Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Lois García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Lois García. Amosar todas as publicacións

sábado, 15 de maio de 2021

Permanecer na conquista da lingua


 por Xosé Lois García, en Nós Diario:

As eleccións autonómicas na Galiza do pasado mes de xullo, abriron un exaltado ambiente para recobrar e conectar cos grandes problemas que tantas veces ficaron cubertos coa nebulosa da indiferencia, ou disimulados polo anticuado sentimento de aceptar os problemas tal como veñen e os vivimos. Deste sentimento morno, de outras épocas, renaceu un innovado pensamento para afrontar os problemas comúns que interesan resolver con un proxecto firme e pragmático, concretándose nas ofertas nacionalistas que o electorado foi capaz de asumir as propostas e as accións dinamizadoras. A evolución do voto nacionalista desas eleccións, marca unha innovadora aritmética no que respecta ao valor cualitativo e cuantitativo. De seis deputados que tiña o nacionalismo pasou a dezanove, naquel histórico día do 12 de xullo de 2020, clarificando o interese de conexión cos problemas nos que está sumido o pobo galego. O crecemento numérico de representación de escanos, mostra que a conciencia nacional na Galiza pasa por un activo crecemento interesante e determinativo no que respecta aos diversos e grandes temas, silenciados e suspendidos, polos que negan progreso e solidariedade en seus actos de desgoberno. Neste contexto, tan complexo e contraditorio, no que respecta a políticas sociais, económicas, culturais e, sobre todo, lingüísticas, polos que pasa o actual e retrógrado escenario político empregado na Galiza dunha maneira omnímoda e asimilista.

 

xoves, 2 de maio de 2019

Omisión nas letras galegas

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:



Os doutos académicos da Real Academia Galega (RAG), continúan reiteradamente asentados na anomalía de non elixir Ricardo Carballo Calero (tamén, Ricardo Carvalho Calero en grafía lusófona), falecido en 1990 e desde 2000 podía ser elixido para a celebración do Día das Letras Galegas, segundo os estatutos da RAG. Mais os chamados preclaros desta institución continúan omitindo un distinguino persoeiro clave na literatura galega. Autor dunha gramática do galego, dunha “Historia da Literatura Galega Contemporánea”. Artífice de poesía, teatro, narrativa, ensaio e numerosas colectáneas. Un creador completo e distinguido, membro numerario da RAG. Só por esta inmensa obra en galego merece a distinción do Día das Letras Galegas, outros autores de menor valía creadora foron homenaxeados. Mais o contubernio académico proliferou contra Carballo Calero, por ser protagonista no alegato de explorar na lingua portuguesa un achegamento do idioma galego ao portugués e tendo como horizonte a lusofonía, como elemento de rescate da orixinalidade lingüística. Pregados na censura, talvez por esta postura, Ricardo Carballo Calero desapareceu dos matices que podía manifestar a RAG. Nunca aclarou o porqué desta omisión, fronte á petición de numerosas persoas das letras e de asociacións culturais que continúan reivindicando o Día das Letras Galegas para Carballo. O que non se pode obviar é a escrita en galego da súa ampla obra, esta é a que se ten que valorar e non cercala co silencio e pecharse no oficioso statu quo da intolerancia. Unha determinación da Academia moi parecida ao secretismo do Sacro Colexio Cardenalicio, sorprendéndonos con incomprendidos misterios.

xoves, 17 de maio de 2018

A nosa lingua, mastro das nosas letras

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

O 17 de maio, “Día das Letras Galegas”, é unha data que confirma identidade e, tamén, respecto polo legado de permanencia no noso idioma. O idioma galego é o noso maior monumento inmaterial que confirma un profundo sentimento que manifesta a maior cimeira do que somos e do que non podemos ser alleos ao que nel expresamos, na palabra como nas letras. A homenaxeada deste ano é María Victoria Moreno (Valencia de Alcántada, 1939-Pontevedra, 2005). Veu a Galiza da longa e tantas veces esquecida Extremadura, a exercer de pedagoga e moi pronto pasou a exercer de galega falante, algo pouco usual naqueles que viñeron co idioma castelán ás costas e que non se desprenderon del, lamentabelmente. María Victoria asumiu o repto e foi unha pedagoga que exerceu de escritora infantil, maioritariamente. Neste caso, percibiu o problema que tiña a nosa lingua no espazo infantil, e fixo valentes esforzos de integrarse a unha realidade moi descoidada polos poderes institucionais. Confirmando o desfase daquelas escolas do antigo réxime, fixo posíbel alertar e alentar a seus alumnos cunha literatura propia. É verdade que ela non foi a iniciadora da literatura infantil galega, pensamos no noso grande Manuel María e en tantos outros. Mais non deixa de ser prodixioso que unha escolante en lingua castelá exercera en galego e, alén da literatura infantil, aportara outras escollas literarias. Non toca outra que recoñecer o seu esforzo e eficiencia, nunha época tiránica en que o ensino estaba vetado para o noso idioma. María Antonia Moreno foi valente e dignificou a fala que falamos. Por tanto fíxose nosa por amor á palabra que sae da nosa lingua e crea literatura. Unha referencia para volver á cal do rego, onde xermina semente verdadeira, e nos ofrenda perenne froito que a recoñecemos na lingua.

xoves, 21 de decembro de 2017

O noso idioma e a infancia

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Fai poucos días que fun mercar un xoguete para ofrecerlle a unha crianza amiga e flipei ao comprobar que todos aqueles xoguetes que tiñan voz e falaban, o facían en castelán e inglés. Mesmo a dependenta da tenda ficou sorprendida cando lle demandei algún exemplar que falase en galego. A señora manifestoume que non fabricaban xoguetes con voz en galego, e que era eu o primeiro en pedilo no noso idioma. O tema alarmoume, en dúas direccións: dous idiomas intrusos a ser difundidos nun territorio que goza dun idioma propio no que nos identificamos a maioría dos galegos -pese ás sufridas deficiencias e atrancos que se lle impoñen-. Trátase dunha imposición en todo regra comezando polos fabricantes, talvez estes non teñan toda a culpa, e si aquelas institucións que teñen a obriga de fomentar e regulamentar o ensino en galego e o xoguete sonoro no noso idioma. Isto non deixa de ser un elemento fundamental, tanto pedagóxico como didáctico que debe responder ás relacións familiares como ás do ensino: instalando as nenas e nenos galegos da nosa comunidade na nosa fala orixinal. Neste caso, a nena en cuestión e a súa familia son falantes en galego, e non puiden cumprimentala cun agasallo das características desexadas.

xoves, 16 de marzo de 2017

No centenario da morte de Eduardo Pondal

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Onte cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917). O poeta e cantor dos celtas, dos bardos, dos pinos, dos castros, da vella Lusitania e reivindicador da nosa fala, finaba aquel 8 de marzo de 1917. Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos, de paixón e dignidade, pola normalización dunha Galiza soberana, erixida e defendida polos galegos. Eduardo Pondal foi consciente de enaltecer o propio e dignificar o noso idioma; na súa poesía a defensa da lingua é constante, e valente a súa mensaxe, como lles lembra ás mociñas da Coruña a falar a nosa lingua: “Miniñas da Cruña, / de amabre despexo, / de falas graciosas / e pasos lixeiros, / deixá de Castela / os duros acentos: / falade miniñas, / falade galego”. Pondal foi un persistente defensor da nosa fala: “Nobre e harmoniosa / fala de Breogán, / fala boa, de fortes e grandes / e grandes sin rival”. Dous apelos necesarios para comprender o compromiso do autor de Queixumes dos pinos, onde alborexa o verbo defensivo dun poeta de compromiso e combate pola fala, que vén a ser unha das credenciais identitarias con que Pondal puxo énfase na reivindicación e defensa do noso idioma.

xoves, 2 de febreiro de 2017

Sempre Castelao

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza


Estamos no mes de Castelao. O 30 de xaneiro de 1886 naceu e o 7 de xaneiro de 1950 faleceu. Dúas efemérides conxuntadas nun mes iniciático que nos envolve arredor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dunha maneira pragmática e na descuberta dunha nación que aínda moitos galegos descoñecen e outros negan, chamada Galiza. Sen Castelao posiblemente non houbese ese segundo Rexurdimento -neste caso, un rexurdir político-patriótico- que se manifesta no intenso legado da obra de Castelao, no que se configuran temarios e abordaxes que contemplan a problemática nacional e social do noso país. Con frecuencia, Castelao é o gran descoñecido para os galegos, refírome a que aínda o seu ideario está exento dun exercicio de lectura que nos faga reflexionar sobre as problemáticas que laceran á sociedade galega mais desprotexida e tamén a unha toma de conciencia nacional. Isto non quere dicir que a imaxe de Castelao sexa descoñecida para os galegos, dado que con frecuencia a vemos nos medios de comunicación, tantas veces terxiversada e dunha maneira superficial e sen contido do que a súa personalidade e obra esixen. Mais a mediocridade histriónica que desgoberna Galiza elixiu ese escenario para ocultar, dunha maneira grotesca, as esencias vivas da ideoloxía nacionalista que emerxeron do ideario de Castelao.

venres, 15 de maio de 2015

O idioma galego, motor da vida plena

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

A poucos días de celebrar o Día das Letras Galegas, convén unha reflexión para considerar o estado actual do monumento mais orixinal que ten o noso pobo, como é o seu idioma que sustenta o herdo e a tradición. Existimos como galegos grazas ao idioma que dimensiona o noso existencialismo. O 17 de maio convértese en manancial reivindicativo para frear a desfeita progresiva que tantos intereses colonialistas revela.

venres, 20 de marzo de 2015

A Divina Comedia en galego

por Xosé Lois García no Sermos Galiza:

Dante Alighieri toma de novo repercusión e autoridade no noso idioma, nunha elaborada edición desas que impactan ao bo lector e que aporta Edicións da Curuxa (2014). De renovada tradución de Darío Xohán Cabana, cunha ampla e profunda introducción, partillada en dúas temáticas: “Vida de Dante” e “A Divina Comedia”, con extensas notas a lado de páxina, creando un ordenamento estético que define a este libro dentro dun cadro espacial moi definido dando rigor e singularidade a unha edición ben pensada e estructurada.

domingo, 8 de setembro de 2013

Emanciparnos na fala

por Xosé Lois García no Sermos Galiza:


Teño un presentimento emocional sobre o galego. A nosa fala continuará emancipando as raiceiras do noso espírito libre que ela inzou e nos ordenou en seu seo e nos pariu. E despois nos aleitou no medio hostil do ruralismo, no que nos conformou comunidade ampliada no común dunha conformidade singular, na que se entronizaron as esencias que orixinaron unha individualidade antropolóxica común, onde a fala se converteu na expresión mais lexíbel dunha comunidade estábel que veu a naturalizar a nosa nación. A propósito, non falamos de atributos ou de subxacencias formativas que emerxeron dunha antropoloxía que confirmou o estar no ser.

luns, 15 de agosto de 2011

A concelleira da Coruña e a normalidade galega

por Xosé Lois García, tamén a voltas coa zunia coruñesa, no Galicia Hoxe:

Lamentábeis e desafortunadas as palabras da concelleira de Cultura do concello da Coruña, en declaracións aos medios informativos sobre temas tan delicados como é a presencia de Galiza en actos culturais e de programar actos con acentos foráneos. Non sei se Ana Fernández patinou de inxenua, de insegura en seu novo oficio, ou mesmo obedecendo ordenes do seu partido en introducir elementos cargados de españolismo. Coido que o mais críbel é a obediencia debida ao consignado pola dereita que representa o seu partido.

Mais o PP recolle a testemuña da confrontación que Paco Vázquez sustentou durante moitos anos en conflictos que debían ser estériles e que el magnificou e agravou. Sabemos que Paco Vázquez non foi imparcial nin apoiou a seu partido nas últimas eleccións municipais, senón apoiando ao candidato do PP, Carlos Negreira que resultou gañador. Por moitos intereses en xogo e prioritariamente por coincidir coa política asimilista e antigalega que o PP ven desenvolvendo en todos eses ámbitos, actuando con eses tentáculos como polbo devorador estrangulando iniciativas orientadas a normalizar un estado de cousas alteradas e manipuladas por esa política castradora do PP.

Ben sabido é como na Coruña as gastan os correlixionarios de Paco Vázquez e seus amiguetes do PP, tan activos en introducir estereotipos españoleiros, como son as touradas e outros símiles que dan creto a ese interese de desarticular e pór atrancos a toda iniciativa que ten un parámetro propio no contexto da nosa idiosincrasia. Pode que nesta dirección apunten as palabras de Ana Fernández e o grave do tema e cando cuestiona que o idioma galego non se entende ou que non chega a todos. Un argumento suicida para o idioma propio de Galiza. Se a concelleira deu a entender isto estamos ante un problema de fondo moi grave, nese desorde producido pola non normalización do que toca ao lingüístico e a outros temarios a normalizar, aos que rexeita a Xunta de Galicia.

Programar cultura para todos”, como di o alcalde Negreira, significa dosificar o castelán por enriba do galego que é o idioma que entenden todos, segundo el. Mais a proporción está desnaturalizada porque o galego é o idioma natural de Galiza e o mesmo acontece coas expresións culturais autóctonas. A ninguén se lle ocorre pensar que, porque haxa unha minoría de turistas estranxeiros ou visitantes na Ópera de Viena teñan que falar o idioma que entende esa minoría e non o alemán. Mais os domesticadores de Galiza, neste momento, apostan por esa vía tan xenerosa cos que nos visitan ou cos que entenden galego. Velaquí o gazapo da confusión que potencian os que apostan polo Estado único e lingua única, encubrindo e negando ás expresións lingüísticas e seu uso que se practica nas diversas nacionalidades ibéricas.

En mi casa se habló gallego de toda la vida”, manifestou Ana Fernández. Constato esta verdade, sobre todo no que respecta a seu pai, Faustino Fernández, o Vilaseco de Chantada, un home que fixo fortuna grazas a seu enorme esforzo xa desde adolescente. Fillo dun carpinteiro emigrante en Cuba, onde el naceu. De casa pobre do lugar de Vilaseco, el teceu esforzo para saír puxante na súa vida de empresario, partindo de cero. O Vilaseco foi un home que nunca esqueceu as súas orixes e sempre falou o galego coas súas xentes e coa súa familia. En Chantada mercou a casa do Marqués de Astorga, un edificio do século XVI que se converteu na Casa da Cultura e facendo doazón do mesmo ao municipio. Deu diñeiro para crear e sustentar a banda de música municipal de Chantada. E, curiosamente, cando en Chantada se creou un comité do PCE ofreceulles un local gratuíto nun dos edificios da súa propiedade, onde os comunistas pernotaron uns cinco anos. Tamén me consta que nunha viaxe a Cuba e vendo que a Praza de Galiza da Habana estaba en mal estado deixou bastante diñeiro para decentala e organizala.

Claro está que a actuación de Faustino Fernández en favor de certos temas galegos non se reflexa na actuación da súa filla. De tódolos xeitos quero pensar que a novísima concelleira actúa desa maneira, tal vez obedecendo consignas de partido. De tódolos xeitos non deixa de ser un comezo conflictivo, nunha cidade sempre receosa, por parte das capas poderosas, a falar galego. O bardo, Eduardo Pondal, clarificou puntualmente este tema, nun dos seus poemas: “Miniñas da Cruña,/ de amabre despexo,/ de falas graciosas/ e pasos lixeiros,/ deixa de Castela/ os duros acentos:/ falade miniñas,/ falade galego”.

mércores, 13 de xullo de 2011

O xermolar de Galicia Hoxe

por Xosé Lois García no Galicia Hoxe:

O comité de expertos do CELRM (Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias), remate de emitir un comunicado sobre a situación do idioma galego e a deturpación que está soportando pola lapidación que a santísima trindade do xuntoiro, Feijoo-Vázquez-Lorenzo veñen mantendo obsesionada obstinación contra calquera manifestación expresiva do idioma nacional de Galiza.
O empeño que se ten posto na Normalización Lingüística e nos proxectos que poñan barreiras a esa degradación tan palpábel que nos ben da propia administración da Xunta, que non cesa en pór atrancos con decretos depredadores e creando confrontacións e inestabilidades a non respectar consensos das verdadeiras entidades con experiencias e con cifras ben desconsoladoras que manifestan que desde a ascensión ao poder de Núñez Feijoo en 2009, o cataclismo que se cerne ao redor do idioma galego non pode ser mais arrepiante.
A confabulación hermética e demagóxica que a Xunta está manifestando, con ousadía interesada de que todo o que ule a identidade o afastan con silencios e decretos, co fin de amparar realidades alleas a nosa idiosincrasia. Neste contencioso, expertos europeos non desminten o que as organizacións galegas que veñen facendo un traballo serio e reivindicativo, como é “A Mesa” e outras entidades da nosa entidade.

O atributo mais poderoso e resolutivo da nosa identidade e o noso idioma. Os nacionalistas españoleiros, montados a cabalo da Xunta, saben moi ben por onde atacar e crear espolio. Neste sentido, se verificamos as prácticas con que tratan de confundir ao colectivo de ensinantes, desde a confusión e a parcialidade. A liquidación das galegoescolas, loadas polos expertos do CELRM, corroboran as excelencias desas manobras contra a nosa identidade.

Remata de desaparecer “Galicia Hoxe”, un xornal herdeiro de “O Correo Galego”, que apareceu naquel día máxico do 6 de xaneiro de 1994. Tivo longa vida propia, dentro dun contexto en que se conformaba a primeira experiencia dun diario en galego. Longos anos emitindo e defendendo nas súas páxinas a nosa lingua e todo o memorial que nela se pecha. Unha dirección e uns redactores determinantes na hora de proclamar democracia e liberdade de expresión por parte dos que colaboraron e opinaron. Algo fundamental para que o público e o social tivera un respiro elocuente dun país en tódalas súas problemáticas.

martes, 28 de decembro de 2010

Remata o ano Uxío Novoneyra

por Xosé Lois García, no Galicia Hoxe:


Os que teñan seguido ao completo os minuciosos eventos Do Día das Letras Galegas 2010 dedicadas a Uxío Novoneyra, terán unha nova percepción dun cambio cuantitativo da maneira con que se ten asumido cualificadas homenaxes que nas diversas xeografías galegas deron vida e capacidade de descuberta dunha das nosas mais altas figuras da literatura galega, como foi Uxío Novoneyra.
Durante o ano que agora remata, o calendario e a axenda ao completo, con Uxío Novoneyra como divisa desa presenza viva e vivificante; do poeta conciso da terra que nos fixo entrar noutras dimensións do que se concreta de Galiza. Sen Os Eidos e outras concorrencias engadidas da xeografía courelá, estariamos escasos de frecuentar a ánima máter que nos alimenta desde o común da terra. A terra falou para Novoneyra, que a recolleu enteira e devolvéunola plena e non por entregas superficiais. Así a entenderon os galegos, manifestando durante todo este ano moi diversas opinións sobre as calidades do que se concreta na obra novoneyreana. Unha obra con numerosos arrecendos e significados que nos leva a un sentimento da terra en súa mais elevada plenitude.
Se damos unha ollada ás corenta e sete edicións do Día das Letras Galegas desde 1963, resúltanos de impacto a edición dedicada a Uxío Novoneyra neste 2010, por varias razóns de contido e pola presenza de moi variados encontros co poeta do Courel, desde o lado pedagóxico e estudantil de diversos centros de ensino. Eles foron capaces de pescudar e debater durante varias sesións e descubrirnos sensíbeis matices do perfil creador de Novoneyra. Nesta dirección, foron moi positivas as experiencias de profesores e alumnos que durante todo este ano non deixaron de ler e inventariar certas temáticas para concertar valiosas achegas da inventiva do poeta.
Por outra banda, a obra integral de Novoneyra convocou unha serie de persoas e especialistas que indagaron, dunha maneira pragmática e científica, os diversos e variados banzos da obra de Uxío Novoneyra, nas súas máis diversas vertentes. Unha experiencia inaudita que acrecentou un valor engadido ao que se viña facendo até agora nos certames das letras galegas. O número de investigacións testemuñan o traballo de calidade en que as persoas entraron de cheo na obra poética, ensaística, discursiva, caligráfica, artística, epistolar e na reivindicación do idioma. Todos estes traballos publicados, sosteñen a grandeza dun ano cheo de contidos ao redor do noso poeta, tanto no plano humanista como na distinguida acción que el levou a cabo durante moitos anos de compromiso con esa Galiza da que "sabemos que o home pode ser outra cousa".
Todo un fértil inventario de libros e publicacións de moi diversos tipos e sensibilidades, achegáronnos ao home, á súa obra e ó seu pensamento dunha maneira sincera, sen laudatoria superficial e sen alegatos rudimentarios. Un ano fecundo e prodixioso, no que Novoneyra tivo un protagonismo especial e rigoroso no que tocou ás manifestacións e reivindicacións en favor do idioma galego e súas cohesións co que el tiña escrito e pronosticado en defensa da nosa fala. Un ano de dedicatorias que se fixo imposíbel de manipular ou torcer de vía desde o poder da Xunta PP, que ninguén seguiu en súas pasividades.
O acto popular do 9 de maio pasado, naquela camiñada desde a Ferrería de Seoane até Parada, na que concorreron mais de seiscentas persoas vindas de todo Galiza, mostrou a particularísima cohesión entre pobo e poeta. Toda unha experiencia de manifestacións que ao longo de seis quilómetros -ida e volta-, particulariza un activo único na historia do Día das Letras Galegas. Este ano de graza novoneyreano, tróuxonos a creación da "Fundación Uxío Novoneyra", con sede na casa natal do poeta en Parada..

martes, 18 de maio de 2010

A prensa galega en Cataluña

por Xosé Lois García, en Galicia Hoxe

Desde a primeira aparición da prensa galega publicada en Cataluña, editouse case toda ela en Barcelona, como é o caso da revista decana, Galicia en Cataluña (Órgano do Centro Galego de Barcelona). O seu primeiro número aparece en xaneiro de 1929 e remata en 1931. Estaba domiciliada na praza Real, 18, sede do Centro Galego. Esta revista tiña como finalidade informar sobre as actividades sociais e sobre temas relacionados co seu funcionamento.
Tiña todas as características dunha publicación elitista e respondía fielmente á nomenclatura daquel centro galego. Estaba escrita en castelán e o uso do galego reducíase a poemas de Rosalía, resaltábase cada mes. Na terceira páxina, titulada: "Galería de figuras regionales", estaba dedicada aos galegos que vivían en Barcelona e que tiñan unha posición económica forte ou unha profesión académica de destaque.
Os que promovían esta revista atacaron nas súas páxinas a Ramón Otero Pedrayo por falar galego en Barcelona. O declive desta publicación coincide coa proclamación da II República en 1931.
No período da guerra civil aparece publicada en Barcelona a revista Nova Galiza (Boletín quincenal dos escritores antifeixistas). Os seus principais mentores foron Castelao e Rafael Dieste. Tiña un contido circunstancial en función de defender e espallar os ideais galeguistas e republicanos.
Tiña una periodicidade quincenal e o primeiro número está datado o 5 de abril de 1937 e o último corresponde a xullo de 1938. Publicáronse 18 números en total. Nova Galiza, respondeu dunha maneira clara aos intereses daquela Galicia mártir e heroica que estaba sometida e asoballada polo franquismo. Foi unha publicación completamente aberta na que colaboraron persoas de tódalas tendencias antifranquistas e que fixo un papel excepcional na cobertura de informar sobre a situación galega e de buscar solidariedade no exterior coas familias dos asasinados, cos presos e cos fuxidos.
En 1948 publícase en Barcelona Alborada (Boletín de la Casa de Galicia), escrita en castelán, e o seu obxectivo era informar da marcha da sociedade aos seus socios. Nesta andaina apareceu Manuel Casado Nieto e Alborada deu un paso a diante ao ter un carácter bilingüe e ao incorporar unha serie de acreditados escritores e, tamén, os máis novos como Manuel María e Novoneyra.
Evidentemente, Alborada estaba dentro das posibilidades que permitía a censura e da maneira de entender esta publicación do Centro Galego a maioría dos seus socios. Pese a todo isto, hai un número de destaque que se publica co gallo do XXV aniversario do pasamento de Castelao, coordinado por Xesús González Gómez e no que colaboraron prestixiosos escritores galegos. Podíamos falar de sete épocas moi definidas e emerxentes de Alborada, todas elas ilustran bastante ben o que foi e o que é o Centro Galego de Barcelona.
Unha das publicacións de circunstancias, publicada en Barcelona, foi O Mallo (Voceiro da Irmandade Democrática Galega). No número 27, páxina 160, da Gran Enciclopedia Galega, lemos: "Publicación fundada en Barcelona no ano 1973 por Xosé Lois García Fernández, que actuaba como o órgano de expresión da organización clandestina Irmandade Democrática Galega (IDGA). De tendencia nacionalista, estaba escrita integramente en lingua galega e incluía artigos centrados na situación social de entón, nos que se denunciaba a política franquista e na que se adoptaba unha postura en prol do autogoberno de Galicia e da defensa da Cultura". O Mallo foi a expresión de loita clandestina que aglutinou moitos traballadores e estudantes galegos localizados na empresa Seat e na Universidade Autónoma de Barcelona. O Mallo, sen dúbida, cumpriu un papel importante en favor da dignidade de Galicia en Cataluña.

luns, 1 de marzo de 2010

“A arma integracionista do españolismo é o idioma do imperio”

Entrevista a Xosé Lois García, escritor, en Galicia Hoxe

Xosé Lois, o Decreto de Normalización Lingüística, por certo ben de mínimos e incumprido case en liñas xerais, o Decreto digo, que agora o PP español en Galicia pretende trocar que a min se me antolla perverso e coa única intención de vernizalo co bilingüismo ou trilingüismo coa única intención de lle dar unha estocada mortal ao galego, con obxecto de facelo desaparecer, ou en todo caso de perpetuar a diglosia e mesmo fomentar ou fornecer a galegofobia e o autoodio… Cal é a túa resposta a esta miña pregunta?
O "idioma do Imperio" é unha das armas integracionistas do españolismo, representado pola dereita egocentrista de todos os tempos con diversas tácticas. É a arma máis usual para combater calquera expresión lingüística que sexa diferente ao castelán e que se fale na península Ibérica. A estratexia do PP non cambiou moito, respecto das intencións de paralizar o galego como idioma vivo e vehículo de comunicación. Neste caso, coincide coas ditaduras de Primo de Rivera e de Franco. As frontes que abriu o partido popular en Galiza, responden a un novo escenario disparatado de crear un estado de opinión adverso ao galego e mesmo unha fobia agresiva pero mal calculada, que comezou por aquel xuntoiro de "intelectuais" mesetarios que orquestraron en Compostela unha exhibición de forza e os que manipulaban o esperpento eran os do PP. Despois disto transcenden as eleccións de hai un ano e o ataque ao noso idioma ten un nome: Decreto de Normalización Lingüística. As respostas populares que se deron contra estas manobras, desde o 17 de maio do pasado ano até o 21 de xaneiro do actual, cunha implicación moi puntual de masas, foron catro avisos contra a política da Xunta que tenta despersonalizar e devastar o noso idioma. Esta cruzada contra os idiomas periféricos ten comezado en Galiza dunha maneira moi perversa. A dereita de sempre é consciente que o Estado español non está consolidado como nación, o idioma é o atributo máis definidor da mesma e no contexto do Estado español hai tres nacións sen Estado, con idioma propio e para integralos hai que desartellalos para que o Estado español deixe de ser nación artificio. Mais o que vale neste contencioso é continuar coa mobilización de masas e crear unha opción que xere un estado amplo de opinión radical apto para frear o radicalismo que emprega a Xunta do PP. O disparate desa impotencia administrativa hai que parala con ofensivas ben coordinadas, a non ser que queiramos desaparecer estupidamente como pobo.
-Para min, nacionalismo en si non di nada. En todo caso o nacionalismo ten e debe ser arredista, independentista, solidario e internacionalista… Non che parece?
É bo non confundir nacionalismo con nazi/onalismo. Cando un país como Galiza é desprezado, someténdoselle a unha das desfeitas máis agresivas e organizadas desde o Estado centralista, desde os Reis Católicos até agora, convén facer varias lecturas do que representa esta longa colonización. O noso nacionalismo inicial, en súa expresión provincialista e rexionalista, naceu dun arrouto ben concertado en favor dos intereses de Galiza e que representa un acto de dignidade, fronte ás imposicións e arremetidas foráneas. Se o nacionalismo o percibimos como arredista, ese non é o noso. O Partido Galeguista en 1932 mostrou o seu carácter de non illamento ao ser Galiza recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, celebrado en Berna e adscrito á Sociedade de Nacións, e recoñecida como nación pola Terceira Internacional. Por estas dúas referencias e outras mais, o noso nacionalismo non é sospeitoso de arredismo. E isto nos permite traballar pola autodeterminación, se non o facemos con bases sólidas estaremos incorrendo nas incapacidades que nos asistiron en moi diversos períodos da nosa historia. Nestes procesos é lícito pensar e defender a independencia da nosa nación por tratarse dun acto de solidariedade colectiva.
O galego con respecto ao castelán está nunha desproporción brutal, non hai máis que fixarse nos medios de comunicación, etc. Hai xentes colonizadas que odian o idioma dos nosos devanceiros por parecerlle unha lingua inferior, e mesmo na súa ignoración ousan dicir que determinadas disciplinas científicas non poden ser explicadas en galego,o cal amosa a súa estulticia, ignorancia e estolidez. A ti que che parece isto, Xosé Lois?
Cando se fala de harmonización e de igualdade lingüística non deixa de ser unha falacia. Unha irreverencia ante os problemas que pode ter un idioma orixinal fronte a un intruso, como é o caso do galego fronte ao castelán. Cando o foráneo se impón cunha maquinaria poderosísima e devastadora, tendo os medios de comunicación a seu dispor e a mais os poderes económicos e de clase, a colonización dun país, como no caso galego, está servida. Por iso que o colonialismo ten varias faces e refuxios onde as clases dominantes teñen a seus unxidos e a uns axentes sempre dispostos a facilitarlle ao nacionalismo de Estado varias vías de depredación. Nesta estratexia está a alienación dos individuos, sempre obedientes á mensaxe divulgada e asumida, na que encontramos referentes que van desde o voto cativo até outro tipo de alienacións.
A Constitución española, con tantas contradicións nos termos defende ao idioma nacional galego, así como o noso Estatuto de Autonomía ou "estatuto de comunidade eremitoria", como adoitamos dicir moitos e moitas. Porén, o goberno maioritario de PP español en Galicia, pretende substituír o aínda vixente estatuto por unha falcatruada babeca ou fóra de si, cunha ataraxia profunda….Cal é a respecto disto a túa opinión?
A mellor Constitución dun país é aquela que non está escrita. Ou a que se escribe en papel de lixa para que a clase dominante non poida limpar o membro anal con ela, como dixo Castelao. É claro que as autonomías tuteladas por unha Constitución teñen moi pouca marxe para romper barreiras. Por tanto, as autonomías no Estado español serven para aprazar problemas de Estado e, sobre todo, as reivindicacións das nacionalidades históricas, e así poder perpetuar o desgaste das mesmas. Marx sentenciou: "Un país autónomo, non é un país libre".
Monarquía parlamentar e democracia "participativa", non resulta unha controversia, un antagonismo irreconciliábel por máis que se vernicen os termos ou sintagmas?
Reis e raíñas na Europa actual son atrancos decorativos que lle custan ao cidadán moito diñeiro sustentalos. O problema das monarquías e que os seus compoñentes ademais de ostentar un poder reaccionario e despótico, historicamente, amasan fortunas que transcenden a seus herdeiros e sucesores, perpetuándose como clase dominante. Isto é unha nas mais nefastas controversias. Os sistemas democráticos burgueses, admiten este tipo de clan por coincidir nos mesmos intereses. Mais a estrutura do Estado español contemplada na Constitución de 1978, é curioso que todos os cargos públicos que conforman o organigrama do Estado son electos e resulta sorprendente que o de xefe de Estado se engadiu dunha maneira meteórica sen pasar polas urnas. Por tanto foi imposto pola dereita neofranquista e consentido pola esquerda con ambicións mediáticas. Por iso é que as contradiccións están servidas.
Escríbese en Galicia a mellor poesía do Estado español como manifestou publicamente o poeta Antonio Gamoneda…?
Antonio Gamoneda foi sempre un bo captador da poesía galega, pola proximidade que hai entre León –onde vive– e Galiza e, tamén, pola relación que ten con moitos poetas galegos. Neste tema non debemos xeneralizar, coido que Gamoneda simplemente matizou. De todas as maneiras a poesía galega actual pasa por un momento creativo excelente. A creación poética en Galiza está apoiada por novas xeracións de extraordinarios creadores que marcan un novo rumbo, tanto conceptual como estilístico na poesía galega. A incorporación da muller ás nosas letras marca, actualmente, un enorme potencial creativo que desbota calquera incerteza sobre o presente e o futuro literario. A achega feminina e feminista expresa unha nova orde nas diversas categorías e estilos da nosa literatura. Quizais Gamoneda incida neste punto tan evidente.
A vida en xeral é un desconstruír e volver construír moitas veces disparatada?
Cada temporalidade ten a súa expresión e a súa obstinación. En ocasións, o novo desbota o antigo. Non podemos pensar como Zaratustra, destruír para construír. En casos moi especiais pode que o concepto sexa aceptábel.
Xosé Lois poden medrar as flores riba dos entullos o o desiderato provocado pola infamia falaz e capitalista?
Si neste tipo de sedimentos medran as flores e moitos non se decatan da precaria solidez en que se asentan, menos se decatarán das flores que tapan as fendas e as gretas do edificio en que se mantén o sistema capitalista. Estamos nunha sociedade que nos encanta admirar e ulir as flores que tapan as ruínas dun sistema corrupto.
Ves moi afastada a nosa independencia nun Estado federalista, por exemplo?
A estas alturas creo máis na independencia que no federalismo. O totalitarismo de Estado desprezou a fórmula federal como unha vía de convivencia soberanista entre nacións, dentro do contexto ibérico. Coido que hoxe esa idea é inviábel pola negativa da dereita que encarna a prepotencia máis ríxida e, tamén, porque hoxe xa non achega solucións. A independencia pode ser unha reivindicación que xere interese e resulte correcta ante a praxe do inmobilismo de Estado.
Goza a literatura galega actual de máis luces que de sombras?
A literatura galega está entre luces e sombras. O esforzo impagábel dos escritores que procuran recursos creativos e sustentábeis, co fin de consolidar e normalizar a nosa literatura, son elementos poderosos de radiante luz. As sombras que perturban e enrarecen a nosa lingua e a nosa literatura residen no protagonismo escurantista que propicia a Xunta do PP.
A poesía sempre é tristeira… O poeta como dicía Pessoa un finxidor?
Non debemos xeneralizar este termo. Pessoa referiuse á dor do poeta: "Que chega a fingir que é dor". De todos os xeitos estamos nun mundo de finximentos insoportábeis.
O uso do término Lírica medieval galega-portugesa é unha definición apropiada, ou hai algo de deturpación nesa nomenclatura?
Apropiado ou non é o que se usa e polo que entendemos ese universo creativo dunha lingua común e dunha proxección universal que nos fascina, como é a lusofonía.
Cal é a túa actitude con respecto ás crenzas?
Respecto todas as crenzas aínda que non comparto ningunha delas. Desprezo aqueles que explotan o ser humano utilizando a prédica do engano e da usurpación. Son ateo convencido e isto, eticamente, axuda a que un respecte a liberdade de opinión e de credo dos demais. Coido que en moitos casos a relixión continúa sendo un opio para os máis necesitados cultural e economicamente.
Acabas de escribir un luminoso ensaio verbo de Uxío Novoneyra, para min un dos grandísimos poetas de Galicia. Tiña nos ollos e no pensamento a Terra clara, a nación asumida… Cóntame cal foi a xénese deste libro?
A grandeza de Uxío Novoneyra reside nesa revelación tan especial que nos legou, que é a de coñecer e amar a nosa Terra. O esencial da nosa nación foi captado e preservado na súa obra. Claro que Uxío, asumiu nación nun concepto amplo que el connotou como "Patria-Lingua". Neste meu libro, retomo o contacto e o convivio do amigo, agora revisitado, tanto o seu pensamento como a súa enerxía é unha oferta dialéctica para realizarnos nunha Galiza plena e ceibe.
Con Xosé Luís Méndez Ferrín na presidencia da Academia as cousas poden ir a moitísimo mellor?
Non sei se van ir a mellor, o que si é verdade que Ferrín poñerá matices nos temas que máis incumban a Galiza desde a Academia, e isto xa é moi importante nunha institución con certo peso do pasado. É importante que os matices académicos esclarezan o que realmente é o noso país. Ferrín é unha persoa de fiar que deixou a pel e moitas breas, creando infraestruturas desde moitos ámbitos co fin de que Galiza fose outra cousa. Estamos falando dun inmenso escritor; dun intelectual íntegro e dimensional. Con Xosé Luís Méndez Ferrín haberá máis precisión, compromiso e esclarecemento de Galiza desde a Academia.
En que "aventura" literaria cavilas agora?
Cabilo en xubilarme, dentro de mes e medio, por rigorosa quenda de antigüidade, poder ler máis e viaxar.
Que pantasmas nos zurran politicamente e non nos deixan vivir como galegos que sen lugar a dúbidas somos?
Moitas veces o pantasma que nos zurra é o que levamos dentro de nós sen sabelo, ou simplemente tolerándoo.