Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta AS-PG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AS-PG. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de xuño de 2022

Compentencia en galego. Análise do presente e perspectivas de futuro

 

Nas XXXI Xornadas de Lingua organizadas pola As-Pg e a CIG-Ensino celebradas o 23 de abril pasado no IES de Fontiñas (Santiago), a profesora Valentina Formoso, cargada de datos e dunha análise profunda, establece cal é o panorama da competencia lingüística dos escolares galegos.

mércores, 16 de decembro de 2020

luns, 3 de xuño de 2019

A lingua no ensino. Unha proposta urxente

por Marta Dacosta Alonso no Terra e Tempo:

A solución potencial do problema (o uso público do galego) é cada vez máis patente, pero todo vai depender da marcha da vida política canto á participación das forzas de resisténcia.” F. Rodríguez (1991): Conflito Lingüístico e ideoloxia na Galiza, Santiago de Compostela: Ed. Laiovento, páx. 75.

sábado, 13 de maio de 2017

Tíralle da Lingua 2017

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:


A pasada terza feira 25 de abril celebrouse no compostelán Teatro Principal a final da décimo sétima edición do certame de relato oral Tíralle da Lingua, convocado, coma todos os anos, pola AS-PG.

sábado, 3 de maio de 2014

Tíralle da lingua

por Xoán Carlos Domínguez Alberte no Sermos Galiza:


A pasada quinta feira 24 de abril celebrouse en Compostela a fase final do concurso de relato oral “Tíralle da lingua”, que, cada curso convoca entre a comunidade escolar a AS-PG.

venres, 13 de decembro de 2013

Síndrome Rosalía



"Clementina é a primeira muller do mundo que sofre o Síndrome Rosalía", sobre esta base constrúese a curtametraxe gañadora da categoría "autora menor de 30 anos" no Certame Curtas para Rosalía 2011, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Un falso documental feito sen medios, cun ton solemnemente paródico, pero coa intención de reivindicala vixencia da obra de Rosalía de Castro no 125 aniversário do seu falecemento. Protagonizado por Clementina Formariz e dirixido e montado por Fátima Peón Torres.

Vía Botóns , onde se nos informa de que aínda estamos a tempo de enviar os nosos vídeos ao IV Certame "Curtas para Rosalía" organizado pola AS-PG

domingo, 7 de xullo de 2013

Analise da LOMCE por Mariló Candedo



Conferencia de Mariló Candedo analizando o Anteproxecto da LOMCE, na xornada O Sistema Educativo na LOMCE, do 12/01/2013, organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG.
Invito a quen pase por aquí a escoitar as atinadas reflexións de Mariló Candedo e fago outra invitación a facelo seguindo a presentación de power-point da conferencia que engado aquí abaixo. Toda unha clarifica
Un aviso, a pesar do reloxo, o tempo da conferencia é dun total de 50 minutos.



Para completar a xornada, un par de artigos da mesma autora en Praza Pública:
A propósito do tupperwert: Os menús da Lomce (I)
A propósito do tupperwert: Os menús da Lomce (II)



luns, 31 de decembro de 2012

Carvallo Calero, a posibilidade de rectificar a historia



Vídeo documental realizado pola AS-PG con motivo do pasamento de Ricardo Carvallo Calero. Guión e locución de Francisco Rodríguez. Imaxes da entrevista con Carvallo Calero realizada por Francisco Salinas Portugal en 1988. Arquivo gráfico de A Nosa Terra. Produción: Xan Carballa Alonso. Realización Servimav.

xoves, 13 de outubro de 2011

'Memorias dun neno labrego'. Entrevista a Neira Vilas no 50 aniversario

Pode parecervos un vídeo moi longo, pero segundo me comentan,  non é máis que unha escolma das innumerables horas de conversas que os autores do mesmo mantiveron con Xosé Neira Vilas na súa casa de Gres, no concello de Vila de Cruces. Neste caso trátase das reflexións que o autor realiza arredor dese best-seller da literatura galega: 'Memorias dun neno labrego.


"Memorias dun neno labrego". Entrevista a Xosé Neira Vilas no 50 cabodano da súa obra from cig-ensino on Vimeo.

venres, 27 de maio de 2011

Aniversario da aprobación do Decreto de Plurilingüismo




Como por mor das leas internas a aprobación do funesto decreto de plurlingüismo, inicialmente prevista para despois do día das letras (20/05/2010), se retrasou unha semana, é hoxe (27/05/2011)  cando se cumpre un ano da súa data de posta en marcha polo Consello da Xunta. 
Para facer unha análise do que significa esta aprobación eu quédome con este debate, celebrado un mes antes, dentro do marco das XX Xornadas de lingua e literatura, que aínda que ten referencias á situación que se vivía naqueles momentos, é do máis lúcido que nunca se ten dito sobre o decreto que tan negras consecuencias está tendo no desartellamento da normalización e os usos da nosa lingua.
 Intervén Anxo Louzao (CIG-Ensino), Carlos Callón (Mesa pola normalización lingüística), Román Landín (Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística) e Xoán Costa (Presidente da AS-PG).

sábado, 14 de maio de 2011

Asamblea de Galiza co galego

Na sede da Asociación Pedagóxica Nova Escola Galega (situada na rúa San Clemente 18, Baixo, 15705 Compostela) para o día 17 de maio ás 18,00 horas está convocada a Asamblea Extraordinaria de Galiza co Galego, a asociación creada co fin de impulsar unha rede de escolas infantís en galego.
Despois de conseguiren o seu primeiro obxectivo, a adhesión de 3.000 apoios, a comisión directora de Galiza co Galego pode comenzar a facer efectivos os seus plans. Tal e como comenta o seu presidente, non será posible facelo para o vindeiro curso, porén co apoio de NEG, da AS-PG e de varios sindicatos, xa deron os primeiros pasos para iren construíndo o que debería ser tamén un obxectivo fundamental dunha Xunta que poidera cualificarse efectivamente de galega, o de establecer un ensino real e comprometido co galego.

venres, 6 de maio de 2011

Viva o Correlingua!

por Marta Dacosta, n´A Nosa Terra:


No curso 2000-2001, a CIG-Ensino, a AS-PG e A Mesa poñiamos a andar o Correlingua, contando na organización cos concellos de Pontevedra, Vigo, Compostela e Lugo.
Aquel curso non era titora de ningún grupo e ía axudar os meus compañeiros e compañeiras titores no acompañamento do alumnado que ía participar no Correlingua do Baixo Miño.
Mais o alumnado dun curso de 3º da ESO aos que lle daba aulas mudaron a miña responsabilidade. Un día, no medio da aula, comunicáronme que non podían participar porque o seu titor non nos ía acompañar e que se querían acudir a ela precisaban dun profesor ou profesora que fose canda eles. E pedíronme que os acompañase, e fíxeno. Era a súa decisión e eu a forma de levala a cabo.
Este ano, cando os vía baixar pola rúa Vitoriano Pérez Vidal, camiño da Praza do Concello de Salceda de Caselas, vin unha marea de rostros mozos que superaban todas as expectativas numéricas. Ordenados, mais atentos e participativos, seguiron cos ollos moi abertos as actuacións do escenario. Ao rematar, metinme no medio e pregunteilles se lles gustara a festa e a súa resposta non foi un simple si, senón un si longo e agudo de satisfacción.
O seu entusiasmo participativo é a mellor recompensa para o longo traballo que a actividade nos depara ano tras ano. Velas e velos encher o teatro Principal o día da presentación da actividade, escoitalos ao recolleren os premios, cunhas intervencións dignas de adultos conscientes e sabios, fai que sexamos nós os que nos sintamos orgullosos deles e delas.
O Correlingua é para elas e para eles, mais son eles e elas os que fan o Correlingua. A organización, nós, soamente procuramos unha frase, ou sexa, un pretexto que é o punto de partida para eses magníficos traballos en que a mocidade demostra que ten argumentos e sabe utilizalos, que están no mundo, que están atentas e atentos, que saben da realidade que os rodea, que pensan por si mesmos. Que teñen unha imaxinación sen límites para regalarnos os ollos e os oídos, para poñer movemento nos nosos pés a ritmo de idioma propio.
Merecen todo o noso esforzo.
Son eles o motor que move o Correlingua, a súa razón de ser e o seu éxito.
Por iso as mañás de maio ilumínanse ante esta aposta de futuro.
Viva o Correlingua!

xoves, 5 de maio de 2011

Un algo de historia non acae mal...

por Pilar García Negro en Terra e Tempo:


Sobre o libro "Problemática das línguas sen normalizar. Situación do Galego e alternativas"


Coido que un dos problemas non leves da cultura galega actual deriva da falta de ilación histórica. Demasiadas veces a súa traxectoria se asemella ao mito de Penélope que Xosé María Díaz Castro recriou en poema insuperábel. Non se trata das lóxicas lagoas de coñecemento esperábeis nunha cultura tantos anos desinstitucionalizada, privada de elementos de poder e de prestixio, asociada a unha única clase social, a maioritaria do mundo do traballo, sen megáfonos nin dispositivos de reprodución formal. Trátase dunha despersonalización en forma de ignorancia da diacronía que nos fundou e grazas á cal existimos; trátase de alimentarmos o presente e as súas alternativas de acertos do pasado e de corrixirmos erros xa cometidos. Trátase de recoñecermos, en suma, que somos un povo con independencia intelectual, capacidade creativa e, por tanto, con posibilidades de revirar o rumbo da nosa historia.

Todo isto vén a conto porque se se tivesen lido fenómenos e procesos da historia lingüística contemporánea, teríanse aforrado moitas desfocaxes da mesma na hora actual e a normalización da lingua galega tería camiñado con máis celeridade. 

Entre o 4 de Novembro e o 2 de Decembro de 1978, o Instituto Socio-Pedagóxico Galego (que non se puidera legalizar con este nome, por prohibición administrativa, levando desde aquela o nome de Asociación...) organizara, na Facultade de Económicas da Universidade de Compostela, un ciclo de conferencias baixo o título: "Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas"[1]. Por orde de intervención, os conferencistas foron Lluís V. Aracil, unha servidora, Francisco Rodríguez, Pilar Vázquez Cuesta e Ricardo Carballo Calero: idades, xeracións, nacionalidades, dedicacións profesionais... ben variadas, como se ve.

Cada quen desenvolveu un tema diferente, mais chama a atención que as conclusións particulares a que todos chegaron son confluentes no mesmo obxectivo e na mesma aspiración, con acento marcado en aspectos diversos. Aracil recordaba como a independización principia por "aprender dun mesmo, aprender o que lle convén e decidir por un mesmo", avogaba pola produción de modelos orixinais e daba a valer a experiencia como fonte do saber. Francisco Rodríguez diseccionaba o espírito e a letra da Constitución que se promulgaría aquel mesmo ano e denunciaba que a oficialidade real ía seguir sendo a do español como lingua do Estado que seguía a ser unitario, co que o dominio diglósico pervivería en detrimento do galego, a lingua nacional. Na esteira de Ninyoles, desvendaba a intención real da utilización perversa do concepto de lingua materna, como muro limitativo da normalización, e adiantaba un diagnóstico negativo do tristemente célebre "Decreto de bilingüismo", que sería ditado en 1979 por parte do Ministerio de Educación e Ciencia.

Pilar Vázquez Cuesta examinaba a situación lingüística en contextos coloniais como o Perú ou Puerto Rico e, tamén, a depresión de linguas como o francés en Canadá, no Quebec, ou o portugués no período filipino (1580-1640), cunha interesantísima panorámica histórica que deita moita luz, diacrónica e actual, sobre o caso galego. Ricardo Carballo Calero estudaba a fortuna histórica do galego, a través de tres chanzos ben marcados: a formación do mesmo, a dialectalización e a recuperación. "Língua e identidade" e "O galego e a Galiza" son os seus derradeiros capítulos. Non resistimos a tentación de os transcrebermos literalmente, porque a súa vixencia, a súa actualidade, é total:

Se non temos o menor desexo de manter a identidade de Galiza, é excusada a nosa preocupación pola língua. Mais se queremos manter aquela identidade, na língua temos o mellor instrumento para consegui-lo. A língua é un sacramento, é dicer, un signo visíbel de comunión nunha determinada participación de ideais. Evidentemente, a língua non confere nacionalidade. Hai moitas nacións de língua española ou portuguesa que non se confunden coas antigas metrópoles. En troques, hai nacións plurilíngües. Unha nación é unha vontade colectiva de destino comun. Como dicia Renan, un plebiscito incesantemente renovado. Mais cando se dispón dunha língua própria, non se comprende o seu abandono polos que desexan manter a identidade do pobo que a fala.

Podemos, en consecuéncia, imaxinar unha Galiza que non fale galego. Por exemplo, unha Galiza absolutamente castelanizada. Ou, se queremos pensar nunha situación menos radical, unha Galiza onde o galego sexa respeitado, mais non promovido. Ou mesmo unha Galiza onde o galego sexa considerado como unha reliquia histórica, ou como unha típica modalidade folclórica que a fins turísticos conveña conservar. Poderíamos estabelecer reservas nas que un fato de labregos e de intelectuais, vestidos con monteira e cirolas  -os homes-  e dengue e mantelo  -as mulleres-  vivesen subvencionados polo Estado, consagrados a falar, escreber, cantar, rir e chorar en galego con acompañamento de gaita. Cousas semellantes vian-se e ven-se noutras latitudes. Mais hai unha tradición, segundo espuxemos, que aspira a outra fortuna para o galego. Esa tradición, a de Murguia e a Académia Galega, a de Risco e a revista Nós, a de Villar Ponte e as Irmandades da Fala, a de Otero Pedrayo e o Seminário de Estudos Galegos, para non citar senón figuras e institucións científicas e literarias, propugna o galego como língua de Galiza. Para os que nos educamos nese ambiente, non hai outra fórmula satisfactoria. Non vemos a Galiza falando noutra língua que o galego. Claro que este ideal implica problemas de organización, debidos ao estado en que a língua se atopa, à preséncia social do castelán e à existencia dun idioma oficial da Administración central. A resolución destes problemas incumbe aos políticos. Aos estudiosos da língua corresponde-nos fornecer a información precisa para esa resolución. E facer votos por que os que temos xa calcado desde hai tempo o sarego da vellez, presenciemos, endebén, a reinstauración definitiva  -à que todos son convocados con respeito e amor-  do galego na vida de Galiza[2].

Máis de trinta anos teñen estas palabras desque foron proferidas e non perderon aínda o seu carácter profético. Aínda resoa nos meus ouvidos a ovación interminábel con que foron acollidas e aplaudidas polo público presente (a mencionada Aula Magna da Facultade ateigada: máis de quiñentas persoas) e non podo deixar de pensar na lucidez de quen, na que sería derradeira década da súa vida, atinaba a situar con tal clareza os perigos da conxelación do galego nun neorrexionalismo inane, vaciado de toda normalidade social, onde o signo galego fose só decorado estilístico. Igualmente, acertaba a sinalar as necesidades de normalización social e pública da lingua que as precisaba solucionar, única denotación sociolingüística verdadeira do termo "normalización".

O legado histórico de que se declara herdeiro o ilustre profesor é o que eu teño a ben reclamar hoxe, incluíndoo a el, claro está, para comprender algo non do que se pasou onte, historicamente falando, senón do que está a se pasar no presente, na máis rigorosa actualidade. Talvez, así, se derruben mellor as cercas da camuflaxe, da sofisticación, da pasividade estupefaciente, da superficialidade... con que hoxe batemos en tantas ocasións á hora de coñecermos análises e valoracións sobre a lingua galega.

[1] Publicado como libro por Edicións Xistral, en 1980, con este mesmo título e prólogo de Santiago Esteban Radío, na altura presidente da AS-PG.
[2] Ibidem, páxs. 127-128.

As carreiras pola lingua

por Enrique Rabuñal, no Xornal:

Entre o 2 e o 13 de maio e baixo o lema “Galego: a forza do noso amor” celebraranse polo país adiante as carreiras pola lingua. Ese lema tan acaído como novoneiriano animará o Correlingua 2011 e aniñará no corazón e na memoria de case 50.000 rapaces e rapazas en representación duns 400 centros educativos. Desde hai dez anos a AS-PG, a MNL, todas as deputacións agás a de Pontevedra, entre outros os concellos de Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo así como a CIGenchen de ledicia xuvenil e de esperanza activa a defensa da lingua galega.
Para que a lingua teña porvir non só fan falta no parlamento políticos que lexislen na dirección correcta senón tamén mozos e mozas que vivan a lingua como parte irrenunciábel da súa identidade. Trátase de reforzar a idea de que Galiza só será sen a mutilación que significaría a renuncia ao que nos permite ser: a lingua de noso. O Correlingua non sería posíbel sen a entrega entusiasta de moitos docentes que animan e acompañan ao seu alumnado e que inoculan neles a relevancia do idioma do que algúns foron desposuídos pero a lingua como casa común dos galegos sempre espera por todos e sempre acolle a todos.
Fronte ás políticas do goberno amplamente contestadas no parlamento e na sociedade, fronte ás decisións erráticas e antigalegas da actual maioría no Hórreo, hai un país en marcha, o país do que era habitante Lois Pereiro, o país que aturou circunstancias históricas e políticas moi adversas pero que non renunciou –nunca poderá facelo– a seguir pintando as cores do arco da vella en galego.
A cultura en xeral e a defensa da lingua en particular son cousas serias pero divertidas que nos fan felices. Por iso os nosos mozos e mozas escriben, fan banda deseñada, vídeos, canción e música, dánlle ao Galeoke, ocupan as rúas en son de paz e celebran a vella lingua de noso. Eses mozos queren vivir en galego, sen prexuízos, sen ter nada en contra doutras linguas irmás. Nas súas carreiras, na súa mocidade, na súa ilusión circula o mellor de nós, a forza dun amor que peta na nosa conciencia e que, definitivamente, non pode ser inútil.

sábado, 30 de abril de 2011

Correlingua 2011

Entre o 2 e o 13 de maio celebrarase a festa da lingua chamada Correlingua. 45.000 rapaces de 15 concellosparticiparán ano na actividade.
Correlingua está organizado pola CIG-Ensino, a AS-PG e a Mesa e conta coa colaboración dos concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo e do resto dos concellos nos que se celebra a actividade así como  das deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.
Resulta realmente significativo que a SXPL non colabore con Correlingua. Segundo Anxo Lorenzo é porque "iniciativas a favor da lingua galega hai moitas", pero que o seu departamento "non pode estar presente en todas". Claro que Correlingua non é unha iniciativa calquera pois mobiliza a unha gran cantidade de persoas por toda a xeografía galega. Se Anxo Lorenzo dixera a verdade tería que responder que a súa falta de apoio débese exclusivamente a criterios políticos e que realmente non lles interesa apoiar a normalización pois a liña de actuación que mantén a SXPL consiste en tres puntos: o autobombo, en procurar que non se avance nin un chanzo na extensión do galego e a xustificación de todos os pasos institucionais dados na súa redución.

Vídeo de presentación do Correlingua 2011 onde se lles dá o premio aos gañadores do premio ao concurso de vídeo, que nesta ocasión foi para o IES Fontem Albei da Fonsagrada e o premio do concurso de banda deseñada, os alumnos de 6º do CEIP San Martiño de Pontevedra.
Os gañadores do concurso do manifesto foron os alumnos do CPI de Pontecesures.
Aquí deixo o vídeo do IES da Fonsagrada: "eu falo galego porque....". Moitas respostas que poderían pasar a formar parte do caixón habilitado pola CGENDL no que recollen as respostas á pregunta: e ti, por que o falas?

luns, 4 de abril de 2011

Desde o labirinto a Rosalía

por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:

Estes días anda a presentar Francisco Rodríguez o seu libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria. Malia o importante suceso que supón para a cultura galega, poucas destas presentacións en cidades e vilas contaron nin van contar  co debido  eco dos medios de comunicacións de masas. Mais  han contar coa axuda de todos nós, das asociacións culturais de base, de entidades pedagóxicas, organizacións sindicais de profesorado, organizacións xuvenís... Da mellor maneira posíbel para  facermos chegar a figura e a obra rosalianas até o último curruncho da nosa patria.

O pasado 4 de marzo  comezou a singradura na cidade de Ferrol.  No Salón de actos da Fundación Caixa Galicia, ateigado de público, tivemos ocasión de lembrar como estudos tan monumentais como o de Francisco Rodríguez sobre Rosalía non nacen senón dun esforzo perseverante de moitos anos e de moita dedicación na vida dunha persoa. Considereime afortunado dobremente, en primeiro lugar por poder compartir  o proceso de elaboración do libro editado pola AS-PG, lendo os capítulos a medida que ían sendo redactados, xunto con outras persoas, sen haber lugar á reserva e ao pudor de dar a coñecer antes de publicar,  cousa  que é de agradecer. Tamén  tiven a sorte de coñecer de primeira man nos últimos trinta anos as preocupacións constantes e os descubrimentos de Francisco Rodríguez sobre a obra e a figura de Rosalía. Coido que todos os que o coñecemos un pouco  saberemos valorar ese labor iniciado nos anos setenta e que agora ten unha feliz culminación nesta obra publicada a pouco de conmemorarmos o 125º aniversario da súa morte.

Non pode entenderse, desde logo, sen  recoñecermos o traballo rigoroso previo de análise minuciosa  e comentario  dos textos rosalianos, un labor practicamente consumado na década dos setenta.  A comezos dos anos oitenta, concretamente no curso 1980-81, tiven a sorte de coñecer no Instituto de  Bacharelato  da Estrada un xeito novo de vivir a literatura a través dos seus comentarios literarios,  dun xeito especial sobre  poemas  de Rosalía.  Era  un enfoque directo, intensivo,  que daba prioridade ao coñecemento  centrado nos textos básicos ou máis representativos. De aí partía a motivación principal para aproximármonos  logo  pola nosa conta a outros aspectos máis secundarios, a aspectos biográficos, históricos, a outras obras  e a outros autores. Lembro fundamentalmente de Cantares gallegos Castellanos de Castilla, A gaita gallega, de Follas novas, Xan, ¡Soia!,  Tembra un neno no húmido pórtico, Pelouro que roda...  entre outros.

Naqueles duros comezos dos anos oitenta, moitos de nós, formabamos unha grea de mozos e mozas  inadaptados e condenados a vagar, perdidos no labirinto da vida. Grazas á aquela toma de conciencia a través da literatura galega, moi especialmente de Rosalía, conseguimos saír da confusión e recoñecérmonos como galegos. Non en balde, na propia lapela do libro faise referencia a ese "labor docente de impacto moi positivo". A partir de aí viría o noso interese polos outros clásicos do Rexurdimento, por autores do século XX como Cabanillas, Castelao, os membros do Grupo Nós, Blanco Amor, etc.

No mesmo  1980, conmemorando o centenario da publicación de Follas novas, Francisco Rodríguez publica en A Nosa Terra  (nº 106) un sintético e  contundente artigo, que pon de manifesto unha comprensión avanzada do significado do noso clásico por excelencia: "Rosalía: cen anos de resistencia contra  da hipocrisía burguesa". Unha mensaxe tan nidia, insistimos, só é posíbel tras "unha exhaustiva e reiterada  lectura e análise dos poemas",  xunto a moitas intervencións públicas en actos de todo tipo, conferencias, algunhas en sitios insospeitados, no medio do monte, como di el na introdución ao libro.

Por aquelas datas, intuímos tamén que descubrindo a Rosalía era posíbel  descubrirmos un xeito  de ser rosaliano, onde non quedaba lugar para a simplificación en ningún eido da vida nin no máis íntimo nin  no ideolóxico. En Rosalía estaba todo, un universo complexo que ía desde o social ao máis particular, que nos permitía abrirnos á comprensión de moitos conflitos  que aínda desacougan ao ser humano. Mais, por riba de todo,  estaba  o exemplo, a actitude de rebeldía e de transgresión dunha muller que  expresaba case todo o imaxinábel desde a lingua dos oprimidos e para a pervivencia da patria. Que chegaba -como puidemos ir descubrindo pouco a pouco- até a beira dos abismos, dos misterios e do inefábel....

A partir do ano 1983, o labor investigador de Francisco Rodríguez, sustentado en fondas conviccións, vai dar o salto cualitativo definitivo:  a necesidade de contrastar con datos extrínsecos  e contextualizadores  o que xa era unha interpretación avanzada do sentido da obra rosaliana. Un traballo cheo de entusiasmo -tamén de dificultades, segundo lembramos-, de tenacidade, que deu como resultado a súa tese de doutoramento, publicada comoAnálise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro en 1988,  tamén pola AS-PG. Foron moitas as horas de empeño nas que o autor analizou os materiais (xornais, revistas) de máis dunha ducia de arquivos e hemerotecas en Galiza e no resto do Estado. O tribunal presidido por Carvalho Calero e composto por Pilar Vázquez Cuesta, Claude Henri Poullain, Xosé Ramón Barreiro e Anxo Tarrío foi unánime ao salientar o importante acontecemento cultural que representaba este  fito renovador nos estudos rosalianos. Supoñía, como nós dixemos tamén, devolvernos ao camiño da imaxe real de Rosalía, podendo establecermos un antes e un despois desta peza clave da historiografía literaria galega.

Naquel momento sinalamos que estudos desta dimensión só son posíbeis en quen dispón non só dunha metodoloxía axeitada, senón tamén dunha sólida e interdisciplinar formación (historia, economía, filosofía, psicoanálise...). En moitos casos cubrindo carencias, indo ás fontes máis directas, como no terreo histórico en que se constata o escasamente estudados que están algúns  fenómenos da historia de Galiza.  Francisco Rodríguez  xa daquela denunciaba nesta obra que a historiografía galega non se tivese ocupado en condicións de ordenar o interesante debate sobre causas e consecuencias da emigración no século XIX con ampla presenza na prensa da época, e que daría para un amplo volume.

No momento da súa publicación, Pilar García Negro, nun artigo titulado  "Rosalía de Castro na visión de Francisco Rodríguez" (A Nosa Terra, nº 370) sintetizaba os principais méritos e aportes daquel estudo: 1) a presentación dunha panorámica histórica  crucial  en que se desenvolve a vida de Rosalía   e  contextualiza a xénese da súa obra; 2) a consideración da novelística de Rosalía (inxustamente marxinada e deostada por outros críticos) como fundamental para entendermos o seu pensamento; 3) a proclamación sen ambigüidades do feminismo rosaliano; 4) a profundidade con que se estudan os poemarios e nomeadamente as partes máis herméticas de Follas novas e En las orillas del Sar; 5) a necesaria aclaración, lonxe de simplificacións, da dualidade lingüística e do proceso de enterramento e beatificaciónpost mortem. Curiosamente a autora facía unha reflexión sintomática a raíz do desinterese das esferas académicas polo estudo da nosa literatura, sinalando que era a primeira tese sobre Rosalía realizada por un galego e defendida na Universidade galega.

O libro que hoxe nos ocupa é unha reinterpretación máis profunda, con ampliación das achegas contextualizadoras, de análise e interpretación. Sen dúbida é o estudo máis completo -non só no plano cuantitativo (máis de setecentas páxinas)- e profundo dedicado a Rosalía. Conta cunha aleccionante  introdución  (A descuberta dunha nova Rosalía)  e cun suxestivo colofón no capítulo 10 (Rosalía, lirio na  rocha). Neste último revélanse aspectos  sorprendentes e pouco coñecidos  até o de agora, moitos deles tirados da correspondencia do casal Rosalía-Murguía e que constitúen parte substancial  do que o estudoso denominaría "unha biografía profunda".

Unha alternativa, para o público  interesado  polas perspectivas máis biográficas, pode ser comezar a lectura por este mesmo capítulo 10 que ilustra moi ben moitas claves para entender a Rosalía. A parte historiográfica na que se analiza o período de case cincuenta anos  que vai  de 1837 a 1885 e mesmo máis alá (referíndose ao proceso de asimilación posterior á morte), resulta fundamental para a contextualización da obra de Rosalía e diríamos tamén para entender ben o noso século XIX.  Na análise das obras mantense un enfoque semellante  que parte da xénese da obra, analiza a estrutura externa e interna na procura do seu sentido e  compleméntase coa función e vida social da obra mesma.

Lembro que a  finais de 1988, a pouco de publicarse  a tese de doutoramento de Francisco Rodríguez a que antes nos referimos, comentábase con sorpresa desde o xornal La Voz de Galicia o éxito  dun libro como este que conseguira instalarse en cabeza no ranking  de máis vendidos. Con certa ironía atribuíase  á "existencia dun público incondicional que ten este profesor de literatura inmerso e protagonista  da voráxine do nacionalismo galego contemporáneo".

Pois da mesma maneira  que procedemos daquela, ante a pasividade do mundo oficial, o silenciamento e a manipulación,  procedamos agora  alentando a difusión desta peza clave na obra colectiva de recuperarmos a Rosalía para o pobo galego e para recoñecérmonos nela como galegos e galegas

venres, 18 de marzo de 2011

"Rosalía de Castro:estranxeira na súa patria". Presentación do libro na Estrada.

Organizada pola Asociación Cultural Vagalumes, onte, 17 de marzo, no local de Novacaixagalicia da Estrada, Francisco Rodríguez presentou o seu libro Rosalía de Castro: estranxeira na súa patria, editado pola AS-PG. Un volume que, estruturado en 10 capítulos conta con 730 páxinas e que vén a ampliar o que fora a súa tese doctoral Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro.
Xosé Luna foi quen nos achegou á figura de Francisco Rodríguez como profesor do instituto da Estrada. Desde a lembranza dos seus anos de estudante e referiu anécdotas como a de que cando chegaba a clase comenzaba a sacar folios, documentos e libros que espallaba pola mesa nun totum revolutum e, ao final da clase, podía comprobar sorprendido que os usara todos... e cun discurso ordenado. Na clase de Francisco Rodríguez, explicou Luna,  foi onde escoitara por primeira vez oir falar de Sausurre, diglosia ou bilingüismo.

O autor do libro  comenzou afirmando que se hoxe somos galegos é grazas á obra de Rosalía. No seu relato Francisco Rodríguez falou moito da bohemia galega do XIX, un grupo de intelectuais que formaron unha verdadeira rede social e que, alén da relación epistorar, encontrabanse nos baños de Caldas. Entre eles estaba o "pobre Pondal", co que Rosalía paseou polos camiños de Cuntis.
Así como as guías turísticas anuncian que Praga pode coñecerse a través de Kafka ou Dublín por medio de Joyce, é unha mágoa que Santiago non sexa ofrecida ao mundo a través de Rosalía.  Francisco Rodríguez presentounos un roteiro polo Santiago rosaliano comenzando polas Orfas onde a escritora viviu catro anos, seguindo por varias casa na rúa do Vilar, subindo ata a Casa da Concha na Conga, despois parou en San Martiño Pinario e seguiu o percorrido por San Agustín e a Calderería. "No canto disto -comentou Paco- temos unha aleatoria sucesión de celebracións pontificias que renegan da identidade galega".
Completo o post co seguinte vídeo, moito máis extenso que a presentación que estivemos debullando, e que contén as mesmas achegas e moitas outras máis. Trátase da conferencia de Francisco Rodríguez Sánchez en Compostela en novembro do 2010, dentro das Xornadas da CIG-Ensino e a AS-PG:  "Rosalía de Castro, Luís Seoane, Carvalho Calero e Uxío Novoneyra, unha lingua da Afirmación".
Como di Carlos Callón no seu blogue, estamos a falar do que é, sen dúbidas, o estudo máis importante sobre a escritora central da nosa literatura.


Sobre a presentación do libro en Santiago: El País, Xornal

mércores, 16 de marzo de 2011

Unha obra monumental

por Pilar García Negro, no Xornal, referíndose á obra "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria" que se vai presentar mañán na miña vila, ás 20:30 horas na Sala de Exposicións de Novacaixagalicia:


2011 ficará na historia da literatura galega como un ano particularmente fecundo en investigación e ensaio, debido á publicación dunha obra que, tal e como intitulamos, non dubidamos en cualificar como monumental na non fácil (re)construción da nosa historia nacional. Referímonos a Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), da autoría de Francisco Rodríguez, un acreditado especialista na obra da nosa autora fundacional.
Mais tal obra, que vén de se editar pola AS-PG e que está a ser apresentada por diferentes cidades da Galiza e mais Madrid, culmina un longo periplo de investigación, documentación, procura hemerográfica, confirmación de fontes, anovación de perspectivas con novo instrumental analítico… que arrinca desde hai varias décadas. Con efeito, temos que nos remontar a varias atrás do século pasado, en concreto a 1970, cando podemos ler o primeiro artigo do autor sobre Rosalía de Castro, mesmo anterior á publicación do seu magnífico estudo sobre Curros Enríquez e a súa particular evolución ideolóxica.
Mais será en –e a partir de– 1980 cando se abra paso o inicio da que ben podemos denominar “Nova Rosalía”, o deseño da súa vera effigies, sintomaticamente a máis fiel á súa propria textualidade, ao que ela depuxo e escrebeu, non a que, ortopedia violenta mediante, se desfigurou, para rebaixala a símbolo xibarizado e admisíbel dentro de Galiza e dentro de España. Após varios artigos divulgativos e decisivos estudos publicados no ano 1985 –en que se celebrou o centenario do falecemento da escritora–, no 15 de xaneiro de 1988, Francisco Rodríguez defende, nun Paraninfo da Universidade compostelana ateigado de público, a súa Tese de Doutoramento, que deu en libro publicado aquel mesmo ano, cun título, por reducionista, abertamente desafortunado: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Na realidade, como se encargaron de subliñar algúns membros (Ricardo Carvalho Calero, Claude Henri Poullain, X. R. Barreiro) do tribunal que xulgara aquela tese doutoral, aquela obra marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a nosa autora.
Con efeito, tendo realizado un minucioso e prolixo repaso da bibliografía rosalianista anterior, esta obra contiña novidades hermenéuticas e interpretativas primordiais: en primeiro lugar, o seguimento e análise completa de toda a obra rosaliana, en verso e en prosa, en galego e en español; en segundo lugar, o debuxo rigoroso do pano de fundo histórico en que ela se insire; en terceiro lugar, a construción dunha biografía profunda, extraíbel –tal e como Murguía pedía– dos seus proprios textos.
Era, en fin, last but not least, a primeira obra rosaliana que se preocupaba de analisar e valorar o feminismo da autora como principio organizador da súa obra, aspecto que hoxe semella que todos aplauden e celebran mais que, insisto, é nesta obra onde ten a súa orixe circunstanciada, referida ás novelas, aos ensaios, ao “Conto gallego” e, por suposto, á súa obra poética.
O volume recentemente publicado baséase naquela obra primicial, mais dista moito de ser unha reedición ampliada. Nas súas máis de setecentas páxinas incorpora abundante e nova documentación, corroborante desde logo de teses anteriores, que nola apresentan como unha escritora profisional, muller enérxica e profundamente culta, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora, sen dúbida, dunha nova semántica para a tríade revolucionaria francesa de que parten todos os escritores do XIX.
Toda a correspondencia dirixida a Murguía onde ela aparece resulta dun grande valor para trazar o seu retrato oblicuo, ao igual que textos xornalísticos contemporáneos, ou o seguimento da súa relación amical con mulleres ou dedicatarias de poemas seus, nun exercicio de filoxinia e de sororidade aínda non dabondo subliñado.
En suma, un libro imprescindíbel, apto para moitos públicos sensíbeis e desexosos de melloraren o seu coñecemento sobre a personalidade galega por antonomasia, aquela cuxa correcta valoración é clave para entendermos a contemporaneidade galega e, inclusive, todos nós.