Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta revista/folleto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta revista/folleto. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de marzo de 2021

domingo, 7 de xuño de 2020

O nº 3 do "Marco Numérico"

Marco Numérico é a revista de matemáticas que publica o IES do Marco do Camballón (Vila de Cruces) desde hai tres anos. O primeiro número publicouse en xuño do 2018 e a súa novidosa proposta fixo que fose noticia en varios medios como GCiencia ou Praza Pública. Neste último destacaban que a publicación nacía nun marco e prohibicións establecido polo funesto decreto 79/2010 segundo o que nin se pode impartir docencia de matemáticas en galego nin usar materiais desta materia nesa lingua. O proxecto partira das aulas dunha materia optativa de 2º de bacharelato, Métodos Estatísticos e Numéricos.
Un ano despois aparecía o segundo número, no que se lle abriu a porta a que colaborasen outros centros de ensino. Finalmente, e con puntualidade britática, temos acceso ao terceiro volume, que saiu do prelo a pesar das dificuldades derivadas da pandemia da COVID-19. Na súa presentación destácase que esta revista
quere recoller traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central

Velaquí o seu carácter distintivo entre a curta, pero gorentosa, tradición de revistas de matemáticas dos centros de ensino, (por certo, todas elas en galego; boa mostra do compromiso social do mundo do ensino fronte ao radicalismo dunha Xunta racista coa lingua de noso e os seus utentes)
Neste terceiro número, entre outros artigos, volveremos a encontrar un traballo que contribúe ao proxecto MARUMASAT, hai unha nova achega sobre a lei de Bendford, e varios estudos estatísticos sobre a distribución dos números primos.
Non quería finalizar sen darlle as grazas ao promotor deste proxecto, Xosé Díaz, non só por poñelo en pé e mantelo, senón por unha razón máis persoal que non é outra que a de que me invitara a prologar o terceiro volume do Marco Numérico.

venres, 27 de setembro de 2019

O fracaso educativo no país das marabillas

Co comenzo do curso os afiliados á CIG-Ensino recibimos un exemplar do Xornal do Ensino no que tiven a alegría de colaborar con este artigo:


Os máis altos representantes políticos da cultura acoden a presentar o libro Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións . Queren visibilizar que foron eles os que tomaron a decisión de apoiar súa edición. Esta é a ilusión. Distribúense os exemplares polos centros de ensino? Non. Seguen estando na súa maior parte almacenados no Centro Ramón Piñeiro. En todo caso o libro non se pode usar na escola; a propia consellería que o edita xa se encargou de prohibilo polo feito, precisamente, de estar redactado en galego. Velaquí a realidade.
O método consiste en crear a ilusión de que a Xunta cumpre cos mínimos na normalización lingüística cando a verdade (oculta) é precisamente a contraria. Deste tipo de políticas hai exemplos a moreas. Mellor dito, toda a política lingüística está sustentada neste proceder.
Con todo, esa obra de química foi o único das materias prohibidas en galego que se permitiu publicar baixo a éxira do funesto decreto 79/2010.
Volvamos a vista atrás para ver todo o que levamos perdido. No ano do decreto un grupo de traballo de profesores de matemáticas ofreceulle gratis á Consellería de Educación un material didáctico para a ESO e que se aloxaría nun portal do Ministerio de Educación. Os profesores  non recibiron ningunha gratificación económica, nin premios, nin recoñecemento algún. A resposta da Consellería consistiu en presionar ao Ministerio para que non o publicase. O problema era que o material estaba en galego.  O resultado foi que, durante algún tempo as únicas unidades didácticas de matemáticas na nosa lingua había que descargalas dunha web dependente do goberno de Madrid que se pechou cando M.  Rajoy alcanzou a presidencia do estado. Agora esas unidades proscritas teñen que aloxarse nun portal privado.
Un ano antes, 2009, todos os estudantes levaban nas súas mochilas un libro da materia de Física e Química, outro de Matemáticas e un máis de Tecnoloxía. Todos eles en galego. Todos pagados pola Xunta. Feijóo determinou tirar con estes centos de miles de libros ao lixo. Obrigóuselle á sociedade galega, no peor momento da crise, a comprar outros tantos libros en castelán. Varios millóns de euros de gasto para a exclusión do galego. E así cada ano, até hoxe. Todo este malgasto, todo este esforzo para que unha xeración enteira vise drasticamente reducido, en moitos casos eliminado, o seu contacto co galego. O obxectivo final é a ignorancia da lingua de noso e a perda da identidade. Estamos vivindo o maior fracaso social e educativo de toda a historia do goberno da Xunta.

Van xa 5 anos nos que este goberno vén declarando novembro como "mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares". Escollamos ao chou unha das actividades que se programan, a das mochilas viaxeiras. Consideremos, por exemplo, nunha das mochilas de matemáticas de ensino secundario. Alí temos 31 títulos. 28 deles son de libros en castelán. Non fixemos trampa, este é o panorama xeral. Aínda máis, dos tres títulos en galego, dous hai moito que están descatalogados. Do terceiro, aínda que o autor foi un matemático inglés, podemos sustentar que non é de matemáticas. Así e todo,  o seu título é significativamente explicativo. Trátase de Alicia no país das marabillas.

luns, 22 de xaneiro de 2018

Galego e tendencias: como a auga e o aceite?



Cecilia Fernández, editora xefa da revista Coolt, no LGx15, promovido pola CTNL fala de tendencias. O galego é cool?

Cecilia Fernández Santomé (1984) é filóloga francesa de formación, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada por paixón e xestora de contidos dixitais por vocación profesional.
Naceu en San Simón (Vilalba), mais nos últimos anos pasou máis tempo fóra de Galicia que na súa aldea. Viviu en París, en Liverpool e en Londres, e, cando decidiu regresar, embarcou nun proxecto que é un dos seus maiores orgullos: a revista Coolt. Cofundada con Cristina Fernández, conseguiron facer dela unha publicación orixinal, fresca e innovadora. E fixérono, claro, en galego, porque esa é a lingua na que as dúas se criaron.

xoves, 14 de maio de 2015

Ollos de aula.21

O número 21 de Ollos de aula é excepcional. Contén un cartaz, 17 cousas que podemos facer pola lingua, e unha declaración, The Walking Dead (versión enxebre)

sábado, 21 de marzo de 2015

Ollos de aula.20

Chegounos o número 20 da Revista Ollos de aula, cunha invitación a ter coidado co bolígrafo vermello cando se trata de avaliar a aqueles alumnos que usan o galego de seu, non sexa que se castigue o uso dos dialectalismos antes que a falta de uso da nosa lingua.

sábado, 22 de novembro de 2014

Gamma 13

Desde que se presentou a finais de setembro tiven a intención de escribir unha referencia ao número 13 de  Gamma, a revista da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA).
Por primeira vez esta revista publícase dixitalmente e sen restricción de acceso aos seus contidos. Un acerto desde o meu punto de vista pois é unha excelente oportunidade de achegar aos non profesionais do ensino das matemáticas os traballos e intereses destes.

Artigos
Seguro que a moitos lles sorprenderá que o primeiro dos artigos comence cunha referencia a Uxío Novoneyra.  Tamén teño a certeza de que será un artigo do que calquera persoa allea ás matemáticas pode gozar.
Moi distinto é o que repasa algunhas das aportacións de Euler á teoría de números. O seu autor foi profesor meu de matemáticas e nas súas liñas podo achar o que para min é o seu inconfundible estilo, cargado dunha beleza precisa e núa. Posiblemente o único artigo que non recomendaría a quen non teña ansia polas materia.
Hai tamén un artigo adicado ao xogo do Mancala, que eu descubrira naquelas revistas Cacumen, outro sobre os números nos billetes, no NIF, no IBAN e nos códigos de barras, un máis que relata unha experiencia educativa dentro do marco e-Twining e para rematar unha oferta ben diversa, o cuarto e último capítulo dun dicionario de matemática escolar.

Seccións
O apartado PRENSAndo as matemáticas recolle noticias de prensa desde unha mirada matemática.
blogosfera matemática achéganos unha lista de 37 blogues con referencias matemáticas, 8 deles en galego, toda unha heroicidade.
No apartado audiovisual ofrécenos unha recompilación de momentos da serie de debuxos Os Simpsons con cortes matemáticos.
A arte do origami vén cun relato que nos leva a construir unha rá saltarina.

Actividades
Na caixa das actividades atopamos unha serie de concursos (Olimpíada, Rebumbio), encontros (Feira, Seminario federal, xornadas) e congresos que dan boa medida do interese do profesorado de matemáticas pola mellora profesional e o achegamento deste tantas veces deostado saber ao resto da poboación, especialmente ao alumnado.
Unha das achegas "Léxico matemático galego en Secundaria" fai referencia a unhas xornadas celebradas hai case un ano na Facultade de Matemáticas na que se fixo unha primeira aproximación ao estado da cuestión.

xoves, 9 de outubro de 2014

Ollos de aula.16

Nótase que comenzou o outono. Velaquí o primeiro número do curso da revista da Coordenadora para as familias

mércores, 5 de febreiro de 2014

Ollos de aula.12

Unha das folliñas deste número que fai a ducia dos 'Ollos de aula' fálase das reválidas, esas futuras probas que, xestionadas por empresas privadas, condicionarán o ensino da marca LOMCE. Alí faise unha pregunta á que todos os interesados na educación deberíamos ter resposta. Cuestiónisase se "coas reválidas non estaremos encorsetando o ensino, de xeito que a actividade nas aulas se converta nunha preparación exclusiva para obter bos resultados nas probas".



venres, 6 de decembro de 2013

Ollos de aula.11

Tiña que ser así. O número de decembro da revista para as familias da CGNEDL está centrado na LOMCE. Valentina Formoso di que desa lei "fomenta os prexuízos cara ás linguas diferentes do castelán e ábrelle a porta a analfabetismo en galego"
Unha reflexión máis: sen Shin Chan, cara a onde imos?

domingo, 9 de xuño de 2013

luns, 6 de maio de 2013

Ollos de aula.7

Por suposto, coa figura de Roberto Vidal Bolaño en lugar destacado, chega o nº 7 da revista da Coordinadora Galega de ENDL.

Ollos de aula. Nº 7 by cendl

martes, 5 de marzo de 2013

Ollos de aula. 5

Con puntualidade matemática chega aos andeis da arañeira o nº5 da revista para as familias elaborada por unha CGENDL que non para de traernos ideas e textos que poden aclararnos moitas ideas.
Non é a única novidade que nos chega desde a CGENDL pois tamén hai novidades na revista de sociolingüística A letra miúda cun interesante traballo dos profesores da UPV/EHU Féliz Etxeberría e Juan Etxeberria, "Competencia lingüística e lingua da escola con alumnado nativo e inmigrante"
Destaco un parágrafo de Ollos de Aula:
En contra do que moitos poderían pensar, no noso contexto,e dada a maioritaria presenza do castelán nos medios de co-municación e nas actividades de consumo e de ocio, debemospreocuparnos, sobre todo, de que as nosas fillas e fillos adquiran a necesaria competencia lingüística en galego. É unha responsabilidade nosa como pais e nais axudarlles a que adquiranesa competencia, pero tamén é unha responsabilidade nosaesixirlle a Administración, aos centros de ensino (e ao seu profesorado) que os rapaces e rapazas rematen a etapa do ensino obrigatorio sabendo expresarse correctamente na lingua propiade Galicia.

Pero ten tamén outras cousas, todas cargadas de moito sentidiño:

mércores, 6 de febreiro de 2013

En galego... máis e mellor

Velaquí un exemplo dun traballo continuado no tempo. Trátase dun pequeno boletín que edita mensualmente o ENDL do CEIP de Randulfe.
Neste número, xa van polo 38, fan referencia á campaña "O galego, o noso medio natural". Tamén divulgan unha viñeta de Davila e outra que trata o tema da exclusión do galego en infantil, tidada dun folleto elaborado pola CGENDL sobre "O que supón o decreto".
Un bo exemplo do traballo que se realiza na normalización no ensino.