminou por completo a normalización lingüística dentro da educación. Un perfil como o que se dá a coñecer na páxina persoal de Carmen Pomar apunta, xa sen disimulos, cara unha españolización wertiana.

Con estes vimbios enxérgase con claridade cal vai ser o cesto da política lingüística que se vai elaborar a partir de agora. Os indicios apuntan a unha maior radicalización, a posturas aínda de maior desprezo para o galego. Non hai nada malo que non admita peor, así que non tardaremos en sentir as consecuencias.

venres, 4 de maio de 2018

O be do uve

por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:


Son dun concello, A Pobra do Caramiñal, onde nos pasamos media década dos 80 discutindo ata o cansazo sobre se Puebla ou Pobra. O asunto era máis difícil que o de Ribeira, porque aquí había unha diferenza clara nos usos orais. Ao fin, o topónimo normalizouse, non pasou nada e ninguén cuestiona hoxe o uso oficial da Pobra. E na vida privada, cadaquén que lle chame como queira. Así que estiven estes días seguindo con certa curiosidade a surrealista polémica ao redor do uve de Ribeira. Enténdase, o que máis me interesaba era saber que problema lle ven ao topónimo lexítimo os que defenden o uve, toda vez que non existe ningunha -repito, ningunha- xustificación histórica e documental do uso desa grafía no nome tradicional de Ribeira.

domingo, 22 de abril de 2018

A aldraxe de *Riveira apoiada pola Xunta




Cartel anunciador da V Feira da Educación de Ribeira



Hoxe remata a "B Feira da Educación de Riveira".
Non é que me equivocara ao escribilo, non. Está escrito mal a mantenta, por seguir a mesma lóxica que proclama o alcalde de Ribeira. Se el pode escribir un b coma un v, eu ben podo escribir un v coma un b e falar para denominar a V Feira da Educación de Ribeira.
Hai unha lei, a de normalización lingüística, que deixou ben claro que os topónimos teñen unha forma oficial e hai un desenvolvemento deste aspecto regulado por varios decretos. Un deles o 189/2003, establece recolle a toponimia maior da provincia da Coruña. O establecemento destes topónimos contou co traballo dunha comisión de especialistas. Aínda máis, como o empecinamento dos alcaldes de Ribeira en renegar da súa verdadeira denominación foi tan esaxerada, publicouse un estudo específico sobre o caso que podemos consultar aquí.

O alcalde de Ribeira recibe
aos visitantes con este insulto
Só pode haber dúas razóns para continuar insistindo na forma deturpada. Unha é a ignorancia. Eu non creo que este sexa o caso de Manuel Ruiz Ribas, o alcalde do concello. A outra razón é o do radicalismo do desprezo á lingua galega.
Respectar unha lingua, significa, entre outras cousas, fornecela de institucións, coidar os sabios que a estudan, e seguir as súas recomendacións. Respectar unha lingua é considerala como acervo común, intentar usala e escribila coa maior corrección da que sexamos capaces. Montar á entrada da cidade un letreiro co nome do concello deturpado é unha aldraxe á lingua, unha ofensa a todos os galegos. Pois isto foi o que fixo o alcalde Ruiz Ribas.

Apoio insitucional
Manuel Ruiz Ribas non é un calquera no PP. Lembremos que foi o portavoz do seu grupo parlamentario antes de chegar á alcaldía de Ribeira.
A celebración da V Feira da Educación contou co apoio da Consllería de Educación e a SXPL. Os seus máximos representantes acudiron a reforzalo coa súa presenza nesta edición: Román Rodríguez e Valentín García. Non podemos ver nisto outro cousa que un apoio á cruzada do alcalde contra o topónimo oficial, máis aínda, cando no cartel de anuncio da Feira, se insiste na grafía deturpada. As dúas entidaden achegaron axudas económicas para celebración da Feira, velaí que unha vez máis os cartos destinados ao prestixio da lingua galega se volvan a utilizar en arrastrala polo chan.

venres, 28 de abril de 2017

*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL

Fonte
Estoulle enormemente agradecido á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) por facilitarme esta foto e esta noticia. Tal é o grao de impunidade no que se moven que non gardan nin as mínimas formas. 
Como todo o mundo saberá, o goberno municipal do concello de Ribeira mantén unha guerra absurda, propia de babecos e ignorantes: está obstinado en deturpar o topónimo da cidade e, a pesar de moitos avisos, peticións e insistencias, mantéñense día a día fóra da legalidade e o mínimo sentido común, escribindo obsesivamente a monstruosidade *Riveira. Para comprobalo, basta ver o atrabilio portal do concello (eles escribirían *atraviliario). Mais, isto, con ser malo, non é o peor.
O caso é que a SXPL, apoiu unha feira educativa, aberta onte en Ribeira, sabendo como sabe, cal é a postura do alcalde e do goberno municipal, de insistente incumprimento da Lei de Normalización Lingüística (LNL). Non será hora xa (pasaron máis de 30 anos), de que todas as entidades que reciban o apoio, non só da SXPL, senón de calquera organismo da Xunta, que se lle esixa o cumprimento da LNL? Entón, que fai o organismo que tería que estar acotío esixíndoo, apoiando un acto que ten un cartel anunciador asinado polo concello de *Riveira?. Con todo, isto non é o peor.

O peor é esta forma de actuar, esta fachenda, este desprezo á cidadanía que temos orgullo da nosa lingua. O peor é publicar, como se fose algo do que gabarse,  a noticia de que se apoia unha feira no que o nome real do concello está ausente, e que, para colmo, aínda se colgue unha foto na que se certifica que todo é igual, que poden seguir destrozando a lingua como lles pete. Con todo, isto aínda non é o peor.
Titulei a entrada "*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL". Si, o peor non que hoxe se cometan este tipo de abusos, pois aínda máis malo é que xa non é a primeira vez vez que o fan, e de seguir nas mesmas mans, verémolos repetidos. Iso si que será o peor.



martes, 21 de xuño de 2016

17 de Maio negado 17 veces


Así é como desde as institucións se actúa contra a lingua galega. Este é o caso do Concello de Ribeira, que continúa actuando impunemente contra a Lei de Normalización Lingüística e contra o Decreto 189/2003  polo que se aproba o nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña. A mestura de hipocrisía e desprezo non pode ser maior có que se demostra neste cartel mediante o que o concello anunciaba os actos do que denominaban "mes das letras galegas".
Efectivamente, o 17 de maio celebrábase o Día das Letras Galegas. Este ano a figura protagonista era Manuel María, un poeta moi comprometido coa normalización da lingua. No cartel anunciador do concello de Ribeira 17 veces aparecía o topónimo en versión deturpada: *RiVeira. 17 veces negada a lingua galega coa aquiescencia da Xunta de Galicia, especialmente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

venres, 4 de decembro de 2015

A lonxa de Ribeira, un insulto á lingua galega

O PP de Ribeira demostra acotío o seu desprezo pola lingua galega deturpando o topónimo da cidade de forma obsesiva, comenzando polo portal oficial do concello, pasando pola conta de correo institucional (@riveira.com), ata todas as actas e documentos oficiais que emite a entidade local.
Como mostra desta obstinación temos o cartel das últimas eleccións municipais no que o lema é ben indicativo do que estamos a comentar: "AVante RiVeira". 
Este autoodio acaba reflectido en todas as accións de goberno. Unha das inversións máis custosas levadas a cabo en Ribeira foi o da construción dunha nova lonxa. O orzamento anda polos 15 millóns de euros. Para maior gloria da zunia gobernante, quixeron que o novo edificio fose un emblema da fachenda do insulto á lingua galega pola vía da deturpación do topónimo do concello instalando no exterior da nova lonxa unhas letras de gran tamaño co lema LONXA  DE RIVEIRA. O caso foi denunciado polo BNG, que parece ser o únco grupo municipal interesado no respecto tanto á lingua como á lexislación sobre a toponimia.
Quen ten moita culpa da impunidade da actuación do goberno municpal é a Xunta, especialmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen en ningún momento fixo pública ningunha declaración instando ao concello a someterse á Lei de Normalización Lingüística. Visto o caso parece que esta lei é a única que ten a virtude de que pode ser saltada sen consecuencia ningunha.
Finalmente, e grazas a esa denuncia do BNG, Portos acabou ordenando pintar un B sobre o V orixinal que aínda se pode ver impreso sobre a fachada da lonxa. A trapallada quedou así, segundo nos mostra esta foto do xornal La Voz de Galicia:




mércores, 3 de setembro de 2014

Outra (vez) *Riveira

Xa van ben de veces que denunciei a zunia que ocupa o concello de Ribeira por deturpar conscientemente a súa propia denominación nun exemplo de auto-odio que desafortunadamente xa se convertiu en paradigma. Desta volta non se trata do concello coruñés, senón a comisión de festas dunha parroquia da Estrada do mesmo nome, a que se montou no carro do desprezo á toponimia.
Na actualidade estou seguro de que non podemos falar de ignorancia, así que etiqueto o caso como de puro desdén polo propio, por asumir que somos quen somos. En definitiva, que o cartel lles quedou como se pintaran un Cristo con pistolas.

domingo, 17 de agosto de 2014

SUP: tres pedras contra o galego

Para quen non o saiba, o SUP (Stand up paddle) é unha nova modalidade deportiva da práctica do surf. Concretamente consiste en navegar nunha táboa de surf axudados por un remo.
Os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira organizan un evento desta modalidade deportiva que se celebrará o vindeiro mes de setembro. O primeiro problema xurde, como é habitual, da negativa do Concello de Ribeira a respectar a súa propia toponimia, empeñados unha e outra vez en deturpar o seu nome substituíndo o oficial e rexo B por un V de raíces españolizantes.
O segundo problema é que lle negan ao galego a súa presencia tanto no cartel como no documento informativo para a inscrición. Finalmente unha nota curiosa: neste documento,por increíble que pareza,  aparece correctamente o topónimo Ribeira, porén tamén podemos atopar un fantasmagórico *Puebla do caramiñal. Velaquí a terceira pedrada contra o galego.

sábado, 23 de febreiro de 2013

Turexpo: contra a lingua e a toponimia

A esta fin de semana está acelebrarse en Silleda  Turexpo Galicia, o III  Salón do Turismo. A organización deste encontro está subvencionada por Turgalicia, organismo dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, unha das do organigrama da Consellería da Presidencia.
Tanto é o desleixo que as institucións e, por extensión de organimos como Turexpo, senten pola nosa lingua que non lles importa deixalo á vista de todos nun portal web como o do Salón do Turismo. Paseando por el atoparemos múltiples exemplos de exclusión do galego:
O folleto informativo: só en castelán, non hai versión en galego.
As tarifas: en castelán e en inglés, non hai versión en galego
O formulario de reserva de espazos: en castelán, non hai versión en galego.
A normativa: só en castelán. Curiosamente o título aparece tamén en inglés: Regulation. O galego completamente excluído
Os formularios de contratación: O título exclusivamente en castelán. O resto en castelán e inglés. O galego completamente excluído.
No ano 2011 editaran un xornal informativo do evento. En castelán pero con versións en inglés de saúdos do Conselleiros da Presidencia, do Consellerio de Cultura, da Secretaria Xeral para o Turismo (que tamén era a presidenta do Comité Organizador de Turexpo) e da directura da Fundación Semana Verde. O galego totalmente excluído e maltratado xa que se fala dunha presunta "isla de La Toja"
Na convocatoria deste ano volveron a editar o xornal informativo, só en castelán. Pero para colmo da zunia, inclúen un artigo sobre as excelencias turísticas de Ribeira no que usan unha forma non oficial do topónimo: *Riveira, na que o o goberno municipal do PP está empeñado en manter en contra do establecido na lexislación e na ciencia da onomástica. O apoio á publicación do Vicecpresidente da Xunta, da directora da Axencia de Turismo de Galicia e Secretaria Xeral de Turismo, e do Director da Fundación Semana Verde, están certificando o desprezo da Xunta pola onomástica galega e, en definitiva, pola lingua.

domingo, 25 de novembro de 2012

O valedor do pobo xustifica a deturpación toponímica de *Riveira

Cando lle preguntamos á profesora de lingua se o topónimo do noso concello se escribía con b ou con v ela fixo o que tiña que facer. Comenzou a falarnos do latín, das linguas románicas, da evolución das palabras nas distintas linguas, e despois ametrallounos cunha longa lista de exemplos, ata que finalmente sobre o encerado foi aparecendo do seu xiz algo que despois deses minutos de clase se nos facía máis que evidente: como o ripariam latino derivou no ribeira galego. Era o ano 1982. Ao ano seguinte aprobouse a maltratada Lei de Normalización Lingüística que establecia que os topónimos galegos  terán como única forma oficial a galega. Outro ano máis tarde o  decreto 132/1984, estableceu o procedemento para a fixación ou recuperación toponímica. Finalmente no 2003 apróbase o nomenclátor de todas as entidades galegas [ver as da provincia d´A Coruña]. Deste xeito a lei ratificaba o que determinaba a sabiduría dos expertos na ciencia da filoloxía onomástica.
Finalmente, para que todo este traballo tivera continuación e unha divulgación digna do orgullo de sermos galegos, temos ao noso dispor un excelente portal web, Toponimia de Galicia, que a día de hoxe pon ao noso dispor máis de 400.000 topónimos.

Porén o concello de Ribeira mantén unha pertinaz incumprimento das normas asi como unha obsesiva defensa da deturpación toponímica. De certo que esta postura ten profundas raíces ideolóxicas da peor especie anti-galega. Todo aquel que acepte destrozar a forma galega do nome do concello está a rachar coa súa identidade e, en consecuencia, convértese nun destrutor da cultura e en promotor do escurantismo. Tamén é seguro que para conseguir manter esta imposición ilegal entre o persoal que traballa no concello, non lle quedaría outra que utilizar coaccións e malas prácticas. O máis triste do caso é que a Xunta, actuando cun sectarismo partidista noxento, non só non intenta reverter esta situación senón que divulga o SNL de Ribeira como un referente na normalización no ámbito local [1], [2]
Para poñer en evidencia esta situación hai aproximadamente un ano presentei unha queixa ante o Valedor do Pobo. Veño de recibir o seu ditame, realmente estrafalario, pois decide pechar o expediente dirixido ao Concello de Ribeira "a pesar de que a resposta achegada non experesa a aceptación do recordatorio de deberes legais". Todo o seu fundamento reside en que o SNL do concello, parece ser que emitiu un informe no que se instaba á Xunta a revisión do topónimo legal para que fose substituído polo deturpado.

Pensando en usar a mesma lóxica que usa José Julio Fernández Rodríguez, o actual valedor, cando mañán colla o coche, levareino todo o tempo pola esquerda. No caso de que me pare a garda civil, e me recrimine:
- Pero vostede está tolo! Sabía que marchaba polo carril contrario?
Eu levarei xa a resposta preparada:
- Teña conta, señor axente, que onte mesmo lle mandei unha carta á DGT instándoa a que revirse a norma que obriga a circular pola dereita pois xa vai sendo hora de que guiemos pola esquerda.
E inchando o peito mostrareille o meu cané de identidade para facerlle ver, fachendoso, que eu son natural de *Riveira.
- Home, sendo así...- responderá o garda civil.

Valedor Do Pobo Ribeira




P.S.:
A toponimia desvalida, 26/11/2012, en AGON
O Concello de Ribeira teima en 'escribirse' con uve e o Valedor arquiva o caso, 27/11/2012, en Praza Pública
Ribeira: a Asociación Galega de Onomástica denuncia que o Concello segue a quebrar a lei a pesar das queixas ao Valedor sobre o topónimo, 26/11/2012, en Certo
E dálle con Riveira, 27/11/2012, en Galicia Confidencial
Arquivada a queixa aberta no Valedor do Pobo pola utilización do topónimo non oficial "Riveira",02/12/2012, en Prolingua

sábado, 2 de xuño de 2012

A falacia da forma *Riveira

Sorprendeume ver neste preciso artigo da Asociación Galega de Onomástica (AGON) unha foto dun cartel que hai pouco puxera no meu blogue denunciando isto mesmo: a zunia do goberno deste concello, empeñado en destrozar o seu topónimo. Eu teño o convencemento de que se desde a Xunta non se protexera este tipo de condutas, as cousas volverían polo seu rego. Precisamente o cartel en cuestión está asinado pola Rede de Dinamización Lingüística, organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non se se me explico.

 Reproduzo o artigo de AGON:

En setembro de 1984 a Xunta de Galicia publica o decreto polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia. En 2003 rematouse finalmente a normalización de todas as entidades de poboación galegas, logo de pasar por distintas fases que se iniciaron coa oficialización dos nomes dos concellos, a maioría xa no ano 1985.
Algúns casos, coma os das Pobras, foron polémicos. Outros nomes aínda merecen hoxe unha revisión, coma o caso da Cañiza (A Caniza) e o de Riós (Os Riós~Orriós). E isto só por falar dos nomes dos concellos.
Con todo chama a atención o caso de Ribeira, un asunto de insubmisión permanente ante a grafía correcta xa desde os primeiros momentos da oficialización do nome por parte da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

martes, 29 de maio de 2012

A Rede de Dinamización Lingüística deturpando a toponimia


A polémica Rede de Dinamización Lingüística (RDL) parte por ser o proxecto estrela da nova etapa da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Se estamos atentos ás actividades desenvolvidas pola RDL vemos que todo ficou reducido ao programa de dinamización cultural 'Falaredes', unha de cuxas actividades se pretende divulgar mediante este cartel  que vén asinado pola RDL, organismo dependente da SXPL.
No colmo do disparate, e con letra ben grande, aparece deturpado o topónimo do concello que anuncia a actividade. Non se trata dun erro, é a práctica habitual deste concello coruñés, que xa hai ben de tempo que incumpre a Lei de Normalización Lingüística, neste caso avalado pola mesmiña SXPL.

martes, 1 de maio de 2012

Normalización versus normativización

Cando un alto cargo da Xunta visita algunha localidade, algunha instalación, é para destacar algún aspecto da política que está a desenvolver o seu departamento. O pasado 13 de abril Valentín García, o Secretario Xeral de Política Lingüística visitaba  Ribeira para poñelo como modelo a destacar dun dos concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística.
O mesmo día en que Valentín apoiaba o labor desenvolvido en Ribeira no ámbito da normalización, o Servizo de Normalización Lingüística dese mesmo concello presentaba a iniciativa Ferramentas na Rede, un curso no que o obxectivo central é o fomento do uso do galego nas novas tecnoloxías. Na arañeira pode atoparse este documento cunha restra de ligazóns a diversas ferramentas de internet en galego no que se mantén a teima de deturpar o topónimo do concello coruñés (*Riveira, no canto de Ribeira). Velaí o exemplo a destacar dos SNL da Rede de Dinmización: a normalización como arma contra a normativización.
Non  terei que insistir en que na relación de ligazóns de Ferramentas na Rede non aparece ningunha referencia ao buscador do espazo Toponimia de Galicia.

domingo, 13 de marzo de 2011

O candidato di 'Riveira'

por Cris Moss, no Xornal:


Sen ánimo de polemizar cun asunto que nesa vila esperta rapidamente as suspicacias, parece ser que se o PP revalida a alcaldía manterá o costume de que o Concello siga a empregar o nome de Riveira para referirse á principal poboación do Barbanza.
O novo candidato popular, o de momento aínda voceiro parlamentario da formación Manuel Ruiz Rivas, xa está empregando pancartas nas rúas con esa grafía unida á súa imaxe.
O certo é que o nome oficial, o que rexistra a toponimia legal da Xunta de Galicia, di que a vila do Barbanza é Ribeira e non Riveira. Pero Ruiz Rivas debeu de pensar que resulta máis fácil chegar aos seus concidadáns empregando a grafía máis local, aínda que sexa incorrecta.

domingo, 6 de febreiro de 2011

Riveira contra Ribeira


Xa me tardaba. Cando a feliz idea dunha amiga me levou a deixar aquí pola dereita unha sección titulada foto-denuncia, eu ben sabía que non había de morrer o conto sen que a propia Secretaría Xeral de Política Lingüística me proporcionara material para a mesma. O que non pensaba é que fose tan pronto.
O Concello de Ribeira, pasando por completo da Lei de Normalización Lingüística, non só está empeñado desde hai ben de anos en deturparse no topónimo *Riveira, senón que incluso lle buscan xustificacións peregrinas como a de que un pleno do ano catapún acordara o disparate lingüístico. 
Bastaríalle ao señor Torres Colomer, alcalde de Ribeira (o da esquerda da foto) buscar no Proxecto Toponimia da Xunta o nome do seu concello para que o conto morrera. 
Pois foi o caso que Anxo Lorenzo ( o da dereita da foto), o Secretario Xeral de Política Lingüística, pasou por este concello-amigo e quixo que se soubese polo que afirmou pomposamente “Os concellos teñen un papel decisivo no proceso de extensión social da lingua galega desde o ámbito local" , Que significa isto? Que lle pegou o aviso a Torres Colomer de que xa vai sendo hora de respectar a lingua tamén na toponimia? Pois ben o sabemos, e  xa veredes todos como Anxo Lorenzo antes de dar nin a máis mínima queixa a ningún alcalde por actuar á mantenta contra a toponimia e a lingua galegas,  apoiará a derrogación da Lei de Normalización Lingüística para acabar co continuo problema que lles supón aos enemigos do galego ese apartado que di que a única forma válida da toponimia galega é, curiosamente, a galega.
Ribeira versus Riveira, eis o conflito lingüístico.

Máis: Grupo de facebook polo B de Ribeira, artigo de Xosé Ramón López Boullón "Ribeira versus Riveira"