Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta María Reimóndez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Reimóndez. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de febreiro de 2026

A lingua que nos une

 


por María Reimóndez, no Nós Diario:

Tantas veces temos escoitado esa expresión de "a lingua que nos une" para referirse ao castelán (coma se as outras linguas nos separasen), que non puiden evitar volver a ela nun contexto totalmente diferente. Hai uns días que estou na miña segunda casa, en Támil Nadu, pero no voo de chegada ao Estado indio dirixido a Delhi, unha muller maior quixo sentar ao meu carón, no canto de sentar á beira dunha irlandesa branca, coa expectativa de latricar, pois é habitual que a xente non me identifique como estranxeira. Ela e o outro home que compartían fila comigo ficaron coa boca aberta cando lles dixen que non falaba hindi, que o que falaba era támil.

mércores, 19 de febreiro de 2025

O que a xente quere


 por María Reimóndez no Nós Diario:

Hai xa tanto tempo dende a introdución do infame e mal chamado "Decreto do plurilingüísimo" que a súa nova normalidade semella facernos esquecer os vimbios cos que foi creado e como estes volven renacer de tanto en tanto, por exemplo coa suposta enquisa sobre a "percepción social do galego".

mércores, 4 de outubro de 2023

Máis que palabras


 por María Reimóndez en Nós Diario:

Nos máis de vinte e cinco anos que levo traballando como intérprete, nunca deixa de sorprenderme o desprezo que pode amosarse polo noso traballo. Os últimos días, ao fío do acto de xustiza que constitúe "permitir" o uso de todas as linguas oficiais no Parlamento, superouse o nivel.

 

mércores, 31 de maio de 2023

A arañeira

 


por María Reimóndez no Nós Diario:

O pasado 17 de maio, como tantas outras veces, moitas persoas saímos á rúa para celebrar a nosa lingua, para recoñecer o seu valor, mais tamén para poñer sobre a mesa a situación de constante agresión na que esta vive. E, por suposto, cando falamos dunha lingua, falamos das súas falantes.

 

mércores, 20 de maio de 2020

Crea un emprego

Por María Reimóndez no diario Nós:
Con frecuencia pensamos que cambiar o mundo é unha tarefa difícil e inalcanzable. Algo que leva a moita xente a atopar a escusa perfecta para deixar todo como está. Porque a comodidade é a maior inimiga de calquera revolución. Mais o que ás veces esquecemos é que as revolucións máis significativas son aquelas ás que chegamos coas cousas que non nos decatamos que están na nosa man.

mércores, 8 de abril de 2020

Desamparo

por María Reimóndez, no Nós Diario:


Por debaixo da dor e do ruído, son días estes de estraña introspección, de facer exercicios de empatía e de pensar en comunidade. Tamén de comprobar como hai demasiada xente incapaz de poñerse no lugar da outra e para a cal o importante segue sendo o mesmo de sempre. Sen ir máis lonxe, para o Sr. Núñez Feijóo, o importante segue sendo calquera cousa menos as persoas galegofalantes: intervencións públicas en castelán e imposibilidade de acceder á información e á atención sanitaria na nosa lingua.

sábado, 24 de febreiro de 2018

Abride a fiestra

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2018, por María Reimóndez:

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.

venres, 13 de febreiro de 2015

Disco raiado, baby!

excelente artigo de María Reimóndez, no Sermos Galiza:

Hai algún tempo circulaba polas redes un vídeo dunha muller nunha película tipo anos 40 que se achegaba irritada a un tocadiscos do cal non deixaba de saír o último (e insoportable) tema de Enrique Iglesias, levantaba a agulla con aceno brutal e dicía: «Hasta el coño ya!». Esta imaxe véuseme moito á cabeza nos últimos días que tanto se falou de tan importante artista por estes medios nosos e hoxe enfíame ben con outras cuestións que andan vira que vira en canto se abre o «debate sobre a lingua» en certos medios (que adoitan ademais ter pouca tradición en usala, será por iso).

luns, 20 de xuño de 2011

María Reimóndez: 'A nosa lingua é o único que fai de nós algo máis que escravas do poder económico'

Manuel Vidal Villaverde faille unha longa entrevista a María Reimondez para o Galicia Hoxe, da que escollín o que fai referencia á cuestión lingüística.

María Reimóndez, escritora, colabora en diversos xornais,  é fundadora da Organización Non Gubernamental de Cooperación ao Desenvolvemento Implicadas e da Asociación Galega de Tradución e Interpretación,

O noso idioma, ai. O goberno actual do PP e galegos próximos a el néganno con maior ou menor sutileza, canto non ignorancia. Este mesmo goberno derrogou coa aquiescencia de asociados ou independentes como o secretario Xeral de Política Lingüística, o ben escaso decreto de Normalización. Os resultados saltan á vista: bilingüismo harmónico, cordial; trilingüismo, e a última, que eu respetuosamente cualifico de vergoñenta e pouco menos que ignorante: bilingüismo restitutivo, ou natural, tristemente avaliada e exposta polo amigo Henrique Monteagudo. Aseguro que só a inmersión lingüística que xa defendeu para o catalá o propio presidente da RAE é o que nos pode salvar desa deleiba mortal e infame. Non meu vou alongar máis nesta exposición, e deixo para ti a reflexión que sen dúbida nos ha iluminar a todos/as, non si, María?Eu teño toda a fe do mundo na inmersión lingüística e no amor polas linguas pero iso só é posible cando comezas pola propia. Querer falar unha lingua de poder é moi diferente a ser políglota e ademais un absurdo só coherente nun mundo dominado por certos idiomas. As linguas só “valen” nos seus contextos e, para falar coa xente que temos preto e que nos importa, a lingua máis importante é o galego.
O problema é que estamos en tempos de pensamento único e monolingüe, un ideal de calquera sistema de dominación porque cando lle quitas a lingua ás persoas, pouco queda delas (pensemos en como ás escravas lles cortaban literalmente a lingua para que non puidesen organizarse e loitar nas plantacións americanas).
O discurso de que “o galego non vale para nada” encaixa con esta mentalidade e vén reafirmar prexuízos antigos aprendidos coa vara do mestre na escola ou a ridiculización pública. O debate, pois, é previo mesmo aos conceptos que mencionas e ten que ver cun traballo por unha banda interno e pola outra externo. A nivel interno falta diálogo coa cidadanía non a través de campañas e pósters senón a través de axentes activos (que hai moitos! As escritoras e escritores somos parte deles, tamén o profesorado) e coordinados. Aquí faltou a normalización lingüística como proceso de diálogo e agora estamos colleitando as consecuencias.
Poderiamos aprender moito dos países do Sur neste tipo de traballo, pero adoitamos mirar cara a outro lado. A nivel externo cómpre fomentar as alianzas entre pobos que non falamos linguas hexemónicas porque somos a maioría da poboación mundial. Aí a tradución é fundamental, sen dúbida e tamén ser conscientes da relevancia de todos os idiomas.
Pensando no meu traballo, na Unión Europea hai moita máis demanda de intérpretes de grego-finés que de inglés-castelán. En calquera caso, a situación actual en Galicia roza o delito e eu non saio do meu asombro ante tanto ornear o valor do pensamento único. A nosa lingua é o único que fai de nós algo máis que escravas do poder económico.

mércores, 9 de xuño de 2010

Acceder á palabra

por María Reimóndez, tradutora e escritora, no Xornal de Galicia
Imaxinemos que un un día calquera, a Unión Europea decide que a interpretación a todas as linguas comunitarias absorbe demasiado orzamento e que, dado que todo o mundo estuda inglés ou francés na escola, cómpre eliminar os servizos de interpretación. Decídese que falar inglés ou francés ten que ser unha obriga para calquera que queira participar na Unión, enténdase logo polo tanto presidir un país ou ser representante no Parlamento Europeo. O argumento está claro: entendémonos e sería un grande aforro.
O panorama que acabo de presentar entra, pola contra, no campo do impensable. Está claro que ninguén aceptaría que unha persoa teña como requisito falar unha lingua que non fose a propia para acceder á palabra pública que é algo que, de maneira profesional, aseguramos as e os intérpretes no noso traballo diario. Sería unha desvantaxe comparativa, ademais dunha ridiculez, porque falar outra lingua non asegura que a persoa aglutine as características que se fan necesarias para a representación política. Argumentaríase ademais a incoherencia dunha institución que recoñece a importancia das linguas nos seus documentos base. Estes argumentos palidecerían ante o terceiro e máis poderoso: ningunha falante de lingua estatal aceptaría que unha institución que a goberna falase noutro idioma que non fose o seu. Sería unha afronta identitaria que provocaría manifestacións multitudinarias.
Resulta curioso observar como os argumentos que tan obvios parecen cando afectan a certas linguas se presentan como absurdos cando se trata doutras (que por certo son tamén recoñecidas como fundamentais na Constitución). No noso estado, calquera persoa que queira acceder a representar á cidadanía a nivel central ten que pagar a peaxe da súa lingua, o cal implica un impedimento á participación a grandes sectores da poboación. Coa escusa de que todo o mundo ten obriga de saber castelán esquecemos que esta non é a lingua propia de millóns de persoas do estado e por iso faise necesario visibilizarnos e lembrar que as persoas que falamos galego, catalán e euskera tamén vivimos neste país e non podemos ser cidadás de segunda. Por iso, como galegofalante e como intérprete, permítanme que me ría con sarcasmo ante a pantomima das últimas semanas ao redor do uso das linguas no Senado (cousa que por outra banda leva cinco anos en funcionamento).
Como intérprete que son, resúltame ademais bastante vergoñento que a miña profesión, que en tan fonda estima teño e defendo, saia a relucir neste contexto e non noutros graves e relevantes, dos que me vou cinguir só a un: a asignación da contrata dos servizos de interpretación dos xulgados e comisarías de Galicia a unha empresa varias veces denunciada no resto do estado. Unha empresa que non é só que pague prezos ridículos por un traballo de alta especialización senón que, precisamente por iso, no canto de contratar profesionais envía a facer o traballo a calquera persoa que fale malamente algún idioma (incluída unha en situación irregular que foi detida no transcurso do seu “traballo”). Alén de consideracións salariais, este comportamento conculca os dereitos das persoas que precisan asistencia xurídica. Eu, que son tradutora e intérprete xurada con trece anos de experiencia, sinto aínda un fondo respecto cada vez que teño que asistir a un xuízo ou comisaría e iso que cursei unha licenciatura na que entre outras cousas estudabamos dereito e materias específicas de tradución xurídica. Como acontece no Senado, a interpretación neste caso vai alén do mero “entenderse”, representa posibilitar exercer o dereito a acceder á palabra e non deixalo a quen xa ten o privilexio de antemán.

venres, 14 de maio de 2010

O límite do admisible

por María Reimóndez, tradutora e escritora, no Xornal de Galicia
Sen dúbida, a tendencia vén de atrás pero unha ten a sensación de que se exacerba nos últimos tempos. O debate público chega a uns extremos realmente lamentables e non falo xa só do debate que se desenvolve nos parlamentos e medios de comunicación en xeral dende os partidos políticos (xa non falemos da televisión rosa/amarela). Non sei moi ben tampouco se como ampliación deste ou por dinámica propia esta tendencia conversacional se vai trasladando á sociedade sobre todo nuns tempos onde certos discursos exacerbados atopan un espazo que non debería de concedérselles.
O fundamental deste fenómeno é que cando as persoas non teñen argumentos dedícanse á calumnia, o insulto e a máis burda mentira. Así, parece que nos afacemos a que certos colectivos fundamentalistas intimiden a poboación coas súas diatribas por internet, con panfletos incendiarios ou emitindo supostos informes de fundacións con tanta lexitimidade democrática nos valores que defenden como o Ministerio da Propaganda de calquera ditadura.
Falan dende o cumio da demagoxia, utilizando a linguaxe dos dereitos para falar de privilexios, a linguaxe da familia para impoñer a submisión das mulleres ou a linguaxe da imposición para defender a única lingua imposta –por historia e presenza dende arriba: canles de tele, radio e xornais, comunicacións administrativas, dereitos de uso, acceso ao espazo público... teño que seguir?– en Galicia, o castelán.
O falar non ten cancelas, claro, pero esquecemos moitas veces que cos dereitos veñen tamén obrigas e unha delas é a de respectar os límites do debate lexítimo. Para que se entenda claro, eu non escribo mentiras como que tal político viola nenos para desacreditar as ideas que defende e coas que estou en total desacordo. Nin digo que certa dirixente de organización zoupa no seu alumnado para desmontar as falacias que defende Galicia Bilingüe. Porque para rachar cos argumentos da parte contraria non se insulta, arguméntase.
O que pasa é que o único argumento que estas persoas utilizan son ideas que non deberían poder difundirse en ningunha sociedade democrática. Cómpre darlles a volta aos discursos para poder inserir de novo a xenofobia, o racismo e o machismo no debate. Porque, por poñer un exemplo que clama ao ceo, a fobia cara ao galego é unha fobia cara ás persoas que o falamos, simplemente.
O galego non é un ente abstracto, desprezar o galego é desprezar as persoas que o falamos e parece mentira que quen difunde tales discursos atope espazo en medios ou foros públicos, internet incluído.
Paréceme lamentable que, a diferenza doutros países europeos, neste alguén poida difundir ideas xenófobas, sexistas e racistas pola rede sen consecuencia penal. Así, canto máis se tolera a situación, máis vai en escalada, pasando da mentira e a calumnia á intimidación.
O feito de que dende as instancias gobernamentais galegas non só se tolere senón que se impulse a presenza de tales elementos no debate social explica que centos de mestras e mestres de toda Galicia teñan que soportar burofaxes intimidatorios por exercer o seu dereito e ademais deber legal de impartir as súas aulas en galego segundo o Decreto vixente, ademais doutros casos aínda máis vergoñentos. Iso, claro, non debe de ser “impoñer”.
A un goberno que pretende vender unha imaxe falsa de “amabilidade” non lle interesa que tales feitos saian á luz mais animo a falar deles. Porque a responsabilidade final desta situación está en quen permite, dá cova e espazo a estas voces. Porque para iso están, primeiro e antes de todo, os poderes públicos e con eles toda a sociedade, para marcar os límites do admisible.

mércores, 17 de marzo de 2010

Aterse ás consecuencias

por María Reimóndez, tradutora e escritora, no Xornal de Galicia

Hai trinta e sete anos unha mestra comezaba a súa carreira, rematados os estudos na Normal de Lugo, impartindo clase nun dos institutos da cidade. Entre as materias que lle asignaran estaba a de educación física. O curso foi pasando ata que á hora de poñer as notas a mestra en cuestión foi chamada por parte das instancias superiores do instituto e logo da estrutura educativa por negarse a aprobarlle a materia á filla duns ilustres falanxistas que decidira non aparecer por clase en todo o curso. Estas instancias superiores esixíanlle á mestra que cumpría aprobarlle a materia á devandita moza ou se non debía aterse ás consecuencias. A mestra decidiu aterse ás consecuencias e perder o seu traballo, amosando con iso un sentido da xustiza e ecuanimidade que habería de ser admirado por moitas persoas nos anos vindeiros. A mestra buscou traballo nunha escola da cal non se volveu mover dende entón. Quen lle había dicir que trinta e sete anos despois se había de ver nunha situación semellante, a mans dos mesmos verdugos pero cunha democracia de por medio. Desta vez, novamente as instancias educativas (a inspectora López Besteiro) tentaron obrigar á mestra a incorrer na ilegalidade (permitirlle a unha nena, contra dos contidos curriculares establecidos, expresarse en castelán e facer os exames en castelán nas materias obrigatorias en galego). A situación reviste unha gravidade extrema nas circunstancias nas que nos atopamos. Maior aínda é a gravidade do silencio do colexio, das instancias educativas e as acusacións ás que foi sometida a docente por parte dunha mai militante (e belixerante) con total impunidade. O feito de que ela mesma se abstivese de dar detalles sobre este último aspecto di moito da súa calidade como docente. Resulta indignante que cando unha persoa denuncia unha inxustiza sexa ela o obxecto de ataques e non me vou abster aquí de facer defensa desta mestra en particular e das mestras e mestres en xeral.
Esta situación dura e inxusta é o que agora pretenden elevar a rango de decreto os nosos patéticos gobernantes. Por unha banda o noso conselleiro de (in)cultura láiase de que o profesorado perde “autoridade” e pola outra o mesmo goberno busca tirárllela, deixando as decisións educativas nun colectivo de persoas carentes de criterios educativos profesionais. Pois unha cousa é a participación das familias na educación e outra a toma de decisións sobre materia educativa. Este é un decreto que ademais, abrirá unha fenda irreparable. Aquela na que nun futuro haberá persoas que non entenderán a Rosalía de Castro, nin a ti nin a min, aínda unha maioría da poboación galega. Non nos enganemos, aparentemente as persoas galegofalantes “levamos as de perder” (porque se agardará de nós que nos “fagamos entender=falemos castelán”) pero quen perde en realidade son as crianzas castelán falantes. E chegará o día en que as xeracións do decretazo pidan explicacións de por que lles ensinaron como estranxeiro o idioma propio (si, tamén de castelán falantes), por que xa non entenden o portugués e non teñen prioridade no emprego nese país, por que non poden vender os seus produtos a unha grande cantidade de poboación que, mal que lles pese, seguiremos estando aquí (e en toda a lusofonía). O decreto, ademais, botará enriba das mestras e mestres o conflito, poñéndoas nunha situación de peóns que nada se diferencia daquela coa que abrín este artigo. Pero a mestra, ti e mais eu e os milleiros de persoas que nos mobilizamos contra o decreto teremos entón a conciencia tranquila. Ao resto quedaralles para daquela aterse ás consecuencias.