Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta dicionario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dicionario. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de outubro de 2015

X é xe

Se non hai tanto nos chegaba a boa nova de que o tradutor Gaio, ferramenta que estaba reservada en exclusiva para os servizos administrativos, se poñía a disposición pública na arañeira, agora chéganos outra noticia que saudamos con ledicia. O Dicionario da pronuncia da lingua galega, con máis de 66.000 ficheiros sonoros, está xa accesible en formato aberto no Repositorio de Software Libre da Xunta. Isto trouxo de novo ao primeiro plano da actualidade a ferramenta elaborada polo ILG, que pode consultarse nesta dirección e que tamén pode utilizarse desde o dicionario da RAG.
Postos a usar estas ferramentas e min dóuseme por ver que pasaba se no Dicionario de pronuncia introducía "x". Velaquí a resposta:
Si, é "xe", aínda que o mellor é premer e escoitalo. Ese é o nome polo que o profesorado de matemáticas nos debemos referir á variable máis usada, de presenza cotiá nas nosas aulas. No curso 2012-13 a Comisión de Normalización da Facultade de Matemáticas da USC puxera en marcha unha campaña denominada precisamente así: "Chámalle xe", sabendo do potencial normativizador se a mensaxe tiña éxito entre o gremio de docentes das matemáticas. Claro que os zunantes prefiren arrasar con todas as posibilidades que signifique máis galego e prefiren, con moito, expulsar fóra do ámbito da normalización a todo o profesorado de ciencias. Do que trata, xa que logo, é de poñer impedimentos ao uso do galego e á súa necesaria normalización. Do que se trata é de reducir a súa presenza, de atallar a transmisión interxeneracional, de colocar muros e pechar camiños. Máis unha simple incógnita, repetida ducias de veces en cada aula de matemáticas, en centos de aulas, está a bater acotío contra eses muros da vegoña. Velaí un berro de liberación: "x é xe"

venres, 15 de febreiro de 2013

Dicionario inútil?

Un novo exemplo da metodoloxía da política lingüística da Xunta. Preséntase un traballo que pode contribuir á normalización e reclúese dentro das oficinas da SXPL.
Acaba de publicarse unha nova ferramenta para avanzar no uso da lingua galega no ámbito da hostalaría: o Dicionario de alimentación e restauración. É unha recompilación dos termos da linguaxe gastronómica e culinaria relevantes desde o punto de vista conceptual ou denominativo. O seu obxectivo é contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica e culinaria en lingua galega, resolver dúbidas puntuais sobre os termos e facilitar a comunicación entre os profesionais do sector. Recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.
Foi obra do TERMIGAL, o Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais da Real Academia Galega. Este traballo pode ser a base dun proceso de normalización no ámbito da restauración, porén todo indica que o goberno non está por este labor. Basta con lle botar un ollo á nota de prensa emitida pola Consellería de Educación, onde o que se destaca é a asistencia do consellerio á presentación do dicionario e o propio dicionario vese reducido a unha desculpa para redactar a nota. Non se aproveita a presentación para ofrecer conxuntamente un programa de normalización das cartas dos restaurantes, nin hai un convenio con, por exemplo, a Asociación de Hostelerios de Compostela, para promoveren unha galeguización das súas ofertas.  Aínda máis, nin tan siquera aparece unha ligazón para descargar o dicionario que se ofrece libremente desde o Centro Ramón Piñeiro ou desde a RAG.
Tampouco achamos nin a máis mínima referencia ao dicionario no que debería ser o primeiro lugar onde tivera coñecemento e uso del: no Centro Superior de Hostelería de Galcia.  Pero claro, este centro de formación, directamente ligado coa Secretaría Xeral de Turismo, non ten tampouco o sano costume de manter os seus perfís das redes sociais en galego.

mércores, 13 de xuño de 2012

SLI: 'É evidente que falta vontade política de promocionar e prestixiar a lingua'

Entrevista á equipa do SLI que elaborou o dicionario moderno Galego-Ingles de 2.0,  En Tempos Dixital

Unhas 20.000 entradas, 30.000 acepcións e 60.000 exemplos compoñen o dicionario moderno inglés galego no que o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo (SLI) traballou nos últimos nove anos. O equipo do SLI, formado por Xavier Gómez Guinovart, Alberto Álvarez Lugrís e Eva Díaz, acaba de publicar a versión en papel desta grande obra da lexicografía con 2.0 Editora. Ademais de conversar sobre o esforzo que supón elaborar un corpus tan amplo, aproveitamos para preguntarlles sobre os falsos mitos ao redor da ensinanza do galego e do inglés.
-O “dicionario moderno inglés galego” é o primeiro grande dicionario bilingüe. Por que o galego carece de dicionario bilingües máis alá dos castelán-galego?

xoves, 26 de abril de 2012

Un dicionario que nace vello

por Manuel Rodríguez Alonso no Galicia confidencial:

Realmente o que fixo a RAG foi definir as palabras que figuran no Vocabulario ortográfico da lingua galega. Evidentemente, non puidemos ler todo o dicionario, que, polo de agora, non se ofrece en formato libro, o que non deixa de ser unha pexa para os lexicógrafos profesionais, pois, malia a utilidade que lles recoñecemos ás publicacións dixitais, necesitamos así mesmo o formato libro.

martes, 24 de abril de 2012

RAG: dicionario e normas

Nestes últimos días a RAG vén de poñer á nosa disposción dúas ferramentas moi útiles: un dicionario en liña e a edición das normas ortográficas do 2003.
O dicionario, con máis de 50.000 entradas ademais do significado devólvenos sinónimos, antónimos, rexistro, propiedades gramaticais e incluso a posibilidade de escoitar a súa pronuncia. Toda a terminoloxía científica empregada nos estudos medios foi incorporada ao dicionario. Tamén é posible inserilo en calquer web o seu buscador tal e como se pode ver aquí mesmo. Basta con copiar un código html.


Realmente espilidos estiveron en Cabozo e no Proxecto Trasno, desenvolvendo aplicacións para Chrome e Firefox respectivamente encol do dicionario RAG.
Para completar as ferramentas para o uso correcto da lingua, a RAG tamén publicou en pdf a súa edición das "Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego", as normas do 2003. Foi unha mágoa que no seu día a este acordo normativo non se lle dera a importancia e publicidade insititucional que merecía, non xa para divulgalo, senón para contribuir á normalización cun sentimento identitario arredor dun proxecto común de todos os galegos. Eu teño a sospeita de que, alén do habitual desleixo do goberno da Xunta na altura, tamén influiu nesta falta de promoción a conciencia do importante papel normalizador e de afirmación identitaria que este labor podía traer consigo. Por descontado, xa sei que do actual goberno non pode esperarse nada que non sexan ataques á liña de flotación da normalización lingüística.