Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xulián Maure. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xulián Maure. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de abril de 2015

Bivir

por Xulián Maure nas Voces de Prolingua:


Hai uns días que Oliver Sacks nos agasallou a todos os seres humanos cunha carta de despedida confesando que “por riba de todo fun un ser sensible, un animal pensante neste fermoso planeta”. Esta carta faime pensar na importancia e función social das persoas que consideramos modelos dignos de imitación; organismos humanos que fan evolucionar as colectividades que poboamos os distintos recunchos deste planeta.

domingo, 14 de abril de 2013

Reivindicación grafías 'ñ' e'll' como galegas, antes que españolas

Neste traballo de Xulián Maure, que transcribe os dous primeiros textos medievais que fan referencia a igrexa de Santa María de Baiona. Remata este traballo analizando as letras 'ñ' e 'll' como patrimonio da grafía galega desde a Idade Media (1274 e 1319).
Podemos ler o seguinte polémico parágrafo no traballo:
 Para os que padecen militancia a ortográfica e converteron a ortografía, un instrumento de comunicación colectivo, nunha especie de sistema de graffitis para reforzar a identidade do seu grupo ou manter a súa presenza social, pouco valor pode ter saber que o que rexeitan como alleo naceu hai máis de setecentos anos nesta nosa terra.


Vía Insituto de Estudos Miñoranos

luns, 25 de xullo de 2011

Cara e cruz das medallas galegas

por Xulián Maure, no Xornal:


Este vello Reino de Galicia, que, segundo as estatísticas oficiais dos últimos quince anos, no seu movemento vexetativo vén perdendo máis de sete mil nativos por ano, celebra hoxe o Día da Patria cunha serie de actos, cerimonias e festexos. Este ano, o presidente da Xunta e outros servidores públicos que temos decidiron distinguir coa Medalla de Galicia o Instituto da Lingua Galega e o profesor Ángel María Carracedo Álvarez.
As caras destas dúas medallas non poden ser máis dignas de celebración e recoñecemento colectivos. Todos os habitantes de Galicia podemos sentir orgullo e maior estima despois dos 40 anos de traballo arreo do Instituto da Lingua Galega, que levou o noso idioma ós máis altos niveis dos estudos lingüísticos e promoveu a produción masiva de instrumentos de aprendizaxe da nosa lingua, mediante o asesoramento xeneroso a investigadores, escritores e editores.
Todos os habitantes de Galicia somos e podemos sentirnos máis universais como galegos ó sabermos que o profesor Carracedo, na vangarda da xenómica clínica, dirixe un equipo internacional no que traballan centos de investigadores pertencentes a dezaseis nacionalidades.
Este profesor é o mesmo que apadriña unha promoción de alumnos da universidade da capital de Galicia; é o mesmo que vai de pregoeiro na I Festa Celta de Santa Comba; o mesmo que dá unha conferencia e comparte ­unha cea no Instituto de Estudos Miñoranos. Este galego universal, doutor honoris causa por varias universidades, e o Instituto da Lingua Galega pertencen á cara máis fermosa simbolizada na mellor medalla institucional e pública que poidamos outorgar os galegos.
Outra cousa é a cruz das nosas medallas nestes últimos anos. Os criados públicos que escollemos os galegos e que Galicia contratou para este cuadrienio non saben o que é a fidelidade ó noso.
Prepotentes na súa ignorancia lingüística negan nos primeiros anos da escola a unión entre a nosa lingua, as ciencias e matemáticas, tan compatibles na mente do profesor Carracedo. Cun decreto de falso plurilingüismo desprezan 40 anos de traballo de mestres, artistas, escritores, tradutores, xornalistas e investigadores que tiñan e seguen tendo o Instituto da Lingua Galega como referencia segura da nosa lingua.
Esta cruz dos negativistas do noso patrimonio, que tan destemidamente denunciou o escritor galego e universal, Agustín Fernández Paz, é un coitelo envelenado para todos aqueles que queremos celebrar co ILGA e con Carracedo este Día da Patria coa esperanza de que nesta terra naza e medre xente nova sen que teñan que renunciar á propia fala deste vello Reino de Galicia

venres, 19 de novembro de 2010

As vacalouras do PP

Estaba escribindo un post sobre libros de matemáticas e tentoume o buscador. Puxen "colectivo vacaloura" e apareceume este artigo publicado o pasado domingo que, polo título, pasáraseme completamente desapercibido. Sería unha pena non recollelo porque trata precisamente os tópicos que son a razón de existir deste blogue.
Por Xulián Maure, filólogo e profesor,  o 15/11/2010,  no Xornal:

Vulnerable é a situación dada existencia en Galicia do coleóptero máis grande de Europa, o lucanus cervus. Así está clasificado na páxina 196 da obra que leva por título Estratexia Galega para a Conservación e Uso Sostible da Biodiversidade, publicada en 2003 pola Xunta de Galicia, que tamén ofrece a versión dixital en http://www.siam-cma.org/.
Escornabois ou vacaloura son os nomes máis populares na nosa lingua deste impresionante insecto. Xa non se ven moitos, e menos en vilas e cidades, pero aínda non é unha especie extinta, nin se considera en perigo de extinción. Está na categoría de vulnerable, suficiente
para que a Xunta de Galicia de 2003, a de D. Manuel Fraga, recente e discutido Premio Otero Pedrayo, estivese daquela preocupada por manter a biodiversidade e protexer as vacalouras que quedan nesta terra.
En 1979, hai agora trinta e un anos, editei o primeiro libro, non só de Europa senón do mundo enteiro, dedicado ó ensino das matemáticas en lingua galega. Os seus autores eran profesores universitarios e de secundaria, agrupados no «Colectivo Vacaloura».
Moitos alumnos de Galicia puideron estudar por primeira vez as matemáticas
en lingua galega. Estes alumnos –tanto os castelán falantes como os galego falantes– hoxe son persoas adultas e profesionais en distintas áreas; algúns deles son novos profesores de matemáticas. Consuelo Romón, unha das autoras do «Colectivo Vacaloura», a quen dedico este artigo, profesora dun instituto vigués, recorda como lle aprendeu as matemáticas en galego a quen hoxe é profesor de física matemática na universidade de Xenebra. Ten que ser para ela unha grande satisfacción escoitar a Marcos Mariño na recente entrevista recollida en http://vimeo.com/12073808falando da lingua materna como lingua da ciencia.
Non se entende como o mesmo partido, que en 2003 defende a biodiversidade como unha manifestación da natureza, en 2010 persigue a diversidade lingüística prohibindo e destruíndo os libros de matemáticas en lingua galega. ¿Cómo é posible tanta ignorancia na actual Xunta do PP? Xa hai máis de cen anos que Darwin na súa obra The Descent of Man (http://darwin-online.org.uk/contents.html) escribía:“É un feito moi notable e moi curioso ó mesmo tempo que as causas que explican a formación das diferentes linguas explican tamén a das distintas especies e constitúen as probas de que ambas veñen dun proceso gradual tan curioso como exacto”.É tan natural que as vacalouras habiten as carballeiras de Galicia como que a mocidade galega use a súa lingua para os novos coñecementos matemáticos e científicos.
Pode que o presidente da Xunta de Galicia, o conselleiro de Educación e o secretario Xeral de Política Lingüística consigan mostrarlles ós seus netos unha vacaloura dentro de vinte ou trinta anos, pero como non cambien o seu decreto anti natura contra a lingua galega o que van ver os seus netos será “un ciervo volante” ou simplemente un "bicho repugnante".