 |
web do Concello do Carballiño |
Segundo os últimos datos ofrecidos polo IGE sobre o uso da lingua galega
o concello do Carballiño está no posto 243 (de 315) dos concellos con máis falantes de galego, isto é, pertence ao grupo do 25% dos concellos nos que menos galego se fala. Eses mesmos datos revelan que entre os anos 2001 e 2011 a tendencia foi de diminución dos galegofalantes cunha redución que se cifra no 14,31% .
Para máis inri desde as dependencias municipais faise todo o posible para desprestixiar a lingua galega. Eis o caso da consulta feita desde a alcaldía do concello sobre a presunta palabra
*pulpo que só serviu para o que se pretendía: tirar pedras contra a lingua e a súa normalización. Despois de montado o escándalo nos medios, e de que a
RAG lle respondera que
polbo é a voz galega, e que polo tanto é a única que debería empregar calquera organismo oficial, o concello do Carballiño continuou a desprestixiar o uso da lingua galega insistindo e promocionando unha festa que debería ser motivo de celebración de todos os veciños pero que hoxe é unha das máis grandes vergoñas para todo o pobo galego.
Outros capítulos vergoñentos protagonizados polo mesmo alcalde foron a contratación do
servizo de atención tributaria a unha empresa madrileña que
se negaba a atender aos veciños en galego, a inauguración das luces deste nadal cun
cartel luminoso en castelán na fachada da casa consistorial. Capítulo aparte merecería a sinalización municipal. Hai ben pouco que estiven no Carballiño e revolve as tripas ver o maltrato da lingua nas sinalizacións de responsabilidade do concello. Claro que a ningún visitante avisado lle debería estrañar estas ofensas pois basta con entrar no web oficial municipal para sentir como che asalta o desprezo desde a pantalla do computador. Ten versión en galego, pero trátase dunha mala tradución duns contidos que foron introducidos orixinalmente en castelán e despois pasados sen moito xeito por un tradutor automático. É iso o que merecen os veciños do Carballiño?. Aos habitantes deste concello deberíalles doer na alma que cando alguén quer
referirse ao desprezo pola lingua tome como exemplo o caso carballinés.
Os Reis Meigos
Con toda esta carga ao lombo o alcalde Marnotes quixo botar fóra o desprestixio que lle está custando manter un ataque tan directo contra a lingua galega. Así que con todos os fuciños do mundo, emborcou
unha nota no portal web do concello na que pouco lle falta para reivindicarse como un dos inventores da normalización lingüística.
O primeiro que chama a atención é o titular:
O último traballo do IGE recolle que O Carballiño é das zonas de onde máis se fala o Galego. Como se comentou, é unha enorme mentira. Aprovéitanse dun resultado da comarca do Carballiño-O Ribeiro, referido a un conxunto de 19 concellos, na que si
houbo un incremento do uso do galego (un 4,3%) pero que seguramente se deba máis ben a un fenómeno de abandono do territorio por parte da xente máis nova no período ao que se refire os resultados do IGE. Basta con botarlle un repaso ás comarcas nas que os datos para a lingua galega son mellores e comprobamos que coinciden coas áreas económicamente máis deprimidas.
O contido da nota é deprimente:
"O Carballiño é das zona de Galicia onde máis se fala ao Galego. De feito é a cuarta comarca con máis galegos parlantes" [os erros non son meus, é a característica esencial da versión en galego do web carballino.org]. E cales son os méritos que se auto-atribúe o equipo de goberno? Pois sobre todo o de estar apuntados na Rede de Dinamización Lingüística (RDL), o fracasado invento da Secretaría Xeral de Política Lingüística co que eliminou os SNL dos concellos. Agora toda a política lingüística a nivel municipal céntrase en acoller dúas ou tres actividades anuais como unha sesión de títeres ou unha actuación musical. Así concellos cumpridores coa RDL como o do Carballiño gábanse de ter un listado de actividades que engaiolan aos seus conveciños de tal forma que non lles queda outra que ser activos galegofalantes [nota: presuntamente este listado está en galego]:
- CARTA DOS REIS MEIGOS.
- MARCAPÁGINAS SOBRE VALENTÍN PAZ ANDRADE, tamén unha Gincana
- 'A NENA E Ou GRILLO'
- CONMEMORACIÓN DO 150 ANIVERSARIO DE CANTAR GALEGOS DE ROSALÍA DE CASTRO: marcapáginas
- TALLER DE CONSTRUCIÓN DE JUGUETES TRADICIONAIS
Ou se o preferides en castelán (por iso do equilibrio das linguas):
- TALLER LETRAS EN LA CUERDA. NAVIDAD EN SON GALLEGO. CUANTA O VIENTO [se alguén dá descifrado isto, por favor, que mo conte]un taller donde cada quien aprende a fabricar sus propios juguetes
- GALLEGO DE CINE
- Además de los cursos de lengua y otras actividades transversales
E por último unha actividade en bilingüe [pois así consta nas dúas versións: galego e castelán]