Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta blogues. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta blogues. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de xaneiro de 2026

16 anos e un día

Efectivamente, tal e como indica o título da entrada xa van 16 anos que na tarde de Reis sento ao pé do ordenador e me poño a compoñer unha nova entrada. 

Pensaba o ano pasado que isto xa non sucedería outro ano máis, que o bloque iría esmorecendo ata quedar aí, como testemuña dunha era negra para a lingua galega por mor dunha política lingüística nefasta. Con todo a estrutura segue en pé. Publicáronse 85 entradas no último ano. Non son moitas respecto da serie histórica. O que si é de destacar é o número de visitas: máis de 200.000.

Grazas a todo aquel que algunha vez botou o ollo por aquí.
 

martes, 20 de maio de 2025

Axudádeme a cantar

 Axudádeme a cantar é un documental de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura oral tradicionalmente feminina que gozaba (e goza) dunha extensión e diversidade importantes no territorio galego. Neste documental de seis capítulos contamos coa colaboración de tocadoras tradicionais e participantes en procesos de recollida e divulgación, así como de artistas modernas que beben das fontes desta tradición, falan das súas experiencias e comparten a súa arte connosco. Vía Consello da Cultura:




 



 



 


 


 

  Coordinada por Renée DePalma, a unidade didáctica ‘Axudádeme a cantar pretende servir de punto de encontro entre os saberes populares e tradicionais cos académicos ao tempo que “visibiliza o papel central das mulleres no patrimonio musical e literario de Galicia, na súa faceta de cantantes e tocadoras de instrumentos de percusión de man”. O documento, orientado ao terceiro ciclo de educación primaria e extensible a outros niveis, xa está dispoñible para descarga. É un produto complementario da serie audovisual homónima elaborada polo CCG que percorre en seis capítulos a historia e presente deste tipo de literatura oral, sostido por mulleres, que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral. Vía Botóns

luns, 6 de xaneiro de 2025

15 anos e un día


Xa van alá 15 anos e un día desde que estou mantendo este blogue. No último ano tivo un total de 127.000 entradas. Nesta ocasión vou destacar unha etiqueta (tag), Opìnión,da que xa hai 1803 entradas. Entre as máis visitadas destes últimos 365 días destaco as seguintes:

  • Os nosos dereitos lingüísticos: vivir en galego. A avogacía exercida dende o galego: casos e sucesos, coa participación de Elsa Quintas Alborés no LGx15 (19/01/2023)
  • Un libro de astronomía en galego no que se fai referencia a un boletín da Marela Tarabela (25/12/2010). Aquí vese o vello que é este blogue.
  • 9 mentiras e unha omisión da SXPL, cunha análise da política lingüística fronte ao informe do IGE deste ano (14/20/24). Por fin unha entrada deste ano.
  • Previndo os riscos da burbulla do decreto. (16/06/2010) Pódese dicir que, dalgunha maneira este é a entrada fundacional da Carta Xeométrica. Ata aquel momento eu mantiña un blogue do IES Pintor Colmeiro: "O taboleiro do Colmeiro". Esta entrada foi a última daquel blogue. Non lle gustou a algunha xente, quizais porque contiña parágrafos como o seguinte: "Está claro que antes de lle ensinar aos nenos, á xuventude, que o galego non é unha lingua apta para a ciencia, é preferible non darlles clase de ciencias. Está claro que antes de manipular a todo o alumnado de primaria e secundaria desta maneira, é preferible pechar as portas dos centros de ensino." Así que retirei toda referencia ao IES e comecei coa Carta Xeométrica. 
  • El gallego es la leche (1/05/2024) onde se pon en contexto unha iniciativa da Consellaría de Xuventude: a apariencia é normalizadora, a realidade profunda é un lavado de cara dunha política profundamente antigaleguista.
  • La selectivitat de català en Polònia (8/06/2024) Recóllese un divertido vídeo do programa da TV3, Polonia no que se pon en evidencia o discurso supremacista do español
  • "Con seseo, con gheada, falar galego é unha pasada" (22/06/2024) Recóllese un vídeo do O CPI da Picota (Mazaricos) foi o centro gañador do mellor vídeo do certame "Falemos + galego"

sábado, 6 de xaneiro de 2024

Catorce anos e un día

 

Outro ano máis é noite de Reis e sento diante do ordenador para escribir esta entrada de aniversario. Van alá catorce. 

A intensidade do blogue segue reducíndose. Neste último ano subín menos de 100 entradas a este blogue. Nunca o número fora tan reducido. Xa explicara hai un ano que a principal razón deste descenso é debido a unha maior dedicación ao outro blogue que manteño, Retallos de matemáticas, así como ao portal web do mesmo nome no que vou recollendo todo tipo de recursos de matemáticas en galego (xa sabedes, esa materia, xunto con outras, que a Xunta prohíbe impartir en galego na súa cruzada contra a nosa lingua). A pesar de todo, e a pesar de que o mundo blogueiro non está de moda, as visitas mantivéronse pois están nunha cifra próxima ás 100.000 no pasado 2023.

Eu só lle pido aos Reis unha cousa: unha nova política lingüística, unha radicalmente distinta e que teña como obxectivo a plena normalización do galego. É posible.

venres, 6 de xaneiro de 2023

Trece anos e un día

Dende hai 13 anos sento na noite de Reis diante do ordenador, abro o editor do blogger, coloco a foto do camelo á esquerda e escribo unha entrada lembrando os primeiros pasos que daba nesta Carta Xeométrica

Se un comproba na columna da dereita o arquivo do blogue decatarase de que o número de publicacións dos últimos anos (unhas 150), especialmente do que acaba de rematar (só 101), reduciuse considerablemente. En boa medida isto é debido a que me comprometín conmigo mesmo a manter máis actualizado o outro blogue que teño, Retallos de matemáticas, que non é máis que outra forma de furar na normalización; neste caso, reivindicando desde a práctica o emprego da lingua galega no mundo das matemáticas. Si, aínda estamos tan atrasasados que aínda hai que facelo. Si, o ensino das matemáticas en galego continúa a estar prohibido. De aí xurde a necesidade deste dous blogues.

Espero continuar moito tempo, sobre todo moito tempo despois de que ese tipo de prohibicións quedaran atrás.

xoves, 6 de xaneiro de 2022

Doce anos e un día

Con esta xa son doce as veces que coloco o camelo neste blogue. Isto faime lembrar o momento do inicio desta aventura virtual. Daquela enxergábanse malos tempos para a lingua galega; ese foi o motivo polo que naceu esta Carta Xeométrica. Despois pensei e abandonalo en moitas ocasións. Se non o fixen foi porque dalgunha maneira sentía que era necesario manter esta luz acesa fronte á escuridade da política lingüística que nos rodea.

Hoxe chego cunha impresión distinta. Eu, que de natural son pesimista, estou albiscando que a baixada aos infernos da normalización xa chegou ao seu punto máis baixo e que un futuro máis prometedor non está lonxe. Sinto que o final deste blogue non está lonxe. Ogallá.


martes, 14 de setembro de 2021

Axendas para o curso 2020-2021


Os comezos de curso inaugúranse cunha axenda que nos axuda a organizar as complexas tarefas do ensino. Desta volta recomendamos a que nos achega Aulas Galegas, cunha moi completa lista de PDF listos para imprimir e fermosamente ilustrados por Viky Rivadulla.

Unha segunda alternativa é este caderno escolar de Nerea Seijoso


mércores, 6 de xaneiro de 2021

Once anos e un día

Xa van alá once anos (e un día) desde que fixera a primeira entrada deste blogue. Un total de 4780 entradas publicadas das que 139 foron as do ano 2020, o que indica unha diminunción importante con respecto a outros anos. 

O número de visitas aproxímanse ás 710.000, o que fai un total dunhas 80.000 neste último ano. 

Na parte dereita do blogue hai un blogroll de 'Ciencia' con 65 ligazóns e outro titulado 'A miña lista de blogues' con outras 732 con referencias de blogues de normalización ou ben de bibliotecas escolares. Máis abaixo hai unha lista de 482 etiquetas xerais das que as máis frecuentes son 


Tamén hai unha lista de 981 etiquetas de persoas, as 10 con máis entradas son as seguintes:

Quizais alguén enxerque nesta lista a razón de que Anxo Lorenzo, o precursor do funesto decreto de prohibición de galego no ensino, me teña bloqueado no seu Twitter. Por outra banda, está claro que 'Alberto Núñez Feijóo' fai referencia á mesma persoa que 'Feijoo', polo que este tería que ser o 3º na lista. Aínda hai outra lista de etiquetas, esta última centrada en lugares e que comencei a elaborar hai relativamente pouco tempo polo que só ten 152 referencias. Velaquí as máis frecuentes:

Nesta nova noite de Reis volvo a sentarme diante da pantalla para escribir estas palabras. Desta vez fixen un cambio que case ninguén notará con respecto a outros anos. Resulta que o camelo que me acompaña como identidade agora mira cara o outro lado; mira cara adiante e aí xa está avistando un futuro prometedor no que os nosos fillos recibirán, por fin, as clases de matemáticas en galego. Será o comenzo dunha nova era na que, por fin, comenzaremos a dar pasos cara a normalización.

luns, 6 de xaneiro de 2020

10 anos e un día

A primeira entrada da Carta Xeométrica
Por décima vez estou sentado diante do computador na noite de Reis para escribir este texto. Van alá 5397 entradas e, segundo o contador do Blogger, 630.000 visualizacións.
Na barra da dereita, na súa parte superior hai un blogroll de ciencia con 58 ligazóns e outro de contén un total de 719 blogues. Na parte inferior, hai un total de 604 etiquetas e outras 960 de persoas.
A primeira de todas as entradas, do martes 5 de xaneiro do 2010, tiña por título "O decreto do galego na TVG.1" e nela limitábame a inserir un vídeo da televisión galega. Hoxe é imposible velo, incluso é imposible atopalo no portal da TVG. Sobre o funesto decreto todo é silencio. As seguintes entradas "O decreto do galego na TVG.2" e "O decreto do galego na TVG.3" tiveron a mesma sorte.
Despois de 10 anos continuamos a padecer, cada vez con máis profundidade, os nefastos efectos dese decreto.
Podemos repasar a historia do funesto decreto 79/2010 navegando pola etiqueta "decreto", con 580 capítulos. Na listaxe de persoas temos tanto elementos da zunia, Anxo Lorenzo, Feijóo [1] e Feijóo [2], ou Valentín García, como defensores da nosa lingua como Carlos Callón, Pilar Gª Negro ou Henrique Monteagudo.
Se de alguén quero acordarme nesta data é de dous mestres que guían as palabras deste blogue. Eles son Agustín Fernández PazXabier P. Docampo. Moitas veces teño pensado en deixar de lado o blogue, se non o fixen foi, en boa medida, por eles.

martes, 24 de decembro de 2019

Galeguismo sen galego

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo e no seu blogue, Brétemas:

A publicación recente do informe do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias volve a pór en evidencia o fracaso da política lingüística da Xunta de Galicia. Como xa sucedera nos informes de 2012 e 2016 desta organización internacional formada por 47 estados europeos, cuxa finalidade é a configuración dun espazo político e xurídico europeo común, neste quinto informe sobre o cumprimento da Carta por parte do Estado español, os expertos suspenden ao Goberno Galego por «non ter mellorado de forma significativa a súa aplicación» e polo feito de que «a presenza do galego é insuficiente no ensino», sobre todo na educación infantil, subliñando que na Secundaria se limita a docencia na lingua propia xa que non se imparten en galego grandes materias científicas. Un texto clarificador sobre os problemas actuais do galego na infancia que salienta o feito de que a súa transmisión de pais a fillos non estea garantida e que a proporción de alumnado que utiliza o galego na súa vida cotiá caese de forma significativa. Un texto técnico que lembra, ademais, o incumprimento do compromiso asumido na Carta de contar cun sistema de inmersión lingüística, xa que no sistema educativo non existe posibilidade ningunha de ofrecer un currículum en galego en ningunha das etapas educativas non universitarias.

venres, 13 de decembro de 2019

Día da Ciencia en Galego 2019. Recompilación


Outro ano máis, velaquí a recompilación dunhas tres decenas de novas e actividades polo Día da Ciencia en Galego. Para que a Xunta deixe de prohibir a nosa lingua para impartir aulas.


xoves, 5 de setembro de 2019

(Man)teñamos o plan

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:

Recentemente o goberno da Xunta de Galiza, a través da SXPL, deu a coñecer ao público un Plan de dinamización da lingua galega 2019-2022, entendemos que lexítimo herdeiro doutro anterior, presentado e difundido nas súas redes co mesmo nome, mais con mudanza na cronoloxía de actuación (2018-2022). Ano arriba, ano abaixo, o caso é ter un plan ou, cando menos, falar del!

martes, 25 de xuño de 2019

O forno da fala

O forno da fala é o blogue que crearon no IES Francisco Daviña Rey ( Monforte de Lemos) dentro do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolvido polo ILG en colaboración co Centro de Linguística da Universidade do Porto. Este programa é un dos que forman ese totum revolutum que é o plan Proxecta.
 O alumnado recolleu ao longo do curso o léxico relacionado co pan, xunto a refráns, cantigas e diversas cuestións etnográficas arredor desta temática.
Como cada un tira polo seu, recollo un dos traballos dese blogue relacionado coas medidas.





domingo, 6 de maio de 2018

As escollas electivas

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

A finais de abril deste ano a plataforma virtual blogaliza, en vigor dende 2003, pechou as portas. Nela albergábase o blogomillo, ou conxunto de bitácoras existentes en galego.

venres, 10 de febreiro de 2017

Un eodermdrome galego

Foi o artigo do blogue Xogos de lingua, Non apto para sesquipedalofóbicos, o que prendeu a chispa para que elaborase esta entrada. Xogos de lingua, como indica o seu nome, é un blogue adicado á ludolingüística. Como tal, ten algunha entrada na que fai referencia ao gran divulgador das matemáticas, Martin Gardner, coñecido por utilizar os xogos como punto de partida de moitos dos seus artigos. Velaquí o punto de encontro entre a lingua e as matemáticas: o xogo.
No libro Rosquillas anudadas (Labor, 1987), Martin Gardner fai referencia a un famoso reto de Henry Dudeney, aparecido no libro Amusements in Mathematics: auga, gas e electricidade consistente en unir co lapis as casas A, B e C cos subministros de auga (W), gas (G) e electricidade (E) de forma que as liñas de subministro non se corten. Tal e como o propio Dudeney adianta, é imposible realizar o que se pide no reto:
Figura 1:Amusements in Mathematics
Este problema entra dentro do campo da teoría de grafos. Os matemáticos chámanlle grafo a unha colección de vértices con arestas entre os mesmos. Cada aresta conecta dous vértices. Velaquí un par de exemplos.

Figura 2. Dous grafos simples
Nota: aquí debuxei as arestas mediante segmentos rectos, pero non hai porque facelo así. O importante dunha aresta consiste nos vértices que conecta.
Figura 3:Grafo K5
Cómpre avisar que os únicos vértices do grafo son os marcados en cor. Neste grafo denominado K5  hai 5 vértices e 10 arestas.  O grafo completo de grao n, denotado Ké o un grafo de n vértices na que todo vértice está conectado con todos os demais vértices. Aquí presentamos o grafo completo de 5 vértices. Algunhas das arestas deste grafo crúzanse, o mesmo lle sucede ao grafo que representa o problema de Dudeney (cada unha das arestas superiores representa unha compañía subministradora e as inferiores representan as casas)
Figura 4: grafo K3,3
Na Figura 1 podemos ver como este grafo podería representarse con só un cruce, pero sería imposible facelo sen cruce ningún, niso consiste a imposibilidade da resolución do problema das tres casas. Os grafos que poden representarse sen cruces, como os da figura 2, chámanse grafos planares. Hai que ter en conta que nun grafo só nos interesa a forma en que están conectados os vértices, non esta ou aqueloutra representación particular. Para un grafo dado, sempre poderemos buscar a representación que teña o menor número posible de cruces. Na seguinte figura vemos como o grafo que está representado (á esquerda) con cruces, pode representarse (á dereita) sen cruces. Trátase, polo tanto, dun grafo planar.
Figura 5: Grafo planar
Hai unha forma de saber se un grafo é planar ou non grazas ao teorema de Kuratowski: se o grafo non contén ningún subgrafo K5 nin K3,3 será planar.

Grafos de palabras
Podemos combinar os grafos coas palabras conectando cada letra con aquelas ás que é adxacente. Se unha letra aparece repetida e consecutiva, non debuxamos aresta ningunha xa que consideramos a letra conectada consigo mesma. Por exemplo, as palabras touporroutou e nacionalismo terían os seguintes grafos asociados:
Figura 6
Figura 7
A pouco que un remexa nos grafos de palabras, decatarase de que prácticamente todos son planares. As palabras que dan lugar a grafos non planares chámanse eodermdromes. Por suposto, propia palabra eodermdrome é un eodermdrome (ver a figura 7). A. Ross Eckler elaborou no ano 1980 un dicionario de eodermdromes para a lingua inglesa. Martin Gardner cualificaba esta publicación como unha aplicación extravagante do estudo do número de cruces dun grafo fronte á indubidablemente interesante aplicación ao deseño de microcircuítos.
Temos unha lista de eodermdromes en inglés pero, haberá algún en galego? As candidatas deben ter unha cantidade considerable de letras, canto máis longas, máis arestas terá o seu grafo e máis posibilidades haberá de que teña un cruce inevitable. Por iso, cando na  entrada de Xogos de lingua vin que se referenciaban as palabras máis longas do noso vocabulario, púxenme a comprobar se entre elas había algún eodermdrome.  O grafo correspondente á palabra máis longa, esternocleidomastoideo, é o seguinte:
Figura 8
Como podemos observar, esternocleidomastoideo é planar. Tamén o son preterintencionalidade,
contrarrevolucionario, electroencefalografía ou incluso hipopotomonstrosesquipedaliofobia. Pero a outra palabra, extraterritorialidade contén un subrafo K3,3,, o que establece todas as arestas entre os dous conxuntos de vértices {t,r,d} e {i,a,e}. Por fin, aquí temos un eodermdrome da nosa lingua:

Figura 9
Haberá outros? Existirá algún que conteña un subrafo K5?
As arestas destes grafos representan un par de letras adxacentes. Cales serán as arestas máis frecuentes en galego?, e noutras linguas? Poderán determinarse a lingua en que vén redactado un texto estudando o tipo de arestas máis frecuentes do mesmo? Todo un extravagante campo de traballo  para a lingüística informática.


domingo, 22 de xaneiro de 2017

Beatbox Manuel María



Do blogroll de normalización que teño aquí á dereita hai un elemento do que teño ganas de roubarlle todas as entradas. Se non o fago quedo coa imperiosa necesidade de recomentado vivamente, trátase de Son de noso, o blogue do ENDL do IES de Curtis. Desta vez recollo esta intervención de Marcelo e Delvin Familia Peña co poema A fala, de Manuel María, como base.
Estratosférico.

mércores, 18 de xaneiro de 2017

Bolboroteando: a lingua para comer, a lingua para falar



Moi bo o discurso que Diana Fernández e David Díaz expuxeron no LGx15 na súa segunda edición (2016). Eles son os responsables do gorentoso blogue culinario Bolboretas no bandullo, que puxeron a funcionar a finais do 2013. Este vídeo mesmo é un excelente recurso educativo para a reflexión sociolingüística nas aulas (e fóra delas) xa que promoven a reflexión sobre o uso social da lingua e tocan temas como o dos prexuízos ou a calidade lingüística.
Bolboretas no bandullo é para min o paradigma da normalización ben feita. Xente nova, usando novas tecnoloxías, presentando ao público unha actividade agradable e sen estridencias, que ademais é útil e cargada de valores positivos. Eles ocupan con orgullo seu pequeno espazo e fan evidente que de non existiren, a esmagadora presenza do castelán ocuparía prácticamente toda a blogosfera gastronómica.
Agora que a CTNL nolo pon á nosa disposición, é o momento ideal de presentar a canle de youtube que estes dous arriscados blogueiros argallaron para multiplicar as potencialidades que ofrece a arañeira. Velaquí a súa primeira receita youtubeira.

xoves, 22 de decembro de 2016

'O mapa da física' de Ciención de Breogán



Recollo este vídeo con subtítulos en galego de Dominic Walliman grazas ao labor de Ciención de Breogán. Aproveito para invitar a quen pase por aquí, que tamén o faga por alí, polo labor desinteresado que fan de divulgación científica e normalización lingüística, todo nun. Grazas polo traballo realizado!

martes, 13 de decembro de 2016

Cabaliños do demo


Por medio dunha nova entrada no apartado de ligazóns do Portal das Palabras souben da existencia dun blogue adicado ás libeliñas ou cabaliños do demo de Galicia.