Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións

domingo, 2 de marzo de 2025

A nobre causa


por Bieito  Lobeira en Nós Diario:

Non sei cal é a razón pola que hai días do ano normaliños, deses que están aí, mais que pasan desapercibidos, e outros, pola contra, que enchen o calendario, danlle sentido á memoria e fan sorrir ao evocar bos momentos ou datas emblemáticas. Días sobranceiros, dos que obrigan a lembrar. Destes últimos é o 23 de febreiro.

mércores, 26 de febreiro de 2025

Rosalía; caravel cosido con raio de sol

Un ano máis o Concello da Estrada homenaxea a Rosalía de Castro cun videoclip. Nesta ocasión veremos como Cayetano Lledó vai elaborando o retrato da escritora mentres escoitamos na voz de Sheila carbia unha fermosa elexía de Fedrico García Lorca escrita o 29 de marzo do 1919 e traducida por José Lueiro e Carlos Loureiro. Outra vez o autor do vído foi Lucas Terceiro. Un novo acerto do concello no recoñecemento da nosa lingua por medio da lembranza da matriarca das nosas letras.


domingo, 23 de febreiro de 2025

Saúde e terra!

Manifesto da AELG polo día de Rosalía, escrito por Marga do Val:

Saúde e forza, animais terrestres!

Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza,

esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de

palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e

ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros... Palabras que nadan

mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas... Palabras, rapaciñas do lugar, palabras,

toleirona mocidade.

Saúde para a lingua!

venres, 23 de febreiro de 2024

Un pelouro que roda

 

Unha nova edición do Día de Rosalía e tamén un novo vídeo especialmente realizado para esta xornada polo Concello da Estrada. 

Onte, no Teatro Principal da Estrada celebrouse un encontro con escolares do concello no que houbo un recitado de poesías e no que finalmente se presentou este vídeo na honra de Rosalía, protagonizado polo grupo musical A banda da Loba. Este é dos poucos actos dos que un pode sentirse orgulloso de pertencer a este concello.


domingo, 26 de febreiro de 2023

Aí vén a tola soñando

  


O pasado Día de Rosalía de Castro o concello da Estrada organzou unha lectura de poesías no Teatro Principal e sumou un novo audiovisual á celebración que vén facendo desde hai xa unha boa restra de anos. Unha moi boa iniciativa que este ano contou coa colaboración dos centros educativos da vila.
O vídeo, Aí vén a tola soñando, foi realizado e filmado por Lucas Terceiro é unha canción composta e interpretada por Gabriel Blanco (Plan Siberia) que pon música a un poema de Rosalía. O traballo conta cunha coreografía creada pola bailarina Jacqueline Reimúndez e bailada por un abano de alumnos/as procedentes de distintos coles estradenses.

xoves, 23 de febreiro de 2023

Contra o Día de Rosalía

Esta era a imaxe que un vería ao pasar onte por diante do concello da Estrada. Unha boa forma de estragar o Día de Rosalía de Castro, co apoio da Xunta e do concello.

 

mércores, 22 de febreiro de 2023

Cumpriuse a xustiza


Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, por Carme Adán: 

 
As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.

 

Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.

 

Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.

 

Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas... e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?

 

Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.

 

Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!

 

Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.

 

“Que a man tembrosa no papel só escriba 
palabras, e palabras e palabras!”

 

Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?v Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?

 

luns, 20 de febreiro de 2023

O Caldo de Gloria de Xoanqui Ameixeiras


O cociñeiro da TVG, Xoanqui Ameixeiras, explícanos como facer o Caldo de Gloria. Saborosa homenaxe a Rosalía de Castro

 

venres, 26 de febreiro de 2021

Mais ti vas indo

 Un ano máis, o Concello da Estrada publica un vídeo lembrando a Rosalía de Castro. Desta volta  a gravación está protagonizada por unha selección de persoas pertencentes ao ámbito da mediciña e das emerxencias sanitarias.

mércores, 24 de febreiro de 2021

Rosalía e o mar

 No IES Chano Piñeiro (Forcarei) fixeron uns vídeos ben vistosos para anunciar unha sesión en streaming adicada ao tópico "Rosalía e o mar"

   

Presentan con estas palabaras a síua iniciativa:
 
A natureza foi moi importante na obra de Rosalía de Castro; toda a natureza de Galicia, o mar e a montaña, as veigas e os prados, as fontes e os regatos pequenos, os montes e os ríos, a vexetación e a fauna... Neste momento en que vivimos, limitados nos movementos, lembrámonos especialmente do mar, porque está lonxe de nós, non podemos achegarnos a el e sentir a súa fermosura e a súa forza. Na obra de Rosalía o mar foi moi importante e aparece en moitas ocasións, con distintos significados e diferentes simboloxías. Segundo deixou escrito o seu marido, Manuel Murguía, “o mar foi, na natureza, o seu amor predilecto”.


martes, 23 de febreiro de 2021

Día de Rosalía de Castro 2021


Un ano máis e a Consellaría de Educación segue sen recoñecer oficialmente o Día de Rosalía de Castro. Pola contra é un dos días máis celebrados nos centros de ensino. 

A AELG volve a invitar a toda a cidadanía a celebrar o vindeiro 24 de febreiro reiterando a súa proposición inicial (ano 2010) de que a  agasallemos cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade.

Este ano Ana R. Figueiredo foi a escritora que elaborou o manifesto da AELG e que reproducimos de seguido:


Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto... miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

venres, 6 de marzo de 2020

Airiños da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo




Rosalía de Castro é un pozo sen fondo. Normalmente recollo traballos de centros de Secundaria porque é o que coñezo máis, aínda que non poucas veces teño traído cousas de Primaria. O realmente inédito neste blogue é algo como o de hoxe e que demostra que o fenómeno Rosalía de Castro é desbordante (e a Consellería de Educación segue sen incluír a data entre as celebracións escolares!). Na universidade tamén se apuntaron á celebración. Concretamente na de Vigo propuxeron lecturas e intervencións artísticas na Facultade de Ciencias da Educación.

Agora ben, o vídeo musical con música de Juan Ramos, neste tema cantado por Carol Sospedr, é simplemente espectacular. Parabéns a eles e ao alumnado colaborador.

venres, 28 de febreiro de 2020

Tecín soia a miña tea




Outro ano máis (2016, 2017, 2018 e 2019), o concello da Estrada presenta o vídeo no que homenaxea a Rosalía de Castro e así celebra o seu día. Un novo acerto e un vídeo marabilloso con música de Guadi Galego sobre o poema Tecín soia a miña tea e unhas imaxes tan ben recollidas que ata lugares tan pouco agraciados como a Rúa da Cultura pola que eu chego todos os días ao traballo, aquí son recollidos con tanta sabiduría que ata parecen fermosos.
A trama é simple e está moi ben traída. Rosalía sae da Casa da Matanza, e despois dun breve paseo por Padrón achégase ás terras estradenses. Na Estrada visita os máis diversos lugares, desde o Pazo de Oca, a ponte de Pontevea ou a Torre de Guimarei. A mensaxe está clara, Rosalía segue estando connosco.
O final do vídeo con Rosalía paseando pola feira ou falando cos rapaces do CEIP Pérez Viondi mentras soan os acordes doutro éxito de Guadi Galego cantando a unha lingua chea de vida é toda unha declaración, unha chamada a seguirmos a estela de Rosalía en todo momento e en todo lugar. Unha chamada a seguir usando a nosa lingua tanto no mundo empresarial como a transmitillo aos nosos nenos.

venres, 8 de marzo de 2019

Rosalía de Castro, sempre estás en min



Outro ano máis o concello da Estrada participa na celebración do Día de Rosalía cun vídeo de excelente realización. Nesta ocasión ademais buscouse a colaboración de músicos e bandas da Estrada que aparecen cantando en diversas localizacións ben recoñecibles polos veciños da Estrada.

Gabriel Estrada (Plan Siberia), Pablo Carracedo "Jasper" e Gustavo Brea (Nao), Xurxo Rodríguez (Esquíos), Andrea Porto (A Banda da Loba), Lucía Azurmendi e Juan Núñez (The Bichos Band) e artistas como Anxo Fernández, Manuel Brey, Paco Guerra, Fernando Sanmartín, Xosé Manuel Marque, Jesús Carbia, Sheila Carbia, Saleta Lueiro, Nuria García, Ángela Eiras, Lía Vázquez, Nagore Fernández e Noa Baloira participaron na gravación e filmación do proxecto audiovisual.
Parabéns por este magnífico produto que dignifica ao concello da Estrada ao facelo partícipe destacado dun Día de Rosalía

mércores, 27 de febreiro de 2019

Malaxente, Tecín soia vs. Consellería de Educación


Tecín soia a miña tea, o poema de Rosalía de Castro, musicado por Guadi Galego.




Castellanos de castilla, o poema de Rosalía de Castro por MJ Perez
Mentres, a Consellería de Educación continúa a excluír o Día de Rosalía no apartado de conmemoracións do calendario escolar.
Malaxente: tecín soia a miña tea, e así sigo.

luns, 25 de febreiro de 2019

Lingua molona



No CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) argallaron esta pasada semana unha impresionante xornada na que celebraron conxuntamente o Día Internacional da Lingua Materna e o Día de Rosalía. O alumnado de 4º da ESO elaborou un panel cunha xanela que garda a silueta de Rosalía de Castro. Con este fondo foron colgando camisetas elaboradas polos distintos grupos e o punto culminante foi a proxección deste esplendoroso vídeo.
Eu non dou enxergado como se poden enxeñar marabillas coma esta.

mércores, 20 de febreiro de 2019

Alborada de Rosalía polos Carapaus


Outra vez máis é a AELG e o profesorado galego quen poñen en marcha Día de Rosalía xa que a Consellería de Educación lle vira as costas a esta celebración. Podería ser incomprensible se desde esta Consellería houbese un mínimo de cariño e respecto pola lingua de noso. Como non hai nada diso, comprendemos perfectamente ese desleixo, ese desprezo ao non incluir a data entre as celebracións escolares do curso.
Vía Praza Pública.

martes, 19 de febreiro de 2019

Cantarte hei. Manifest(o)Acción no Día de Rosalía

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019, por Ana Romaní



*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.

*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento

*Manifesta o poema

xoves, 14 de febreiro de 2019

Rosalía tamén é nosa





Rosalía tamén é nosa #RosalíaTaménÉNosa
Mil aplausos para esta iniciativa do Concello de Ames para encher as redes sociais de vídeos rosalianos. A min recórdame outra proposta ben gorentosa do SNL da Facultade de Matemáticas da USC: Explícoche matemáticas 2.0 (concurso de vídeos onde o 2.0 fai referencia á duración dos mesmos)

Participa seguindo estes pasos:
1.-Comparte este vídeo co cancelo #RosalíaTaménÉNosa
2.-Grava o teu propio vídeo (2 minutos como máximo) cun texto de Rosalía (ou para Rosalía).
3.-Comparte o teu vídeo nas redes sociais (Facebook e Instagram) co cancelo #RosalíaTaménÉNosa
4.-Se queres que o compartamos na rede do concello, envíanolo, xunto coa autorización para publicalo, a normalizacion@concellodeames.gal

luns, 19 de marzo de 2018

A fiestra de Rosalía



A resaca do Día de Rosalía non remata, e isto a pesar de que a Consellaría de Educación lle virou as costas á celebración escolar da xornada. Velaquí un exemplo máis de como a longa sombra de Rosalía chega ata nós. No IES Chano Piñeiro (Forcarei), aproveitando o lema do Día de Rosalía deste ano, #AbrideAfiestra, construíron unha fiestra a mantenta para abrirlla a Rosalía.