Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ramudo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ramudo. Amosar todas as publicacións

sábado, 10 de marzo de 2018

A menos

por Ramudo, en El Progreso:

Foi no supermercado. Trataba de explicarlle a miña filla a diferenza entre unha mandarina e unha laranxa. A simple vista, non é moita. Un pouco máis grande unha e un pouco máis pequena a outra. Mentres pesaba unha bolsa de kiwis, díxome a froiteira: "Gústame moito que lle fales en galego". Como. Pensei en voz alta. "Si, que lle fales en galego á nena. Agora moi pouca xente o fai". Colleume co pé cambiado. Por un momento quedei calado. Non sabía moi ben que dicir. "É que eu sempre falo en galego. Con ela tamén, claro", resposteille. Sen máis. Gustaríame ter a posibilidade de sacarlle algo máis de brillo ao meu propio comportamento. Dicir que a miña forma de expresarme e de dirixirme á pequena, e tamén aos demais, responde a unha actitude militante no idioma propio, pero o certo é que, polo menos no meu caso, é moito máis sinxelo que todo iso. Falo no mesmo código no que penso, na miña lingua nai. Cando mudo ao castelán, polo que sexa, teño que traducir o que sae do meu propio maxín. Non me costa traballo, pero é unha fala procesada, menos espontánea. "Xa, pero é que moita xente cambia de lingua para falar cos rapaces", insistiu. Deixoume matinando. Non é que non fose consciente de que iso sucede, pero sorprendeume o feito de que sexa algo tan frecuente como para que eu mesmo chamase a atención por non facelo. E máis nun lugar polo que, ao longo do día, ten que pasar moita xente. Unha morea de pais cos seus fillos. Non me gustou ser unha rareza por isto. Mellor sería ser a excepción polo contrario.