Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Valedor do Pobo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Valedor do Pobo. Amosar todas as publicacións

domingo, 29 de xaneiro de 2017

Señora valedora, eu non quero ser lelo

por Xaquín Campo Freire, no Diario de Ferrol:

Pois eu, porque non son lelo, falei, falo e falarei galego sempre. E tamén portugués, e italiano, e francés, e inglés, e latín e grego clásico e, por suposto, castelán ou alemán e incluso ruso da nova Rusia. Porque os que non somos lelos, precisamente por iso, non somos excluíntes. Por exemplo, eu coñezo cen palabras de caló, porque traballei e traballo co benquerido mundo xitano. Preocupeime de manexar un grupiño de palabras e frases búlgaras porque no cárcere onde fago un voluntariado hai persoas desa nación. E o mesmo digo de Somalia.

mércores, 25 de xaneiro de 2017

Un vídeo para a Valedora

A zunia aliméntase de prexuízos, por iso só ten éxito cando consegue xenerar polémica. Un dos seus últimos ataques foi o que atentou contra CPI de Panxón, un centro, como hai moitos, no que se realiza un traballo serio e sen estridencias. Pódese comprobar, por exemplo neste seu blogue da biblioteca, no que se divulgan moitas das iniciativas, traballos e actividades que realizan.
Cartel gañador do certame do CPI de Panxón do 2016
A cousa non iría máis alá se non fose pola metedura de zoca da Valedora do Pobo, quen tomou a anómala resolución de avalar a retirada do cartel que gañara o certame anual que se celebra no centro para celebrar o Día das Letras. Basta poñerse no lugar da rapaza que fixo o cartel, ou no dos seus pais, para determinar a miseria moral á que chega a zunia e, neste caso, a presunta Valedora. Pouco cómpre saber sobre as características sociolingüísticas da poboación galega para apostar, con case a completa seguridade de gañar, que a autora do cartel non fala en galego. Aclaremos a cuestión, cantos dos alumnos do CPI de Panxón o falan? Incluso me atrevo a dar un límite superior para esa cifra: o 15%. Entón, que é o que pretendemos montando (ou alimentando) unha polémica sobre un cartel que se elaborou nun contexto para a promover, moi mínimamente, a reflexión sobre a atroz situación de constriximento na que está o uso do galego nunha área tan desgalelguizada? Milagros Otero, por ocupar o cargo que ocupa, a de Valedora, non pode ser tonta, polo que a única alternativa que explica o seu comportamento é a dun aliñamento militante co radicalismo xenófobo antigalego.
Dubidei moito en publicar esta entrada porque pode ser manipulada para alimentar unha falsa polémica. Se ao final me decidín a facelo é para que a comunidade educativa do CPI de Panxón saiba que o sentimento xeral que xenera na sociedade é de empatía e apoio fronte á agresión extremista que están a sufrir. Por iso creo que convén que saiban que, dalgunha maneira, crearon escola. O alumnado de Lingua e Cultura Galega de Valadares, que parece preferentemente de fóra de Galicia,  montou este alegre vídeo que, se é bo que o visen en Panxón, mellor sería que fose a Valedora quen aprendera del para que comezase a desarmar os prexuízos que evidenciou coa súa actitude.




mércores, 9 de outubro de 2013

5.1



Tirado dun chío de @prolinguagalega que lembra o triste suceso da censura dun libro de texto que reproducía o artigo 5.1 do Estatuto galego por parte do Valedor do Pobo.

martes, 30 de xullo de 2013

Informe de Prolingua sobre a actividade do valedor do pobo en 2012




O pasado mes de maio Prolingua emitía este triste informe sobre a actividade do Valedor do Pobo na área de política lingüística.
Ademais das conclusións avanzadas por Prolingua, ocórrese unha anotación máis sobre o escaso uso da cidadanía sobre as reclamacións sobre cuestións lingüísticas ao Valedor. As mensaxes mandadas desde esta institución á sociedade galega explican en boa medida por que non se lle reclama sobre a escasa presenza do galego. Lembremos o caso do libro censurado polo Valedor, ou a reclamación que eu mesmo lle fixen sobre o insistente uso que fai o concello de Ribeira do topónimo deturpado. Para ver como funciona a oficina do Valedor, neste último asunto, o Valedor xustifica que se conculque a LNL e o uso deturpado do topónimo xa que o SNL do concello de Ribeira instou á Comisión de Toponimia a que asuman como oficial o topónimo deturpado!
Polo resto, fago miñas as conclusións de Prolingua sobre a actividade do Valedor en relación na área de política lingüística:


a lingua ocupa un escaso lugar non só dentro do informe, senón tamén na área no que o noso idioma está tratado. Máis aínda, dentro da política lingüística abórdanse temas que nada teñen que ver coa defensa dalingua, como as reclamacións presentadas sobre convalidacións cos niveis do CELGA.
Chama poderosamente a atención que seguen existindo cidadáns que senten conculcados os seus dereitos por non atoparen algún documento en castelán.
Se cadra non resulte demasiado arriscado supoñer que o descoñecemento evidente que a cidadanía ten desta institución e, en consecuencia, a pouca utilidade que se lle concede estea, en boa parte, motivada polo que podería parecer escaso interese do propio organismo en se dar a coñecer o suficiente entre as xentes do común.
Polo que toca á lingua parece obvio que a maior parte das cuestións que ao valedor chegan, por máis que sexan individuais, deixan adiviñar moitas veces a presenza de condutos organizados, nun ou noutro sentido, como son os casos do Instituto Virxe dos Ollos Grandes e mais o Concello de Lugo, que se repiten sempre nos mesmo termos.
En resumo, un triste informe do que se podería tirar a conclusión de que estamos nunha situación normal polo reducido número de queixas que presenta a cidadanía e que, pola contra, non pode agachar un certo grao de desleixo por parte dos poderes públicos.

domingo, 25 de novembro de 2012

O valedor do pobo xustifica a deturpación toponímica de *Riveira

Cando lle preguntamos á profesora de lingua se o topónimo do noso concello se escribía con b ou con v ela fixo o que tiña que facer. Comenzou a falarnos do latín, das linguas románicas, da evolución das palabras nas distintas linguas, e despois ametrallounos cunha longa lista de exemplos, ata que finalmente sobre o encerado foi aparecendo do seu xiz algo que despois deses minutos de clase se nos facía máis que evidente: como o ripariam latino derivou no ribeira galego. Era o ano 1982. Ao ano seguinte aprobouse a maltratada Lei de Normalización Lingüística que establecia que os topónimos galegos  terán como única forma oficial a galega. Outro ano máis tarde o  decreto 132/1984, estableceu o procedemento para a fixación ou recuperación toponímica. Finalmente no 2003 apróbase o nomenclátor de todas as entidades galegas [ver as da provincia d´A Coruña]. Deste xeito a lei ratificaba o que determinaba a sabiduría dos expertos na ciencia da filoloxía onomástica.
Finalmente, para que todo este traballo tivera continuación e unha divulgación digna do orgullo de sermos galegos, temos ao noso dispor un excelente portal web, Toponimia de Galicia, que a día de hoxe pon ao noso dispor máis de 400.000 topónimos.

Porén o concello de Ribeira mantén unha pertinaz incumprimento das normas asi como unha obsesiva defensa da deturpación toponímica. De certo que esta postura ten profundas raíces ideolóxicas da peor especie anti-galega. Todo aquel que acepte destrozar a forma galega do nome do concello está a rachar coa súa identidade e, en consecuencia, convértese nun destrutor da cultura e en promotor do escurantismo. Tamén é seguro que para conseguir manter esta imposición ilegal entre o persoal que traballa no concello, non lle quedaría outra que utilizar coaccións e malas prácticas. O máis triste do caso é que a Xunta, actuando cun sectarismo partidista noxento, non só non intenta reverter esta situación senón que divulga o SNL de Ribeira como un referente na normalización no ámbito local [1], [2]
Para poñer en evidencia esta situación hai aproximadamente un ano presentei unha queixa ante o Valedor do Pobo. Veño de recibir o seu ditame, realmente estrafalario, pois decide pechar o expediente dirixido ao Concello de Ribeira "a pesar de que a resposta achegada non experesa a aceptación do recordatorio de deberes legais". Todo o seu fundamento reside en que o SNL do concello, parece ser que emitiu un informe no que se instaba á Xunta a revisión do topónimo legal para que fose substituído polo deturpado.

Pensando en usar a mesma lóxica que usa José Julio Fernández Rodríguez, o actual valedor, cando mañán colla o coche, levareino todo o tempo pola esquerda. No caso de que me pare a garda civil, e me recrimine:
- Pero vostede está tolo! Sabía que marchaba polo carril contrario?
Eu levarei xa a resposta preparada:
- Teña conta, señor axente, que onte mesmo lle mandei unha carta á DGT instándoa a que revirse a norma que obriga a circular pola dereita pois xa vai sendo hora de que guiemos pola esquerda.
E inchando o peito mostrareille o meu cané de identidade para facerlle ver, fachendoso, que eu son natural de *Riveira.
- Home, sendo así...- responderá o garda civil.

Valedor Do Pobo Ribeira




P.S.:
A toponimia desvalida, 26/11/2012, en AGON
O Concello de Ribeira teima en 'escribirse' con uve e o Valedor arquiva o caso, 27/11/2012, en Praza Pública
Ribeira: a Asociación Galega de Onomástica denuncia que o Concello segue a quebrar a lei a pesar das queixas ao Valedor sobre o topónimo, 26/11/2012, en Certo
E dálle con Riveira, 27/11/2012, en Galicia Confidencial
Arquivada a queixa aberta no Valedor do Pobo pola utilización do topónimo non oficial "Riveira",02/12/2012, en Prolingua

mércores, 4 de xaneiro de 2012

3.1 versus 5.1

Acábame de chegar unha carta do Valedor do Pobo, en contestación a unha queixa que lle presentara pola súa resolución no caso da censura ao libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de primaria . Nesta resposta, despois de citarme (íntegramente) o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, continúa:
Esta institución entende que un libro de texto está suxeito ao rigor científico na transmisión dos contidos, que é a primeira das esixencias do traballo intelectual. O devandito rigor científico está vinculado á calidade do ensino.
Neste sentido, o obxectivo da unidade era dar a coñecer ao alumnado a configuración estatutaria da comunidade autónoma galega e o seu goberno. No que atinxe ao réxime xurídico das linguas oficiais na nosa comunidade, debe ser dado acoñecer aos alumnos dun xeito íntegro, polo que a transcrición incompleta do artigo 5 non transmite ao alumnado o exacto marco normativo dos idiomas galego e castelán en Galicia. 
Curiosamente, a pesar da petición de rigor, non cita o decreto 130/2007 no que se establece o currículo da educación primaria, e tampouco a LOE, onde si se fala do rigor científico dos libros de texto, pero aclarando que ese rigor debe ser o acaído á idade dos alumnos e ao currículo.
Curiosamente unha resolución dunha institución non vinculante, o Valedor do Pobo, por primeira vez, vai establecer, con toda rigorosidade, cal debe ser o contido do currículo dunha materia. Claro que o rigor didáctico non chega ao punto de indicar a que idades corresponde a necesidade de dar a coñecer íntegramente o artigo 5. A falta de concreción eleva esta recomendación a todos os alumnos, incluídos os matriculados nas Galiñas Azuis.
A carta continúa:
Por outra banda, a referencia á oficialidade lingüística que se fai no recadro "Para saber máis" é inexacta e confusa. No seu primeiro parágrafo sinala que "A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España". No seguinte apartado afirma que "O galego é a lingua oficial en Galicia". O uso do determinante semella  que é a única lingua oficial, e aínda resulta máis confuso cando se está a falar do castelán como lingua oficial en once comunidades autónomas. Xa que logo, desde o punto de vista pedagóxico, sería moito máis sinxelo reproducir literalmente no libro de texto o artigo 5 do Estatuto completo, que establece claramente a oficialidade dos idiomas galego e castelán e a súa configuración xurídica, distinguindo entre lingua oficial e lingua propia.
Curiosamente só lle podo dar a  razón ao señor Benigno López cando indica que o uso do determinante nos fai pensar que só hai unha lingua oficial en Galicia se el, a un tempo admite que ese mesmo uso dese mesmo determinante nos fai pensar que só hai unha lingua oficial en España, polo que, en rigor co expresado anteriormente polo propio Valedor, para dar a coñecer o réxime xurídico das linguas oficiais, deberíase incluir tamén a totalidade do artigo 3 da Constitución Española, e non só o punto 3.1, o que declara ao castelán como lingua oficial en España.
O contido íntegro da resolución é accesible na páxina web desta institución. Da súa lectura poderá comprobar que non foi solicitada a retirada do libro senón que non se seguirá a utilizar no entanto [sic] non fora corrixido no sentido indicado, recomendación aceptada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que arbitrou o mecanismo, no seu criterio, máis oportuno. A maior abastanza, sobre a falta de rigor no libro de texto, cómpre reparar sobre a situación no mapa da cidade de Santiago de Compostela, situada no golfo ártabro, preto da ría de Betanzos, Sobre esta o outras cuesións análogas, esta institución non se pronunciou por non seren obxecto de queixas.
Curiosamente este parágrafo dá a impresión de querer establecer a corrección da funesta resolución de censura do Valedor do Pobo na admisión da recomendación por parte da Consellería de Educación, no entanto, a misión do Valedor é a de supervisar a actividade da Administración co fin de tutelar os dereitos dos cidadáns, e non a de pisar estes dereitos para xustificar e, aínda menos, como é o caso,  incentivar os abusos da Administración, ou polo menos iso é o que di a lei 6/1984 pola que se regula a figura do propio Valedor.
Curiosamente o Valedor non admitiu a miña reclamación; segundo el en virtude da lei 6/1984. Paradoxos lexislativos!.

Finalmente, en virtude do dictaminado polo Valedor, xa todos sabemos que cada vez que se diga que o galego é a lingua propia de Galicia (5.1 do Estatuto), temos que, indefectiblemente e a maior gloria da imposición, dicir tamén que o castelán é a (e non unha) lingua oficial (3.1 da Constitución). Pola contra, cando digamos isto último o Valedor non nos insta a acompañalo do primeiro. Segundo o que eu podo enxergar, do que se trata é de baleirar de contido o apartado 5.1 do Estatuto para impoñero único que desde os ámbitos de poder consideran importante, usar o 3.1 da Constitución  para arrasar cos dereitos e a identidade dos pobos que curiosamente temos lingua propia.

venres, 23 de decembro de 2011

O galego do Valedor do Pobo


12 faltas no web en galego do Valedor do Pobo no que se dictan as instrucións  para presentar queixas  por correo electrónico. Unha por cada 20 palabras.
*Nombre, *desea, *iterrogantes, *procedemiento, *a [contracción], *calqueira, *ustede, *instrucción, *usted, *interponer, *correspondiente
Está visto que quen despreza o que ignora, é porque tamén ignora o que despreza
Este exemplo non é máis que unha das moitas demostracións que podemos ver acotío de como o coñecemento da nosa lingua é realmente pobre. Por iso agás que consideremos que a cultura galega simplemente, sobra,  pode defender modelos de ensino que reduzan a súa presencia na escola. A idea subxacente e non declarada, por obscena, é que o galego é prescindible xa que debe ir sempre acompañado dunha tradución ao español, que é o único que realmente serve. Por suposto, o mesmo recurso-web en castelán non padece destes problemas.
O resultado é que temos un Valedor do Pobo que non sería quen de superar os estándares de coñecemento da lingua propios dun neno de 5º de primaria.
Que terá que dicir o Conselleiro de Educación a isto?

xoves, 22 de decembro de 2011

Comunicado de Nova Escola Galega sobre o caso 5.1

Comunicado de Nova Escola Galega solicitando a rectificación do Conselleiro de Educación e do Valedor do Pobo no caso da censura a un libro de texto que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto. Outra pedriña máis para o milladoiro que está sendo o Dosier do caso do libro censurado.

2011.12.20.Comunicado_NEG_5_1

martes, 20 de decembro de 2011

Carta da CGENDL á Presidenta do Parlamento

Carta de Valentina Formoso, coordinadora da CGENDL, á presidenta do Parlamento de Galicia solicitando o cesamento do Valedor do Pobo por incapacidade para realizar as súas funcións con obxectividade e imparcialidade.

Carta á Presidenta do Parlamento de Galicia

luns, 19 de decembro de 2011

O Valedor do Pobo e a lingua propia de Galicia. Posicionamento da CGENDL

Preciso e incontestable posicionamento da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)ante a censura dun libro de texto polo Valedor do Pobo e o Conselleiro de Educación.
A CGENDL tamén invita aos Equipos de Normalización e, como non!, a todos nós, a enviarlle esta queixa a esta dirección do Valedor do Pobo.

Posicionamento público da CGENDL Valedor do Pobo

domingo, 18 de decembro de 2011

Carta ao Valedor do Pobo

por Xoán Costa, en Terra e Tempo:

Sr V. do P.
Santiago de Compostela
Estimado Señor,
Espero que ao recibo da presente goce de boa saúde, prezado ben do que, polo de agora, eu tamén desfruto.
Pois saberá que por aquí se comenta, con fonda preocupación, a súa resolución de 3 de novembro, día de Santo Gaudioso de Tarazona, bispo que chegou a santo pola súa absoluta convicción da inutilidade das crenzas arrianas e polo seu empeño en se desfacer delas.

xoves, 15 de decembro de 2011

Dosier caso do libro censurado

Vou deixar por aquí un dosier do escrito arredor da polémica decisión do Valedor do Pobo, secundada pola Consellería de Educación, de censura dun libro de texto. Só vou comentar unha cousa: que a falsidade é a única vía pola que se pode continuar co ataque á nosa lingua. Mais teñamos en conta que este imperio da mentira promovido desde a Xunta está apoiado en medios de comunicación moi influíntes que actúan sistemáticamente contra a normalización. Por estas razóns a gran maioría das informacións recollidas non veñen dos medios de comunicación pois, ou ben ocultan o problema, ou ben o falsean.

A unidade didáctica que o Valedor do Pobo e o Conselleiro consideran censurable: Tema 4. Coñecemento do Medio. 5º primaria. Vicens Vives.
Texto do Valedor do Pobo recomendando ao Conselleiro de Educación a censura do libro: Resolución do Valedor do Pobo, de 3 de novembro de 2011 relativa a un expediente de queixa sobre o contido dun libro de texto dirixido a escolares de 5º de Primaria en canto á regulación estatutaria das linguas oficiais da Comunidade

Un vigués logra retirar un libro de texto en gallego, (11/12/2011), Atlántico Diario
El Valedor urge a Educación a retirar un libro que obvia que el castellano es lengua oficial, (11/12/2011), Faro de Vigo
A lingua propia de Galicia é o galego, (11/12/2011), ProLingua
A Mesa reclama que o Valedor do Pobo 'explique xa' se é verdade que exixe a retirada dun libro de texto por reproducir o artigo 5.1 do estatuto, (11/12/2011), A Mesa
O Valedor do Pobo pide a retirada dun libro porque pon que o galego é a lingua propia de Galicia, (11/12/2012), Galicia Hoxe
Prolingua e A Mesa piden a dimisión do Valedor, (11/12/2011), Galicia Confidencial
Inmediata resposta da Xunta para rectificar o libro que non di que o español é ingua oficial, (12/12/2011), Galicia Hoxe
A AELG pide a dimisión do Valedor do Pobo, (12/12/2011), AELG
Temos lingua propia, (12/12/2011), CIG-ensino
La lengua propia de Galicia es el gallego en el sentido peyorativo de la palabra, (12/12/2011), O blogue do Carlos Callón
Denunciamos a postura antigalega do Valedor do Pobo, (12/12/2011) , Queremos Galego!
Carta aberta ao señor Conselleiro de Educación, (13/12/2011) , blogue de Xabier Docampo
A protesta que presentei contra o Valedor do Pobo, (13/12/2011), Cabrafanada, blogue de Fran Alonso
Mandeille esta carta por mail ao Valedor do Pobo. Fará caso dos meus consellos?, (13/12/2011), Damián Villaín no facebook
5.1: a verdade revolucionaria, (14/12/2011), Un país en lata, bloogue de Fran P. Lorenzo
Queremos Galego exixe a destitución do Valedor do Pobo e do Conselleiro, (14/12/2011), CIG-ensino
En poucas palabras: a propósito do libro de Vicens Vives, (14/12/2011), Bouvard e Pécuchet, blogue de Manuel Rodríguez Alonso
O caso 'lingua propia', (14/12/2011), por Xosé Manuel González Pérez no facebook
Un centenar de persoas denuncia ante o Valedor unha "caza de bruxas" contra o galego, (15/12/2011), Galicia Hoxe
Concentración de Queremos Galego exixindo o cesamento do Valedor do Pobo, (15/12/2011), canle de Vimeo de Terra e Tempo
Limpieza de sangre y de lengua, (15/12/2011), exemplo de por onde tira a zunia da man de Carlos Luís Rodríguez para El Correo Gallego

Continuarei ampliando esta nota coas novas que se continúen publicando nos vindeiros días:
O Valedor e o desvalimento, (16/12/2011), artigo de Suso de Toro para El País
De fanáticos e radicais, (16/12/2011), artigo de Rafael Cuíña para Galicia Confidencial
"O castelán é a lingua oficial de España", (17/12/2011). O blogue do Carlos Callón
Carta ao Valedor do Pobo, (18/12/2011), por Xoán Costa para Terra e Tempo
Queremos Galego: Cantiga, (18/12/2011), vídeo gravado na concentración do 17/12/2011 contra a postura antigalega do Valedor e o Conselleiro de Educación.
Estranxeiros 5.1, (19/12/2011), por Inma López Silva en La Voz de Galicia
5.1. Lingua propia, (19/12/2011), por Manuel Bragado no Faro de Vigo e no seu blogue Brétemas
O Valedor do Pobo e a lingua propia de Galicia (19/12/2011), posicionamento público da CGENDL
A CIG-ensino presentou hoxe un escrito na Consellería de Educación (19/12/2011), CIG-ensino
Que retiren ao Valedor, (20/12/2011), STEG
Carta á Presidenta do Parlamento, (20/12/2011), da CGENDL solicitando o cese do Valedor
Nova Escola Galega esixe a rectificación do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación, (21/12/2011), comunicado de NEG
Educación cumpre coa legalidade vixente e coa recomendación do Valedor do Pobo respecto do contido dun libro de texto (22/12/2011), comunicado da Consellería de Educación
Vicens Vives xa correxiu o libro de texto sobre a oficialidade dos idiomas, (23/12/2011), El Progreso
O galego do Valedor do Pobo, (23/12/2011), nesta mesma Carta Xeométrica

O libro de Vicens Vives. As mentiras da prensa.

O libro  de Coñecemento do Medio de Vicens Vives de 5º de primaria que o Valedor do Pobo e o Conselleiro de Educación queren censurar porque na páxina 57 indica que a lingua galega é a propia de Galicia, ten este apartado na páxina 56 no que informa que o castelán é a lingua oficial de España. A gran maioría dos medios ocultan e falsean esta información para espallar unha noticia manipulada. 
Velaí a urxente necesidade de medios independentes en galego.


mércores, 14 de decembro de 2011

O libro que queren censurar o Valedor e o Conselleiro de Educación

Segundo o presunto Valedor do Pobo, Benigno López,  os contidos destas páxinas do libro de 5º de primaria conteñen "información inexacta e incompleta, e polo tanto falsa", ademais "non só carece de rigor científico imprescindible nos libros de texto senón que transmite unha información contraria á configuración constitucional e de cooficialidade lingüística como expresión xurídica do bilingüismo". Cómpre lembrar que Benigno López foi un maxistrado coñecido pola súa oposición a usar no seu labor os topónimos galegos a pesar de seren éstes os únicos oficiais. Tamén foi acusado moitas veces pola Mesa de que sistemáticamente obstaculiza as queixas pola vulneración dos dereitos dos galego-falantes e actúa en contra da promoción do uso da nosa lingua.[1, 2, 3, 4, 5, 6 ]
Jesús Vázquez secunda esta opinión, e faino para mandarlle unha mensaxe moi clara ao profesorado: que evite explicar nas súas clases que o artigo 5.1 do Estatuto di que 'a lingua propia de Galicia é o galego', tal e como se indica no libro de texo que se pretende censurar.
 Tamén se pode comprobar que na unidade didáctica, tamén se fala da Constitución, do español, e do Valedor do Pobo do que indica que a súa misión principal é a de 'recoller as queixas dos cidadáns e cidadás sobre as posibles violacións dos seus dereitos e liberdades por parte da Adminsitración'. Pola contra o señor Benigno López insta á Administración a violar os dereitos da cidadanía galega. Velaquí que temos un Valedor e un Conselleiro que non merecían ter aprobado nin 5º de primaria.