Non hai pegha. Cada ano desde o ano cinco deste século e xustamente o oito de setembro, logo do acto de cabodano, a afectos e lealdades, de Manuel María, coa presenza de tantas e de tantos e en especial de Saleta e outros membros da Fundación Manuel María, alí na Campa de Outeiro de Rei, con ofrenda floral e poética e despois cantando a unha voz o poema O Carro musicado por Mini e Mero ( estando tamén os cantores Tino Vaz, Miro Casabella, Quintas Canella e o gaiteiro nubeiro Raul Galego), collemos e imos á carballeira da Sta Isabel, lugar determinado a moi significado para o noso poeta nacional e de advocación por tal,ben sabida por todas e todos nós.Pois ben, alí ao andar das augas do río pai Miño ( con fillo ilustre de cerca o reghato do Cepelo), ano a ano e de man a man, a cada delas máis xenerosas e merecentes, celebramos o acto de entrega da NAVALLA DE MANUEL MARÍA, e así foron téndoa Alfonso B.Torrado, Mini e Mero, Camilo Gómez Torres, Avelino Pousa, Xulio Xiz, Darío X. Cabana, quen lles escribe, Valdi e este ano Paco Martín ( e direino tamén a chamo como no título de arriba PACO RAMÓN MARTÍN LAMOTE, decátanse o por que…?).
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
Amosando publicacións coa etiqueta Paco Martín b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paco Martín b>. Amosar todas as publicacións
sábado, 7 de setembro de 2013
A navalla de Manuel a Paco Martín
por David Otero no dixital A Voz de Vilalba:
luns, 4 de xullo de 2011
Carta a Paco Martín
por X. P. Docampo, no Xornal, quen asina esta carta xunto a Agustín Fernández Paz, Xavier Senín e Alejandro Tovar Salazar. Na foto aparece Paco Martín retratado para unha das últimas entrevistas do aniquilado Galicia Hoxe.
Noso lembrado amigo, o pasado 25 de xuño a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega rendeuche unha homenaxe na túa terra que ben merecida a tiñas. O “E” que che entregaron conságrate coma un dos creadores máis sobranceiros das nosas letras e comprométete a seguir escribindo nos tempos que andamos, que tan determinantes están a ser para a nosa supervivencia como pobo.
O da teima de escribir vénche de ben lonxe e, ao contrario do que lle pasa á máis da xente, ti comezaches por unha obra mestra, Muxicas no espello, que veu a luz nunha humilde edición que ilustrou o teu amigo da alma Xan Balboa. Conseguiches o que perseguen moitos creadores: captar a esencia das historias. Dicía o teu amigo Carlos Casares que nas Muxicas estaba toda a túa literatura que había vir despois, e seguro que tiña razón. Exerciches o teu labor de mestre con profesionalidade e, en tempos difíciles, fuches dos primeiros en facer cursos de galego para poder aprenderlles aos cativos na súa lingua. E mesmo promoviches e argallaches ti mesmo outros cursos para que os teus compañeiros de profesión adquirisen competencias na lingua de noso.
Sentímonos moi orgullosos polos éxitos do teu Ramón Lamote, sobre todo por facer visible en todo o Estado a literatura que uns poucos amigos e amigas escribiades para os máis novos e conseguir que se falase de nós por aí adiante con admiración. Agora, cando podías gozar da neta e xogar algunha partida cos amigos, volves erguer a bandeira da defensa da lingua que sentes ameazada, coa mesma forza e ilusión de cando eras novo. Abofé que nos sentimos orgullosos, mais en ningún caso sorprendidos, pois sabemos do firme do teu compromiso co país das letras e tamén con este vello territorio de “un paso adiante e outro atrás”, que sentidamente evocan Mini e Mero ao cantar os versos de Díaz Castro.
“A Fiz Vergara Vilariño e, canda el, a todos cantos fan da súa arte mester de galeguidade”, así foi como dedicaches a túa obra Lembranza nova de vellos mesteres, e así tamén é como te vemos nós: coma un deses artesáns que faenan canda o Fiz, coa bandeira limpa e ampla da galeguidade, sen falsas harmonías nin submisas preitesías de ocasión. Recordáchesnolo o sábado: es un home bo e íntegro, que agradece e non esixe, que se sabe parte dun colectivo sen o cal non é. Na homenaxe estabamos xentes de toda cor, talle, rango, idade e condición, e até a febra sensíbel de todos e todas nós chegaron as túas palabras e as túas lembranzas de cando cativo e home novo que se inicia na vida adulta sen renunciar en ningún momento ao seu luguesismo, un concepto, explicáchesnos, oposto ao localismo.
A admiración e cariño que che profesamos, como amigos, como compañeiros do oficio da escrita e coma camiñantes ao teu carón na loita pola nosa lingua e pola defensa do noso ser diferenciado, como deixou dito o nunca esquecido Manuel María, cómpre agora facelos públicos, coa certeza de que nestas palabras ecoa o afecto de todas as persoas que chas querían dicir e non tiveron ocasión.
Moito te queren os teus paisanos, noso amigo! Sabiámolo, é certo; mais reconforta comprobalo unha vez máis. Reconforta e ilusiona que, mesmo neste tempo aciago para as persoas que escriben en galego, a coherencia esperte respecto e mesmo admiración. Tes o recoñecemento franco da veciñanza, das amizades e da familia. Que máis se pode pedir? Tamén ti, Paco, conseguiches ser amado na túa terra
sábado, 25 de xuño de 2011
Paco Martín: "só se poñen atrancos"
Parte da entrevista queVanesa Oliveira lle fai a Paco Martín para o Galicia Hoxe:Foi un dos asinantes do manifesto dos Premios Nacionais galegos que pedía o cesamento inmediato do conselleiro de Cultura. Cambiou algo a política cultural do país?
Non sei. Se algo muda é para peor. Porque realmente temos unhas persoas que non sei se por ignorancia ou mala fe ou porque os teñen convencidos e lles lavan o cerebro... pero é xente que non é galega no sentido real da palabra. Mandan en Galicia, porque nós decidimos que mandasen, os que menos sentido da galeguidade teñen. O malo xa non é que non colaboren senón que poñen atrancos no camiño, que é peor. Creo que isto non se dá en ningunha cultura: que a xente dun país teña que loitar contra os seus para que se teña en conta o que deben ser.
A AELG e outros colectivos criticaron a ausencia de escritores en lingua galega no Litvi...
Entendo que os escritores non seremos xente especialmente recomendable en ningún lado. Pero se non o somos os galegos tampouco o son os casteláns. Non sei por que teñen que escollelos. Inténtase vender un produto que nada ten que ver con Galicia botando man de cousas rimbombantes, de palabras que soan moito ou incluso botando man de algo tan sagrado como é liberdade, utilizándoa da forma máis espúrea. Se empezamos por mancar o ensino, se somos capaces de aturar iso e de que a ninguén lle remorda a conciencia, ou que se deixen levar por persoas que non teñen nada que ver nin autoridade para opinar sobre determinadas cousas...
Está habendo un retroceso a nivel cultural en Galicia?
Estao habendo, si. Todo funciona a nivel educativo. Están atacando o ensino directamente. Se formas unha ou dúas xeracións de incultos a este nivel, gañaches a partida. O outro día lin na prensa que Galicia Bilingüe lle mandou unha carta ao alcalde electo de Lugo para que cumprise a lei e respectase o castelán. Eu non sei se esa asociación lle mandou tamén unha carta ao Paco Vázquez para que respectase a lei... Se se lle permite a unha asociación deste tipo presionar a unha corporación municipal electa polos cidadáns, que país é este? É curioso que esta xente teña acceso directo á Consellería de Educación ou Cultura e en cambio, a Asociación de Escritores ou a Academia Galega non poden. Iso cóntalo fóra e non che cren.
Como contrarrestar iso?
Os medios de comunicación teñen moito que facer. Acórdome cando eramos novos, mestres e nos sentabamos para organizarnos, eu sempre insistía en que os que utilizamos o galego temos que ser os mellores, os que mellor traballemos, temos que esforzarnos para que a sociedade vexa que somos os que lle interesa á sociedade e que a sociedade se una. Iso teñen que facelo os medios de comunicación, senón temos unha batalla perdida. Eu o tempo que me quede heino seguir loitando.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

