Cen anos despois de que Eduardo Pondal –a requerimento do músico Pascual Veiga– escrebese a letra para un Himno galego (1890), o investigador Manuel Ferreiro estaba en condicións de estabelecer o texto verdadeiro, submetido, a través dos anos, a varias deturpacións. Quen traballamos desde hai décadas coa literatura de Rosalía de Castro e doutros clásicos sabemos ben o labor continuo de corrección que cómpre realizar neles para restaurarmos o sentido orixinal do escrito polos nosos antepasados. “Corrección” non significa refacción, xustamente o contrario: significa devolución ao texto da súa literalidade; recuperación, pois, da vontade autorial e do sentido que ela imprimiu ao seu poema ou á súa prosa. Pondal non escapa a esta necesidade de restauración e, no poema a que nos referimos, ela, a restauración, tórnase máis necesaria aínda por se tratar da letra do Himno nacional galego.
No pleno do Parlamento do pasado 12 de setembro, despois dunha lección maxistral da deputada Mercedes Queixas, procedeuse a votar a iniciativa que presentou en nome do BNG co fin de apoiar a eliminación da prohibición do uso do galego no Congreso dos Deputados en Madrid. No vídeo podemos asistir á vergoñenta posición do PP de Galicia, que votou a favor de manter a prohibición.
É moi significativo o estrondoso silencio dos populares galegos sobre este tema.
O deputado da CUP Albert Botran e o deputado do BNG Néstor Rego quedaron sen palabra, literalmente, esta semana no congreso español. No debate sobre a lei de educación os dous interviñeron en catalán e en galego. Outros voceiros o fixeron tamén pero pasaron ao español no momento en que a presidenta da Cámara, a catalá Batet, llo indicou. Botran e Rego non o fixeron, seguiron a falar na súa lingua e o resultado foi que os botaron da tribuna.
O 17/11/2020 o deputado nacionalista Néstor Rego intentou, por tres veces facer visible a nosa lingua. Na primeira intervención só puido facelo durante 30 segundos antes de que a presidenta do congreso o cortara. Na segunda só tivo o micrófono aberto durante 5 segundos. O terceiro intento foi cortado aos 3 segundos e dúas décimas, case sen tempo material para que Mertixell Batet enxergara cal estaba a ser nesta ocasión a lingua.
En total, 38 segundos e dúas décimas. Iso foi todo o que se puido escoitar en galego no parlamento español nesta lexislatura, todo o demais foi español, e con actitudes coma esta aseguran que así o seguirá sendo no futuro. O mesmo sucede en moitos outros ámbitos, para manter unha mínima presenza, aínda que só sexa testemuñal , hai que facelo en contra de ordes, leis, decretos, costumes, presións, mandatos ilegais e caras de odio.
O colectivo Defende a Galega, que denuncia os recortes na CRTVG así como a manipulación informativa desta entidade, publicou este vídeo no que a deputada do PSdeG Noela Blanco pon en evidencia a ocultación do crítico informe do Consello de Europa sobre a situación do galego. A nova só se emitiu no informativo con menos audiencia e nun corte de só 30 segundos.
A lectura da resposta do director xeral Alfonso Sánchez causa vergoña e remítenos a pensar como é posible que personaxes deste calibre estean ocupando (e cobrando) postos de responsabilidade cun soldo parello pagado por todos nós. Non o merecemos
Dúas intervencións de Ana Pontón no pleno do Parlamento. Na primeira, en menos de 3 minutos, faise un bo repaso dos máis graves agravios á lingua galega perpetrados polos sucesivos gobernos liderados por Núñez Feijóo. Na segunda intervención destaca que o galego é a única lingua do estado que perde falantes e fixo referencia a un informe da RAG no que se establece que a presenza do galego favoreceu o seu uso pero que esta tendencia se crebou coa aplicación do funesto decreto contra o galego. Finalmente, e a pesar das interrupcións dalgún maleducado e do mal labor de Santalices, destacou un dato do IGE: hai un 22% de rapaces que afirman non saber falar en galego.
Esta mesma semana o PP rexeitou a Lei de Memoria Histórica Galega a pesar da emocionante defensa que fixo dela o deputado nacionalista Luís Bará. Dito en positivo: o PP é o garante da defensa das esencias da dictadura franquista e hai un forte e contínuo fío que conecta esta defensa coa negación da normalización lingüística. Se hoxe sofrimos as consecuencias da discriminación da lingua galega é porque nunca se cortaron as ataduras coa dictadura.
Todo isto puidémolo comprobar por duplicado nas últimas sesións parlamentarias. O goberno está tomado por uns radicais supremacistas que someten á lingua galega. Neste vídeo Ana Pontón denuncia esta situación, agravada pola argallada do PP de prescindir do galego no acceso aos empregos públicos galegos. Fixéronlle algún caso? O Ku Kux Klan non atende a razóns.
Carlos Callón publicou en 2012 Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, un libro que a partir de anécdotas nos dá chaves para mellorar a nosa calidade lingüística e mesmo dar o paso a falar en galego.
Velaquí a intervención de Marcos Maceira, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, en defensa da toma en consideración da iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. A iniciativa contou co apoio de 28.000 persoas, asociacións empresariais, sindicais, persoal da teleatención, culturais...e cos votos a favor de BNG, PSdeG e En Marea.
Desafortunadamente o PP votou en contra impedindo, con maioría absoluta na cámara, a súa toma en consideración. Con este proceder o PP demostrou, unha vez máis, o seu radicalismo supremacista en materia lingüística.
Debemos ter moi presente que se trataba dunha proposta lexislativa para a garantía de dereitos no mundo económico, e fíxose nun momento no que o goberno da Xunta di defender un Plan de dinamización da ingua galega precisamente nese mundo para o período 2016-20. Se alguén aínda non o tiña claro, aquí quedou certificada a defunción de toda presunta iniciativa normalizadora no tecido económico por parte do goberno presidido por Feijóo. Farían ben os responsables en materia lingüística (Valentín García e Román Rodríguez) se demitiran, pero isto só sucedería se tiveran dignidade e amor pola nosa lingua.
O pasado mércores 10/05/17, a lingua galega volveu a ser protagonista do debate político no parlamento. Na quenda de interpelacións Olalla Rodil volveu a recordar que o PP rachou o consenso sobre a lingua e acusounos de facer un uso da lingua como arma electoralista.
Pero o punto culminante chegou coas intervencións de Villares e as respostas de Feijóo no pleno parlamentario. Velaquí deixo unha das intervencións do representante de En Marea que, de certo, entendo que subscribirían todos os grupos da oposición. Recomendo escoitala.
A contestación de Feijóo foi fachendosa e penosa. Entre outras cousas, acusou a Villares a de falta de coñecemento sobre a situación da lingua, reprochoulle que sacara o tema xusto agora, "que vén o 15 de maio "[sic] (isto require explicación: o do 15 de maio era polo Día das Letras), e afirmou que a Xunta non traducira o Minerva nol [sic] (referíndose ao Minerva noj, a aplicación informática da xestión procesal que, por esta razón impide, de facto, a tramitación xudicial en galego) porque, aínda que llo pediran ao goberno central, recibiron unha resposta negativa. Non vou divagar sobre o tamaño da mentira. Apunte á marxe: en Cataluña teñen a súa propia aplicación para o sistema xudicial.
Só agradecer, tanto a Olalla como a Villares que fixeran referencia, nas súas intervencións, ao enorme agravio que supón a prohibición de impartición de aulas en galego especialmente nas materias de carácter científico.
A deputada de AGE Lidia Senra, denunciou este pasado luns no parlamento europeo as prohibicións impostas polo funesto decreto do plurilingüismo que prohibe que se impartan en galego materias científicas. Reclamou o cumprimento da Carta Europea da Linguas Rexionais ou Minoritarias e reivindicou o compromiso cos dereitos lingüísticos para o galego.
O deputado de AGE, Ramón Vázquez, pon de relevo que o PP retirou o seu proxecto de lei de acuicultura fronte á aposición do sector. Pola contra mantense nunha política lingüística autoritaria a pesar de que todos os informes concordan en que se trata dun ataque á lingua galega. Así o informe para o Consello de Europa para o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias puxo, por segunda vez, en cuestión as políticas derivadas do decreto. A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, a Real Academia Galega recurso tras recurso, os informes do Instituto Galego de Estatística, o Consello Escolar de Galicia, o Consello Consultivo, a Mesa Sectorial de Educación,..., tamén se pronunciaron en contra do funesto decreto. Tamén o fixo a sociedade galega, en múltiples manifestacións, como aquela do 21 de xaneiro do 2010. Mais o PP, continúa coa que Ramón Vázquez cualificou moi acertademente de política lingüística absolutamente autoritaria... e exclusivista, engadiría eu.
Corina Porro, ex-directora xeral, ex-deputada, ex-senadora, ex-presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, ex-alcaldesa de Vigo e actual presidenta do Consello Económico e Social (CES), comparecía a principios deste mes no parlamento. Neste inenarrable vídeo responde ás preguntas que lle fixera o deputado de AGE Juan Manuel Fajardo.
Recomendo o vídeo como un valiosísimo recurso educativo a todo ese profesorado que teña que explicar algunhas ideas básicas de sociolingüística. O documento serve, entre outras cousas, para desvelar como a lingua é moito máis que un simple código de comunicación. Neste caso pode mostrarse moi claramente a actitude de desprezo de Corina Porro co galego nun contexto e cun discurso que, nun principio, nada ten que ver coa lingua.
A recomendación ten hoxe máis sentido, cando está máis que recoñecida a importancia de sustentar modelos lingüísticos de calidade como armazón necesaria, aínda que non suficiente, dun proceso de normalización lingüística que se poida cualificar de tal cousa. Quen quixera profundizar máis no tema pode ler o libro editado por Bahía, Modelos de lingua e compromiso. O seu coordinador, Xosé M. Sánchez Rei facía estas clarividentes declaracións nunha entrevista no Praza cando lle preguntaban sobre o nivel de calidade da lingua empregada polos políticos:
hai persoas que acreditan no galego e outras non, pero non se pode acreditar nunha lingua que se está atacando continuamente. Ademais, o goberno de Feijóo foi e é o máis daniño para a lingua de todos os que ten habido na Xunta, empezando xa por como fala o seu presidente e os seus conselleiros e secretarios xerais
... e presidentes/as doutros organismos, habería que engadir.
Velaquí a transcrición do surrealista relatorio de Corina Porro (ACLARACIÓN: non é que o texto estea mal escrito, ou que teña erros, é que o dixo exactamente así):
"En cuanto al señor Fajardo, quería decirle que estamos de acordo sobre alguna consideración que xa fixo o ano pasado sobre alguna cuestión que ten que ver con la ... si es convinte o no que exista más representación no CES. En canto a esta cuestión quero decirle que nosotros convenimos en que o terceiro sector e aquela parte da nosa sociedade, excluídos os chamados sector público e privado que desenvolven actividades económicas o sociais sin ámbito de lucro en beneficio da colectividade e considero, sen lugar a dúbidas, que nun futuro próximo debería estar presente nun organismo como é o noso. Sería pois una tarea que deberá abordarse no vindeiro mandato do CES. Creo que esto todavía non está falado dentro pero teño que decile que eu estou de acordo En cuanto a la mellora de la página web creo que lo dixe na miña intervención. Es necesario, es necesario que toda actividade que teña o CES pues que esté más reflexada, que tengamos moitísimas más, tanto xornadas como todo o que se está facendo que tenga más visibilidade e por eso lo anunciaba tamén na miña intervención. En cuanto a los orzamentos, en cuanto aos orzamentos, decirlle que as contratas de los traballos que se fan de limpieza, etc. etc., los tenemos los tres organismos, los tres organismos que estamos no edificio y están sujetos a licitación pública. Os levamos entre os tres. Y que en gastos diversos, efectivamente, en gastos diversos están las jornadas y tamén están como decía, como usted ya pensaba que os cadernos recogen, van a recoger esas jornadas y va a ser el trabajo que se vai a desenrolar a partir de ahora. Me fai una pregunta que creo que está suficientemente clara a nivel público que es o asunto do que me habla sobre algo en que yo non teño nada que ver como quedou demostrado. O asunto do que me habla xa ten sido valorado en una primera fase pola investigación previa sin consecuencia xurídica ningua para a miña persoa. Así foi considerado tanto pola fiscalía como pola xuez. Entón no se puede falar de que teña que dar ningún tipo de explicación sobre algo que non existe. En canto al señor González Santín..." Corina Porro, Comisión de Economía do Parlamento Galego. 3 de novembro do 2015
O peor de todo é que de certo que se a Corina Porro lle preguntaran á saída da Comisión en que lingua falou alí dentro, seguro que afirmaba toda convencida que "en galego, por supuesto".
Queren a Castelao ben oculto. Os membros do PP votaron en contra da Iniciativa Lexistlativa Popular na que se procuraba para o pobo galego o dereito a coñecer a obra do galeguista.
De non ser polo esforzo de Castelao e a súa insistencia en, primeiro tramitar o Estatuto do 36 en plena guerra civil, e despois loitar contra todos os atrancos interpostos para conseguir a súa aprobación no exilio, seguramente non existiría a institución que hoxe votou pola ocultación da súa obra.
Unha das propostas máis destacadas da ILP era a da recuperación do cadro A derradeira lección do mestre, que actualmente está no Centro Galicia de Buenos Aires. Trátase dun retrato das atrocidades do franquismo, unha obra que debería estar presente nos materiais de ensino de todas as escolas xa que mostra sen concesións a crueldade do fanatismo. O mestre, asesinado, xacente no chan, debería quedar como lección para as futuras xeneracións. Onte, no parlamento ben se veu que moitos dos deputados non asistiron a esta clase e queren que a sociedade galega fique orfa do máis grande galeguista de toda a historia. Precisamente por iso, por ser galeguista. Así, non é de estrañar atopármonos no mesmo día con noticias como a da negativa de Portos de Galicia a permitir unha inscrición de homenaxe á vítimas do franquismo en Vilaboa. E despois din que o franquismo está morto.
Despois veremos a eses mesmos parlamentarios inchado o peito na entrega das medallas Castelao. Pero que Castelao é o que vai nese galardón se despois vemos que non se respecta a súa obra. Por que permanece oculta nos arquivos do Museo de Pontevedra ou espallada por múltiples lugares sen que haxa ningunha institución que procure a súa recompilación e catalogación?
Onte, executouse o fusilamento de Castelao no parlamento de Galicia. É o que ten non ter memoria nin amor polo país nin pola lingua.
Na prensa:
Intervención de Mª Pilar García Negro en defensa da ILP a prol da difusión da obra de Castelao, 29/09/15 GZ Cultura
O Partido Popular impide a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento, 29/09/15 GZ Cultura
O PP evita saír noutra foto galeguista a dous meses das xerais, 29/09/15, Praza
O Partido Popular impede a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contempalción da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento., 29/09/15, A Mesa
A ILP de Castelao, a debate no Parlamento, 29/11/15,Sermos Galiza
O PP fecha a porta a debater no Parlamento sobre o coñecemento da obra de Castelao, 29/11/15, Sermos Galiza
O pasado 16 de setembro, no pleno do Parlamento, a deputada do BNG Ana Pontón, preguntáballe ao conselleiro de Educación sobre o caso da humillación por falar galego sofrida por unha nena no centro hípico Casas Novas.
Lembremos as frases coas que vexaron á rapaza:
"Es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así”
“Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano”
A resposta do Conselleiro de Educación foi: "a nosa responsabilidade é que ningunha persoa en Galicia, sufra maltrato de ningún tipo por falar en galego nin por falar en castelán" (o subliñado é meu, pero as palabras son de Román Rodríguez).
Claro que se non é en Galicia, pode recibir maltrato, que ao conselleiro non lle importa. E non estou sendo irónico coa frase: as cousas son exactamente así. Se rapaza sofrira ese maltrato fóra de Galicia o conselleiro diría que non é competencia súa, e derivaría o asunto ás autoridades competentes. Isto é: os galegos non son cousa do goberno galego.
Cando se está tratando un tema moi particular, un caso de humillación dunha nena por falar en galego, ao conselleiro o que lle preocupa son os inexistentes casos de maltrato polo feito de falar en castelán. A función do goberno galego é garantir a prevalencia das leis que secundarizan a lingua galega e de sobregarantir os dereitos xa garantidos desde o estado dos español falantes. Isto é: o galego só é cousa do goberno galego se non entra en conflito co castelán.
Pois este conselleiro de edución é o que se gaba de que vivimos o momento histórico no que hai máis coñecemento do galego. Claro que isto oculta o realmente importante: que é que estamos no momento histórico no que hai menos galego falantes, e que isto é consecuencia dunha agresiva política lingüística contra a lingua galega, argallada e posta en marcha polo partido que case en completa hexemonía gobernou Galicia nas últimas décadas; política que recruou na funesta era Feijóo.
Sobre o caso da humillación da nena en Casas Novas: “Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano”, no Sermos Galiza “O que pide a miña nena é que non se humille a ninguén máis en Casas Novas por falar galego”, no Sermos Galiza Convocan mobilización diante de Casas Novas pola humillación a unha nena por falar galego, no Sermos Galiza O Centro Hípico de Casas Novas nega “discriminación ou menosprezo”, no Sermos Galiza A Mesa esíxelle á Xunta que actúe contra Casas Novas pola discriminación da nena galegofalante de dez anos, no Sermos Galiza A Xunta non tomará medidas no caso da humillación a unha nena por falar galego no campamento hípico de Casas Novas, A Mesa O Centro Hípico Casas Novas de Arteixo humilla unha nena de dez anos por falar en galego, A Mesa Carta da nena de Casas Novas, A Mesa
No ano 2004 todo o parlamento ofrecera o seu apoio ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), un proxecto de consenso que debería ser a guía da política lingüística da Xunta de Galicia. Esta semana o BNG propuxo elevar a rango de lei ese PXNL. A proposta foi rexeitada polo PP co argumento de querer rachar o consenso sobre a lingua. Un xa comenza a dubidar do significado da palabra consenso.
Con este rexeitamento na man poderemos avaliar con mellor coñecemento e perspectiva cal vai ser o resultado do novo invento da SXPL, o chamado Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020. Se pasamos o traballo de o consultar o anuncio do que se pretende con esta inicitiva veremos que non é outra cousa que a reedición das medidas do sector 4 (económico) do PXNL. Visto que o PP no parlamento se negou a asumir a elevación a rango de lei o propio PXNL, podemos entender en que vai consistir ese presunto Plan de dinamización no tecido económico. Trátase únicamente de dar unha imaxe de apoio á lingua galega por parte do partido de goberno. Veremos como se divulga e publicita o Plan pero non chegaremos a ver unha aposta efectiva no camiño da normalización. Se en máis de dez anos a Xunta non materializou ningunha proposta decidida para que o galego aumentara a súa presenza no ámbito económico, se nos últimos seis anos non se fixo outro cousa que provomer desde as Administracións a exclusión das linguas minorizadas en todos os ámbitos, se agora o PP rexeita que a letra do PXNL se volva lei, non podemos esperar que comence a chover o maná onde nunca caeu unha pinga de auga. Seguimos sen Plan, e seguiremos ermos tamén no eido económico. Só os radicais e os idiotas poden acreditar noutra cousa.
NOTA: os medios con máis implantación apenas trataron a noticia.
O 5 de Maio debía instituírse como Día do Fariseísmo. Nesta data, no Parlamento de Galiza debateuse unha proposición do BNG que só pretendía dotar de rango de lei ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un plan -que con todas as súas virtudes de defectos – constitúe un punto de encontro para avanzar fronte a desfeita do galego. Un Plan, que unha década antes fora aprobado por un Consello da Xunta presidido por Fraga e vicepresidido por Feijóo e, posteriormente, tramitado e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza. Entendíamos no BNG que era un bo punto de partida. O PP que tanto acode ao consenso, tiña oportunidade de retomar o consenso que, por certo, eles sós racharon. Mais rexeitaron a posibilidade de renovar este acordo e votaron en contra non só do Plan, senón de si mesmos.
Nestes últimos días destacábase nos medios a noticia de que a Xunta presentou un plan para a normalización lingüística de diversos sectores, especialmente o comercial e o empresarial. Ao facerse primeiro a presentación do plante ante o Consello da Cultura e a RAG, e despois no Parlamento, a iniciativa multiplicou a súa presenza nos medios.
Pola contra é prácticamente imposible achar nos medios algunha referencia ás dúas mocións presentadas a semana pasada no Parlamento. A primeira delas foi presentada nun plenario polo deputado socialista Francisco Caamaño. Foi unha mágoa que o parlamentario non se puidera despedir da súa actividade política con esta proposta no seu haber xa que foi rexeitada polo PP.
A moción de Caamaño pretendía unha volta ao consenso sobre a política lingüística. Propoñíase a creación dunha comisión para avaliar a situación do galego apelando ao espíritu co que se elaborara o PXNL. A idea era avalialo e reelaboralo atendendo a unha nova análise que debería facer esta comisión. Tal e como adiantaba hai unhas semanas a CGENDL, ao goberno non lle interesa máis que dar imaxe de diálogo, o propio diálogo e a normalización lingüística non entran dentro do seu proxecto. Francisco Caamaño concluía acertadamente que o trato da Xunta á lingua galego pasaban pola indignidade e o desprezo. Velaí a negación do consenso.
A deputada do BNG Ana Pontón presentou na Comisión de Xustiza unha proposición non de lei na que se instaba ao goberno establecer o requisito do dominio da lingua galega ao funcionariado da administración de xustiza que desenvolva a súas funcións en Galicia. Na proposición figuraban tamén outros aspectos tendentes á normalización no ámbito xudicial como o da dispoñibilidade en galego do programa Minerva (programa que desde hai uns anos imposibilita a tramitación dos expedientes en galego) ou creación dunha base de datos referencial e actualizada que conteña a lexislación na nosa lingua. A pesar da razonabilidade (incluso da necesidade) da proposta, ésta foi rexeitada polo Partido Popular. Ana Pontón volveu a demostrar, unha vez máis, que o goberno actúa en contra do PXNL. Velaí que á negación do consenso se uniu a da normalización.
Ligazóns:
Cultura e Educación entrega no Parlamento o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, 21/04/15, nota da SXPL
A Xunta suma á RAG e ao Consello da Cultura na tarefa de impulsar o galego no tecido económico, 19/04/15, en La Voz de Galicia
A Xunta presenta as bases para dinamizar o galego no sector socioeconómico e busca consenso, 22/04/15, no Galicia Hoxe
La Xunta impulsará el etiquetado en gallego para abrir nuevos mercados, 19/04/15, no Faro de Vigo
Sesión do pleno do Parlamento na que Francisco Caamaño presentou a moción do PSOE sobre a creación dunha comisión para a avalición da situación do galego, 14/04/15, web do Parlamento
Indignidade e desprezo contra a lingua dende o goberno galego, 15/04/15, no web do PSdeG-PSOE
Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposición non de lei para a normalización da xustiza, 17/04/15, web do Parlamento
"O PP está absolutamente so no seu acoso e derribo á lingua galega", 16/04/15, intervención do deputado de AGE Ramón Vázquez no debate parlamentario sobre a proposta de Francisco Caamaño canle de You Tube 'Hai alternativa'
Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposta do BNG para a normalización do tecido xudicial, 17/04/15, no web do Parlamento
O PP rexeita a prosposta do BNG para impulsar o uso do Galego na Xustiza, 17/04/15, web do BNG
Neste vídeo podemos seguir o desenvolvemento da Comisión 4ª de educación e cultura que se celebrou o pasado 04/09/14 no Parlamento de Galicia na que se discutiu unha proposición non de lei do BNG presentada por Ana Pontón sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para reparar os dereitos laborais do profesorado que viña impartindo os cursos Celga despois que que as catro sentenzas xudiciais emitidas sobre estes casos resultaran todas desfavorables ás teses da Xunta.
Tanto parlamentaria que presentou a proposición, Ana Pontón, como Carmen Iglesias, do grupo mixto, Ramón Vázquez, de AGE ou Francisco Caamaño, do PSOE se viron na necesidade de pedir o cese do secretario xeral de política lingüística, Valentín García, pola nefasta forma de actuación que xenerou todo este conflito co despedimento, polo que se ve ilegal, do profesorado Celga. O caso é dobremente grave pois Valentín García, por ter sido no seu día dirixente da CTNL, debería coñecer con profundidade o problema que se viña repetindo ano tras ano derivada da inestabilidade do profesorado que impartía estes cursos. Precisamente fora a mesma CTNL quen no 2012 presentara unha proposta para poñer fin á irregular situación na que se se encontraba este grupo de profesores. Valentín García non quixo nin sentarse a falar pois o seu único cometido dentro da SXPL é a de desmontar toda a aparataxe normalizadora que aínda existía dentro do organigrama da Xunta. Os resultados son ben visibles: unha sentenza tras outra confírmase que o que o proceder da SXPL atentaba contra os dereitos dos traballadores, a Xunta terá que pagar importantes sumas derivada desta mala práctica e todos nós teremos que pagar a desfeita da Xunta. Valentín García seguirá no seu cargo porque está aí para iso, destrozar a normalización lingüística con cargo aos presupostos da Xunta.
Finalmente podemos ver neste mesmo vídeo (a partir do minuto 52) como os deputados do PP non sabían que debían votar e no que se ve como fraudulentamente o presidente da comisión Antonio Muriño inicia o perído de votacións dúas veces, despois de que na primeira o deputados popular Román Rodríguez, que debía indicar o sentido do voto, estaba ausentes. Pois así nos vai.
Declaración institucional do Parlamento de Galcia sobre a consecución do dominio .gal:
O Parlamento de Galicia quere recoñecer publicamente o grande logro que supón para o noso pobo a consecución do dominio .gal e darlle os parabéns á Asociación PuntoGal polo traballo, entusiasmo e dedicación para acadar este obxectivo.