por María Xosé Porteiro, na revista Luzes:
A primeira vez que intentei expresarme en galego tiña catorce anos, recén chegada de Cuba. Non coñecía a familia de aquí, en particular, a miña avoa Xosefa Fernández Millares. Meu avó, Xosé Porteiro Irimia, morrera pouco antes e non me deu tempo de preguntarlle polos devanceiros, nin de que me levase persoalmente ata o pedregal onde nace o Miño, ou saber daquel bisavó que se alistara no exército carlista, tampouco de como facía aquelas zocas tan xeitosas que todo o mundo lembraba, ou da fabulosa historia daquela súa irmá que lle botou un meigallo e lle fixo perder varias colleitas e ver morrer as súas vacas máis prezadas. Pero tiven durante tres anos -logo morreu- a nai do meu pai que nacera en Santalla, na Ribeira de Piquín. Casou con aquel mozo lanzal e máis novo ca ela, de Candedo, preto de San Martín de Lúa. Meu pai, Xesús, foi o fillo máis vello pero cando sendo un rapaz viu o cepelín cruzar o ceo, metéuselle na cabeza que quería ser piloto, marchou a Madrid para facer o servizo militar como voluntario en aviación e xa non regresou.
