Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Normalización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Normalización. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de abril de 2026

A lingua dos nosos nenos


 por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

Hai uns días vin na rede un vídeo dun grupiño de rapazas participantes na actividade –fagocitadamente institucional– dos "21 días co galego". Daba para reflexionar bastante e comprobar tristemente as dificultades para aquelas nenas se expresaren nun galego fluído. Recoñecían que ningunha delas falaba o galego normalmente, aínda que na casa dalgunha os pais falaban. 21 días co galego no mes de xaneiro, si, moito ben, e antes? E despois? E no curso que vén? E os libros de texto? E o profesorado? E o lecer?

luns, 13 de abril de 2026

Normalización da lingua galega: un obxectivo realista.

 por Óscar Lomba Álvarez, membro de ProLingua,  en Novas do Eixo Atlántico

A normalización da lingua galega constitúe un dos grandes retos socioculturais da Galiza contemporánea. Lonxe de ser unha aspiración utópica ou simplemente simbólica, trátase dun obxectivo realista, sempre que exista vontade política, compromiso social e unha planificación estratéxica coherente e sostida no tempo.

martes, 31 de marzo de 2026

Persuasión + exixencia: propostas para a normalización do galego


 por Xosé Carlos Gz Añón no Nós Diario:

Nas políticas sobre a lingua galega levamos preto de medio século de persuasión + nada ou, como moito, de implantar medidas cosméticas sen exixir case nunca o cumprimento de case nada, cos desastrosos resultados (para o galego) que temos diante.

xoves, 19 de marzo de 2026

Praza da Quintán

 


por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

En xullo pasado, a Comisión de Toponimia da Xunta da Galiza aprobou unha proposta da Real Academia Galega (RAG) para modificar os nomes oficiais dunha ducia de concellos e tamén de 2.600 lugares e parroquias. Na meirande parte dos casos tratábase de detalles menores: suprimir ou engadir un artigo (O Castro de Caldelas, A Ribeira de Piquín, O Porto do Son) ou eliminar guións (Oza Cesuras, Mondariz Balneario, Cerdedo Cotobade).

Noutros casos restituíanse formas aínda hoxe oficialmente deturpadas, caso do concello da CaNiza, como xa se fixera hai décadas coas Pobras (do Caramiñal, de San Xiao…), etc. E foi moi pedagóxico que os toponimistas da RAG se desprazasen ata algúns deses concellos e parroquias para explicaren con datos e argumentos científicos o porqué desas mudanzas, sobre todo para evitaren loias e desinformacións galegofóbicas, porque nestes casos é crucial a pedagoxía social sen intermediarios.

martes, 17 de marzo de 2026

Únete ao proceso Lingua Vital

Vídeo de Queremos Galego! proxectado no acto do pasado sábado 14/03/26 na praza da Quintana (Santiago de Compostela)  co gallo da presentación do protocolo Lingua Vital

sábado, 28 de febreiro de 2026

Oficialidade de cartón

 


por Carlos Callón no Nós Diario:

Ás veces un país recoñécese nos seus silencios. A sucesión de eventos que conforman O libro negro da lingua galega comeza en 1480, coa norma que varre o galego da burocracia, e finaliza en 1986, cando o Tribunal Constitucional emite unha sentenza para limitar a oficialidade do noso. Non é casual que ese sexa tamén o ano en que xermolou A Mesa pola Normalización Lingüística. No entanto, quería chamar a atención sobre unha obviedade que, por máis sabida que sexa por quen vai pousar o seu ollar sensíbel nestas liñas, non por iso debe deixar de se destacar: O libro negro da lingua galega tería que ser só historia, mais non cesa de se escribir, cada día.

xoves, 26 de febreiro de 2026

A lingua galega e os corpos policiais

 por Xosé González no diario dixitgal O Barbanza:

Durante moitas décadas os sucesivos gobernos do Estado non lexislaron para que en Galicia a cidadanía puidese utilizar a lingua propia nas súas relacións cos órganos periféricos, nomeadamente coas forzas e corpos de seguridade. Este baleiro lexislativo provocou indefensión xurídica. O paradoxal desta situación surrealista é que o 98% dos efectivos policiais no noso país son galegofalantes. Estamos pois perante unha diglosia inducida que ten as súas orixes nun desviacionismo do exercicio do poder que non recoñece a cultura e lingua dun pobo como “patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección” (art. 3 da Constitución española).

 

mércores, 4 de febreiro de 2026

A elección

 por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:

Quen siga as novidades da literatura notará nos últimos anos na comarca do Barbanza, máis que na Costa da Morte, como cada vez máis xente nova escolle publicar a súa primeira obra literaria en castelán. Desde poemarios ata novelas de mocidade, cozy mistery, ou de pretensións máis literarias. Son na maior parte dos casos obras autoeditadas, pagadas cuns aforros deles, ou por pais ou avós que financian ese soño dos seus rapaces. Como pasa en todo o mundo, a maior parte deses libros non chegan moito máis alá do círculo de amizades e familia. E internet tampouco axuda moito a movelos. Eles cren que o seu Instagram vai funcionar. Pero resulta que non.

luns, 2 de febreiro de 2026

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Ciencia en galego: desexos e propósitos para o ano novo

 


Leonor Parcero no Nós Diario:


Aínda se pode dicir feliz ano novo? Supoño que si, tendo en conta que é a primeira vez que me dirixo a vós neste 2026. Como moitas, imaxino que empezo o ano un pouco inquieta, algo pesimista, especialmente polo que está a acontecer fóra das nosas fronteiras, nun contexto global de conflitos interminables, de desgaste democrático. Pensar en propósitos de ano novo, máis alá da esfera estritamente individual, e formular desexos científicos colectivos non é tarefa sinxela, mais non é imposible. Podemos comezar por propoñer cambiar ou mellorar pequenas cousas que si están da nosa man e coas que podemos marcar a diferenza. Ir tomando decisións realistas e asumibles, como seguir normalizando o galego na ciencia.

sábado, 24 de xaneiro de 2026

LGx15. A minha nai. Cintaadesiva

 Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada son os que forman Cintaadeiva. Unha proposta con textos poéticos integrados na música (non acompañados pola música). O espectáculo intercala tamén temas cantados compostos polos mesmos autores.

xoves, 22 de xaneiro de 2026

LGx15. Comunicanto en galego

Fátima Pego, creadora de contido, cantante e comunicadora fálanos da súa experiencia persoal coa lingua. 

mércores, 21 de xaneiro de 2026

LGx15. Vitamina G, activa a túa lingua

 Vitamina G, un proxecto que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de nenos e nenas de orixe migrante. Esta inicitiva gañou o Premio Mil Primaveras e tamén o Dígocho Eu de ouro 2024-2025. Preséntanolo a mestra de Cabana de Bergantiño, Mariña Lema

martes, 20 de xaneiro de 2026

LGx15. Un bo médico ou un médico galegofalante


O título é provocador. Máis se pensamos que a disxunción "ou" é excluínte. Miguel López Pueyo é rioxano e leva vivindo con nós 10 anos. 
Cales son os problemas da sanidade? Política lingüística vs. política sanitaria.

 

mércores, 3 de decembro de 2025

Promover o galego dende o local. Ames

 


"Promover o galego dende o local" é unha produción de Nós Televisión que aborda as diversas iniciativas de promoción da lingua galega se levan a cabo desde o Concello de Ames. 

A peza conta coas voces do alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta, de Henrique Monteagudo, Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Julio de la Iglesia, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, Carmen Porto, Ana Belén Paz, Pilar Villaverde, María Cebey, Carlota Mera, Rosa Moreiras ou o alcalde de Ames, Blas García.

domingo, 30 de novembro de 2025

A lingua do outro como acto de xustiza

por Sandra Mª Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, en La Voz de Galicia:


O pasado luns, 17 de novembro de 2025, Carmen Eiró tomou posesión como fiscala superior de Galicia. Podería ter sido un acto institucional máis, se non fose porque o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, nado en Salamanca, decidiu pronunciar parte do seu discurso en galego. Non o fixo por obriga nin por xesto folclórico: fíxoo por respecto. Cada vez que o poder fala a lingua do outro, está facendo xustiza.

venres, 19 de setembro de 2025

Ensenya'm el catalá, no m'excoguis!


 Os alumnos do IES Josep Sureda i Blanes (Palma de Mallorca) montaron esta campaña para que os seus profesores non cambien de lingua, pois detectan que a súa competencia en catalán é inferior á de compañeiros que teñen un contacto continuado coa lingua. En definitiva, non queren verse excluídos.

mércores, 14 de maio de 2025

Manuel Núñez Singala:"a normalización lingüística é, ao fin e ao cabo, unha cuestión persoal"

Nós TV entrevista a Manuel Núñez Singala, director do SNL da USC. Entre outras cousas ofrece unha sentencia que, polo menos, é polémica: "a normalización lingüística é, ao fin e ao cabo, unha cuestión persoal"

venres, 25 de abril de 2025

Un país coa súa lingua. Sanidade, ciencia e servizos sociais

 

 Nova xornada sobre a normalización lingüística organizada polo Consello da Cultura.

A utilización do idioma galego é esencial para a prestación dunha atención sanitaria e social de calidade. Esta mesa centrarase en propoñer accións para garantir a súa presenza na sanidade, nos servizos sociais e na investigación científica. Ademais, promoverase a busca de solucións para mellorar a atención na lingua propia, aumentar os materiais e recursos dispoñibles e favorecer a formación do persoal sanitario e asistencial. Tamén se formularán propostas para fortalecer o uso do galego na divulgación e na produción científica, co obxectivo fundamental de obter medidas concretas que aseguren o galego como lingua de comunicación nos ámbitos da saúde e da ciencia.

venres, 4 de abril de 2025

O Deportivo é da Coruña, de onde senón?

 O Equipo de Normalización do IES Rafael Dieste (A Coruña) volveu petar redes e medios coa súa nova campaña, O Dépor é da Coruña. Os argumentos, sobran. Con todo insisten:

Riazor é máis que unha praia de auga branquiazul. Nos días de xogo, milleiros de persoas fan medrar arredor desta casa o corazón da cidade. A Coruña orgúllase do seu club.

Desde 1906 o Dépor viu medrar a Real Academia, as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, o pulo editorial de Lar e Nós, a reivindicación do Estatuto ou a Lei de Normalización.

Outros clubs deportivos máis mozos restituiron con dignidade e orgullo histórico os seus topónimos oficiais e patrimoniais. Deixar pasar esta eiva ten consecuencias que xeran disonancia e confusión na íntima relación do club e a cidade. É imposíbel pensar A Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña.

A campaña vai acompañada cunha listaxe de sinaturas formada por afecionados e ex-xogadores do club, profesionais,  políticos, membros de destacadas asociacións culturais.

Xa hai tempo que os directivos do club de fútbol quedaron co cú ao aire. Agora, con todo isto diante dos fuciños, cada segundo que pasa continuado co atentado á toponimia da cidade é un insulto a todos e cada un dos galegos.