Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de xuño de 2018

Alpabardas verdes

por Carlos Lixó no Sermos Galiza, Praza Pública, Que Pasa na Costa, La Voz de Galicia:

Entrei na casa e bañoume un cheiro intenso a caldeirada, a voz de miña nai ouvíuse no fondo, atende ao que ten túa nai, unha cousa que nunca viches, tróuxenos para ti. Enriba da mesa uns toros de peixe cocido que para os meus ollos pouco espertos podería ser perfectamente xarda apañada antes do tempo. Abre un, abre. E fiquei parvo. Tiña por dentro unha espiña dunha cor tan bonita e tan intensa e tan difícil de definir... O máis próximo sería o espazo entre verde mar e azul turquesa. Apunta a palabra que despois esquénceme, son pataguillóns.

mércores, 16 de maio de 2018

Cantas cousas podes facer en galego!



O Concello de Carballo puxo en marcha unha campaña para convidar a usar o galego libremente en todos os ámbitos sociais. Ademais do vídeo, a campaña acompáñase dunha serie de carteis CC. Que é iso? Así o explican:

Para corazóns contentos, para Compras e Caprichos, para Conxeniar e Convivir, para Cálidas Cancións, para Cafés e Confidencias, para Cabezas Creativas, para Cóxegas Cómplices, para Conversas Cruzadas, para Crebar Cadeas, para Celebrar Conquistas..., para Cantas Cousas! Para canto queiras podes usar e compartir a túa lingua, sen restricións, sen límites, sen dereitos reservados. A licenza do galego é libre, é CC, é Creative Commons, para que cada quen poida usalo onde e cando queira.


luns, 30 de maio de 2016

Non por min; por eles

por F. Borxa González Tenreiro, no Praza Pública, co artigo gañador do XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2016:

Levo unha década traballando de tradutor. Formeime no Reino Unido, onde vivín tres anos, iniciando un hábito que non deixei desde entón: comezar o día con, polo menos a intención, de ler vinte páxinas dun libro en galego, vinte páxinas dun libro en inglés, vinte páxinas dun libro en portugués e vinte páxinas dun libro en español. Despois mudeime a España, para traballar de xornalista bilingüe inglés-español nunha empresa malagueña. Transcorrido outro ciclo de tres anos fundei unha axencia de tradución en Galiza. Actualmente desprázome entre Galiza e Portugal, sendo Lisboa a miña segunda residencia.

martes, 19 de maio de 2015

Etiquetaxe

 artigo gañador do XI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2015, por Luz Cures, no Praza, no Sermos,...:

O día que me volvín falante consciente non calculei que iso implicaría converterme en materia susceptible de etiquetaxe variada: catalogadora, simplificadora, descritiva pero, sobre todo, prexuizosa. [galegofalante]




martes, 31 de marzo de 2015

Que frío vai no mundo! Que ben se está no teatro!


O 27/03 foi o Día Mundial do Teatro. Se en Galicia hai unha actividade da que podemos gabarnos de estar normalizada á a da actividade teatral. De aí o maltrato que sofre por parte dos gobernos galegofóbicos. Por iso merece a maior divulgación posible esta pequena peza audiovisual na que os veciños de Carballo recitan o manifesto escrito por Xurxo Borrazás para o Día Mundial do Teatro 2015.
Que frío vai no mundo!
Que ben se está no teatro!

xoves, 12 de febreiro de 2015

Parabéns para ti


A quen lle habería que lle dar os parabéns é aos autores desta inicitiva: a Mesa pola Normalización Lingüística e o concello de Carballo por acertar cun evento de especial recordo nas nosas vidas, sobre todo na dos máis pequenos, e que no seu momento culminante, no que lle cantan ao agasallado a canción de felicitiación, acaba sendo en castelán ou en inglés.
Para facilitar que nenas e nenos, e tamén maiores, celebren e feliciten os aniversarios en galego, impulsouse desde Carballo a gravación dunha canción co seu correspondente videoclip. Esta proposta feliz e festeira contou coa colaboración do Coro Vagalume.
Un pasiño máis para a normalización. Ben feito!
Agora estaría ben que os medios, sobre todo os públicos, difundiran esta boa nova. Veremos se sucede así.

luns, 19 de maio de 2014

Os exemplos

o artigo gañador do premio xornalístico de Carballo, por José Casás García, no Sermos Galiza, por exemplo (aparece publicado en moitos medios):


Leopold Bloom falou en galego antes que en ningunha outra lingua da Iberia alá polo ano 1926. Don Ramón foi quen de traer ás nosas palabras a xenialidade narrativa do irlandés James Joyce. O Dublín de Ulises respirou na nosa lingua no breve suspiro que supoñen seis capítulos para tan grande obra literaria, pero respirou. Reducir este feito a anécdota sería propio de porcos que camiñan de pé. Suporía desmerecer o labor dun colectivo de homes que puxeron o protagonismo en Nós, nun mundo no que viviamos totalmente Inadaptados. Eles, que coma Adrián Solovio, buscaron o coñecemento, a beleza e a arte por todos os continentes ata que foron conscientes de que os tiñan Arredor de si, e quixéronnolo transmitir. Converteron tal empresa en xornalismo, en literatura e en arte gráfica. O resultado foi a revista Nós. Durante 16 anos cada palabra, cada título, cada portada alumaron un pouco máis a nosa cultura, poñéndoa na altura das vangardas daquel momento.

xoves, 20 de febreiro de 2014

Unha lingua para a crianza: o mellor que temos para quen máis queremos



Fun adiando o de facer referencia a esta fiestra audiovisual cargada de cariño polo noso. Pero despois de botarlle un ollo á manipulación con que nos agrede, unha vez máis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística intentando lavar unhas mans manchadas co sangue da lingua galega, queréndonos facer ver que recolle as recomendacións da Unesco para que os estados non maltraten as linguas minorizadas. No ano 2012 Irina Bokova, a directora xeral da Unesco, recomendaba que as linguas locais fosen preferentes no ensino infantil. A política lingüística aplicada pola Xunta destas últimas dúas lexislaturas eliminou precisamente o galego das aulas de infantil.
E logo, é que non pode haber outra política? Este vídeo é a resposta. Foi  gravado no Obradoiro de nanas, en novembro de 2013, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo:
Transmitírmoslles o mellor que temos a quen máis queremos...
...o noso afecto, o noso cariño, o noso idioma, o noso...
Que mellor vínculo se pode ir creando?

Canción do vídeo: "A bicos", do disco Arrolos de Salitre, de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, na voz de Fani Otero

domingo, 13 de xaneiro de 2013

Integración lingüística en Carballo



Persoas que chegan a Carballo desde diversos lugares e con diversas nacionalidades manifestan algunhas das súas motivacións para aprenderen galego. Xente que non naceu en Galicia, mais á que lle gusta coñecer os nosos costumes ao mesmo tempo que dá a coñecer os seus. Persoas que queren saber o que é un carballo, o agarimo, o Antroido ou a choiva. Mulleres e homes aos que lles gusta coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis, para integrarse mellor ou para intentar acceder mellor a un traballo aquí. Por iso participan no Obradoiro de integración lingüística e cultural que anualmente organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. Vídeo feito en decembro de 2012

"Aprender galego para ser máis de aquí" en Galicia Confidencial
“GÚSTAME O GALEGO CON ACENTO VENEZOLANO, MEXICANO OU ROMANÉS” en Compás da Costa