Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta festival. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta festival. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de xuño de 2023

O Son do galego: a exclusión

Cashless, non en galego
 A política lingüística da Xunta desenvólvese a forza de exemplos coma este. Por unha banda mantense unha inane Secretaría Xeral de Política Lingüística que, no canto de levar a cabo accións normalizadoras, adícase en exclusiva a montar unha realidade paralela consistente en aparentar que a Xunta defende o galego. Na práctica o goberno galego intenta expulsar a lingua de noso de todos os lugares cantos poida. Así mándase unha mensaxe moi clara á poboación: a Xunta só fará un uso mínimo e formal do galego, a lingua importante é a outra (ou son as outras), e a nosa só a usamos como unha sorte de imposición adherida ás institucións propias.

Imos co caso. Xa sabiamos que a pesar da enorme financiación da Xunta ao Son do camiño,  só 3 dos 50 artistas teñen temas en galego. Pero hai máis. Se queremos facer uso da pulseira de pago do festival, teremos que facelo en castelán. Se un proxenitor quer autorizar ao seu fillo menor a asistir ao festival, non pode facelo en galego. 

Vai facer algo a Xunta, a Consellaría de Cultura ou a SXPL? Non, esta é a súa política lingüística real, a da exclusión.

Permiso de Acceso a Menores... by kiarqu2458

mércores, 1 de setembro de 2021

"Coma todo, un idioma aniquílase a base de non utilizalo"


A Secretaría Xeral de Política Lingïuística (SXPL) anunciou que o vindeiro venres 3 de setembro a música en lingua galega chega ao Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 grazas ao apoio da Xunta. O que esconderon foi que o festival programou actividades durante 33 días entre o 14 de xullo e o 9 de setembro. Na linguaxe habitual dos comunicados da Xunta isto significa que só o 3% das actuacións serán na nosa lingua. Usando a súa terminoloxía poderíamos dicir que o 97% do festival Go! GO Zo! Xacobeo 21-22 excluíu o galego co apoio da Xunta.
Como certificación de que o desprezo á lingua galega é estrutural dentro do goberno galego, basta pasear pola páxina do festival. O primeiro que me chamou a atención foi que en distintos formatos, e na versión suspostamente galega, os meses apareceran sempre en castelán. Os vídeos encargados para difundir os eventos tamén se esqueceron do galego. Velaquí a mostra:


Coma sempre, a aniquilación do galego e da normalización difúndese con descarada propaganda como se foso todo o contario. Son reveladoras as palabras de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística afirmando que isto

É unha forma de usar a nosa lingua dun xeito lúdico, natural e sen medo a trabucarse. Coma todo, un idioma apréndese a base de utilizalo” 

Moi interesante a última afirmación, que explica por que desde esa mesma SXPL defenden a prohibición das aulas en galego en infantil e moitas das materias do ensino non universitario, especialmente as de carácter científico. Non sei se cómpre traducir o que significan;

"Coma todo, un idioma aniquílase a base de non utilizalo"

xoves, 29 de agosto de 2019

O último neno que fala galego en Portocubelo



Excelente curta realizada pola Asociación Cultural Canle, de Lira (Carnota). Por seguir centrando xeográficamente este audiovisual, comentar que Portocubelo é un lugar da parroquia de Lira que conta actualmente cuns 60 veciños.
Seguramente dos evento que organiza esta asociación o Festórreo é o de maior repercusión. Xa levan algúns anos tirando del. Non ten data fixa. Tanto se celbra no mes de xullo como no de agosto. Nesta edición do 2019 apostaron por rirse un pouco da marca FEST e promoveron o Cabaseira FEST.
Para pasalo ben e non deixar de reflexionar elaboraron esta marabillosa curta, na que se denuncia precisamente a exclusión do galego ás capas máis novas da sociedade. Outra vez volvermos a ver o baleiro dese presunto programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, (SXPL)  o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.
Ata o de agora fixeron moito máis os da Asociación Cultural a Canle que a SXPL. Basta ver o vídeo e comparar coa trangallada desta Xunta empeñada nun proceder mafioso de desprestixio da lingua. (Que pareza que foi un accidente).

xoves, 7 de xuño de 2018

A mocidade coa lingua 2018



Foron dúas horas de festival na que participaron 800 rapaces dos centros de ensino da comarca ferrolán. Foi pasado 5 de abril no Auditorio de Ferrol. Trátase da XXVI edición da "Mocidade coa Lingua"
 A banda da Loba, foi a estrela da programación na que tamén estaban, soben a escenario outros 35 músicos en 8 actuacións en dúas horas de festival.
O primeiro en subir ao escenario será o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, de Narón, seguidos de Irene Beceiro e Manolo Dopico, do IES Concepción Arenal. En terceiro lugar, Arredemo, do IES de Fene, Raptios, do CPI de Atios (Valdoviño), cunha proposta de rap en galego, o Carvalho Quartet, do IES Carvalho Calero, seguidos de Pay FUNk-Ta, do CPR Tirso e no peche,Indianos, está formado por alumnos do IES Fernando Esquío, de Neda.