Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Valentina Formoso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Valentina Formoso. Amosar todas as publicacións

martes, 18 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego, con Valentina Formoso


Vídeo no que Valentina Formoso denuncia o apartheid lingüístico ao que se ven sometidos os galego falantes no sistema de ensino debido ás leis impostas unilateralmente polo PP de Galicia

 

martes, 17 de xaneiro de 2023

Conversa Bernardo Penabade-Valentina Formoso


Conversa de Bernardo Penabade e Valentina Formoso da serie "Ensino formal de galego. O que está a faltar? "
Despois duns requilorios sobre o ensino do portugués nos centros dos dous protagonistas da conversa, comeza unha análise profunda e moi interesante sobre a normalización da lingua desde o ensino.


 

domingo, 5 de xuño de 2022

Compentencia en galego. Análise do presente e perspectivas de futuro

 

Nas XXXI Xornadas de Lingua organizadas pola As-Pg e a CIG-Ensino celebradas o 23 de abril pasado no IES de Fontiñas (Santiago), a profesora Valentina Formoso, cargada de datos e dunha análise profunda, establece cal é o panorama da competencia lingüística dos escolares galegos.

domingo, 17 de outubro de 2021

O galego na escola. Propostas para o futuro da lingua no eido educativo

A Fundación Luzes argallou este encontro sobre a lingua na escola presentado por Manuel Bragado. Os participantes son Valentina Formoso, Henrique Monteagudo, Mariló Candedo e Pilar Ponte. Recollo algunhas ideas das súas intervencións, aínda que o mellor e premer no play.

Valentina Formoso fai un moi claro resumo do Mapa sociolingüístico Escolar de Ames, o recente estudo promovido polo concello de Ames e a Real Academia Galega. Se alguén non se atreve a escoitar todo o debate, recoméndolle que polo menos escoite este dez minutiños. Máis adiante incidiu na importancia de mover os marcos dos imaxinarios sociais. Estamos nunha sociedade na que o galego está cargado de represencións negativas que cómpre mudar. 

Henrique Monteagudo lembrou que no 2019 tamén se publicara a Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO na que pode contrastarse o declive da lingua galega en comparación co realizado 10 anos antes, xusto cando entra en vigor o funesto decreto 79/2010. Tamén denunciaría que a CELRM é unha lei de obrigado cumprimento que obriga á Administración a que ofreza a oportunidade dunha liña do galego. Denunciou que o o goberno do PP doulle oficialidade a un discurso radical xa existente, o da "imposición do galego". Pola contra, debemos apropiarnos do discurso do bilingüismo e o plurilingüismo co galego no centro.

Mariló Candedo comentou que o decreto 79/2010 asentábase baixo o paradigma do equilibrio lingüístico e estes estudos do concello de Ames xunto con outros como os das CELRM demostran que se quebrou o compromiso de asegurar a competencia en galego á par do castelán e a progresividade na normalización. Así mesmo tratou o tema da necesidade de espallar outro tipo de mensaxes sobre as linguas e da necesidade de abrir un debate social.

Pilar Ponte denunciou que hai moitos centros nos que nin tan siquera imparten en galego as poucas aulas que esixe o actual e retallador decreto. Tamén destacou que o alumnado non é realmente libre cando non é competente en lingua galega.

sábado, 12 de decembro de 2020

Debate sobre a educación plurilingüe en Galicia

Na segunda das Xornadas de Educación Plurilingüe organizadas polo Consello da Cultura Galega propoñíase un debate moderado por Manuel Bragado, mestre, editor e activista cultural no que tamén participaban Valentina Formoso, profesora no IES do Milladoiro María López Sández, profesora de Ensino Secundario e profesora asociada da área de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC e Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega

sábado, 1 de decembro de 2018

Malas linguas: Afinar o discurso



Na anterior entrada xa faciamos referencia a estas xornadas organizadas pola Deputación da Coruña na que se presentaban as intervencións da xornada desenvolvida no Pazo de Mariñán o pasado 23/20/18. Segundo o programa dese día, aínda nos faltaba a intervención da tarde protagonizada por dous referentes no traballo normalizador: Nel Vidal e Valentina Formoso.
O primeiro deles propuxo non dirixir os discursos ás institucións, senón levalos a accións. Fixo memoria dun dos Cursos de Verán de Carballo no que se publicara Unha outra guía para a intervención lingüística.
Todas as accións sociolingüística deben ter tres características esenciais: empatía, positividade e a proactividade. Como mostra, tres botóns: apego, "gústame o galego", "cantas cousas".
Rematou a súa intervención falando da inmersión lingüística, indicando que "o goberno galego non está en contra da inmersión, está en contra do galego"

Valentina Formoso reclamou uque todo discurso de defensa da lingua tivese un sustrato mínimo e irrefutable. A lingua é patrimonio, polo tanto ten valor e hai que conservalo, ademais as linguas suman. Pódese usar a lusofonía como unha porta especialmente para os galegos pero advertiu que apelar a este discurso pode ser unha navalla de dobre fío.
O esencial é emitir discursos variados pois a non todos lle vai servir o mesmo para achegarse ao galego pois cada quen ten o seu pasado lingüístico e os seus prexuízos.
Valentina distinguiu entre as accións a levar a cabo segundo nos dirixamos a contornas galego-falantes ou castelán-falantes. Aos primeiros hai que reforzarlles a idea de que son modelo, que serán os transmisores da lingua e con eles hai que traballar a calidade lingüística e os comportamentos diglósicos. Nos amientes castelán-falantes cómpren políticas de inmersión, tal como aquelas liñas de galego en infantil. Destacou que non existe ningún programa da Xunta para inmersión de forasteiros. Comentou que nos centros de ensino se levan a cabo programas de inmersión en español aos inmigrantes hispanoamericanos, que xa saben español e que pola contra fican excluídos da integración na nosa lingua. Cómpren programas de inmersión, e programas ben organizados nos que forme e informe a profesorado e familias.

luns, 10 de xullo de 2017

Plurilingüismo de silveira

por Valentina Formoso, nas Voces de ProLingua:

Irene ten cinco anos, naceu e vive en Barcelona. A nai fálalle catalán e o pai galego. Está escolarizada en Barcelona en catalán, tamén ten aulas de castelán e de inglés. Nai e pai coñecéronse en Inglaterra onde viviron e traballaron máis de dez anos. Dominan o inglés perfectamente pero nin se lles pasou pola cabeza falarlle nesa lingua tan internacional (pero que non é materna, nin paterna) á rapaza na casa, nin sequera castelán. Ela fala a lingua de Cervantes sen problema cando o precisa. E xa non mestura nunca os códigos, pero facíao cando era máis pequena, igual ca o fai aínda o seu irmán, Darío. Ninguén se preocupa, o plurilingüismo inclusivo está servido.

domingo, 9 de outubro de 2016

O proceso de exterminio do galego no ensino infantil



Vía Saborea a lingua chegoume este vídeo no que se fala de que cada vez a familia vai perdendo máis peso na etapa de educación infantil e que a escola ten un papel fundamental para fixar o idioma propio. A situación é tan grave que a RAG denuncia o estado de precariedade dos materiais en galego para esta etapa educativa. Como sempre, en castelán, non hai proglema, nunca hai problema. Por algo será.
Isto vén a conto de que o pasado xoves a RAG acolleu a presentación do número 65 da Revista Galega de Ensino centrada especialmente na lingua na educación infantil.  De todos é sabido que o terrible decreto 79/2010 e as políticas montadas derredor del destrozaron os poucos avances que ata ese momento se fixeran para mellorar o nivel de uso e apego á lingua galega nas primeiras etapas do ensino.
Entre os artigos da revista (dos que (Praza Pública publicou un bo resume) hai un do sociolingüista da RAG, Xaquín Loredo,quen conclúe que os procesos castelanizadores teñen un impacto maior nos rapaces máis novos. O panorama non está para mirar para outro lado e deixar as cousas como están xa que segundo este sociolingüista só se lle transmite a lingua galega a un terzo dos nenos nados no século XXI e esta cifra baixa a un 20% cando falamos da socialización destes mesmos nenos. Hai un par de anos, na X edición do  curso de verán que organiza a CTNL, que estaba adicado á transmisión interxeneracional do galego, este mesmo autor xa adiantaba boa parte do que volveu a comentar estes días. Así que o conto non é novo, e cómpre denuncar, unha vez máis, a absoluta inanición o recruamento do ataque da Xunta e a Secretaría Xeral de Política Lingüística nas súas políticas contra o ensino na nosa lingua, especialmente graves na primeira etapa.
Quizais non sexa este mal momento de recordar o que contaban sobre o tema Valentina Formoso e o propio Xaquín Loredo nas nomeadas xornadas:

luns, 10 de marzo de 2014

A educación: dereito ou mercadoría?

A educación: dereito ou mercadoría?. Estamos diante doutro libro que recolle unha multiplicidade de mans e cerebros, todos eles con experiencia e coñecemento do mundo educativo. A coordinadora é Mariló Candedo Gunturiz, presidenta da Nova Escola Galega explica o obxectivo fundamental desta obra:


manter activo o debate e a mobilización cidadá que non quere renunciar á conquista democrática que representa a educación pública

Baixo esta premisa preséntanse 12 traballos que ofrecen outras tantas reflexións sobre aspectos fundamentais cando do que se trata é de analizar a situación educativa actual, face a unha contrarreforma asentada no desmantelamento dun servizo público esencial para o desenvolvemento social.
Nun dos capítulos, do que a autora é a propia Mariló, apúntanse as principais características da LOMCE:
  • Anticipación da segregación do alumnado aos 13 anos. Este aspecto terá como corolario o descarte de boa parte do alumnado cara a FP básica. Fundaméntase na culpabilización do propio alumnado do seu fracaso escolar.
  • Xerarquización, simplificación e recentralización do currículo. Volta á lei Villar-Palasí. Fundaméntase enque só importan os resultados, sen ter en conta as circunstancias (recursos, ratio, ambiente social,...)
  • Autonomía pedagóxica e modelo de gobernanza. Establécese co claro obxectivo de facilitar a privatización do ensino. 

Noutro dos capítulos repásase a dimensión dos recortes en educación que está tendo como consecuencia un empeoramento da calidade educativa e un encarecemento do que debería ser o dereito á educación mediante a conxelación de bolsas,  redución da cobertura dos programas de axuda para libros de texto, repagamento dos comedores escolares, encarecemento das escolas municipais de música, redución da financiación dos programas de formación do profesorado, dos programas contra o abandono escolar,...
Cocha Fernández repasa os tópicos falsos da FP: en Galicia o 60% do alumnado da secundaria post-obrigatoria cursaba FP vs. un 52% que é a cifra en Europa. Tamén comenta a complicada implantación da publicitada FP dual e tufo privatizador e de recurte dos dereitos dos traballadores co que vén adubiada.
No libro tamén hai espazo para unha panorámica da escola infantil (0-3anos), a educación inclusiva e a atención á diversidade, a autonomía dos centros educativos coa LOMCE, as perspectivas do ensino universitario, ou tendencia ao desmantelamento da educación social nun contexto de crise económica.

As reválidas na LOMCE
Para invitar á lectura deste libro non hai nada mellor que ler un artigo dun dos co-autores, Xosé Ramos Rodríguez, que foi publicado no dixital Praza Pública baixo o título "As reválidas na LOMCE, ou como segregar o alumnado".  Efectivamente, a LOMCE establece toda unha serie de obstáculos/reválidas que ao tempo que son un desprezo pola labor do profesorado terán como efecto a curto prazo a defenestración do labor pedagóxico ao poñelo ao servizo desas probas. No canto de espazos para aprender, teremos fábricas de pasantías.
Para que o caramelo sexa máis gorentoso, se o artigo de Xosé Ramos é moi clarificador, mellor é aínda ler a súa achega a este libro: "Alcance das avaliacións e o seu alcance na LOMCE"

A normalización usurpada
Valentina Formoso é a autora dun capítulo adicado ao estado da normalización lingüística no ensino. Nunhas poucas páxinas repasa o esencial da súa historia nos últimos 20 anos, destacando que pasamos do "a modiño" (en palabras de Agustín Fernández Paz) á involución.
No ano 2004 aprobárase co consenso de toda a sociedade o PXNLG. Sobre esta base redactouse o decreto 124/2007 que establecía un mínimo dun 50% de docencia en galego, un impulso do galego como idioma base na educación infantil e abríaselle paso á liñas de galego. Rachado o consenso, e cunha gran oposición social, o decreto 79/2010 abre unha vía involutiva establecendo un máixmo do 50% en galego, a prohibición expresa do seu uso na ciencia e a tecnoloxía e a apertura dun panorama desolador cunha imaxe negativa para o uso da lingua, excluíndoo das escolas infatís urbanas e  pervertendo incluso o ditame do TSXG que ditaminou que nin as familias podían escoller a lingua do ensino nin o alumno tiña liberdade para empregar na aula a lingua que lle petase.

venres, 27 de setembro de 2013

Digades filla

por Valentina Formoso nas Voces de  Prolingua:

Dime, hija, hija mía lozana...No remate dun verán máis no que nais e pais falaron do moito tempo sen escola que teñen os rapaces e rapazas, do número de cadernos que fixeron para repasar (obviamente de “lengua” (castelá), de inglés e de matemáticas, quedando a nosa lingua maioritariamente excluída tamén dos deberes de verán), xa toca empezar co tema do novo curso académico e dos libros de texto.

xoves, 30 de maio de 2013

Propostas para un novo discurso lingüístico

Hai un ambiente festivo dentro do autobús. Un algareiro grupo de adolescentes acaban de chegar a Vigo. Estudan nun instituto dunha vila pequena e están nunha realizando unha excursión. Entre eles falan decote en galego. Pero ábrese a porta do autobús.
Tan pronto como como poñen o pé no asfalto da cidade comenzan a falar en castelán. A que se debe esta abdución? Valentina Formoso explicanolo no libro Do estigma á estima (Xerais, 2013).
A obra ten dúas partes ben diferenciadas. Na primeira a autora fai unha crítica dos resultados obtidos das análises sociolingüísticas fundamentadas en métodos cuantitativos. Cunha metodoloxía que xa empregara Ana Iglesias [Falar galego: "no veo por qué", Xerais, 2002] constrúe o seu argumentario a partir das gravacións de diversos grupos de discusión. A novidade da obra reside en que estes grupos están formados polos rapaces do autobús: procedentes de entornos galegófonos de zonas rurais.
A partir dos discursos destes adolescentes Formoso Gosende vai identificando as actitudes e prexuízos que permanecían ocultas nas enquisas: 1) inseguridade na propia lingua relacionada co alleamento da norma; 2) deslealtade no uso do galego pola asunción da submisa aplicación da "amabilidade lingüística"; 3) vergoña polo acento galego  e 4) rexeitamento das medidas normalizadoras. Dando un paso máis alá elabórase un mapa das concepcións sociolingüísticas nas que se enraízan estes prexuízos, e que poderíamos sintetizar coas ecuacións galego = rural, galego = baixa clase social, galego = nacionalista e galego = lingua inútil.

A segunda parte do libro é un marco para a acción normalizadora construída sobre todo para o alumnado de áreas rurais ou vilegas pero cun discurso xeneralmente aplicable a contextos urbanos.
É moi recomendable a lectura do repaso que se fai á historia dos ENDL xa que un importante paso para potenciar o traballos dos Equipos é tamén o orgullo por formar parte da construción dun proxecto ilusionante que consolide unha sociedade menos hipócrita e máis xusta e realista. Nas sucesivas epígrafes podemos comprobar, unha e outra vez, que o 2006-2010 foi o único período no que se deron pasos significativamente positivos no proceso normalizador. Con todo, chámase a atención de que nos últimos 20 anos non houbo apenas mudanza no imaxinario colectivo sobre a situación social das linguas en Galicia. Por exemplo non se asume a necesidade real do incremento e afortalamento do ensino en galego.
Cales son os pasos que debemos dar de aquí en diante? Cómpre apostar por un traballo planificado e continuado, isto é, non só reactivo frente ás agresións ao galego. Temos que desenvolver unha paisaxe que camiñe entre valores positivos, reforzando a identidade galega.
Valentina Formoso aporta unha guía de por onde deben transcurrir os vieiros da acción normalizadora. De entre eles destacaría a proposta xa adiantada no II Encontro de equipos e docentes  pola normalización sobre a aprendizaxe das linguas que consiste no denomitado TIL (Tratamento Integrado das Linguas). Levamos xa tres anos coa implantación dun modelo que a Consellería de Educación dou en bautizar fraudulentamente como plurilingüe. Os nenos saen das aulas que se imparten en inglés con listas de vocabulario especializado dunha materia como ciencias naturais. Pasados dez días xa se esqueceron de todo. Pártese dunha pretensión irrealizable, un ensino gramaticista das linguas estranxeiras que se impulsou pensando que todo o alumnado vai ser catedrático de inglés cando o realista sería establecer uns obxectivos máis modestos pero alcanzables. A metodoloxía actual é un fracaso na aprendizaxe de linguas estranxeiras e un éxito na excusión do galego. No canto de aprender, divúlgase a ignorancia. A solución partiría do recoñecemento do noso feito diferencial, aprovitando as ventaxas dun bo coñecemento da lingua galega. Isto levaríanos a ter un alumnado competente en dúas linguas, e con moito camiño andado par introducírmolo na lusofonía. Desde esta perspectiva plurilingüe, tal e como demostraron diversos estudos, estaríase en mellores condicións para comenzar a construir un ensino doutras linguas estranxeiras.
Definitivamente estamos diante dunha obra que nos sinala o camiño a seguir no proxecto colectivo da normalización. Que ninguén espere atopar neste libro castelos no ar. Trátase máis ben dunha aposta para a intervención  fundamentada na realidade social que nos atopamos calquera día ao baixar do autobús.

Sobre o libro
Do estigma á estima, ficha do libro en Xerais
"Hai que mudar o ensino do galego e o traballo de normalización", 22/04/2013, entrevista en Praza Pública
Do estigma á estima, 02/05/2013, por Carlos Negro, no Sermos Galiza
Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico, 12/05/2013, por Inma Otero Varela na Peneira Dixital
Do estigma á estima, conversa con Valentina Formoso, 13/05/2013, entrevista a Valentina Formoso en Asociación Irimia


sábado, 11 de maio de 2013

A lingua da súa preferencia

por Valentina Formoso, nas voces de Prolingua:


Os pais de Xiana xa fixeron a preinscrición na escola infantil na que querían e os de Lois tamén. Estes xa asumiron que dificilmente o seu neno vai adquirir competencias en lingua galega durante os seus tres anos na educación infantil, é máis, seguramente perda a lingua que leva da casa, onde toda a familia é galegofalante agás a irmá que deixou de selo no segundo mes de escolarización no CEIP urbano ao que está adscrita a súa vivenda.

sábado, 4 de maio de 2013

Do estigma á estima

por Carlos Negro, que nos achega a primeira recensión do libro de Valentina Formoso, no Sermos Galiza:


Propostas para un novo discurso lingüístico, da autoría da profesora Valentina Formoso Gosende; un ensaio que ofrece, a partir da análise das actitudes da mocidade en contextos sociais galegofalantes, unha mostra significativa da persistencia dos estereotipos negativos sobre a lingua galega, cun monllo de preconceptos que explican a deslealdade lingüística da xente máis nova, e que poñen en evidencia, máis alá da frialdade estatística, o noso fracaso colectivo como sociedade á hora de construírmos un imaxinario social positivo a prol da normalización do idioma.

sábado, 30 de marzo de 2013

Sen imposicións!

por Valentina Formoso, nas Voces do Prolingua:

Viven nunha urbanización preto dunha cidade. Teñen unha pequena que está a piques de cumprir 3 anos. Está rematando marzo e nuns días cómpre botar os papeis para escolarizar a Xiana, que non se chama Julia, nin Jen(n)ifer, nin Martina. Xiana. O colexio de educación infantil e primaria (CEIP) ao que lle “toca” ir participou hai uns anos nun proxecto de innovación educativa da Consellería de Educación que escolarizaba en lingua galega, en zonas urbanas, nenos e nenas cuxos pais desexaban que os seus fillos e fillas recibisen o primeiro ensino en lingua galega, para que puidesen aprendela ao lado dun castelán que dominan perfectamente só por contacto ambiental. Eran as chamadas “liñas de galego” nacidas ao abeiro dunha proposta do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (aprobado por unanimidade no Parlamento, cómpre volver recordar).

mércores, 13 de febreiro de 2013

En realidade... fan falta tantas horas de ensino en galego?

por Valentina Formoso, nas Voces de ProLingua:

Non hai moitos días que escoitei esta pregunta da boca dunha persoa a quen considero moi formada en sociolingüística, moi coñecedora da realidade lingüística galega e moi implicada coa súa normalización. A pregunta saía nunha conversa sobre outra cuestión cando se fixo unha mención ao desastre que estaba a supoñer o actual Decreto do plurilingüismo para o futuro do galego e aínda mencionou o seu afirmante, que non se move na realidade dos centros de ensino non universitario, que ademais a tiña escoitado doutra xente “que sabía do tema”. Non tiven oportunidade de preguntarlle se realmente con esa formulación estaba expresando o que eu estaba entendendo... o cuestionamento do papel do “ensino en galego” para a normalización desta lingua.

xoves, 29 de novembro de 2012

Valentina Formoso: "Nas aulas hai conflito lingüístico e co decreto aínda houbo máis"

Miguel Pardo entrevista a Valentina Formoso para Praza Pública:

Valentina Formoso é coordinadora xeral da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgednl). O seu colectivo coñece como poucos a realidade lingüística nas aulas onde, asegura, "claro que hai conflito". Considera "positiva" a sentenza do TSXG que anula o cerne do decreto do plurlingüismo, pero lamenta as consecuencias "negativas" que a aplicación desta norma tivo no proceso normalizador da lingua, tanto na escola, como á hora de trasladar "actitudes negativas" sobre idioma á sociedade.
Que opinión lle merece á Cgendl a sentenza do TSXG sobre o decreto?
É positiva. Agora haberá que ver que pode supoñer e como se concreta. Non sabemos como van resolver os gobernantes a anulación deses dous artigos. Consideramos a sentenza positiva, pero agora dependerá de como se aplique. Cremos que é un avance, polo menos para deter o retroceso tan grande que estabamos sufrindo arredor do proceso normalizador e dinamizador da lingua.

venres, 28 de setembro de 2012

O conto triste da Spider

Este conto, verídico, xa foi mencionado nos II Encontros de equipos e docentes pola normalización. Por Valentina Formoso no renovado web de Prolingua:

Raúl, o titor, co que pasan moitas horas cada día, anda a explicarlles as partes do corpo. En castelán, porque é a lingua “materna” de 13 dos 25 matriculados. Agora tócalles coa profesora de inglés, moza nova oriúnda dunha aldea de Chantada, orixe que sempre tentou ocultar desde que fora estudar maxisterio á Coruña e que só se percibía no seu castelán de verbos simples e vogais que abrían e pechaban.

domingo, 5 de febreiro de 2012

Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios.

Esta semana USC presentaba as actas das II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" que se desenvolveron no pasado mes de novembro. O traballo está coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela.

Mercedes Queixas Zas colabora co artigo "Mudanzas na planificación lingüística nos centros de ensino. O decreto do plurilingüismo" no que cunha arte excepcional no manexo do bisturí argumentativo, disecciona os males que o decreto do plurilingüismo trouxo ao ensino e ao traballo normalizador na educación. Ao rematar de lelo un advirte que o decreto ao que se fai referencia non se distingue en nada da Real Cédula de Aranjuez (1768) , aquela que dicía: «Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas».

Noutro artigo Mercedes Queixas xunto con Valentina Formoso alertan sobre a presunta elección da lingua do ensino polas familias traballando sobre as liñas e galego e a súa  eliminación por parte do actual goberno da Xunta: "agora a Administración fala de respectar a decisión dos pais, pero ataca directamente o dereito a recibir ensino en lingua galega a rapaces e rapazas en ámbitos urbanos". Varios artigos sobre a planificación lingüística nos últimos anos en centros que contaban con liñas de galego confirman que mediante a súa aplicación evitábase a exclusión do galego en contornas castelán-falantes.
Outros artigos achégannos as experiencias normalizadoras realizadas en Melide, Rianxo, Culleredo, Santiago de Compostela, ou desde diversos puntos da xeografía galega aproveitando as oportuinidades de conexión que nos ofrecen as TIC.
Un documento para ler e a ter moi en conta para aplicar na práctica diaria da normalización dos centros de ensino.
Un apunte final: non se me escapa que varios dos autores deste documento, como as dúas nomeadas máis arriba ou Belén Escariz, van participar no II Encontro de Equipos e docentes pola normalización, organizado pola CGENDL que se celebrará o vindeiro sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas. Toda unha garantía.

Pódenche interesar:
Educación e linguas en Galicia, coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. Publicación das actas das I Xornadas "Educación e linguas en Galicia", do 2010.
II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" , coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. II Xornadas "Educación e linguas en Galicia" Publicado en novembro do 2011.

martes, 20 de decembro de 2011

Carta da CGENDL á Presidenta do Parlamento

Carta de Valentina Formoso, coordinadora da CGENDL, á presidenta do Parlamento de Galicia solicitando o cesamento do Valedor do Pobo por incapacidade para realizar as súas funcións con obxectividade e imparcialidade.

Carta á Presidenta do Parlamento de Galicia