Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta ILG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ILG. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de xaneiro de 2025

Apelidos galegos, nomes galegos


 No ano 2016 a RAG publicara "Os apelidos en galego: orientacións para a súa normalización" con 1500 referencias. Agora acaba de presentar unha nova ferramenta en liña con máis de 6000 apelidos que, afirman, abranguen a máis do 95% da poboación galega. Trátase da Guía de apelidos galegos, unha ferramenta que ten o claro obxectivo de restaurar os apelidos bárbaramente castelanizados. A plataforma ofrece un informe do Seminario de Onomástica da RAG acreditando a forma oficial do apelido (ver imaxe de abaixo a modo de exemplo). O coñecemento dos apelidos pódese ampliar desde outro portal, o da Cartografía dos apelidos de Galicia, un proxecto do ILG.

Non é esta a única ferramenta sobre onomástica. No ano 2022 xa publicara a Guía de nomes galegos, que tamén é accesible nunha plataforma específica que ademais contén información sobre cada nome como é a súa distribución xeográfica. 


luns, 23 de setembro de 2024

Elisa Fernández Rei: "É un consenso que o decreto do plurilingüismo foi moi perxudicial para o galego nas escolas "


Nós Tv entrevis á directora do ILG, Elisa Fernández Rei nunha serie que está realizando esta canle sobre o debate sobre o papel do PXNL no seu XX aniversario. En concreto ábrese este debate pola 

" intención de actualizar o PXNL por parte da Administración foi anunciada en sede parlamentaria polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, no mes de maio deste 2024. Este anuncio recibíuse con escepticismo polo PSdeG e o BNG ao considerar que o Goberno do PP nestes 20 anos non desenvolveu ese mesmo PXNL."

venres, 31 de maio de 2024

Ramón Lorenzo: esa lei en contra do galego é espantosa


Entrevista de Yolanda Castaño a Ramón Lorenzo, dentro dunha serie de entrevistas a membros da RAG.
Ramón Lorenzo lembra o capítulo de cando se permitira examinar de catalán e o vasco na selectividade pero non de galego. Solicitoulle ao rector a introdución da lingua galega na selectividade pero este respondeulle que: "si aún fuese el inglés! Pero el gallego...". Daquela Ramón Lorenzo dirixiuse ao profesorado de secundaria, que tamén se posicionou en contra. Finalmente presionou ao conselleiro de educación do momento ameazando con armar un escándalo se continuaba prohibíndose o exame de lingua na selectividade.
"Se nós tivésemos un goberno que defendese que a lingua de Galicia é o galego,  ... co que estudásemos castelán como lingua secundaria,, pero non como primaria... pero a política lingüística que levaron estes gobernos foi apoio ao castelán e en contra do galego" (min 22:07)

Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Lorenzo é un dos maiores especialistas no galego medieval e as súas transformacións ao longo da historia deica se converter nunha lingua de seu. As súas obras 'Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla', 'Crónica Troiana' e 'Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices' contribuíron a iluminar e comprender a situación do galego na Idade Media e as súas diferentes etapas evolutivas. Participou, así mesmo, na creación e promoción de entidades clave na consolidación do galego moderno, nomeadamente o Instituto da Lingua Galega (ILG-USC).

martes, 25 de xuño de 2019

O forno da fala

O forno da fala é o blogue que crearon no IES Francisco Daviña Rey ( Monforte de Lemos) dentro do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolvido polo ILG en colaboración co Centro de Linguística da Universidade do Porto. Este programa é un dos que forman ese totum revolutum que é o plan Proxecta.
 O alumnado recolleu ao longo do curso o léxico relacionado co pan, xunto a refráns, cantigas e diversas cuestións etnográficas arredor desta temática.
Como cada un tira polo seu, recollo un dos traballos dese blogue relacionado coas medidas.





mércores, 27 de abril de 2016

VI volume do Atlas Lingüístico Galego



O 13 de abril presentouse o VI tomo do Atlas Lingüístico Galego, centrado nas variedades xeográficas da lingua vencelladas, directa ou indirectamente, coa terra como espazo natural e coas plantas e árbores. Se recollo hoxe a nova é porque batín con este vídeo de Nós TV no que entrevistan ao coodinador deste ciclópeo proxecto, Francisco Fernández Rei, no que explica moi claramente as características principais, tanto deste tomo, como dos futuros ou do conxunto do Atlas Lingüístico.
Máis información nesta nota do ILG


luns, 11 de maio de 2015

Decreto Filgueira



Documental de Ozo Perozo para a AGAL centrado na historia da normativización entre os anos 1971 e 1982. Conta coa intervención de moitos dos protagonistas deste debate así como a de historiadores que aportan a súa visión sobre o proceso que levou á actual normativa da nosa lingua: Xosé Luís Barreiro Rivas, Elvira Souto, Isaac Alonso Estraviz, Francisco Fernández Rei, José Luís Rodríguez, Maria Xosé Queizán, José Luís do Pico Orjais, Francisco Rodríguez, Tiago Peres Gonçalves, Uxío-Breogán Diéguez e Carlos Velasco.

venres, 15 de novembro de 2013

A terceira póla





Como o Instituto da Lingua Galega (USC) organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa, o simposio Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, no que se analizarán a construción e as características da raia como fronteira, tamén lingüística, pareceume un bo momento para traer aquí estes documentais de Rubén Pardiñas do ano 2008, no quese fai referencia a ese illado val estremeño, o Val de Xálima, onde unha comunidade de 5000 habitantes mantén viva unha variedade de galego-portugués.

xoves, 26 de setembro de 2013

AMPER: as melodías do galego

O AMPER é un proxecto de ámbito internacional no que colaboran diferentes universidades de Europa e América. A principal finalidade do AMPER é a confección dun atlas prosódico en formato multimedia que se poida poñer a disposición dos usuarios na rede.
Dito atlas está formado por unha serie de mapas falantes que permiten escoitar a entoación das diferentes modalidades oracionais para establecer comparacións entre as diferentes variedades lingüísticas románicas.
Para coñecer mellor este proxecto que en Galicia está sustenado polo ILG, pódese consultar a presentación que se fai del no propio portal de AMPER

xoves, 30 de maio de 2013

Língua galega e Cia, Sociedade Limitada

por Henrique Egea Lapina, no Terra e Tempo:


Para continuar com a análise da colonização do nosso país [já falei na memória histórica e em aspectos do dia a dia] não podo resistir-me a tratar o controvertido tema da língua pois, nos últimos tempos, venhem acumulando-se diversos feitos deste sector (o culebrão da RAG., as queixas dos editores, as mudanças de opção lingüística de alguns autores, a proposta de legislativa popular Paz Andrade...)

xoves, 24 de maio de 2012

''Non hai razóns para que a gheada non se use na TVG''

entrevista a Xosé Luis Regueira, no Dioivo:

Xosé Luís Regueira ingresará oficialmente o próximo 2 de xuño na Real Academia Galega cun discurso titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI. O filólogo e catedrático da Facultade de Filoloxía de Santiago, que entrará na Rúa Tabernas para ocupar a vacante de Olga Gallego, é un destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos da lingua galega. Autor de varias obras sobre lingüística galega e secretario do Instituto da Lingua Galega (ILG), Regueira foi responsable de Os sons da lingua e do Dicionario de pronuncia da lingua galega. Dioivo aproveita a ocasión para realizarlle unha ampla entrevista.
O seu discurso tratará sobre a oralidade do galego. Que conclusións poderemos achar nel?
Os discursos de ingreso son protocolarios, van ligados a un acto formal. Realmente non se pode condensar nel grandes conclusións, pero pódense aproveitar para dicir unha serie de cousas. Neste caso concreto, podemos atopar unha serie de reflexións que van dende a oralidade primaria até a oralidade dos medios como a radio ou a televisión. E por outra banda, están todas as novas vías de comunicación na rede.

mércores, 31 de agosto de 2011

Dicionario de pronuncia

Ven de presentarse un dicionario de pronuncia impulsado polo ILG e dispoñible na rede. 
A pronuncia e as transcricións deste dicionario pretenden representar o galego estándar nun rexistro formal, cun ritmo algo máis lento ca o da fala normal.
Eu invítovos a que fagades unha proba que propoñía a profesora Pilar García Negro. Pensade na palabra 'conexo', e despois, facendo uso deste dicionario, comproba como soa. 

domingo, 28 de agosto de 2011

Entrevistas a Rosario Álvarez na TVG

Entrevista a Rosario Álvarez, directora do ILG, no programa Bos Días o 16/06/2011:
null

Entrevista a Rosario Álvarez no programa Bos Días o 28/07/2011:
null

luns, 25 de xullo de 2011

Cara e cruz das medallas galegas

por Xulián Maure, no Xornal:


Este vello Reino de Galicia, que, segundo as estatísticas oficiais dos últimos quince anos, no seu movemento vexetativo vén perdendo máis de sete mil nativos por ano, celebra hoxe o Día da Patria cunha serie de actos, cerimonias e festexos. Este ano, o presidente da Xunta e outros servidores públicos que temos decidiron distinguir coa Medalla de Galicia o Instituto da Lingua Galega e o profesor Ángel María Carracedo Álvarez.
As caras destas dúas medallas non poden ser máis dignas de celebración e recoñecemento colectivos. Todos os habitantes de Galicia podemos sentir orgullo e maior estima despois dos 40 anos de traballo arreo do Instituto da Lingua Galega, que levou o noso idioma ós máis altos niveis dos estudos lingüísticos e promoveu a produción masiva de instrumentos de aprendizaxe da nosa lingua, mediante o asesoramento xeneroso a investigadores, escritores e editores.
Todos os habitantes de Galicia somos e podemos sentirnos máis universais como galegos ó sabermos que o profesor Carracedo, na vangarda da xenómica clínica, dirixe un equipo internacional no que traballan centos de investigadores pertencentes a dezaseis nacionalidades.
Este profesor é o mesmo que apadriña unha promoción de alumnos da universidade da capital de Galicia; é o mesmo que vai de pregoeiro na I Festa Celta de Santa Comba; o mesmo que dá unha conferencia e comparte ­unha cea no Instituto de Estudos Miñoranos. Este galego universal, doutor honoris causa por varias universidades, e o Instituto da Lingua Galega pertencen á cara máis fermosa simbolizada na mellor medalla institucional e pública que poidamos outorgar os galegos.
Outra cousa é a cruz das nosas medallas nestes últimos anos. Os criados públicos que escollemos os galegos e que Galicia contratou para este cuadrienio non saben o que é a fidelidade ó noso.
Prepotentes na súa ignorancia lingüística negan nos primeiros anos da escola a unión entre a nosa lingua, as ciencias e matemáticas, tan compatibles na mente do profesor Carracedo. Cun decreto de falso plurilingüismo desprezan 40 anos de traballo de mestres, artistas, escritores, tradutores, xornalistas e investigadores que tiñan e seguen tendo o Instituto da Lingua Galega como referencia segura da nosa lingua.
Esta cruz dos negativistas do noso patrimonio, que tan destemidamente denunciou o escritor galego e universal, Agustín Fernández Paz, é un coitelo envelenado para todos aqueles que queremos celebrar co ILGA e con Carracedo este Día da Patria coa esperanza de que nesta terra naza e medre xente nova sen que teñan que renunciar á propia fala deste vello Reino de Galicia

xoves, 2 de xuño de 2011

No ILG posicionámonos contra o Decreto pois "podería parecer que 'quen cala, consente'"

Miguel Rodríguez Fernández entrevista a Rosario Álvarez,  directora do ILG, no Cartafol da USC. Na última pregunta faise referencia ao escrito enviado polo ILG no mes de xaneiro do 2010, rexeitando as bases do decreto. Tamén se fala do Atlas Lingüístico, das normativas e de prexuízos.


Rosario Álvarez é a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), que neste 2011 celebra o corenta aniversario da súa creación. Case medio século de traballo e investigación pola lingua galega imprescindibles para coñecermos mellor o elemento máis sensible da nosa identidade: o galego. Neste entrevista a actual directora do ILG falaranos do traballo desenvolvido nestes 40 anos e dos retos presentes e futuros deste instituto de investigación.


Van aló 40 anos dende que se creaba en Compostela o Instituto da Lingua Galega. Como mudou o ILG ao longo de case medio século de existencia?

Mudou moito como consecuencia dun proceso de consolidación: asentouse como un espazo referente de investigación e mellorou cuantitativa e cualitativamente. Ampliamos o número de membros e diversificamos as figuras profesionais que traballan no instituto, xa que partimos dun núcleo de media ducia aló por 1971 e agora andamos polos 70 membros. Ademais melloramos tamén as infraestruturas. O ILG creouse nun faiado da Facultade de Historia que pertencía ao Departamento de Filoloxía Románica, e logo de pasarmos por Mazarelos, dende o ano 84 ocupamos a casa de López Ferreiro. Esta mellora das infraestruturas redundou nunha mellora do traballo realizado e ademais supuxo o recoñecemento por parte da USC do labor levado adiante polo ILG.

Está todo feito ou aínda queda moito por investigar?

Queda moitísimo! Oxalá puideramos dicir que estamos preto de ter todo investigado, pero o traballo de tipo filolóxico ou humanístico non remata nunca. De todos os xeitos cómpre facer un balance positivo, porque todo o coñecemento que temos da realidade do galego e da súa historia era inimaxinable hai 40 anos. Os que estamos no ILG pode ser que non o percibamos tan ben, mais os que están fóra e o ven con outra perspectiva, asómbranse da capacidade de facer algo que noutras sociedades se tardou dous séculos en conseguir. Non debemos ser fachendosos, pero é así.

Cal das súas áreas de investigación tivo un maior desenvolvemento ao longo destes anos?

Non creo que poida mencionar só unha área concreta, a nós interésanos todo. Somos un centro de referencia en xeografía lingüística e un exemplo diso é o Atlas Lingüístico, sen o cal o proceso de estandarización sería moi diferente. Para elaboralo foi preciso un traballo de campo que fai que hoxe teñamos 8000 gravacións de falantes. Eu non coñezo ningún outro centro de investigación con esta cantidade de material. Outra liña fundamental é a investigación do galego medieval, tanto no tratamento dos datos lingüísticos como na edición de textos, que se ve reflectida a través do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG). Outra das áreas importantes é a onomástica, cuxos traballos están moi vencellados ás orixes do Instituto. Por suposto tamén debemos salientar o traballo de estandarización da gramática, no que cooperamos coa Real Academia Galega, que é a responsable última de aprobar as normas.

En que novos proxectos se está a traballar dende o ILG arestora?

Un deles é o proxecto do Tesouro de Léxico Patrimonial, feito a partir das enquisas de falantes. Con el pretendemos xuntar todo o léxico que temos na nosa base de datos, extraído de gravacións, teses, memorias de licenciatura… Deste xeito imos ofrecer a posibilidade de localizar onde se di cada unha das variantes en Galicia, Portugal e Brasil. É un proxecto moi ambicioso, que ideamos nós e no que está traballando xa o comité galego, o comité portugués, que conta en Coimbra e Lisboa con nove investigadores, e unha rede brasileira de 49 investigadores distribuídos por todas as rexións de Brasil. Interésanos coñecer cales son os vías de penetración do galego no Brasil porque hai palabras empregadas aló que pensan que teñen orixe amerindia e realmente son galegas ou do norte de Portugal.
Estamos traballando tamén no Atlas Prosódico, como parte do proxecto chamado Atlas Multimedia Prosódico de Espazo Románico, no que participan diferentes comités europeos; os comités galego e portugués colaboran para investigar as semellanzas e diferenzas entre a entoación galega e portuguesa. Ademais, aproveitamos a información deste Atlas Prosódico para facer estudos de variación lingüística, de dialectometría. Así, aplicamos os datos do Atlas nunha serie de programas de xeito que reflicten sobre o mapa cales son os puntos de Galicia onde existe maior ou menor similitude atendendo a determinadas variables.
Dentro da sección de sociolingüística están traballando no proceso de codificación do galego dos dous últimos séculos, pero sobre todo do século XX. E finalmente, tamén estamos a desenvolver o dicionario histórico ou odicionario de dicionarios. Son, realmente, moitos proxectos en curso.

Cales son os grandes retos que debe afrontar o ILG de cara ao futuro?

Son moitos os proxectos en curso que hai que rematar. O que pretendemos é dar un salto importante a medio-longo prazo na divulgación dos resultados das nosas investigacións, mellorando o aproveitamento das novas tecnoloxías. Estar á vangarda tecnolóxica foi algo que distinguiu sempre o ILG.

Para parta destas investigacións os propios falantes son a fonte principal. De feito, tedes recollidos testemuños de falantes de case a metade das 3.400 parroquias do país. A mingua do galego nalgunhas zonas dificulta ese traballo de investigación das falas?
Non, o problema para este tipo de investiación non é a perda de falantes, senón que a sociedade mudou moito económica e culturalmente. Hai trinta ou corenta anos, cando comezamos as enquisas polos anos 70, non había un televisor en cada casa. Era moi fácil atopar o informante ideal, máis illado do resto do mundo e cunha vida social máis endogámica, que mantiña os trazos dialectais propios da zona, e agora, esa figura do falante sen contaminar, xa non existe practicamente. De todos os xeitos iso non é un problema para a lingua, xa que os idioma sempre mudan co tempo, e xa ao longo da historia déronse procesos de superioridade dunha variedades dialectais sobre outras. Simplemente, son manías de dialectólogo.

Parte do voso traballo está orientado a coñecer a realidade da lingua e das súas variedades. A diversidade que hai dentro do galego enriquece a nosa lingua? Ponse en valor ou menosprézase?

Por suposto, a variación lingüística é unha riqueza, un valor. Por unha banda,  o feito de que haxa variantes da lingua implica un grao importante de viveza, de instalación social, e por outra banda, cantas máis variantes coñeza alguén para dicir o mesmo, máis destreza ha ter para usar esa lingua.

Socialmente sobre as linguas minorizadas sempre cae unha especie de acusación minusvalorativa, realmente porque as linguas minorizadas están en proceso de estandarización. Mais o certo é que os galegofalantes tenden a pensar que o español é aquilo que está no libro de texto e non se dan conta de que, se en lugar de vivir en Chantada vivisen en Cuenca, tamén habería diferenza entre o que falan e o estándar.

Algunha xente de a pé di que a normativa do galego anda cambiando cada pouco, o cal lles serve de xustificación para non falalo. A que se debe este tipo de impresións que non se dan tanto sobre castelán ou outros idiomas?

Eu creo que se xoga con esa mentira para alimentar os discursos contra o galego. Quen di que non fala galego porque cambia a normativa continuamente podía, logo, quedar nas Bases do ano 1976! Alegan unha escusa inaceptable. O español acaba de cambiar a norma panhispánica e ninguén rachou as vestiduras. Cando eu estudaba, a forma verbal española dio levaba til e antes de rematar os estudos eliminara o til. Ninguén se queixou nin insinuou deixar o castelán por iso. A grafía é unha convención e se non podemos cambiala, apañados estamos.

Cal foi a maior achega que lle fixo á lingua e á sociedade o Instituto logo destes 40 anos?

A contribución ao proceso de estandarización e, polo tanto, a elaboración do Atlas Lingüístico Galego.

Esta estandarización sempre deu lugar á polémica e parece que aínda non se chegou a un consenso total. É posible normalizar unha lingua mentres exista división no ámbito da normativa?

Os problemas dificultan todo, xa sexa na normalización ou na asociación de veciños. A existencia de problemas no tema da normativa axuda ademais a crear unha atmosfera de «nin eles mesmos se estenden» que alimenta esas campañas de desprestixio contra o noso idioma. Houbo momentos nos que a polémica foi dura e deixou moitas feridas e moitos feridos polo camiño, pero en canto miramos ao redor vemos que estes conflitos son habituais. Non houbo procesos de estandarización limpos, sen discusións durante séculos. Pola banda que nos toca, esta polémica creouse cos círculos lusistas e hoxe en día é na lusofonía onde tamén están tendo un conflito coma o noso, pois chegaron a un acordo ortográfico con moitos problemas de configuración que está dando lugar a divisións; a reforma non está sendo doada e se non saen as cousas como deberan, pódese crear unha fractura entre o portugués do Brasil e o portugués europeo. Nos procesos de estandarización do catalán e o italiano tamén pasou algo polo estilo, así que o problema normativo non é algo que teñamos só os galegos, como moita xente pensa.

O ILG non acostuma tomar posicionamento en cuestións de carácter político ou institucional. Porén si que o fixo no caso do Decreto do plurilingüismo. Por que?

Non acostumamos saír á escena política porque o noso cometido é outro,  mais isto non quere dicir que sexamos indiferentes: traballamos nunha liña que deixa inequivocamente clara a nosa posición co galego. Naquel momento había unha contestación social moi forte e cremos axeitado fixar posición aínda que só fose excepcionalmente; onda non, podería parecer que «quen cala consente».