Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta auto-odio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta auto-odio. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de setembro de 2014

A lección de *Sangenjo e *Sotomayor

A principios de agosto, o presidente do goberno español repetiu machaconamente o termo *Sangenjo nun acto celebrado na localidade pontevedresa de Sanxenxo. A insistencia no uso españolizado do topónimo demostraba que se trataba dunha escolla consciente e ideolóxica. Onte volveu a facelo, desta vez insistindo no uso do vocablo *Sotomayor ao pé do propio castelo de Soutomaior. Son dúas mostras da radicalismo no desprezo a todo o que teña un aire galego.
A importancia destes feitos residen en que o protagonista do ataque á toponimia galega é o presidente do goberno español, que nestes dous actos estaba reforzado co consentimento de Núñez Feijóo. Como resultado deste tipo de intervencións temos alumnos que desafortunadamente seguen os dictados desta caste de profesores, que aprenden e repiten o menosprezo a unha lingua e pobo que por lóxica, razón e corazón deberían amar.

venres, 30 de novembro de 2012

Secuelas

por Xabier Cordal, remexendo nos cavorcos do auto-odio, nas Voces de Prolingua:

Cando se proclamou a oficialidade do idioma, co fantasma neofranquista ao axexo, emerxeron outras resistencias ao proceso normalizador. Borrado da memoria colectiva o esplendor medieval, a aristocracia, o funcionariado con maior poder e despois a alta burguesía -uns e outros de orixe maioritariamente foránea- marcaran co uso da lingua da Corte a súa posición de dominio. Tiñan a Lei do seu lado. Ela e mais a práctica subalterna do galego acabaron producindo a teoría de que se trataba dunha modalidade subalterna.

domingo, 25 de novembro de 2012

O valedor do pobo xustifica a deturpación toponímica de *Riveira

Cando lle preguntamos á profesora de lingua se o topónimo do noso concello se escribía con b ou con v ela fixo o que tiña que facer. Comenzou a falarnos do latín, das linguas románicas, da evolución das palabras nas distintas linguas, e despois ametrallounos cunha longa lista de exemplos, ata que finalmente sobre o encerado foi aparecendo do seu xiz algo que despois deses minutos de clase se nos facía máis que evidente: como o ripariam latino derivou no ribeira galego. Era o ano 1982. Ao ano seguinte aprobouse a maltratada Lei de Normalización Lingüística que establecia que os topónimos galegos  terán como única forma oficial a galega. Outro ano máis tarde o  decreto 132/1984, estableceu o procedemento para a fixación ou recuperación toponímica. Finalmente no 2003 apróbase o nomenclátor de todas as entidades galegas [ver as da provincia d´A Coruña]. Deste xeito a lei ratificaba o que determinaba a sabiduría dos expertos na ciencia da filoloxía onomástica.
Finalmente, para que todo este traballo tivera continuación e unha divulgación digna do orgullo de sermos galegos, temos ao noso dispor un excelente portal web, Toponimia de Galicia, que a día de hoxe pon ao noso dispor máis de 400.000 topónimos.

Porén o concello de Ribeira mantén unha pertinaz incumprimento das normas asi como unha obsesiva defensa da deturpación toponímica. De certo que esta postura ten profundas raíces ideolóxicas da peor especie anti-galega. Todo aquel que acepte destrozar a forma galega do nome do concello está a rachar coa súa identidade e, en consecuencia, convértese nun destrutor da cultura e en promotor do escurantismo. Tamén é seguro que para conseguir manter esta imposición ilegal entre o persoal que traballa no concello, non lle quedaría outra que utilizar coaccións e malas prácticas. O máis triste do caso é que a Xunta, actuando cun sectarismo partidista noxento, non só non intenta reverter esta situación senón que divulga o SNL de Ribeira como un referente na normalización no ámbito local [1], [2]
Para poñer en evidencia esta situación hai aproximadamente un ano presentei unha queixa ante o Valedor do Pobo. Veño de recibir o seu ditame, realmente estrafalario, pois decide pechar o expediente dirixido ao Concello de Ribeira "a pesar de que a resposta achegada non experesa a aceptación do recordatorio de deberes legais". Todo o seu fundamento reside en que o SNL do concello, parece ser que emitiu un informe no que se instaba á Xunta a revisión do topónimo legal para que fose substituído polo deturpado.

Pensando en usar a mesma lóxica que usa José Julio Fernández Rodríguez, o actual valedor, cando mañán colla o coche, levareino todo o tempo pola esquerda. No caso de que me pare a garda civil, e me recrimine:
- Pero vostede está tolo! Sabía que marchaba polo carril contrario?
Eu levarei xa a resposta preparada:
- Teña conta, señor axente, que onte mesmo lle mandei unha carta á DGT instándoa a que revirse a norma que obriga a circular pola dereita pois xa vai sendo hora de que guiemos pola esquerda.
E inchando o peito mostrareille o meu cané de identidade para facerlle ver, fachendoso, que eu son natural de *Riveira.
- Home, sendo así...- responderá o garda civil.

Valedor Do Pobo Ribeira




P.S.:
A toponimia desvalida, 26/11/2012, en AGON
O Concello de Ribeira teima en 'escribirse' con uve e o Valedor arquiva o caso, 27/11/2012, en Praza Pública
Ribeira: a Asociación Galega de Onomástica denuncia que o Concello segue a quebrar a lei a pesar das queixas ao Valedor sobre o topónimo, 26/11/2012, en Certo
E dálle con Riveira, 27/11/2012, en Galicia Confidencial
Arquivada a queixa aberta no Valedor do Pobo pola utilización do topónimo non oficial "Riveira",02/12/2012, en Prolingua

xoves, 26 de xullo de 2012

A lingua española nos Estados Unidos: o autoodio

por Xurxo Martiz Crespo en Terra e Tempo:


Falar español en EUA é unha desvantaxe. Visto desde o noso país, Galiza, sabemos que significa a submisión ideoloxía e sociolóxica á lingua do poder
A lingua española en Estados Unidos (EUA) está de moda... pero fóra. O Estado español e o seu Instituto Cervantes son responsábeis desa falsa idea, estendida principalmente en España, de que a lingua española (non a castelá, que ninguén sabe que é iso en EUA) goza de millóns de falantes, verdadeiro, e que goza de boa saúde: falso.

luns, 16 de abril de 2012

A Consellería de Educación xa escribe o galego á española


Xa non hai que disimular. A mesmiña Consellería de Educación xa escribe o galego á española.
De todos é coñecida a moda de quen fala en español consistente en comer os artigos especialmente nos topónimos: "El gobierno calla sobre el anuncio de Moncloa"
Sería inconcebible, por moito que os autores na fala non usen o artigo, que no web do Ministerio de Educación aparecese escrito algo semellante en castelán ("el congreso se celebra hasta el próximo sábado en Coruña", por exemplo ) pois o caso daría lugar a queixas e protestas polo mal uso da lingua. De feito, na anotación da noticia á que facemos aquí refencia e que atopamos neste portal do MEC, aparece correctamente escrito o topónimo 'A Coruña'.
Se xa é unha mágoa que o PPdeG renuncie á lingua galega, o que resulta inconcebible é que iso suceda tamén coa propia Xunta. Neste caso vemos ben claro como ultrapasando toda norma, desprezando mesmamente a Lei de Normalización Lingüística, a Consellería de Cultura e Educación, desoficializa na práctica o topónimo 'A Coruña' ao tempo que nos dá mostras do papanatismo instalado nas altas esferas do goberno galego.
Quen debería dar exemplo de respecto e coidado especiais pola lingua galega ofrécenos desleixo, menosprezo e auto-odio.

martes, 17 de xaneiro de 2012

Louvanzas a Fraga e desprezo aos galegos

Alberto Núñez Feijóo,  fixo unha intervención institucional á saída da reunión extraordinaria do Consello da Xunta con motivo do falecemento do que fora presidente da mesma, Manuel Fraga. Nesa declaración distingue a figura do difunto en tres dimensións: como galego, como demócrata, e como español.
Feijóo, como calquera outro parlamentario nos actos relacionados co seu cargo, comprometéronse a facelo en galego. Que lle pasaría pola cabeza a Feijóo cando, a pesar de conducir este acto en galego, ao gabar a figura de Fraga como español, cambiou tamén a esta lingua para facelo?.
A explicación non pode ser outra que o señor Feijóo considera todo o galego como subordinado e inferior ao español, e faino en tal grao que incluso no medio dun discurso formal en galego, cando se trata de facer louvanza das características españolas do personaxe, extrema o xesto marcial, e éncheselle a boca ao falar de España. Pois, no seu pobre entender cargado de prexuízos, para falar de España, ou das matemáticas, considera que hai que facelo en español. Deste xeito, e nun único acto, o presidente da Xunta demostrou con toda evidencia o seu desprezo polos galegos, a nosa cultura, a nosa  lingua e a nosa  identidade.
E creo que deberíamos, polo menos por esta vez aprender, que mentres que os nosos representantes traten mellor aos Fragas que aos Díaz Pardo, teñamos por seguro que é porque tamén a sociendade entá enlamada no auto-odio.


xoves, 1 de decembro de 2011

Coren exclúe a lingua galega

Coren é unha empresa  cunha facturación de 1000 millóns de euros anuais. Calquera diría tamén que Coren é unha empresa galega. Boa parte da súa clientela está en Galicia e aquí naceu e ten as súas factorías.  Porén a lingua desde a que se dan a coñecer é o castelán en exclusiva. Só o desleixo pode explicar que unha empresa da súa importancia cometa estes desprezos, pois eu non creo que se faga á mantenta. O caso paréceme máis grave aínda. Vese tan natural que a lingua da empresa sexa outra distinta da dos traballadores, clientes e empresarios, que teño case a certeza de que aos máis deles nin repararon na ultraxe que se comete ao excluir a nosa lingua das actividades empresariais.
Mais se poño aquí expresamente o caso de Coren é porque no seu portal electrónico inseriron unha aplicación gratuita de Google que permite facer unha tradución do web a outros idiomas. Só o auto-odio extremo explica por que, podendo escoller os idiomas que un queira aos que se faga a tradución, exclúen precisamente o galego. O resultado é simplemente kafkiano: Coren invítanos a acceder aos seus contidos en ucraíno, mais non en galego. Pódese ver aquí a aplicación, que aínda que non é de gran calidade, ten o galego entre as súas opcións.



P.S.: nun comentario avísanme do meu erro. Por iso corrixo o escrito anteriormente. No portal de Coren teñen o Google Translate, que non ten o galego entre as súas opcións. O que puxen aquí, pensando que era o mesmo, é o Tradutor de Google, que permite escoller 'galego'. Porén o esencial continúa a ser certo: Coren, como moitas empresas galegas, exclúe a nosa lingua das súas operacións.

domingo, 14 de agosto de 2011

A concelleira “demasiado gallega”

por Miguel Pardo, dándolle outra volta ao tremendo caso da concelleira coruñesa,  no Xornal:


Seguro que a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, nunca pensou ocupar tanto espazo nos medios de comunicación. E iso que ben o avisou na mesma entrevista que a lanzou ao estrellato. “Lo que peor llevo de mi nuevo cargo son los titulares de los periódicos”. Dito e feito. Abondoulle cunha ampla conversa para aparecer neses sitios que tanto detesta. E iso que as súas mellores frases houbo que rebuscalas entre as letras.
Por desgraza, a xa famosa cita non tiña a intención de ocupar titulares, chamar a atención ou acadar a popularidade que non tiña. É o que pensa. “Hasta ahora se estuvieron programando cosas demasiado gallegas”, dixo Ana Fernández para referirse aos actos culturais e festeiros do anterior goberno local. A continuación, converteuse en trending topic (tema del momento, para seguir a recomendación da concelleira e escribilo nun idioma “que entiendas”) e en foco de polémicas nas que incluso a xornalista Julia Otero lle tirou das orellas.
Pero seica se entendeu mal o sentido de tal afirmación. Galicia Bilingüe, ese colectivo que foi recibido no Concello só un día antes que os peregrinos católicos, descubriunos o significado real. “Se refería a demasiados contenidos nacionalistas”, aclararon. E aí vimos a luz.
Porque supoñemos que Ana Fernández non considera “demasiado gallegos” a Isabel Pantoja, Sergio Dalma, Maldita Nerea, Pitingo, Raphael... Só por citar algúns dos últimos concertos estrela da súa cidade. Hai que ter de todo e ela deixouno ben claro na mesma entrevista: “Hay mucha gente a la que le gusta la Feria Taurina, que la sigue y que tiene derecho a verla”. E incluso avanzou a súa aposta para o futuro cultural da Coruña, que non son outros que “los espectáculos de danza contemporánea, de un flamenco fussion muy original”.
“Fusión y mestizaje” son os seus obxectivos nunha Coruña farta de tantas gallegadas. Farta de tantos alcaldes namorados da súa lingua, de tantos topónimos e rúas honrando a esencia galeguista da urbe, de tantos carteis en galego nos abondosos centros comerciais ou de tantos coñecidos empresarios enchendo dese idioma minoritario as súas campañas publicitarias. Xa está ben.
Ana Fernández xa advertiu que na súa casa “se habló gallego siempre”, aínda que ela non o fale nunca, e que pensa en “contar con Galicia”, malia que non o pareza. Porque o galego está ben para a intimidade, como Aznar, pero sen pasarse. Está ben cantar a Rianxeira de vez en cando, comer unha boa mariscada, beber licor café, bailar unha muiñeira ou incluso dicir algunha “gallegada desas” para sorprender os teus amigos foráneos. Pero sen abusar.
E é que o autoodio si que é unha cousa “demasiado gallega”. Igual que esa permanente tradición enxebre de aproveitar a desgraza do veciño para cebarse con el e presumir dos teus ferrados. Como os que meten no saco de todos os coruñeses as palabras insultantes dunha concelleira. Os mesmos que intentan ver nun único lugar unha eiva global de Galicia. País!

domingo, 8 de agosto de 2010

O flamenco ameniza a espera na Xunta

por Criss Moss, no Galicia Hoxe:

A moi respectable arte do flamenco non pode considerarse un dos sinais de identidade de Galicia. Iso é obvio. Porén, ese estilo de música e baile ten provocado certas polémicas na política galega. Hai anos, a interpretación do himno de Galicia con guitarra flamenca no Parlamento causou unha discusión entre PSOE e BNG.
Máis recentemente, a Xunta apoiou de xeito económico a gravación dun documental sobre Galicia dunha canle norteamericana. Curiosamente, a imaxe que se vendeu do país foi máis semellante á de Andalucía que a de Galicia, xa que o eixo do traballo foi unha misa flamenca nunha igrexa de Santiago.
E nesa tendencia flamenca que tanto gusta na Xunta debe entenderse a información de El Confidencial Digital segundo a cal o ton que ameniza a espera telefónica cando se chama ao gabinete do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén é música flamenca, moi digna pero que pouco ten que ver coa identidade galega.

venres, 6 de agosto de 2010

Fraga: “Son galego, son un chiste”

Unha das miñas teimas é a visualización e denuncia do auto-odio. Vai aquí un anaco.
por Cris Moss, no Xornal de Galicia:

O ex presidente da Xunta de Galicia e senador do PP, Manuel Fraga, non perde o sorriso. Malia que moitas das anécdotas que circulan pola rede refírense a algún dos seus moitos enfados, a hemeroteca de internet terá que engadir agora a súa aparición estelar no programa de televisión El club del chiste VIP.
O veterano político aceptou o convite para participar no devandito programa e contar un chiste. E contouno. “Isto era unha sueca nunha praia do norte á que advertiron que non podía levar un bañador de dúas pezas, ao que a rapaza respondeu inmediatamente: Cal delas quere que me quite?”, contou Fraga.
Non é un dos mellores chistes, pero a presentadora e modelo que acompañaba o senador popular, Martina Klein, non dubidou en agradecer a colaboración dun Manuel Fraga que tivo que ser subtitulado e que presumiu do elevado “sentido do humor dos galegos” tras as preguntas da condutora do programa.
Ademais, o ex presidente da Xunta recoñeceu tamén que tiña escoitado moitos chistes sobre a súa figura, aínda que advertiu que “algúns lle facían graza e outros non”. Animado a contar un sobre galegos, Manuel Fraga tirou da retranca: “Eu son galego e eu mesmo son un chiste”.