Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lectura. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de maio de 2013

Un outro 'Misterio das badaladas'




Poucas veces comento o que facemos no ENDL do meu centro e que pode seguirse no blogue As Ferreiras, pero desta vez non o din resistido. Xabier Docampo estivo  no centro para inaugurar unha aula co seu nome, a de 1ºB. O alumnado dese grupo quixo ademais agasallalo cun álbum ilustrado realizado por eles mesmos sobre o libro O misterio das badaladas. O traballo realizado é realmente fermoso, e de seguro que Xabier Docampo desfruta con tanto coma o fixeron os rapaces que o confeccionarion este pasado luns escoitando a envolvente palabra do escritor invitándoos a todos á liberación da lectura.

sábado, 18 de xuño de 2011

Lectura pracenteira

Non ten desperdicio.
De visión imprescindible, sobre todo nestes tempos de desprezo aos verdadeiros promotores do gusto pola lectura nos centros de ensino.



Vía Marlou.

mércores, 15 de decembro de 2010

A decadencia da lectura

por Anxo Tarrío Varela, no Galicia Hoxe:

Podemos concibir unha sociedade dirixida por sistemas electrónicos e informáticos que o cidadán podería utilizar e sobre os que podería influír dun xeito doado, sen necesidade de ningún coñecemento específico. Mesmo haberá sociedades que pasen directamente do analfabetismo máis absoluto ás experiencias cibernéticas sen pasar polo libro.
Pero sen ir tan lonxe, aténdonos ao que poida ocorrer hoxe en día coa literatura, si é certo, como apuntan algúns observadores, críticos e teóricos, que existen fenómenos encamiñados á degradación do feito literario. Así, por exemplo, o negocio editorial, que non se formula ningún tipo de escrúpulos con tal de vender. Mesmo non lle importa nada que non se lea ni que a literatura investigue nos seus propios eidos para avanzar e descubrir novos xeitos de expresión: o caso é vender libros como un produto calquera do mercado. Nisto teñen moito mérito as pequenas editoriais alternativas, máis preocupadas da novidade creativa.
Doutra banda, está o empobrecemento do uso da linguaxe. Non hai que ser ningún experto para se decatar de que cada vez se utilizan menos palabras para a comunicación interpersoal. A serie de tics e de anacolutos que se detectan hoxe, non só na xuventude, é moi indicativo disto.
Os medios de comunicación teñen a súa boa parte de responsabilidade, ao non fomentar suficientemente unha crítica seria, coherente, en fin, profesional. Aquí en Galicia, dende logo estamos moi en precario neste sentido. Tamén a crítica académica ten a súa parte de responsabilidade, fomentando análises literarias nas que a sensibilidade é o que menos conta e todo o referido á dimensión estética da arte, moi en especial a literatura, mírase cunha certa desconfianza, e mesmo moqueo, elaborando en troques teorías cada vez máis requintadas que, se en principio son necesarias para a investigación do fenómeno literario, non o son tanto na función docente, na aula, entendida, non só, pero tamén como incitación á lectura.
Doutra banda está a condición pasiva do individuo occidental, respecto da súa vida cotiá. A nosa civilización vaise convertendo nunha cultura de espectadores, de consumidores de espectáculo. E a pasividade é incompatíbel coa función lectora, que esixe unha cooperación co texto. Umberto Eco dicía que o texto é un mecanismo preguiceiro que necesita da colaboración do lector para poñerse en marcha. Se non existe esa vocación de cooperación, o texto fica estantío e improdutivo.
Pero ¿que lle imos facer?, como di Pereira na novela de Antonio Tabucchi. Existe unha aporía difícil de superar: o progreso e a democracia parecen levar indefectiblemente ao consumismo e á liberdade. A propia dinámica do primeiro é de esperar que desemboque nunha saturación clamante por un minimalismo selectivo e racional. Pero é unha mágoa que no exercicio da liberdade haxa quen renuncie ao pracer da lectura, un goce que para alcanzalo necesita tempo e dedicación, porque a iniciación conleva sempre un custo de traballo e mesmo de sacrificio. Canto máis se le, máis gusta ler, pero canto menos un le menos interese pon pola literatura, chegando mesmo a denigrar dogmaticamente dela sen coñecela nin terlle dado unha oportunidade. E nestas estamos.