Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Audiovisual. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Audiovisual. Amosar todas as publicacións

domingo, 17 de decembro de 2023

A Xunta patrocina a exclusión do galego nos novos proxectos audiovisuais


Neste anuncio da SXPL dáselle publicidade ao Conecta LAB da Asociación audiovisual CREA pois ten patrocinio da Xunta e da Deputación de Pontevedra. Alí infórmasenos de que

Os seis proxectos que participarán na nova entrega do laboratorio de CREA serán elixidos entre as máis de 200 propostas recibidas, das que un 40% están asinadas por mulleres e un 30% son en lingua galega.

 Isto é, dos participantes, un 30% están en galego. Dos 6 proxectos escollidos non se di nada, quizais ningún sexa en galego. Esta é a promoción que fai a SXPL da lingua galega. Non, non me estou equivocando de organismo, a nova aparece no portal da SXPL que presuntamente debería dedicarse a iso da normalización. O que vemos é que se dedica á destrución da presenza da lingua por todas partes. Pero isto non é todo, aínda hai máis.

Se un quer informarse máis, no propio portal do Conecta LAB, verá que lle aparecerá unha páxina na que o galego está excluído. En segundo lugar, nas bases do proxecto vemos que nestes proxectos audiovisuais o da lingua é o que menos importa pois que o proxecto se desenvolva en galego, non conta para nada. Velaquí o único punto onde aparece algo que teña que ver co asunto, puntuarase con 25 puntos (de 100) a relación do proxecto con Galicia e coa lingua galega. Hai que ser un idiota ou un radical anti-galego para non ver a trampa e o desprezo á nosa lingua en toda esta farramallada. Normalización? u-la?

luns, 8 de maio de 2023

A dobraxe en galego, un modelo de normalización


Documental sobre a dobraxe de películas e series de televisión en Galicia que nos guía por sesións de dobraxe en estudios galegos e entrevistas a profesionais do sector. 

O traballo preséntase como unha ferramenta didáctica e normalizadora, válida para todos os públicos e que, ademais de reivindicar os audiovisuais en galego, pon en valor a industria e fomenta a canteira da dobraxe entre as novas xeracións. Iniciativa realizada por RECREA FILMS

venres, 16 de decembro de 2022

Pipocas, os flocos da Mesa

 

Pipocas é un catálogo web elaborado pola Mesa que recolle todos os filmes e series dobradas ou lexendadas á nosa lingua e que redirixe o público ás plataformas na que está cada título. No momento do seu lanzamento, o catálogo recolle máis de 100 títulos. Dende a entidade asegúrase que será actualizado de xeito permanente e solicítase que o público contacte para advertir da ausencia de calquera filme ou serie.
Esta iniciativa lémbranos o portal Flocos.tv da Axencia Audiovisual Galega que a Xunta do PP pechou sen dar ningún tipo de explicación e na que podiamos achar filmes orixinais en aberto. Despois das críticas a Agadic abrira unha mala copia de Flocos, Canle.tv, que non tardou en pechar. Hoxe en día o apoio ao audiovisual galego esváese en autobombo e propaganda. As oportunidades de crear un tecido audiovisual están completamente aniquiladas, e con elas toda política normalizadora asociada.

luns, 16 de maio de 2022

Que non apaguen a túa lingua!


 A Asociación Cultural “Vagalumes”, integrante da Plataforma Queremos Galego!, levará a cabo un acto público sobre a situación do galego e a ameaza que supón a nova lei do audiovisual para profundar na súa exclusión deste ámbito. Intervirá o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística Marcos Maceira. O acto terá lugar ás 20:30 h. na sala MOME da Estrada.

luns, 7 de febreiro de 2022

Crianza en galego... Volver ás orixes. LGx15


Velaquí a intervención da actriz María Vázquez no LGx15 da CTNL. Comeza facendo un repaso dos premios Mestre Mateo ao audiovisual galego. Conclúe que en 19 anos só houbo 6 películas premiadas con versión orixinal en galego. A normalización da lingua galega, u-la?
Despois pasa a relatarnos a súa historia lingüística e lenos unha emotiva carta á súa avoa Plácida, a responsable da transmisión da lingua na súa familia.

 

venres, 18 de xuño de 2021

Xelminovas

Quen siga algo este blogue terá visto algunha vez o telexornal do CPI Os Dices (Rois) que desde hai uns anos lle adican ás letras galegas. Aquí achegamos unha revisión desta idea feita polo alumnado de 1º da ESO do IES Xelmírez I (Santiago), pero chéganos multiplicada por tres. 

Quen está detrás deste enorme proxecto é Alexandra Fisteus. Cando foi compañeira miña no IES Antón Losada (A Estrada), xa osmaba que algunha vez había de soltar ao vento algunha perla coma esta. As súas motivacións son serias e tristes. Comparto parte das mesmas do seu perfil de facebook:

Dos 58 alumnos que tiven este curso en 1º, tan só dous ou tres falan galego fóra das miñas aulas. Así que reforzar a súa competencia oral era un reto e unha prioridade.

 Do primeiro vídeo (arriba) destacaría a conversa con Mercedes Queixas.

 Deste segundo vídeo recomendo especialmente a reportaxe da biblioteca do IES Xelmírez. Creo recordar que alí vin unha primeira edición dun libro de Leonhard Euler. 


Deste último non podedes perder a entrevista que lle fan a Marga do Val sobre Xela Arias.

xoves, 22 de abril de 2021

Outras voces para Xela



A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presenta unha colección de audiovisuais baixo o título Outras voces para as letras de Xela. Trátase dunha serie documental arredor de Xela Arias na que participan escritores como Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar, Raga Lobelle, Carmen Blanco, Xesús Rábade, Lois Pérez ou Claudio Rodríguez Fer. Tamén poderemos ver as achegas de familiaresres como Darío Gil, o seu fillo ou Lois Arias, irmán de Xela 


venres, 16 de abril de 2021

Telexornal Xela Arias


Outro ano máis chéganos o Telexornal das Letras desde o CPI dos Dices (Rois). Desta vez as novas céntranse en Xela Arias. Entrevistan a Manuel Bragado, Chus Nogueira, Ana Romaní, Fran Alonso, Celia Torres, Iria Taibo, Yolanda Castaño e Laura Romero.
Excelente traballo no se se enxerga que a alumna Sara Barreiro será unha excelente presentadora da TVG

 

venres, 26 de marzo de 2021

Amor de nai

 Con esta produción audiovisual, inspirada en tres poesías e catro frases da autora, un grupo de alumnos que cursa o 2º ano do Grao en Educación Primaria pola Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, buscan homenaxear a Xela Arias.

mércores, 15 de xaneiro de 2020

Hablas español



Escacharrante.
Porta dos fundos é unha das máis importantes canles de You Tube do Brasil. Xa que nós non temos un programa de humor que se lle asemelle, teremos que botar man del, neste caso para a refelxión sociolingüística. Nesta peza deron no alvo, e non é a primeira vez.

sábado, 19 de xaneiro de 2019

Cativos na cociña


Cativos na cociña from SIRADELLA FILMS on Vimeo.

Onte ProLingua compartía este vídeo nas RRSS con este acaído comentario:
"un produto audiovisual de innegable calidade que mostra con orgullo e normalidade a realidade lingüística do Grove, alén de tocaren temas como a transmisión interxeracional do idioma ou a integración natural e sen problemas da poboación migrante na nosa cultura e na nosa sociedade."
 Apúntome aos parabéns aos realizadores, Siradella Films, empresa audiovisual do Grove.

sábado, 7 de abril de 2018

Telexornal María Victoria Moreno



Un ano máis chega desde o CPI dos Dices (Rois) o telexornal da figura homenaxeada no Día das Letras, dirixido por Luís Aldegunde. Un gran equipo e un gran resultado.
Supoño que a RAG non tardará en facerlles un contrato indefinido.
Nesta ocasión contan coa intervención dos escritores Xosé Antón Neira Cruz, Montse Pena Presas, Xesús Rábade Paredes, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Susana Sánchez Arines, a profesora da USC Blanca Ana Roig Rechou, e o tradutor Xavier Senín. Non se pode perder.

sábado, 10 de febreiro de 2018

Imaxes de Castelao en Buenos Aires



Filme de 1972 que recolle a presenza do escritor Castelao en Arxentina dende a súa chegada en 1940 ata o seu pasamento. A fita foi un agasallo do reporteiro gráfico Eligio González, de orixe ourensá e emigrado a Bos Aires, que lle ofreceu ao Centro Galego da cidade. Durante anos filmara o escritor en diversas aparicións, que ordea neste filme documental de fondo valor patrimonial. A película foi restaurada polo CGAI en 1995.

martes, 21 de novembro de 2017

Retransmitindo o Vindel


Alumnado galego e portugués realizou o pasado xoves 16 de novembro, Día Mundial do Patrimonio, dúas horas de “radiovisual“ ( termo acuñado por Ponte nas ondas! para denominar as emisión de radio e vídeo ) con motivo da presenza do Pergamiño Vindel en Vigo.
A emisión foi realizada a través do portal Web www.escolasnasondas.com e da Web www.pontenasondas.org mediante Facebook Live.

Vía: Ponte nas ondas

sábado, 10 de xuño de 2017

Films From Galicia (?)


Films From Galicia (_)_BraisRomero from cleventy on Vimeo.

Por unha noticia publicada no dixital Praza Pública entérome de que Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con esta peza que vemos aquí, "Films From Galicia (?)", no que denuncia que o 69% das producións son gravadas en castelán e só o 27% en galego. Isto, denuncia, sucede a pesar que de o fin declarado da AGADIC é "garantir o progremos da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o mpulso do idioma galego".  Móstrase, xa que logo, nesta peza audiovisual, a forma en que o goberno galego actúa para minar a lingua galega: publcítanse declaracións pomposas que se levan como escudo institucional mentres que na práctica real a política lingüística consiste en expulsar ao galego de todos os ámbitos da vida social.
Desenvolverse no mundo audiovisual non é fácil. Require coñecementos especializados e unha infraestrutura complexa. En Galicia carecemos dun soporte para o desenvolvemento audivisual propio. A AGADIC, no canto de desenvolvelo, tira os cartos en foguetes que esconden unha miseria moral noxenta. Lembremos que a primeira iniciativa da era Feijóo foi pechar o exitoso portal Flocos.tv  para, despois de moitas críticas, acabar abrindo unha difunta canle.tv .
Brais Romero tamén foi accésit cun ensaio sobre "O galego no cinema galego", do que recollo algunha das súas conclusións:

 o goberno galego, a través das súas políticas audiovisuais, está a levar a cabo un proceso de lavado do galego mediante un cambio na linguaxe das súas subvencións. A lingua galega, outrora requisito indispensable para acceder a estas axudas, agora é camuflada baixo o concepto “contido cultural galego”, ou variacións deste termo, conseguindo así que, os requisitos sexan máis flexible e permitan deixar de lado o idioma.Rematamos afirmando que existe un autoborrado da lingua, e, por tanto, da identidade, galega, no que participan todos as pezas do sistema cinematográfico galego. Galicia aparece como calquera outro punto do panorama cinematográfico mundial. Desposuído de lingua propia, o cinema galego é substuído por unha cadea industrial de producións no que o que se busca é o éxito financieiro, borrando, se é preciso, lingua e identidade para convertir o filme nun filme globalizado, é dicir, nunfilme branco, onde as posibilidades de identificar un filme como pertencente a unha filmografía nacional sexan as menos posibles.

Máis sobre os premios na Academia Galega do Audiovisual 

luns, 5 de xuño de 2017

Algo pasa en Guitiriz



Un equipo de reporteiros achégase ao instituto para investigar. Pronto descubren que todos, alumnado, profesorado e dirección están implicados no que parece un asunto un tanto turbio. Mellor será que non se entere a prensa.

O vídeo foi realizado nun obradoiro audiovisual con alumnado de 4º ESO do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) dirixido por Cristina de la Torre e Santiago Dans

sábado, 13 de maio de 2017

Telexornal Carlos Casares



Un ano máis chegou o telexornal das Letras desde co CPI de Rois. Ademais, desta volta trae outro agasallo audiovisual, a reportaxe "A miña obra favorita de Carlos Casares"

martes, 22 de novembro de 2016

'O galego non para', desde Chapela



Teño que confesar que cando vin no blogroll que teño aquí á dereita o anuncio do ENDL do IES de Chapela para facer un mannequin challenge, non ventei nada. E iso que os antencedentes xa me tiñan moi avisado: Eu falarei, Celso Emilio, ferreiro das palabras aceirudas, ou TERRA (vídeoclip en lingua de signos).
Increíble, pero volveron a achegarnos unha nova xenialidade. Destaco estas súas palabras:
non estamos dispostos e dispostas a que a nosa lingua se conxele como un obxecto de museo.
Nota mental: cando volva a ver unha nova entrada no Berete, andarei á espreita

domingo, 12 de xuño de 2016

"O poema" de Manuel María


O POEMA from EduPlástica- Luz Beloso on Vimeo.

Outra vez o departamento de plástica do IES As Barxas (Moaña), nesta ocasión cun poema, O poema, de Manuel María.
Vía CGENDL

martes, 26 de abril de 2016

Precisamos a lingua se queremos vencer


Xa o ano pasado Marga Pazos foi protagonista nos Premios Mestre Mateo do 2015 por unha dobre razón. Por recibir o premio á mellor comunicadora, e polo seu discurso na recepción do premio que fóra destacado por ProLingua por amosar o seu compromiso como (re)transmisora da nosa lingua. Na gala deste ano volvimos a escoitarlle un discurso na mesma liña no que recollendo do imaxinario colectivo a impoñente figura de Castelao, e tomando como punto de partida o centenario a súa participación na primeira película de ficción galega, Miss Ledya, comenta:

se cadra, hai cen anos Castelao non podía supoñer que cen anos despois Galicia ía ter o seu propio sector audiovisual...., ou se cadra si. Seguramente si, porque Castelao era un home que tiña fe en nós. En nós como país quen de se erguer e de crer, e de crear. [...]

Temos unha televisión pública que ten como único accionariado os galegos e as galegas. E ao redor de todo isto toda unha industria que xera unha riqueza moi difícil de cuantificar. Eu non sei canto vale a supervivencia dun idioma, dunha cultura, dunha identidade. Como se pode tasar o que vale unha forma de ser, de pensar de vivir, que é o que nos define. Dicíao moi ben Manuel María:

“O idioma idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!”
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Con todo, a lingua parece ser o que menos importa nestes premios. A película que levou case todos, non estaba en galego. Nin tan siquera se sabe de ninguén que a puidera ver en ningún cine en galego. ... Ben, nin esa película nin ningunha outra. 

Máis en Saborea a lingua